Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volven as actividades de Apego con charlas,...

CITAS NA BIBLIOTECA, NA LUDOTECA E NO PAZO ATÉ O 30 DE MARZO

Volven as actividades de Apego con charlas, xogos, contacontos, teatro e moita música para favorecer a crianza en galego

Xoves 14 de xaneiro do 2016

Volven as actividades de Apego

Co comezo do ano volven as actividades de Apego, unha iniciativa que persegue a socialización en galego da infancia implicando ás familias con nenos e nenas de ata 6 anos. As citas, que a final de 2015 xa contaron cun completo programa, continúan con 17 actividades que se desenvolverán entre xaneiro en marzo na Biblioteca Rego da Balsa, no Pazo da Cultura e na Ludoteca. Moitas das propostas contan con sesión dobre para favorecer a participación e van dende contacontos e citas teatrais ata obradoiros de xogos e xoguetes, sen esquecer as charlas e talleres para nais e pais e tamén moitos concertos e citas musicais para aprenderlles cancións ás crianzas. Nomes como Magín Blanco, Talía Teatro, Uxía, Paco Nogueiras, Cé Orquestra Pantasma, TrinkeTrinke ou Emedous Teatro forman parte do programa. A Concelleira de Normalización Lingüística, Inés Rodríguez Muíño, subliña que arredor de 80 familias están xa inscritas en Apego e xa recibiron a súa caixa de benvida para os bebés, así como tamén un disco cunha selección de música en galego. Tamén sinala que centos de persoas participaron nas citas programadas en 2015, nas que sempre se cubriron todas as prazas, xa que, a pesar de ser de balde, requiren inscrición previa. Esta boa acollida, explica, "animounos a seguir programando" e mesmo a duplicar, nalgúns casos, a oferta do programa. O Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou a satisfacción do Concello "pola resposta da sociedade carballesa" ao proxecto, destacando a necesidade de prestarlle atención á infancia, facendo identidade "con aquilo que nos é propio, como é o noso idioma".
Falando das citas máis polo miúdo, repártense entre charlas, obradoiros, contacontos e propostas teatrais e musicais. Estas últimas son as máis numerosas, con ata sete actividades. A primeira delas é "Gatuxo", un espectáculo músico teatral con Magín Blanco o xoves 21 de xaneiro; seguirán o domingo 31 Talía Teatro con "Rosa Caramelo"; o xoves 4 de febreiro un concerto para bebés con Cé Orquestra Pantasma; o domingo 21 de febreiro Uxía e compañía farannos cantar coas cancións de María Fumaça; o concerto de As Maimiñas o domingo 6 de marzo con "Unha viaxe polo mundo"; o domingo 13 Emedous Teatro presenta o espectáculo "Jim e a illa do tesouro"; e pecha este ciclo de citas o popular Paco Nogueiras co seu concerto "Brinca vai!" o xoves 17 de marzo. A Biblioteca Rego da Balsa tamén acolle un ciclo de seis contacontos cos ratos de Lonxedetodo e a compañía TrinkeTrinke. Estas citas, que teñen lugar os mércores, están xa moi consolidadas tanto no programa da Biblioteca como en Apego, e debido ao elevado número de asistentes duplicáronse as sesións, pasando a ser dúas cada mércores a partir de agora, ás 17.00 e ás 19.30 horas, cun aforo de ata 120 nenos e nenas.

Charlas e obradoirosO programa complétase con dous obradoiros e dúas charlas. No primeiro caso, o 17 de febreiro os máis cativos e cativas poderán participar nun Obradoiro de xogos e xoguetes en galego, en dúas sesións, ás 17.30 e 19.30 horas, na Ludoteca Municipal. E as nais e pais tamén teñen o seu espazo nun Obradoiro de contacontos, repartido en catro sesións os días 18 e 25 de febreiro e 3 e 10 de marzo, no Pazo da Cultura. O obxectivo da actividade é aprenderlle aos proxenitores como contarlle contos e historias ás súas crianzas. As charlas están dirixidas exclusivamente a público adulto e comezan o xoves 28 de xaneiro con Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Falará sobre como transmitirlles a lingua aos bebés. O xoves 11 de febreiro Raquel Bello, psicóloga familiar de Espazo Oikos, explicará as claves da alimentación complementaria ou BLW (Baby Led Weaning).

Apego é unha iniciativa conxunta na que colaboran varios municipios de toda Galicia, que son, ademais de Carballo, A Baña, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo. Asinaron o convenio para poñer en marcha o proxecto o 23 de marzo de 2015 e está previsto que proximamente sigan sumándose outros municipios. O programa, xestionado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello (SNL, Pazo da Cultura, 1º andar) está dirixido ás familias que o soliciten e que agarden un bebé (por embarazo ou adopción) e que despois da súa inscrición reciben materiais, argumentos, recursos e accións para axudarlles á crianza e para tecer redes de colaboración mutua. Así mesmo, as familias con fillos e fillas de ata 6 anos poden dirixirse ao SNL para inscribirse en Apego e recibir así información sobre todas as actividades e recursos dispoñibles. Hai que mencionar que todas as citas enmarcadas no proxecto Apego son de balde, aínda que moitas teñen límite de praza polo que é preciso realizar inscrición previa. Esta inscrición pode facerse tamén no SNL do Concello.

Compartir: