Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde para os presupostos xerais de 2016...

CRISTIAN PUENTE DOCAMPO TOMOU POSESIÓN COMO NOVO EDIL DO PP

Luz verde para os presupostos xerais de 2016 nunha sesión na que o POS recibiu o apoio unánime dos concelleiros

Martes 1 de decembro do 2015

Outros asuntos que saíron adiante por unanimidade, foron as bonificacións do 95 por cento no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para dúas empresas que se implantan no Parque Empresarial de Bértoa. O Concello pretende fomentar con esta medida a presenza de empresas no polígono industrial e tamén a creación de emprego, xa que as beneficiarias comprométense a crear novos postos de traballo para persoas empadroadas en Carballo, ademais de que a execución material das obras debe ser realizada por un empresario con domicilio fiscal en Carballo. Neste caso, as empresas beneficiarias son Protección Verde SL, que creará unha nave dedicada ao almacenaxe, distribución e envasado de produtos fertilizantes, e que abonará 408,9 euros en lugar dos 8.177,99 que lle corresponderían; e Prointec Inversiones Coruñesas SL, dedicada á distribución de produtos de fontanería e calefacción e que terá que pagar 378,63 euros en lugar dos 7.572,61 de ICIO. O pleno serviu tamén para a toma de posesión do novo concelleiro do PP, Cristian Puente Docampo (na imaxe), en substitución da concelleira Bibiana Bértoa Cambón, que renunciou no pleno de setembro. Despois da notificación da xunta electoral central e da declaración de bens e de compatibilidade, pasou a formar parte da corporación despois de prometer o seu cargo na sesión do luns.

Tres mocións aprobadas por unanimidadeNo apartado de mocións, a corporación sacou adiante por unanimidade tres das catro incluídas na orde do día. Así, retirouse unha presentada polo PSOE para crear unha comisión non remunerada para o seguimento das mocións aprobadas no pleno da corporación, mais aprobouse outra, de espírito similar, na que se acorda que sexa a xunta de voceiros, que carece de asignación económica, a que se reuna de forma periódica, en principio o mesmo día da celebración das comisións informativas do pleno, para poder avaliar o cumprimento das mocións e sistematizar así a xestión da política municipal. Co apoio de todos os concelleiros saíu tamén adiante outra moción do PSOE na que insta á Xunta de Galicia a que adopte as medidas oportunas para incluír no calendario vacinal obrigatorio a vacina contra a meninxite tipo B. E tamén por unanimidade apoiouse unha moción de TEGA para que se constitúan os consellos e as asembleas parroquiais e de barrio tal e como aparecen recollidos no Regulamento de Participación Cidadá. En cambio, só cos votos a favor do grupo de goberno saíu adiante a moción presentada polo BNG para manifestar o apoio da corporación á proposición de lei de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética que se está a impulsar por iniciativa lexislativa popular por parte da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Compartir: