Inicio Carballo ao día Hemeroteca Escritores como Manuel Rivas, contacontos,...

PROGRAMA COMPLETO PARA O PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO

Escritores como Manuel Rivas, contacontos, faladoiros, documentais ou o Entroido visitan a Biblioteca Rego da Balsa

Mércores 13 de xaneiro do 2016

Nestes meses, a biblioteca tamén será o escenario de catro faladoiros. O primeiro o martes 19 de xaneiro con Witericus e "Xuntos no camiño!", unha guía sobre o Camiño de Santiago que afonda nos motivos para facelo, sobre a preparación, as rutas, trucos, etc. Xa en febreiro Senda Nova presenta noutro faladoiro a exposición fotográfica "Unha viaxe ao Amazonas", a través da que poderemos coñecer mellor o río máis caudaloso do mundo. A bloguera de "My dreams of seams", Gema Carballeira, protagoniza o 16 de febreiro un faladoiro sobre moda, estilos de vida saudable, os retos de levar un blog, comercio electrónico, etc. E en marzo remata este ciclo de faladoiros con María Lema e "Camiñando polas estrelas".

O mundo audiovisual tamén ten espazo nas instalacións da rúa Bos Aires. A primeira proxección está prevista para o 22 de xaneiro con "Imagine Elephants", un documental sobre a importancia do xogo espontáneo na infancia. E en marzo, Senda Nova organiza un ciclo de proxeccións sobre o mundo natural e o medio ambiente coa colaboración do Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e con tres sesións: "Amazonía Carbonizada", "Green" e "Marcha atrás" os días 1, 10 e 15 do mes.

Sesións dobres de contacontos para 120 nenosComa sempre, na biblioteca teñen especial importancia as citas dirixidas aos máis cativos e cativas. A compañía teatral TrinkeTrinke continúa ofrecendo as historias dos ratos de Lonxedetodo moitos dos mércores entre xaneiro e marzo, coa novidade de que a partir de agora haberá dúas sesións, ás 17.30 e ás 19.00 horas, para poder atender a demanda de tantos nenos e nenas de 3 a 8 anos que queren gozar coas historias de Fuco e Lili Gruyère. Así, se antes había capacidade para 60 prazas, agora poderán asistir 120 nenos e nenas. Ademais, haberá unha función especial con motivo do Entroido. E precisamente para axudar aos nenos e nenas cos seus disfraces, o mércores 3 de febreiro a biblioteca e a Ludoteca organizan talleres de maquillaxe e de máscaras de Entroido. Tamén na Ludoteca máis adiante, o 17 de febreiro, haberá un obradoiro de xogos e xoguetes en galego "A xogar con Galileo".

Co 2016, tamén seguen nas instalacións as historias de "Pais e nais contan". Así, as nais e pais de nenos e nenas usuarios da biblioteca organizan os seus propios contacontos. E ademais, o 1 de febreiro comeza o prazo para participar na segunda edición do concurso fotográfico #Biblionamórame. As bases e condicións publicaranse tanto no web da biblio, <bibliocarballo.wordpress.com>, como nas súas redes sociais. Un aliciente máis para achegarse este primeiro trimestre do ano ás bibliotecas de Carballo. E non esquezades que todas as citas son de balde.

Compartir: