Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Reis Magos de Oriente chegan a Carballo na...

VISITAN TAMÉN DEZ PARROQUIAS DO MUNICIPIO

Os Reis Magos de Oriente chegan a Carballo na tradicional Cabalgata que remata cunha recepción na Praza do Concello

Luns 4 de xaneiro do 2016

Respecto do percorrido máis polo miúdo, está previsto que os Reis cheguen en coches ao Centro Comercial Bergantiños Gagis escoltados pola Policía Local e Protección Civil, que serán os encargados de que todo o desfile transcurra con seguridade e tranquilidade, ademais de regular o tráfico ao paso das carrozas. As súas maxestades saudarán aos nenos e nenas antes de subir ás carrozas. O percorrido será o seguinte: Centro Comercial Bergantiños, estrada de Malpica, rúa Luís Calvo, rúa Barcelona, rúa Fomento, rúa Río Anllóns, Praza da Milagrosa, rúa Compostela, A Brea, rúa Verdillo, rúa do Sol, rúa Gran Vía, rúa Vázquez de Parga, Praza de Galicia, rúa Coruña (onde pararán para que as SS MM Os Reis Magos se acheguen á Igrexa Parroquial San Xoán Bautista) e, finalmente, dirixiranse cara a Praza do Concello onde recibirán a todos os nenos e nenas. A recepción terá lugar na carpa que está instalada diante do Concello onde poderán esperar os nenos e os pais. Á chegada dos Reis, o Alcalde en nome de todo os cidadáns de Carballo recibirá e saudará as súas Maxestades, que dirixirán unhas palabras a todos os asistentes. A continuación os nenos e nenas entregaranlle aos Reis as cartas en man e faranlle as peticións que desexen.

Medidas de seguridade
Os distintos servizos encargados da seguridade durante a celebración da Cabalgata de Reis, Protección Civil e Policia Local, recomendan a todos os pais, nais e asistentes que teñan vixiados e suxeitos aos nenos e nenas que acudan a este acto e garden unha distancia de seguridade con respecto ás carrozas. Tamén se prega aos maiores que faciliten aos nenos as primeiras filas e espazos para que os máis cativos poidan ver mellor aos Reis e moita precaución coas sillas dos bebés, que non sobresaian das liñas do público. Débense respectar as liñas para o público marcadas polos servizos de seguridade, non recoller caramelos próximos ás carrozas e non utilizar paraugas para recoller caramelos, xa que suponen un perigo engadido para os máis pequenos. En todo momento, débense atender e respectar ás indicacións da organización e servizos de seguridade.

Respecto das condicións meteorolóxicas, a cabalgata só se suspenderá en caso de temporal ou vento moi fortes que impidan o habitual desenvolvemento dos actos.

Cabalgatas nas parroquiasTampouco hai que esquecer que os Reis Magos teñen previsto visitar as parroquias carballesas, xa que o sábado 2 xa pasaron por Ardaña de camiño á capital municipal e o luns 5 tamén están en Artes (a partir das 16.00 horas), Berdillo (a partir das 17.00 horas), Baldaio (a partir das 18.00 horas), Bértoa (a partir das 16.00 horas), Sísamo (a partir das 19.30 horas), Oza (a partir das 13.30 e das 16.00 horas) e Entrecruces (a partir das 14.30 horas). O martes 6 visitan Sofán (en horario de 09.00 a 14.00 horas), Razo (a partir das 11.00 horas) e Cances (en horario de 09.00 a 12.30 horas). Estas cabalgatas están organizadas polas asociacións de cada parroquia e seguirán os itinerarios de anos anteriores.

Compartir: