Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT de Carballo abre as funcións de sala coa...

VENRES 9 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

O FIOT de Carballo abre as funcións de sala coa estrea en Galicia da comedia musical "Juanita Calamidad"

Xoves 8 de outubro do 2015

A programación de sala tamén se estrea cun marcado acento internacional, da man dos portugueses Companhia do Chapitô, que veñen dende Lisboa para darlle unha nova vida ao mito de Edipo. O director John Mowat, coñecido por levar o seu estilo visual da comedia a máis de 40 países, reinventa sen complexos esta personaxe de Sófocles para contar o que se acaba convertendo nunha terrible historia pragada de desgrazas, confusións e infortunios. En "Édipo" podemos atopar a un heroe tráxico, complexo, cheo de cólera e fatalidade. Edipo busca a súa "versión orixinal" nunha representación na que é un ser desafortunado, torpe, asediado, vilipendiado, sucio, eivado e outra gran cantidade de "puns", "aus!", "trunges" e Fsssts". O argumento aborda a cómica fuxida de Edipo do seu terrible destino, do que non poderá escapar aínda que o intente a gatas, de pé, con bastón ou arrastrándose. A imaxinación, xesticulidade e o humor que caracteriza á Companhia do Chapitô fai imprescindible esta función que se poderá ver no Pazo da Cultura o domingo 11 ás 21.00 horas.

Pecha a Rúa dos ContosAdemais da programación de sala, esta fin de semana a maxia do teatro volve inundar as rúas e bares coa Rúa dos Contos, o festival máis gamberro do FIOT. O venres 9, na cervexaría A Bombonera (23.00 horas, 4€), o famoso actor de televisión Federico Pérez -coñecido polo seu papel en series tan populares como "Padre Casares" da TVG- compartirá co público unha forma diferente de contar as cousas, aproveitando o ambiente distendido da noite carballesa. Para aqueles aos que lles gusta zafarse, o actor Avelino González, un asiduo ao FIOT, fará un repaso de historias de xente que, mal ou ben, foron zafando. Será na cafetería Valle-Inclán ás 00.30 horas (entrada, 3€).

A sesión dobre (dúas funcións por 5€ no Mercado Municipal, 2º andar) volve o sábado 10 da man dun cartaz de excepción. Ás 21.00 horas "Juancállate", da compañía Pez en Raya, convértese en "Mr. Kebab" a través dun monólogo disparatado no que dá gato por lebre a base de gargallada limpa. Mr. Kebab aínda non gañou ningunha estrela Michelín, pero aínda así promete unha velada de humor e maxia absurda baixo a dirección do mestre de cerimonias da tolemia, Joan Estrader. Ás 22.15 horas, a Rúa dos Contos dá a benvida, por primeira vez, aos televisivos actores e tamén músicos Xabier Deive e Luís Iglesia, quen, baixo o nome artístico de Boneca Lareta, reflexionarán sobre a cuestión da existencia. Escrita e dirixida por Diego Rey, esta é unha comedia a doce cordas sobre o lado escuro da vida, no que o espectador poñerá en cuestión o "Pensa, logo existe". Pero de verdade facemos unha cousa antes cá outra?

Xa fóra do Mercado Municipal e na mesma noite do sábado ás 00.30 horas (entrada, 3€), na sala Dublín, o grupo do veciño municipio de Arteixo, Os Revenidos, fará adaptacións moi persoais de cancións moi coñecidas, logrando un estilo musical difícil de etiquetar.

O domingo 11 a noite comeza (22.30 horas) con moito ritmo grazas ao "Falar sen cancelas" da compañía Os Sete Magníficos Máis Un (Fran Rei, Pedro Brandariz e Isabel Risco), quen realizarán no pub Bulevar Music Café (entrada libre) a estrea en España desta auténtica gala do humor. Ás 00.00 horas, no pub O’Patacón (entrada libre), chega a Carballo Oswaldo Digón, coñecido, entre outras cousas, polos seus monólogos en "El Club de la Comedia". Compartirá co público contos nos que fala das emocións, dos que algúns son recompilados, outros inventados e outros son vividos. Este ano o peche da XVII edición da Rúa dos Contos contará cun protagonista de excepción. O director teatral, dramaturgo e mestre da narración, Quico Cadaval, fará a estrea absoluta da súa última creación, "Almiñas", o luns 12 en A Barra Bar (22.30 horas, entrada 4€). Esta obra consta de tres vellas historias de inocentes contadas dunha maneira totalmente nova. Cadaval pretende facer unha reflexión sobre a inocencia como unha das cinco maneiras de "non saber". De feito, na fala popular aparece a palabra inocente como piadoso eufemismo para non dicir parvo.

Encontros co públicoSe o teatro é maxia pura débese, en gran medida, ao público. Por iso, sempre que as circunstancias das compañías e da montaxe dos espectáculos o permitan, todos os días de función de sala celebrarase no Pazo da Cultura ás 19.00h o espazo "Café con...", que consiste en encontros entre espectadores e grupos teatrais para aproximalos ao proceso creativo, á linguaxe e aos códigos de interpretación dun espectáculo. Deste xeito, mentres se toma un café, o público poderá coñecer de primeira man o proxecto artístico da compañía e da obra, resolvendo dúbidas, curiosidades e intercambiando opinións. Igualmente, en paralelo, todas as semanas por segundo ano repítese a "Escola do Espectador", que contará con cuatro sesións dirixidas por un dos críticos teatrais máis relevantes de Galicia, o xornalista Camilo Franco. Nestas sesións preténdese formar aos espectadores naqueles aspectos artísticos e técnicos que permitan unha mellor comprensión das funcións que van a ver sobre o escenario, de xeito que tamén formen unha opinión fundamentada e poidan comprender mellor de cada obra. As datas de celebración deste encontros faranse públicas a través da páxina web oficial do festival.

Entradas esgotadasEste venres na billeteira do Pazo da Cultura remata a venda de bonos, polo que o sábado 10 a partir das 9.00 horas os que queden sen vender convertiranse en entradas soltas para todas as funcións de sala. Deste xeito, todas aquelas obras que xa tiñan o cartel de esgotadas, como é o caso de "El testamento de María" de Blanco Portillo, "Presidente" ou "Ojos de agua" de Charo López, volverán a ter butacas dispoñibles no sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova) ou no teléfono 902 504 500 (de 9.00 a 22.00 horas). No caso de que aínda quedaran butacas libres, ademais de por Internet, as entradas para a programación de sala poderán mercarse na billeteira do Pazo da Cultura a partir das 19.30 horas do día da representación de cada obra.

Compartir: