Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello envía a proposta para participar na...

FINANCIARANSE ACTUACIÓNS DE DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello envía a proposta para participar na estratexia de fondos europeos DUSI con proxectos por valor de seis millóns de euros

Venres 15 de xaneiro do 2016

En caso de ter éxito, o Concello debería desenvolver os proxectos de aquí a 2020, aínda que as últimas xustificacións da proposta poden prolongarse até o 2022. O conxunto de Galicia opta a obter 82 millóns de euros, aínda que, mentres que o límite orzamentario de Carballo, polo seu número de habitantes, é de seis millóns de euros, para as grandes cidades é de quince millóns. Os fondos europeos financiarían o 80 por cento do custo das actuacións. En todo caso, o Alcalde reitera que o Concello tentou presentar un proxecto "plural" e que chegue "ao maior número de puntos posibles". En principio, a resolución por parte da Unión Europea debería facerse pública sobre o mes de maio.

Respecto das actuacións concretas reflectidas no expediente, a proposta de Carballo divídese en seis obxectivos temáticos e 17 liñas de actuación:

  • Tecnoloxías da información e da comunicación. Con 840.000 euros destinaríase a desenvolver un portal de transparencia municipal, a crear a rede "Carballo sen fíos" ou á dixitalización dos recursos e do patrimonio turístico.
  • Economía baixa en carbono. Con 1.440.000 euros xiraría arredor da implementación de camiños peonís e de carril bici, da inclusión de puntos de recarga de vehículos eléctricos ou do desenvolvemento do programa "Carballo carbón neutral".
  • Medio ambiente e patrimonio urbano I. Con 660.000 euros destinaríase á promoción de produtos locais a través de feiras e mercados, da promoción dos festivais internacionais de Carballo como son o FIOT, o Carballo InterPlay ou o Rexenera Fest, ou a potenciar a iniciativa "Derrubando muros con pintura".
  • Medio ambiente e patrimonio urbano II. Con 1.200.000 euros implicaría a posta en marcha dun plan de redución do ruído urbano, o acondicionamento de aparcadoiros disuasorios, á potenciación do Horto Infantil Ecolóxico ou á rehabilitación de zonas urbanas.
  • Inclusión social. Estaría orzamentada en 1.620.000 euros e as liñas de actuación centraríanse na creación de parques infantís, na formación de colectivos en risco de exclusión social, na mellora das instalacións municipais e da súa accesibilidade, na posta en marcha dun plan de mellora de feiras e mercados ou na creación dos consellos de participación cidadá.
  • Xestión (Oficina técnica transversal a toda a estratexia) Crearíase unha oficina para coordinar o proxecto que incluiría a redacción dos plans de mobilidade e de redución do ruído urbano con un importe de 240.000 euros.

Compartir: