Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unanimidade do pleno para subir o gasto social e...

MOCIÓN POLA SUPRESION DAS BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS

Unanimidade do pleno para subir o gasto social e para dúas declaracións contra a violencia machista e a prol dos refuxiados

Martes 27 de outubro do 2015

Nunha sesión de pouco máis de hora e media na que a maioría dos asuntos recibiron o apoio de todos os concelleiros, tamén foi unánime o apoio a unha moción presentada polo grupo socialista que propón que os Servizos Técnicos Municipais senten, o máis axiña posible, as bases esenciais para a rexeneración global do casco urbano e se adopten solucións encamiñadas á eliminación de barreiras urbanísticas para facer posible a coexistencia segura de peóns, circulación rodada e aparcadoiros. Tamén recolle que, unha vez realizado o estudo e propostas as solucións, se comece inmediatamente cos traballos que se requiran, dando prioridade aos itinerarios peonís máis problemáticos ben polo seu trazado ou estrutura ou ben porque sexan a vía de acceso a edificios públicos por exemplo os accesos ao Pazo da Cultura, Instituto Monte Neme, Biblioteca Municipal Rego da Balsa, CEIP Bergantiños, etc. Rexeitouse pola contra, unha proposta para elaborar un plan de concienciación cidadá para diminuír a presenza de excrementos de cans nas vías públicas. O punto de desacordo referiuse ao apartado relativo ao labor da Policía Local, polo que, finalmente, non saíu adiante.

Xa no que es refire a asuntos de trámite, aprobouse a convocatoria de eleccións para o Consello Escolar Municipal e o Consello Deportivo Municipal; recibiu luz verde a aprobación provisional dunha modificación puntual das normas subsidiarias municipais na Avenida de Bértoa -na rúa Xosé Manuel Eirís- un trámite urbanístico relacionado coa construción do hipermercado Lidl; e os recoñecementos de compatibilidade de traballadores municipais, por parte de Pablo Calvo Periscal, conserxe do Pazo da Cultura; e de María José Pardiño Rial, traballadora do servizo de axuda no fogar. En ámbolos dous casos as compatibilidades contan co informe favorable dos servizos municipais de persoal. Por último, a sesión incluíu a dación de conta do Informe de Intervención e Tesourería de medidas contra a morosidade, con pagos por un importe de 2.478.037,88 euros cun total de 1020 facturas abonadas no terceiro trimestre de 2015 cunha medida de 36,68 días.

Compartir: