Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno da corporación abordará a aprobación...

O GOBERNO ESPERA O VISTO E PRACE DEFINITIVO ANTES DE FINAL DE ANO

O pleno da corporación abordará a aprobación provisional do PXOM nunha sesión extraordinaria o mércores 18 de novembro

Venres 13 de novembro do 2015

Dado que se ten traballado man a man cos técnicos e responsables da Xunta de Galicia, o Alcalde reiterou o seu desexo de que o PXOM se aprobe o antes posible de forma definitiva, xa que "un Plan Xeral é un documento vivo e moi necesario do que un Concello como o de Carballo ten que dispor", deixando atrás de forma definitiva as normas subsidiarias dos anos 80 vixentes neste momento pola anulación do plan anterior e que non cumpren as necesidades dunha vila e dun municipio como o de Carballo hoxe en día. Por último, Ferrero tivo verbas de agradecemento para todas as persoas que teñen colaborado dalgún xeito na elaboración do planeamento, xa que este PXOM "é consecuencia dun longo traballo realizado ao longo dos anos", e contou "coas achegas de moitas persoas, dende o primeiro goberno tripartito á actualidade". Quixo nomear especialmente a persoas que teñen contribuído de forma moi directa á elaboración do documento, como o ex concelleiro de TEGA, Manuel Andrade, o ex concelleiro do PSOE José Antonio Viña, os ex concelleiros do PP Juan Carlos Castro e Alberto Sueiro, ou a participación activa de Miguel Ferreiro en substitución deste último. Tamén tivo verbas para o labor do grupo do BNG, nomeadamente para a Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, responsable en última instancia de sacar adiante o plan.

Cúmprese todo o estipulado pola Orde da XuntaDurante a comisión de Urbanismo, ademais de chegarse a un primeiro ditame do documento, abordáronse tamén dous puntos concretos do PXOM relacionados cun equipamento en Oza e cun ámbito na rúa Esquío da capital municipal. Porén, nos dous casos as propostas foron rexeitadas, no primeiro para respectar o acordo adoptado pola asemblea veciñal de Oza; no segundo, para respectar o acordo dunha comisión informativa de urbanismo dedicada a estudar as alegacións do plan e na que xa se tiña ditaminado o asunto. Milagros Lantes quixo tamén puntualizar que xa hai tempo que os grupos políticos municipais contan con copia do documento e que o plan que finalmente se debaterá no próximo pleno "respecta a Orde da Xunta de Galicia", incluíndo un anexo que está dedicado na súa totalidade a relatar as modificacións que se fixeron para dar cumprimento a esta orde. En todo caso, máis aló de casos puntuais, Lantes tamén subliñou que estas últimas variacións respectan a filosofía do documento, así como a contía económica que varía en apenas 10.000 euros respecto dun importe que supera os 31 millóns de euros.

Hai que mencionar que á xuntanza da comisión informativa de Planificación e Mobilidade Urbana tamén asistiron o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, o Concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo, a Concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, así como Miguel Ferreiro e Ana Casais do PP, José Bello Pallas de TEGA e María del Carmen Vila do PSOE en representación da corporación. Tamén acudiron representantes do equipo redactor do plan e técnicos municipais, incluído o Arquitecto Municipal, Alfredo Garrote. Hai que mencionar que a celebración do pleno extraordinario do mércores 18 de novembro está prevista para as 20.30 horas.

Compartir: