Inicio Carballo ao día Novas O plan especial de Pedra do Sal motivou a...

O plan especial de Pedra do Sal motivou a primeira intervención veciñal no pleno dende a pandemia

A corporación municipal aprobou unha solicitude de subvención á Deputación da Coruña para a execución do proxecto “Carballo para a infancia”

Martes 26 de outubro do 2021

Coincidindo co remate da emerxencia sanitaria, o salón de plenos volveu a encherse este luns, por primeira vez dende o inicio da pandemia. O público estivo integrado por propietarios/as de terreos na Pedra do Sal, que, como está previsto no Regulamento Municipal de Participación Veciñal, solicitaran intervir en relación co plan especial que se está a tramitar para ese ámbito. E así o fixo unha portavoz ao remate da sesión ordinaria, amosando o descontento dun sector da veciñanza con determinados aspectos do plan, que se atopa agora en fase de alegacións.

O pleno comezou pasadas as 20.30 horas coa ausencia do concelleiro nacionalista Miguel Vales, que, por motivos laborais, non puido incorporarse ata o punto 4. Tras a aprobación unánime da acta da sesión anterior comezaron as diferenzas de opinión na maior parte dos asuntos.

Con respecto aos contratos, a proposta de modificación do contrato de servizos enerxéticos e mantemento do alumeado público presentada pola empresa concesionaria foi desestimada. Coincidiron todos os grupos menos TeGa, que se abstivo. Os dous concelleiros do grupo minoritario da oposición e os do PP opuxéronse á modificación do contrato do lixo relativa á adquisición dun vehículo eléctrico. A proposta saíu adiante cos votos a favor do BNG, mentres que o PSOE abstívose.

En canto aos asuntos relacionados co PXOM, a modificación relativa ao catálogo de hórreos foi apoiada por todos os grupos agás TeGa, que se abstivo; mentres que a correspondente á construción dun aparcamento no polígono de Bértoa saíu adiante por unanimidade.

Coa abstención de TeGa tamén foi aprobada unha solicitude de subvención á Deputación da Coruña para o desenvolvemento do proxecto “Carballo para a infancia”, co que se pretende iniciar a creación dunha rede de parques integradores. Este primeiro proxecto inclúe os parques da Praza do Concello, a Praza da Milagrosa e a Praza Eduardo Pondal, cun orzamento de 551.568,40 euros.

Moción e preguntas

Terra Galega presentou unha moción para a creación dunha unidade de prescrición de exercicio físico e nutrición no centro de saúde que foi desestimada. O goberno votou en contra argumentando, en primeiro lugar, que o Concello non pode crear un servizo nun centro dependente doutra administración, como é o Sergas, e, en segundo lugar, porque xa se está traballando nun proxecto similar a nivel autonómico no que Carballo participará, xa que o goberno comparte a importancia dun servizo desas características.

No apartado de rogos e preguntas, TeGa preguntou por una sentenza, unha sanción de Augas de Galicia por uns vertidos, o Congreso Cidades que Camiñan e mobilidade. E tamén se interesou polo reinicio dos consellos parroquiais e a convocatoria do consello deportivo tras o levantamento da emerxencia sanitaria, ao que o alcalde respondeu que se están retomando xa as actividades.

Compartir: