Inicio Carballo ao día Hemeroteca Muebles Luís gaña o 1º premio do Concurso de...

O XURADO QUIXO SUBLIÑAR O ELEVADÍSIMO NIVEL DESTE ANO

Muebles Luís gaña o 1º premio do Concurso de Escaparatismo de Nadal, seguido por Poppy, Miriñaque e Amai-Store

Luns 7 de decembro do 2015

Hoxe xoves 7 de decembro falláronse os premios do Concurso de Escaparatismo de Nadal, un certame que ten como principal obxectivo promover actuacións que dinamicen o comercio local e premiar o esforzo dos participantes no coidado da imaxe comercial dos seus establecementos. Este ano aumentou notablemente o número de establecementos, duplicándose a participación con un total de 41 tendas inscritas. O xurado estivo composto por un representante do Centro Comercial Aberto, un representante de Axober, un representante da Asociación de comerciantes, hostaleiros e profesionais do barrio da Milagrosa, dous representantes das Asociación Crea Formas Artísticas  e a Técnico de Turismo de Carballo en representación do Concello. O xurado quere subliñar especialmente o altísimo nivel deste ano, que subiu moito con respecto de edicións anteriores e tamén queren sinalar que as votacións estiveron moi axustadas até o final, habendo moi pouca diferencia entre os primeiros clasificados. Quixeron agradecer, así mesmo, o esforzo de todas as tendas por contribuír a adobiar Carballo durante o Nadal. As candidaturas valoráronse tendo en conta especialmente os criterios de calidade artística; composición; iluminación; utilización de elementos tradicionais do Nadal; orixinalidade; ou esforzo e dedicación. Logo das deliberacións, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio valorado en 1.000 € a Muebles Luís (rúa Berdillo, na imaxe); o segundo premio de 500 €, foi para Poppy (rúa Luís Calvo); e houbo un terceiro e cuarto premios por un valor de 250 € para Miriñaque (rúa Valle Inclán) e para Amai-Store (rúa Valle Inclán). Parabéns a todos e todas!

Compartir: