Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Rúa dos Contos anima as noites do FIOT cunha...

ESTREA DE ANTÓN COUCHEIRO O VENRES 2 NA CABAÑA

A Rúa dos Contos anima as noites do FIOT cunha vintena de espectáculos e as novidosas sesións dobres no Mercado

Xoves 1 de outubro do 2015

O sábado 3, a compañía Daboapipa levará ao bodegón O Pescador (21.00 h) os contos dos nosos maiores e a realidade na que vivían, aínda que dun xeito cálido e divertido. O cantante dos Revenidos, Manuel de Eva, tamén fará gala do seu gran talento a través dun espectáculo divertido e moi sorprendente na cervexaría Ágora (22.30 h). Na medianoite do sábado, A Barra Bar será testigo da estrea en Galicia de "El fin del mundo está cerca", un concerto teatralizado que conta coa música de Chanson Mor Món e no que se exorcizarán dun xeito moi peculiar algúns dos hits de chiringuito dos últimos anos. O Mercado Municipal acaparará todas as miradas o domingo 4 coa sesión dobre (dúas funcións por 5 euros) protagonizada por dous grandes referentes do panorama teatral. Despois de conquistar os escenarios de Europa, África e América, ás 20.00 h, o mestre da narración Félix Albo presenta "El pueblo de los mellados", unha historia delirante de humor e intriga na que ninguén é o que parece. Pola súa banda, os incombustibles Mofa e Befa lanzan ás 21.30 h o seu espectáculo "Sempre ao lonxe", que substitúe a "A Galiña" por motivos alleos á organización do FIOT. Esta obra toma como referencia a melancolía pola superstición racial que a ciencia enviou para sempre ao caixón dos recordos.

Sesións dobres por 5 eurosUnha das principais novidades deste ano son as sesión dobres no Mercado Municipal de Carballo, que permiten obter un pase para dúas funcións nas que actúan grandes referentes do teatro nacional e internacional por tan só 5 euros e que se poden mercar de forma anticipada en Internet. Ademais, aínda que moitos dos espectáculos son de balde, as poucas funcións que teñen custe pódense adquirir por Internet a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova) ou no teléfono 902 504 500, así como nos propios locais nos que se representan. Se quedasen entradas libres, o mesmo día do espectáculo pódense mercar na billeteira do Mercado Municipal a partir das 19.30 h. Para que a Rúa dos Contos sexa posible, cóntase coa participación de numerosos locais de hostalaría de Carballo, como son o mesón A Cabaña; o bodegón O Pescador; as cafetarías Colón e Valle Inclán; as cervexarías A Boa Estrela, Ágora, A Bombonera e Dublín; os pubs Suite Bule e O’Patacón e A Barra Bar.

Compartir: