Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volven os Venres Culturais con vinte citas...

ENTRE O 29 DE XANEIRO E O 18 DE MARZO

Volven os Venres Culturais con vinte citas musicais, teatrais, artísticas e audiovisuais para poñerlle as pilas a Carballo

Venres 15 de xaneiro do 2016

Teatro do Noroeste estrea o venres 15 de xaneiro "Palabras malditas", unha obra que estará en Carballo o 4 de marzo, case en primicia, e que na primavera viaxará a Madrid para estar durante varias semanas no Teatro Español. A última proposta galega vén da man de Talía Teatro e de "Foucellas", xa en marzo e para pechar o programa. Trátase dunha historia dirixida por Cándido Pazó para a compañía ceense e que conta a historia dun maquis no ano 1952. Completa o programa teatral Producciones Viridiana no "Ligeros de equipaje. Crónica de la retirada". Trátase cunha compañía con longa traxectoria na escena española e que desta volta trae un espectáculo no que dous actores interpretan máis de medio centenar de personaxes. A data, o 19 de febreiro.

O ciclo En Familia comeza xa en xaneiro, tamén con Talía Teatro e as historias de "Rosa Caramelo", o día 31; e a aposta teatral para o público infantil conta tamén cos galegos Emedous e "Jim e a illa do tesouro", xa o 13 de marzo. Entremedias, dous concertos: o de María Fumaça con "Xiqui, xoque, fiú, fiú", que conta con artistas tan recoñecidos como Uxía ou Magín Blanco; e As Maimiñas, con Lucía Lago, Irene Álvarez e "Unha viaxe polo mundo".

Volvendo ás propostas para público adulto, a música sempre ten un oco nos Venres Culturais, esta vez con rock, pop e música tradicional. Comezamos o 26 de febreiro co RockCarballo, con oito grupos do municipio que aproveitan este festival para dar renda solta á súa creatividade e amosar a súa diversidade musical. As Cantareiras de Arume tamén teñen espazo no concerto do seu 25 aniversario o 27 de febreiro. E o 11 de marzo o grupo carballés Chicharrón presenta o seu segundo disco "Postal", despois do éxito do primeiro con dez cancións aclamadas por crítica e público.

Outras propostas: exposicións e cinemaNa súa faciana artística, este ano os Venres Culturais ofrecen catro exposicións. En febreiro chega a mostra colectiva "Miradas 4" na que creadores de Carballo e de Muxía amosan o seu traballo en distintos formatos e técnicas. No mesmo mes o colectivo coruñés Aula K tráenos unha selección de fotografías. E xa en marzo chegan tamén as imaxes do XVIII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís e para rematar, temos "Catálogo", unha mostra na que interaccionan ilustracións e texto literario.

A Biblioteca Rego da Balsa ten o seu propio espazo no programa con un ciclo de cinema organizado pola Asociación Ambiental Senda Nova en colaboración co Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro das súas Xornadas de Interpretación dos Bosques. Ademais, o sábado 5 de marzo o grupo de gaitas Lembranzas de Bergantiños homenaxean ao carballés recentemente falecido Francisco Calvo "Regueiro", fundador e director da agrupación.

Entradas e bonosNo caso das citas de balde, debido á limitación do auditorio do Pazo da Cultura, se é necesaria a reserva previa, comunicarase coa antelación posible. Para os que é necesaria entrada, a venda realizarase no despacho de billetes do Pazo da Cultura, unha hora e media antes do inicio da actuación. A reserva de entradas poderá efectuarse no teléfono 981 704 300, ou na Concellaría de Cultura (Pazo da Cultura), habitualmente dende 15 días antes da celebración dos espectáculos con un límite de 4 entradas por persoa. Nalgúns espectáculos aplicaranse prezos reducidos a determinados colectivos.

Tamén se porán á venda bonos para os días 29 de xaneiro, 12 e 19 de febreiro, 4, 11 e 18 de marzo. O bono ordinario ten un prezo de 19 € e o bono especial con prezo reducido para determinados colectivos, 14 €. Está previsto que se poñan á venda o mércores 20 de xaneiro nas oficinas da Concellaría de Cultura (Pazo da Cultura), de 11.00 a 14.00 h.

O programa completo dos Venres Culturais, nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: