Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Novembro con Música continúa cos aires...

VENRES 20 E SÁBADO 21 DE NOVEMBRO NO PAZO DA CULTURA

O Novembro con Música continúa cos aires medievais de Pres de Cambrai e Martín Códax e co tradicional Festival de Corais

Mércores 18 de novembro do 2015

Hai agora 100 anos, o libreiro e anticuario Pedro Vindel atopou, cando examinaba un códice do século XIV que contiña copia manuscrita do tratado "De Officiis" de Cicerón, un pergamiño que escondía un escrito en caligrafía gótica. Tratábase da transcrición das sete cantigas de amigo do autor asinadas polo trovador Martín Códax. Se ben o texto das cantigas de Martín Códax era xa coñecido nesa altura, pois foran copiadas en dous cancioneiros italianos, a excepcionalidade do achado estaba no feito de que o pergamiño contiña, ademais, a notación musical de seis das sete cantigas. A transcendencia deste feito era múltiple, histórica, filolóxica e literaria pero, fundamentalmente, musical. Se ben había ideas de como podía ser a música da lírica galego-portuguesa de carácter relixioso a través das Cantigas de Santa María do rei Afonso X, descoñecíase por completo como podía soar a lírica profana. Pedro Vindel tiña un grande interese en que o pergamiño non saise da Península e se fixeron xestións para atoparlle comprador, mais nin a Real Academia Galega nin a Biblioteca Nacional de Madrid se fixeron con el, de maneira que o pergamiño acabou en Upsala, Suecia, até que se lle perdeu o rastro. O pergamiño "reaparece" a finais dos anos setenta do pasado século, cando foi vendido en subasta pública en Londres á Pierpont Morgan Library de Nova York, sen que as institucións españolas nin portuguesas amosaran interese algún polo documento.

E foi así que, inspiradas pola historia do achado do pergamiño Vindel e as teses de Tavani, Pres Cambrai propúxose construír, musical e textualmente, un relato que nos adentra no significado máis íntimo dun documento que chegou até os nosos días froito da casulidade e que constitúe un dos monumentos da historia da música e da literatura galega e universal. Zanfona, voz, arpas, organetto e o relato dunha narradora son, xa que logo, os ingredientes que adobiarán e acompañarán a historia do que aconteceu co chamado Pergamiño Vindel, testemuño da música que acompaña ás sete cantigas do trovador vigués Martín Codax, nun proxecto no que se recrea, a través da palabra e da música, o relato dos misterios que durante séculos se agocharon nun pergamiño. O concerto conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Música coral: o sábado 21O sábado 21, ás 21.00 horas, terá lugar a cita con dúas das agrupacións corais máis importantes da Comarca de Bergantiños, a Coral Polifónica de Bergantiños e o Coro Aires de Bergantiños, no tradicional Festival de Corais do mes da música. A Coral de Bergantiños celebra co seu tradicional concerto a festividade de Santa Cecilia o 28 de novembro, mais o sábado 21 realiza, xunto ao coro de música tradicional Aires de Bergantiños, un concerto moi especial no que as dúas formacións interpretan temas de variada procedencia, estilo e xéneros musicais. Estas dúas corais son un referente na músical vocal da bisbarra pola súa traxectoria así como polo súa profesinalidade e diferencias á hora de interpretar o seu repertorio. Mentres a Coral se decánta cara temas máis clásicos da polifonía o Coro Aires, pola súa parte, adicase máis á música tradicional galega. Ao remate as dúas formacións teñen preparada unha sorpresa musical.

Calquera das dúas citas da fin de semana son de carácter gratuíto ata completar aforo.

Compartir: