Inicio Carballo ao día Hemeroteca O VI Ciclo OTNI do FIOT convértese en referencia...

A APERTURA DO CICLO É O LUNS 12 CON PAULA QUINTANA

O VI Ciclo OTNI do FIOT convértese en referencia en Galicia ao acoller a estrea de tres obras durante o festival

Venres 9 de outubro do 2015

Humor a lategazos. Deste xeito tan gráfico se podería describir a proposta que fan os vascos de Pez Limbo coa súa representación "Mamá Gallina", que ten programadas varias funcións no Pazo da Cultura o sábado 17 desde as 12.30 ata as 20.30h (12.30h / 13.00h /19.00h / 19.30h / 20.00h / 20.30h). De camiño entre a comedia e o drama social, trátase dunha peza con grandes doses de humor en pequeno formato (15 minutos de duración), que achega feitos insólitos a espazos cotiáns provocando situacións inverosímiles. A historia fala dun embarazo longo dunha nai novata, que saíu de contas en pleno mundial do 82 e que acode ao médico para una revisión rutinaria. A partir de aí, converterase en toda unha reflexión sobre algo máis profundo.

Desde Cataluña, a compañía Atresbandes, que a pesar da súa xuventude xa conta cunha relevante proxección internacional, estrea en Galicia "Locus Amoenus". Gañadora do Premio á Mellor Dirección no Skena Up Festival de Kosovo e finalista do Premio BBVA de Teatro, esta obra é un traballo de creación colectiva que aborda un estado de tránsito das súas personaxes, as cales xa saben que van morrer como consecuencia do descarrilamento do tren no que viaxan. Durante a espera deste final tráxico, sucédese unha serie de conversacións e desexos, de intentos de entender e facerse entender, estando sempre presente a busca do Locus Amoenus, ese lugar idílico, de confort, que na actualidade é sinónimo de pracer, xuventude eterna e vacacións da realidade. Poderá verse o sábado 25 ás 21.00h.

O ciclo OTNI tamén será testemuña o xoves 29 ás 21.00h da presentación da primeira obra da nova compañía galega Cinema Sticado, "Strpts//Episodio 1: Mirlo&Rula". En realidade trátase do primeiro espectáculo da triloxía "Strpts", converténdose nunha proposta multidisciplinar con cinema, perfomance, teatro de obxectos e poesía visual que hipnotiza ao espectador cun mundo en miniatura e unha experiencia asombrosa. En canto ao argumento, conta a historia dun home sixiloso e unha muller soñadora que cruzarán os seus destinos nunha fuxida inesperada por culpa dun segredo a voces. De fondo, intriga e sangue conviven nun mundo en desequilibrio coa natureza, sen dereitos sociais e ateigado de corrupción política. Antes da representación, ás 19.00h, os compoñentes de Cinema Sticado manterán un encontro cos espectadores no marco da actividade "Café con..." e presentarán o seu cómic que leva o mesmo nome que a obra teatral.

Entradas e FiotiñoAs entradas de todas as funcións do VI Ciclo OTNI, exceptuando a da representación de "Mamá Gallina", teñen un prezo de 3€ e poden adquirirse con anterioridade a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova), no teléfono 902 504 500 (9.00 a 22.00h), ou o mesmo día do espectáculo na billeteira do Pazo da Cultura. No caso de "Mamá Gallina", ao ser pases moito máis curtos, custan 1€, aínda que os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte terán acceso gratuíto presentando o seu carné sempre e cando realicen a reserva antes do sábado 10 de outubro.

En paralelo ao ciclo OTNI continuarán as actividades do Fiotiño, a parte do festival dedicada ao público infantil. O sábado 10 de outubro (11.00 a 13.00h) no Pazo da Cultura terá lugar un dos novos obradoiros desta edición e no que participarán 15 nenos a partir de 9 anos. Baixo o nome "Como facer un conto?" levarase a cabo esta experiencia para estimular a linguaxe oral, a imaxinación e a creatividade dos máis cativos, ademais de xogar coas propias emocións e as dos compañeiros para mellorar a empatía e a autoestima. As prazas para participar neste taller xa están esgotadas desde a apertura da inscrición.

Case ao mesmo tempo e no mesmo lugar (sábado 10 de 10.30 a 13.30h), baixo a dirección do mestre do humor absurdo Joan Estrader (e creador, xunto a Cristina Medina, da Compañía Pez en Raya) desenvolverase o "Taller de humor para torpes". Pensado para alumnos con ou sen experiencia escénica, ten como obxectivos atopar o pracer na propia estupidez, gozar do fracaso e potenciar as cualidades cómicas de cada un, sen medo ao ridículo. Todo isto argallado a través do xogo, a improvisación e a complicidade co compañeiro. Os interesados en participar deberán inscribirse no Pazo da Cultura ata hoxe 9 de outubro ás 14.00h, xa que está limitado a 15 prazas e ten un custe de 20 euros.

Primeiro "Café con..."Se o teatro é maxia pura débese, en gran medida, ao público. Por iso, sempre que as circunstancias das compañías e da montaxe dos espectáculos o permitan, todos os días de función de sala celebrarase no Pazo da Cultura ás 19.00h o espazo "Café con...", que consiste en encontros entre espectadores e grupos teatrais para aproximalos ao proceso creativo, á linguaxe e aos códigos de interpretación dun espectáculo. Deste xeito, mentres se toma un café, o público poderá coñecer de primeira man o proxecto artístico da compañía e da obra, resolvendo dúbidas, curiosidades e intercambiando opinións. Este domingo 11 celebrarse o primeiro destes encontros coa Companhia do Chapitô, que actuará ás 21.00h no marco da programación de sala coa súa obra ´"Édipo".

Compartir: