Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha emocionada Susana Dans recolleu o Xograr de...

ÚNESE AOS DOCE NOMES DE TEATRO QUE XA RECIBIRON O GALARDÓN

Unha emocionada Susana Dans recolleu o Xograr de Outono do FIOT 2015 dedicándollo ao público e ao festival

Sábado 24 de outubro do 2015

Dans únese aos outros doce Xograres de Outono do FIOT, que son Roberto Vidal Bolaño (2002), Artur Trillo (2004), Celso Parada (2005), Víctor Mosqueira (2006), Quico Cadaval (2007), Dorotea Bárcena (2008), Cándido Pazó (2009), Paula Carballeira (2010), Marcelino de Santiago "Kukas" (2011), Alberto Gende (2012), Xosé Manuel Olveira "Pico" (2013) e Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán" (2014). Entrando no seu currículo máis polo miúdo, Susana Dans recibiu os premios María Casares como mellor actriz protagonista en "A Piragua" (2008) co Centro Dramático Galego e "O cerco de Leningrado" (2000) de Teatro do Atlántico, e como mellor actriz secundaria en "O ano do cometa" (2005) e "Rosalía" (2002) co Centro Dramático Galego. Ademais foi galardoada co Premio Mestre Mateo 2011 á mellor interpretación feminina protagonista por "Emilia Pardo Bazán, a Condesa Rebelde", e co Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva en 2003 polo seu traballo en "Rosalía, ou mulleres". Susana Dans (A Coruña, 1965) comezou a súa andaina profesional nos anos 80 da man de Manuel Lourenzo, e a partir de aí foi dirixida por figuras moi importantes da escena galega como Roberto Vidal Bolaño, Quico Cadaval, Xan Cejudo, Xúlio Lago, Cándido Pazó, Eduardo Alonso, Ánxeles Cuña, Vicente Montoto ou Marcelino de Santiago "Kukas", entre outros, este último presente onte no auditorio do Pazo da Cultura.

Como actriz de teatro destaca pola súa longa e exitosa participación en importantes espectáculos en recoñecidas compañías como en "As do peixe" (2014) dirixida por Cándido Pazó en Abrapalabra Creacións Escénicas, "E.R. (Algún día traballemos xuntas)" (2011) e "O Cerco de Leningrado" (1999) de Teatro Atlántico, "As dunas" (2009), "Noite de reis" (2007-2009 e Premio do Público do FIOT), "A Piragua" (2007), "O ano do cometa" (2004), "Rosalía" (2001), "A burla do galo" (2000) ou "Nau de amores" (1995), do Centro Dramático Galego, "O Club da calceta" (2008) de Teatro do Morcego, con Teatro do Aquí representou "O Cabodano" (2002) e "Saxo Tenor" (1993), "A casca dunha árbore" en Kukas Producións (1992), "Fedra Gómez "(1989) de Uvega Teatro, "Aquela historia de Bly" (1987) da Compañía Luís Seoane, etc. Tamén ten unha importante experiencia tanto en cine como en televisión. Participou en series de televisión de grande éxito en Galicia, como en "Os outros feirantes" (1990), "Pratos combinados" (2000), "A vida por diante" (2007) ou "Hospital Real" (2015). No cine traballou nas longametraxes "Divinas palabras" (1987) de José Luís García Sánchez, "Martes de carnaval" (1991) de Fernando Bauluz e Pedro Carvajal e "Blanca Madison" (1998) de Carlos Amil, así como na curtametraxe "Cabeza de boi" (1996).

Compartir: