Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo amplía tanto o número de socorristas...

O AREAL DE ARNELA CONTARÁ CON EQUIPO DE SALVAMENTO

Carballo amplía tanto o número de socorristas como o tempo de implantación do servizo de cara a tempada de praias 2016

Venres 4 de decembro do 2015

Ademais de ampliar o servizo para redundar na mellor seguridade nos areais, en 2016 seguirase traballando para manter os parámetros de eficiencia, control sanitario, mantemento e limpeza acadados trala concesión dos distintivos de calidade EMAS e ISO 14001 en 2015. O obxectivo é renovar este sistema de xestión que permitirá que se manteñan estes distintivos dos que gozan poucas praias de Galicia. Seguindo cos parámetros de calidade, o Concello tamén volverá a optar a obter o certificado de Bandeira Azul que concede Adeac (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor) para os areais de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal; e tamén, coa axuda de Senda Nova, tentará conseguir o galardón Sendeiro Azul para a senda litoral do municipio, outro recoñecemento de Adeac, neste caso para antigas sendas e camiños naturais que se converten en valiosos recursos para a realización de actividades recreativas, deportivas, turísticas e de educación ambiental. Por último, hai que subliñar que as análises realizadas durante os meses de verán nas augas de Carballo, tanto por parte da Consellería de Sanidade como por parte do Concello, amosan que o nivel de calidade das zonas de baño é "excelente", segundo explica Miguel Vales, en todos os puntos de mostraxe. Respecto do incidente que provocou o peche temporal do areal de Razo en 2014, o concelleiro asegura que despois de realizarse controis disuasorios este ano na zona para evitar os vertidos puntuais, non se ten rexistrado ningunha incidencia.

Balance da tempada de praias 2015Ademais de avanzar os obxectivos de cara a tempada 2016 o Concelleiro de Medio Ambiente, coa Concelleira de Seguridade, Milagros Lantes, e co responsable de Protección Civil, achegou os datos do balance da tempada de praias 2015. Entre os meses de xuño e setembro, téñense rexistrado un total de 192 atencións de botiquín en Razo e 117 en As Saíñas-Pedra do Sal, cun total de 309. Respecto dos salvamentos, rexistráronse catro en todo o verán, os catro no mes de agosto na praia de Razo. Souto Facal lembrou dúas das incidencias que máis repercusión tiveron no verán, en concreto no mes de agosto, como foron o rescate de dous náufragos de Malpica en Pedra do Boi ou o falecemento dunha persoa en Razo debido a unha parada cardio respiratoria. O resto da tempada o único salientable foron algún golpe de calor ou o rescate dunha persoa no mes de agosto que estaba 10 metros dentro da zona de baño e experimentou nervos e agotamento. Respecto das condicións meteorolóxicas, o informe de Protección Civil recolle que houbo moi bo tempo en xuño, xullo e setembro, sendo bastante irregular o clima no mes de agosto.

Compartir: