Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volve o Outono en Marcha de Senda Nova con seis...

ENTRE O 25 DE OUTUBRO E O 29 DE NOVEMBRO

Volve o Outono en Marcha de Senda Nova con seis percorridos polo patrimonio natural, histórico e paisaxístico da comarca

Xoves 22 de outubro do 2015

Un total de seis percorridos compoñen o novo programa de rutas do IV Outono en Marcha que se asenta no calendario sendeirista de Bergantiños e que se presenta con reiteradas propostas de coñecemento, interpretación do patrimonio, sensibilización ambiental e espírito de aventura e convivencia, un dos valores que dende a Asociación Ambiental Senda Nova, coa que colabora o Concello de Carballo nesta iniciativa, quere subliñar durante os roteiros cos participantes nas súas propostas. Senda das Capelas, Razo-Baldaio para protexer, Terras do Marqués, Vía Alcaianus, Pegadas do Wolframio ou a Ruta das Férvedas son os percorridos establecidos para un outono cheo de natureza, cuns itinerarios deseñados con paciencia e agarimo por voluntarias e voluntarios de Senda Nova. Cada ruta conta con actividades de promoción en entidades públicas e privadas e tamén nos centros de ensino, contando tamén cunha presentación fotográfica na que se amosará a visión doutras edicións do programa de rutas de outono. As inscricións para participar nas citas poden realizarse ata dous días antes de cada roteiro no local de Senda Nova na Rúa Venezuela, nº 12, de Carballo os mércores, xoves e venres de 16.00 a 19.00 horas. Tamén pode obterse máis información en , no Facebook ou no enderezo electrónico sendanova@hotmail.com e no teléfono 696 155 232. O prezo para partipar é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade. Os socios/as de Senda Nova maiores de idade pagan 3 € e 1 €, os menores.

A organización encargáse do transporte dos participantes dende os lugares de saída até os sitios de comezo da marcha. Todos os roteiros son de xornada completa e adoitan acudir tanto expertos na comarca bergantiñá como xente da zona polas que discorren para explicar os detalles de cada espazo que se vai visitando. Así mesmo, a organización recomenda levar calzado (a poder ser impermeable) e roupa axeitada, mochila, impermeable, navalla e gorra, facendo Senda Nova especial fincapé, polas datas destas rutas, na roupa impermeable. Así mesmo, a organización prega puntualidade, espírito de convivencia e que se respecten as normas da organización e de Protección Civil, que acompaña aos participantes en cada saída. Respecto do calendario de rutas polo miúdo, as súas características son as seguintes:

  • Senda das Capelas: 25 de outubro. Transcorre polo Concello da Laracha, pola parroquia de Santa Margarida de Montemaior e percorre aproximadamente 16 quilómetros, cunha dificultade media. Neste caso, e por proximidade xeográfica, a saída dende o Concello da Laracha farase ás 8.30 e non ás 8.00 horas como é o habitual.
  • Razo-Baldaio para protexer: 1 de novembro. Con saída en Santa Mariña e chegada en Castrillón, este percorrido realízase en outono para poder observar a lagoa de Baldaio coa presenza das aves migratorias, unha das riquezas deste espazo natural. A distancia é de 14 quilómetros e a dificultade media-baixa.
  • Terras do Marqués: 8 de novembro. Con saída en Gontade e chegada en As Pallas, inclúe a visita a dúas mámoas, un castro e ao Pazo de Vilardefrancos, rematando no Pazo das Pallas. Distancia: 14 quilómetros.
  • Vía Alcaianus: 15 de novembro. Conta con 20 quilómetros de lonxitude e transcorre polo Concello de Coristanco seguindo unha vía romana e cruzando a Ponte Lubiáns.
  • Pegadas do Wolframio: 22 de novembro. Unha das de maior dureza polos abundantes desniveis, ten saída en Oza e chegada en Cambre. Pasa por Razo da Costa e polas casas da mina de Monte Neme, un espazo cunha vista espectacular. Remata na Igrexa de Cambre en Malpica. Distancia a percorrer: 16 quilómetros
  • Ruta das Férvedas: 29 de novembro. Transcorre polo Concello de Carballo, saíndo da Brea e terminando en Entrecruces. Caracterízase por dous saltos de auga de gran fermosura, a Férveda de Rus, no rego da Férveda, e a denominada Férveda de Entrecruces, na que o río Outón ten que salvar uns 50 metros de desnivel. A distancia é de 15 quilómetros.

A organización tamén prega puntualidade e advírtese de que pode haber modificacións sobre da marcha nalgúns roteiros, así como un número de prazas limitado en determinados percorridos. Os interesados e interesadas poden descargar o díptico informativo da actividade en pdf máis abaixo nesta mesma nova.

Compartir: