Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello, Asanog e 3D3 Pádel suman...

MÁIS DE CEN PARELLAS PARTICIPAN NA COMPETICIÓN

O Concello, Asanog e 3D3 Pádel suman solidariedade para axudar aos nenos oncolóxicos de Galicia cun torneo solidario

Martes 1 de decembro do 2015

O Concello e o club 3D3 Pádel unen os seus esforzos este Nadal para repartir solidariedade e axudar aos nenos e nenas oncolóxicos de Galicia a través da asociación Asanog, unha entidade sen ánimo de lucro creada en 2012 para contribuír ao mellor estado dos nenos e nenas enfermos de cancro e das súas familias durante a doenza. Así, entre todos fan posible o Torneo Solidario Concello de Carballo para recadar fondos para esta asociación. A cita, na que hai anotadas máis de cen parellas, terá lugar entre o 4 e o 13 de decembro nas instalacións de 3D3 Pádel da Rúa Cobre do Parque Empresarial de Bértoa. Con cada inscrición, os participantes reciben unha camiseta conmemorativa do torneo e unha rifa para participar no sorteo de agasallos que terá lugar á finalización do evento, no que poderán gañar dous seguros de Vida AXA de 200€ cada un; catro vales de 50€ cada un para compras en deportes San Remo; catro vales de 50€ cada un para compras en Zocas; dúas ceas menú degustación para dúas persoas en O Lagar de José; unha pa Drop Shot e tres bolsas paletero; ou cinco bonos para dúas clases en 3D3 Pádel. No sorteo tamén pode participar o público que se achegue a ver os partidos con rifas de 1€ coas que tamén contribúen e haberá unha urna para depositar doazóns directas. Por último, tamén poden achegarse cartos no web de Asanog. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo animar á xente a participar nunha cita "que será un exemplo deportivo de referencia en canto a solidariedade" e para axudar a unha asociación de recente creación pero "de fondo sentimento e altísima necesidade".
O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo felicitar tanto a Asanog como a 3D3 por organizar en Carballo este torneo no que, segundo os responsables do club deportivo, estarán os mellores xogadores de Galicia chegados de Ferrrol, Santiago ou A Coruña para ofrecer un gran espectáculo de pádel. Aseguran que nestas datas non hai outro torneo tan numeroso en toda a contorna do Concello, triplicándose practicamente a participación respecto do ano pasado, en que houbo 35 parellas. Os encontros terán lugar en horario de luns a venres a partir das 18.00 horas e os sábados, domingos e festivos de 9.00 a 23.00 horas. As categorías son masculina, feminina e mixta en formato en cascada, e tamén poden participar menores en formato de cadro único.

Aínda está aberto o prazo de inscrición, até o martes 1 de decembro ás 23.00 horas. As inscricións poden formalizarse a través da páxina web <www.mistorneosonline.com>, no teléfono 680 438 692 ou no enderezo <info@3d3padel.com>. A cota de inscrición para unha categoría é de 12€ por xogador para socios e 15€ para non socios; para dúas categorías de 22€ para socios e de 25€ para non socios; a cota para os menores é de 8€ por xogador. Os campións e subcampións levarán ademais un trofeo conmemorativo. A edición deste ano conta con patrocinio, ademais do Concello de Carballo, de Operis, Sumanorte, Apliye, Elmaplack, Armando Silva e Hijos, Drop Shot, O Lagar de José, Deportes San Remo, Zocas, Axa-Raúl Mariño e Outro, Caeiro, Nestle Aquarel e 3D3Padel. Os interesados e interesadas poden descargar máis abaixo nesta mesma nova as bases do torneo en pdf.

Compartir: