Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Asociación Pro Enfermos Mentais estrea local na...

O NOVO ESPAZO TEN PRETO DE 800 METROS CADRADOS

A Asociación Pro Enfermos Mentais estrea local na Avenida da Cristina con servizo de Centro de Día e Centro de Rehabilitación

Martes 24 de novembro do 2015

Esther Monterroso foi a encargada de debullar polo miúdo todas as actividades que poderán desenvolverse no novo centro, e subliñou que a novidade reside na posibilidade de "dar cabida a persoas graves ou con enfermidades persistentes". O seu obxectivo, explicou, é o de "construír unha escaleira na que ninguén se pare en ningún chanzo" e que poda servir "para darlle a todo o mundo a opción de volver a empezar". Monterroso, tamén quixo resaltar que o Centro de Día servirá para que os usuarios e usuarias "podan permanecer na súa contorna, cos seus amigos e familias" en lugar de ser ingresados noutro tipo de centro, e rematou dicindo que "as portas de APEM están abertas non só para os usuarios e usuarias, senón tamén para a xente da rúa, para poder acadar unha integración real". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a súa satisfacción por que Carballo conte con estas instalacións que poderán axudar aos veciños e veciñas. O acto rematou cun percorrido polo amplísimo local, que dende hoxe xa está aberto para toda a cidadanía e que se fixo realidade tamén grazas ás achegas e a colaboración conxunta de numerosas administracións.

Compartir: