Inicio Carballo ao día Novas O almanaque "Carballo. Guía ilustrada...

O almanaque "Carballo. Guía ilustrada de arquitectura" fai un percorrido por 12 edificios que nos identifican como pobo

Pídeo no Museo de Bergantiños, a Biblioteca Rego da Balsa, o Fórum, o Pazo da Cultura, a Casa do Concello e o Mercado, onde se realizou a presentación

Mércores 1 de decembro do 2021 Lingua

Xaime Díaz, Maruxa Suárez e Evencio Ferrero presentaron o almanaque

Xaime Díaz, Maruxa Suárez e Evencio Ferrero presentaron o almanaque

Xa está na rúa o almanaque do Concello de Carballo para o 2022. Presentámolo hoxe no Mercado Municipal, no espazo reservado para aula de formación tras a recente reforma, así que a estrea foi dobre. O calendario está dispoñible no propio mercado, pero tamén na Casa do Concello, o Pazo da Cultura, o Fórum Carballo, a Biblioteca Rego da Balsa e, coma sempre, no Museo de Bergantiños, todos eles edificios dos que imos saber moito máis ao longo do ano que se aveciña, porque, como indica o título, a protagonista do almanaque editado pola Concellaría de Normalización Lingüística é a arquitectura.

No acto de hoxe, moi concorrido, e mesmo emotivo, interviñeron a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez; o autor do calendario, Xaime Díaz, e o alcalde, Evencio Ferrero. “No 2021 –lembrou Maruxa Suárez- quixemos que o protagonismo do almanaque fose para a cidadanía, para os veciños e veciñas que viron pasar dende as súas ventas os larguísimos días de confinamento do ano pasado, e que retrataron, cada un e cada unha ao seu xeito, outras formas de ver Carballo. Porque hai moitas, moitísimas, formas de ver o noso pobo, o noso concello. A través das súas paisaxes, dos seus costumes, das súas xentes e tamén da súa arquitectura. E este vai ser, precisamente, o tema que nos vai ir levando dun mes a outro polo almanaque do ano 2022”.

O calendario, de feito, fai un percorrido por 12 edificios que nos identifican como pobo: o propio Mercado Municipal, a Casa do Concello, o Fórum Carballo, a Biblioteca Rego da Balsa, o Museo de Bergantiños, o Pazo da Cultura, as antigas escolas do Xardín, a igrexa de San Xoán Bautista, a capela da Milagrosa, o Casino, a estación vella de trolebuses e os depósitos da auga.

“Teño que dicir que esta vez o traballo déusenos feito, e estou especialmente orgullosa –asegurou a concelleira- de que a idea partise dun traballador do Concello de Carballo: Xaime Díaz Alonso”, que explicou de seguido como se xestou o proxecto. E non foi cousa dun día, senón que vén de lonxe, concretamente do curso de verán sobre arquitectura que organizaron no ano 2012 a Universidade da Coruña e o Concello de Carballo, e que tamén foi o xerme das iniciativas de arte urbana nas que, case unha década despois, somos unha referencia.

Clara, Xaime e Diego Díaz, autores do calendario (Foto: Gustavo Figueira)

Clara, Xaime e Diego Díaz, autores do calendario (Foto: Gustavo Figueira)

Xaime Díaz levaba varios anos traballando no proxecto “Carballo. Guía ilustrada de arquitectura”, que inclúe máis de 50 planos, máis de 120 fotografías e máis de 65 edificios. Este calendario constitúe só a primeira entrega dunha iniciativa que irá moito máis alá. “A documentación –explicou o autor da selección das obras, a documentación, os textos e as láminas dos debuxos- está representada mediante tres medios: a ilustración, a fotografía e a ficha identificativa con datos dos edificios seleccionados (denominación habitual, data do proxecto e realización, técnicos que traballaron na obra, localización na vila, e comentarios para facilitar a comprensión das condicións nas que as obras foron concibidas e logo executadas). Para realizar este minucioso traballo, Xaime Díaz contou coa colaboración da súa filla, Clara Díaz Pan, enxeñeira, que se encargou do deseño gráfico, a maquetación e a portada, e do seu sobriño Diego Díaz Mosqueira, arquitecto, que é o autor das fotografías.

Evencio Ferrero: "A sociedade debe avanzar, e aquí temos varios exemplos da arquitectura transformadora coa que estamos a crear novos referentes”

O resultado é un traballo serio, rigoroso, sobrio e elegante, e que, ademais, como apuntou o autor, ten tres obxectivos principais: “Primeiro, documentar da forma máis obxectiva posible o noso patrimonio arquitectónico. Para iso non dubidamos en incluír, ademais dos edificios máis antigos, as construcións máis recentes e outros tipos de intervencións na vía pública. En segundo lugar, convencer de que a arquitectura, a paisaxe e o urbanismo que nos rodean son no seu conxunto un ben que nos constrúe como sociedade. E, por último, concienciar da responsabilidade social con respecto á conservación do patrimonio”.

Xaime Díaz, que desculpou a ausencia dos seus compañeiros de traballo, por motivos laborais e de saúde, quixo dedicar o calendario aos seus pais, Herminia e Antonio, este último tamén presente no acto, e ao seu irmán José Antonio.

O acto celebrouse no Mercado Municipal, con moito público

O acto celebrouse no Mercado Municipal, con moito público

Evencio Ferrero, que pechou o acto, puxo en valor a valía profesional de Xaime Díaz e o seu compromiso con Carballo, que se demostran non só neste calendario, senón nas propostas que vén facendo ano tras ano, “sempre para mellorar o noso concello, porque é unha persoa que ve máis alá”. “Os que pertencemos a una xeración que vimos como, un a un, ían desaparecendo os nosos referentes urbanos, chega un momento no que debemos deixar de mirar polo retrovisor, porque a sociedade debe avanzar, e aquí temos varios exemplos da arquitectura transformadora coa que estamos a crear novos referentes”, concluíu o alcalde.

Descargas

Compartir: