Inicio Carballo ao día Hemeroteca A pleno extraordinario o contrato do ciclo da...

A SESIÓN INCLÚE A TRAVESÍA DE SÍSAMO, O PAS E O PAI

A pleno extraordinario o contrato do ciclo da auga, de 49,1 millóns, e investimentos na vila por máis de 1,7 millóns de euros

Venres 11 de decembro do 2015

Sobre todo, tendo en conta, sinala o Alcalde, que esta é unha opción adoptada pola maioría de concellos en situación similar e que o importe do canon debe reverterse en actuacións relacionadas única e exclusivamente co ciclo da auga e con saneamentos. O prego de condicións establece un canon base de dous millóns de euros, e as empresas terán a oportunidade de incrementalo, de tal forma que, a maior oferta, máis puntos sumarán. Outra das modificacións recollidas respecto ao contrato orixinal, é que o prazo de presentación de solicitudes sóbese a 40 días, en lugar de 30, co obxectivo de facilitar a concorrencia de empresas tendo en conta todos os festivos das datas do Nadal. Tamén hai que mencionar que o importe do contrato baixa dos 58 millóns previstos inicialmente, debido fundamentalmente, explica Lantes, a certos axustes realizados na previsión tarifaria na zona rural. Por último, foi necesario realizar certas modificacións puntuais para adaptar o prego á nova Lei de Contratos.

Novo céspede nas Eiroas ou cuberta para o parque infantil do AnllónsDebullando polo miúdo os 1.729.727,98 euros recollidos en plans de investimentos da Deputación da Coruña, o máis cuantioso é o PAS, Plan de Acción Social 2015, que ascende a 917.250,66 euros. O proxecto do plan que conta cun maior importe é o de "Substitución de céspede artificial e equipamento deportivo do estadio municipal As Eiroas", por 517.046,84 euros. O Alcalde explica que se trata dunha instalación municipal "con moitísima intensidade de uso", con 1.000 usuarios e usuarias á semana, e que o céspede, especialmente na zona de acceso aos vestiarios, está comezando a encharcarse durante as choivas, ademais de presentar un notable deterioro. O seguinte é unha actuación para a mellora da accesibilidade no Barrio das Flores, por 261.057,35 euros, que se destinarán ao arranxo de beirarrúas, a aglomerar varias vías, etc. Do mesmo xeito, actuarase para eliminar as barreiras arquitectónicas na rúa Xúpiter, de acceso ao CCB-Gadis, por 102.830,69 euros. Ferrero sinala que os servizos da vía contan con 50 anos de vida e resulta recomendable substituílos. Ao remate dos traballos a rúa contará con plataforma única mais conservará os espazos de estacionamento.

O PAS tamén inclúe un investimento de 36.315,78 euros para mellorar a accesibilidade e o funcionamento do Pazo da Cultura. O proxecto implica a creación dunha plataforma para salvar o desnivel entre a beirarrúa e a terraza da cafetaría, así como a creación dunha nova porta de acceso a través da terraza sen ter que pasar polo bar a carón do ascensor panorámico. Así, nestes momentos o edificio non é accesible dende a entrada de máis uso, que é precisamente a da cafetaría. A aprobación do PAS tamén recolle o visto e prace para o seu Plan Complementario, con outras dúas actuacións por 271.872,42 euros. Así, recóllese a cubrición de tres áreas do parque infantil do Parque do Anllóns por 148.843,25 euros; e a mellora de accesibilidade nas beirarrúas da rúa Laracha, situada na contorna da travesía Vázquez de Parga, o Centro de Saúde e o CCB-Gadis, por 123.029,17 euros.

Travesía de Sísamo e contorna do ChorísO outro plan da Deputación recollido polo pleno, o PAI, destinarase integramente a traballos de reurbanización na rúa Vila de Noia para completar as melloras que se están realizando nestes momentos no barrio do Chorís. O importe total é de 122.184,90 euros. Por último, a sesión recolle a aprobación do proxecto de mellora da primeira fase da Travesía de Sísamo entre o quilómetro 0,000 e o 0,310, incluído no Plan de Travesías 2015 da Deputación da Coruña, e que ten un importe de 418.420 euros. Por este acordo, autorízase á Deputación a execución dos traballos, declárase que o Concello dispón dos terreos necesarios, e a administración local comprométese a aceptar a entrega das obras unha vez recibidas pola Deputación e asumir os gastos de conservación, reposición, mellora e mantemento dos servizos e instalacións da travesía. Hai que mencionar que o proxecto de mellora da travesía ao completo consta de tres fases, que se irán executando progresivamente co obxecto de acondicionar a vía até a Igrexa de Sísamo. Por último, o pleno do martes 15 tamén recolle a aprobación da concesión administrativa dun posto do Mercado Municipal de Carballo até o ano 2020. O local estará destinado a peixería e conta con 6,25 metros cadrados de superficie.

Compartir: