Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno debate a aprobación dos Presupostos para...

A SESIÓN INCLÚE CATRO MOCIÓNS PRESENTADAS POR BNG, TEGA E PSOE

O pleno debate a aprobación dos Presupostos para 2016, que superan os 24,4 millóns, e do POS 2016, de 800.000 euros

Venres 27 de novembro do 2015

No que respecta aos asuntos económicos, a sesión recolle a aprobación da bonificación do 95 por cento no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para dúas empresas que se implantan no Parque Empresarial de Bértoa de Carballo. O Concello fomenta con esta medida non só a presenza de empresas no polígono industrial, que nos últimos tempos ten experimentado un notable pulo económico, senón tamén a creación de emprego, xa que as beneficiarias comprométense a crear novos postos de traballo para persoas empadroadas en Carballo, ademais de que a execución material das obras debe ser realizada por un empresario con domicilio fiscal en Carballo. Neste caso, as empresas beneficiarias son Protección Verde SL, que creará unha nave dedicada ao almacenaxe, distribución e envasado de produtos fertilizantes, e que abonará 408,9 euros en lugar dos 8.177,99 que lle corresponderían; e Prointec Inversiones Coruñesas SL, dedicada á distribución de produtos de fontanería e calefacción e que terá que pagar 378,63 euros en lugar dos 7.572,61 de ICIO. A orde do día tamén inclúe a toma de posesión do novo concelleiro do PP, Cristian Puente Docampo, en substitución da concelleira Bibiana Bértoa Cambón. Despois da notificación da xunta electoral central e da declaración de bens e de compatibilidade, pasará a formar parte da corporación despois de prometer ou xurar o seu cargo na sesión do luns.

Propostas sobre a meninxite ou a participación cidadáNo apartado de mocións, a sesión recolle un total de catro, presentadas polo BNG, TEGA e PSOE. Este último grupo inclúe unha proposta relativa á creación dunha comisión non remunerada para o seguimento das mocións aprobadas no pleno da corporación. O Alcalde manifestou o seu acordo coa conveniencia de contribuír a sistematizar a xestión política municipal e explicou que o seguimento realizarase a través da xunta de voceiros, que carece de asignación económica, que se reunirá de forma periódica para poder avaliar o cumprimento das mocións. O grupo socialista presentou outra moción na que insta á Xunta de Galicia a que adopte as medidas oportunas para incluír no calendario vacinal obrigatorio a vacina contra a meninxite tipo B. TEGA, pola súa banda, leva ao pleno unha proposta para que se constitúan os consellos e as asembleas parroquiais e de barrio tal e como aparecen recollidos no Regulamento de Participación Cidadá. Ferrero sinalou que o goberno está a favor desta proposta, aínda que sinalou a dificultade da constitución dos consellos de barrio. Non obstante, explicou que no caso das asembleas parroquias o proceso semella máis sinxelo, dado que en moitos casos as entidades das parroquias xa participan da xestión dos centros sociais e dos recursos, aínda que non sexa de forma institucionalizada a través do Regulamento.

A última das mocións, presentada polo BNG, propón manifestar o apoio da corporación municipal á proposición de lei de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética que se está a impulsar por iniciativa lexislativa popular por parte da Confederación Intersindical Galega (CIG). Recolle a proposta presentada pola CIG nunha comparecencia no pleno o pasado mes de setembro na que se defendeu a necesidade de crear unha tarifa eléctrica en Galicia. Por último, no apartado de Seguimento de órganos de goberno, figura unha solicitude de comparecencia por parte da Asociación Provincial de Emigrantes Retornados para que un dos seus representantes, Juan Antonio Pichel Suárez, veciño de Entrecruces, poida falar en nome deste colectivo do que forman parte numerosas persoas tanto de Carballo como de toda a Costa da Morte.

Compartir: