Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo renovará os...

NESTES MOMENTOS AS SALAS CONTAN CON MÁIS DE 820 USUARIOS/AS

O Concello de Carballo renovará os equipamentos das dúas salas de fitness situadas nas instalacións municipais

Xoves 14 de xaneiro do 2016

Salas de fitness situadas nas instalacións municipais

O Concello de Carballo realizará este ano un importante investimento na renovación dos equipamentos das dúas salas de fitness municipais, situadas nos complexos deportivos Carballo Calero e Vila de Noia. O material deportivo está a sufrir as consecuencias do elevadísimo nivel de uso das instalacións, polas que pasan a diario centos de persoas, e dende a Concellería de Deportes estase a traballar para poder licitar o antes posible o contrato de renting que permitirá substituír toda a maquinaria dos dous ximnasios. Dende a súa apertura, no ano 2009, as salas fitness do Concello de Carballo están a rexistrar unha intensidade de uso cada vez máis elevada. Nestes momentos contan con 828 usuarios e usuarias. A boa aceptación do servizo provoca, precisamente, un maior deterioro dos equipamentos, que é especialmente acusado no ximnasio Carballo Calero, polo que dende Carballo Deporte tomouse a decisión de proceder á renovación completa, con carácter inmediato, nos dous complexos deportivos. Deste xeito, os usuarios e usuarias poderán seguir desfrutando da práctica deportiva nas mellores condicións. A calidade na prestación dos servizos e a atención ás persoas usuarias son, de feito, dous dos obxectivos de Carballo Deporte, que pon a disposición de particulares e entidades dúas salas fitness, dúas piscinas climatizadas, campos de fútbol e pavillóns deportivos; ademais dunha ampla oferta de actividades que abrangue cursos de natación para diferentes idades, aquagym ou ximnasia de mantemento, entre outras.

Compartir: