Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Policía Local habilita un dispositivo especial...

CENTRARASE NAS ZONAS DE MAIOR TRÁNSITO COMERCIAL E DE VEHÍCULOS

A Policía Local habilita un dispositivo especial de seguridade durante o Nadal entre o 19 de decembro e o 6 de xaneiro

Sábado 19 de decembro do 2015

Así, colocarase o vehículo radar nas rúas ou zonas da vila nas que se ten detectado que a velocidade dos vehículos supera a xenérica marcada para a vía, traballando especialmente nas zonas periféricas e de acceso a centros comerciais. Para mellorar os resultados do plan, traballarase de forma estreita e cotiá coa Garda Civil de Carballo. Nese sentido, existirá unha comunicación diaria e inmediata de calquera incidencia que resulte relevante para a protección da seguridade cidadá e tamén haberá controis de seguridade conxuntos. Dende a Xefatura de Policía anímase tamén a toda a veciñanza e aos comerciantes a fomentar a cultura da denuncia, e a que adopten medidas de auto protección e colaboración coas forzas de seguridade, informando de calquera actitude sospeitosa ou da presenza de vehículos ou persoas estraños.

Consellos básicos de seguridadeA Policía Local, así mesmo, quere transmitirlle aos veciños e veciñas e visitantes uns consellos básicos para previr os delitos e faltas máis frecuentes nestas datas. Así, antes de saír da casa recomendan que se leve o estritamente necesario nun lugar seguro, como por exemplo os bolsillos dianteiros do pantalón, que resultan máis seguros que os traseiros ou os das camisas se estes carecen de botón; levar fotocopia compulsada da documentación persoal, deixando os orixinais na casa; utilizar carteiras e bolsillos interiores en lugar dos exteriores; mellor levar o diñeiro en efectivo cando sexa posible para evitar a substracción e o uso fraudulento de tarxetas de crédito.

Para cando xa se está na rúa, a Policía Local recomenda non facer ostentación de luxos innecesarios como cadeas de ouro, reloxes, cámaras, etc.; en caso de levar mochila, consideran mellor que se leve ao frente nos lugares de aglomeración de persoas; non perder de vista as posesións persoais en ningún momento e vixiar o bolso e carteira en zonas de aglomeracións; evitar facer caso de xogos de azar non controlados ou propostas de negocios fáciles que adoitan ser un timo; desconfiar de peticións sospeitosas de axuda como avarías en vehículos que poden ser unha estratexia coñecida de roubo.

Por último, en caso de ser obxecto de furto ou roubo, recoméndase poñerse en contacto o antes posible coa Garda Civil ou a Policía Local para denuncialo, xa que as forzas de seguridade informan dos pasos que hai que seguir e proporcionan indicacións como a forma máis rápida para cancelar as tarxetas de crédito; se a persoa ten sospeitas de quen puido ser o autor ou autora do furto, recoméndase chamar ás forzas de seguridade pero non enfrontarse nunca co sospeitoso, xa que moitas veces os delincuentes actúan en grupo e poden ser perigosos.

Compartir: