Inicio Carballo ao día Hemeroteca O temporal derruba o ciprés centenario do...

O CONCELLO RECOMENDA PRECAUCIÓN ANTE O TEMPORAL

O temporal derruba o ciprés centenario do Xardín da Praza do Concello aínda que sen ocasionar danos persoais ou materiais

Mércores 30 de decembro do 2015

ciprés centenario

Vista do ciprés derrubado dende o Mercado Municipal

Unha forte racha de vento causada polo temporal que sofre estes días o noroeste de Galicia derrubou esta madrugada o ciprés centenario do Xardín Municipal. A Policía Local calcula que o suceso ocorreu entre as 6.00 e as 6.30 horas aproximadamente, mais non houbo que lamentar danos materiais nin persoais. Así, a árbore caeu de tal forma que non danou nin o quiosco da Praza do Concello, nin tampouco o edificio da casa consistorial nin tan sequera os puntos de luz situados a carón do ciprés ou o monolito. Na caída simplemente levou por diante o cable eléctrico que estes días subministra enerxía aos carruseis e atraccións infantís situadas na Praza con motivo do Nadal. Debido á hora do suceso, de escaso tránsito, tampouco houbo que lamentar que ningunha persoa resultase ferida. O Concello espera retirar a árbore o antes posible e dende media mañá os operarios xa están cortando con motoserras os restos do ciprés e retirando as pólas. Todas as imaxes do ciprés, no Facebook do Concello, aquí.

Cotinúa a alerta laranxa da Axencia Estatal de Meteoroloxía por choiva e ventos de ata 120 km/hora

Aínda que cos últimos temporais fora perdendo parte das súas pólas e de que outras xa estaban secas, o ciprés era un símbolo do Xardín Municipal pola súa lonxevidade. Respecto do temporal, o Concello lembra de que a Axencia Estatal de Meteoroloxía ten decretada alerta laranxa por vento e choiva con ventos sur e suroeste con rachas máximas de 120 km/hora, dando comezo ás 9.00 horas do día 30/12/2015 e finalizando na tarde do mesmo día. Por iso, recomenda á veciñanza que tome as precaucións necesarias nos seus desprazamentos tanto a pé como por estrada.

Compartir: