Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo presenta un orzamento de 24,4 millóns...

OS INVESTIMENTOS SUBEN UN 45,35 POR CEN E SUPERAN OS 5,3 MILLÓNS

Carballo presenta un orzamento de 24,4 millóns para o ano 2016, incrementando o importe das contas en máis dun nove por cento

Venres 20 de novembro do 2015

Así, analizando os investimentos reais polo miúdo, hai que mencionar que da cantidade destinada a investimentos, un total de 3.379.000 euros proceden de fondos propios, mentres que en 2015 os recursos propios ascenderon a 2.183.000 euros, "cuns parámetros moito máis que aceptables" neste capítulo, en verbas de Ferrero. Respecto de actuacións destacadas incluídas neste apartado, o goberno espera seguir avanzando na mellora viaria no rural, nomeadamente a través do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación, e na xestión do ciclo integral da auga con novos saneamentos e depuracións. Tamén recolle o desenvolvemento de obras viarias vinculadas á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así mesmo, destaca a creación de novas infraestruturas como un Centro Social en Ardaña por 389.214,52 euros, ou os 250.000 euros que se destinarán á adquisición de solo público na contorna no Bosque do Añón ou en Razo para crear un novo vial de acceso ao porto dende a zona da Cabreira. A mellora en infraestruturas deportivas (coa substitución do céspede do Campo de As Eiroas, entre outras actuacións) ou as obras destinadas á mellora da accesibilidade no Barrio das Flores, na contorna da rúa Xúpiter ou no Pazo da Cultura son outros dos proxectos previstos.

Seguindo coa análise do apartado de gastos, Lendoiro sinala que "definen o esforzo inversor e o carácter social do orzamento", cun Capítulo 2 de gastos correntes en bens e servizos no que sigue primando a filosofía da "contención do gasto", cun descenso dun 3 por cento respecto de 2015. A Concelleira de Facenda resalta, por exemplo, o aforro rexistrado en telecomunicacións e telefonía, que co novo contrato baixa un 39 por cento. Ademais, neste apartado, de 10.691.681,67 euros, preto de 3.000.000 destinaranse a gasto social e de fomento do emprego, cun incremento respecto do exercicio anterior dun 122 por cen no Servizo de Axuda no Fogar, dun 84,6 por cento nas axudas a familias, dun 66 por cento en axudas a entidades sociais ou dun 95,8 por cento no gasto destinado ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o mantemento das escolas infantís A Braña e As Landras e o Centro de Día. Ferrero explica que "a boa saúde económica do Concello permite incrementar o esforzo social". Tamén sube o gasto para o mantemento de parques e vías en previsión de novas contratacións xa que expiran en 2016 varios contratos de limpeza viaria, de edificios ou de praias.

Outro dos apartados de gastos máis elevados é sempre o Capítulo 1 de persoal, de 6.464.396,29 euros e que supón un 26,4 por cento do total. O seu importe global sube un 5,17 por cento respecto de 2015, mais porcentualmente respecto do total dos orzamentos baixa un 1,05 por cento. En todo caso, a suba no importe débese a que hai que recoller o 1 por cento de suba estipulado nas Leis do Estado para 2016, así como a cantidade destinada a pagar o que resta da paga extra dos funcionarios de 2012. Así mesmo, o cadro de persoal, aínda que permanece estable, sube en 3 socorristas para mellorar a vixilancia nos areais. Por último, no apartado de gastos tamén hai que mencionar as transferencias correntes a outras entidades, que supoñen 1.597.497 euros e un 6,5 por cento do total do orzamento.

Uns ingresos nos que se conxelan as taxas e impostosAnalizando os ingresos con máis detalle, a Concelleira de Facenda resalta que as previsións para 2016 indican que volverá a haber movemento no sector inmobiliario. Así, aínda que no Capítulo 1 de impostos directos -un 29 por cento do total con 7.068.662.26 euros- prevese unha baixada en altas do IBI urbano (Imposto de Bens Inmobles) ou contribución nun 47 por cento, no Capítulo 2 de impostos indirectos calcúlase que o ICIO (Imposto sobre Construccións Instalacións e Obras) subirá nun 270 por cento, pasando a previsión de ingresos de 40.000 euros en 2015 a 150.000 en 2016. No Capítulo 3 -que supón un 20,6 por cento do total e ascende a 5.043.892,50 euros- as taxas, ao igual que ocorre cos impostos, permanecerán inalterables. No caso das transferencias correntes, de 8.570.897,05 euros e que son o 35 por cento do total do orzamento, hai un descento de máis dun 5 por cento respecto de 2015. Un dos motivos, sinala Belén Lendoiro, é a demora da liquidación de tributos do Estado, que baixa os ingresos nun 2 por cento.

Respecto do Capítulo 5 de Ingresos Patrimoniais, resulta salientable a suba dun 2.800 por cen respecto de 2015 ata chegar a 1.813.243,88 euros. A razón é que a cifra reflicte os ingresos polo canon do ciclo integral da auga, que supón 1.750.000 euros e que fai que este capítulo ocupe un 7,43 por cento do total dos presupostos. O Capítulo 7 de transferencias de capital doutras administracións ascende a 1.580.767,29 euros, cun incremento dun 4,2 por cento respecto de anos anteriores grazas ao incremento do importe dos plans da Deputación da Coruña, como o PAS e o POS. Por último, hai que aclarar que no apartado de pasivos financeiros aparece reflectido o plan provincial PAI, xa que a súa fórmula é a dun préstamo sen xuros, e debe figurar no Capítulo 9 do orzamento, aínda que nestes momentos o Concello non mantén aberta ningunha operación.

En resumo, o Alcalde e a Concelleira de Facenda, defenderon unhas contas con, en verbas de Ferrero "ratios extraordinarias en gasto corrente e en gastos de persoal", unha conclusión que, subliña, avalan os servizos económicos municipais para moitas das áreas, con parámetros notables tamén no que se refire aos investimentos reais, e cunha vontade que permitirá "que Carballo siga avanzando e sendo un bo lugar para vivir", con especial atención ás accións de carácter social.

Compartir: