Inicio Carballo ao día Novas A asociación Vieiro pon en marcha o...

A asociación Vieiro pon en marcha o programa "Pais e nais no océano educativo"

Domingo 18 de setembro do 2022 Benestar

A Asociación Vieiro, dentro da programación de prevención no ámbito familiar, pon en funcionamento o programa Pais e nais no océano educativo, destinado a pais, nais e persoas con responsabilidade familiar que desexen informarse e formarse á hora de desempeñar o seu labor como educadores/as.

Este programa está composto por obradoiros impartidos por psicólogas e educadoras de Vieiro que buscarán dar as ferramentas axeitadas para saber navegar no océano educativo a través dos seguintes módulos:

  • Cartas de navegación (habilidades sociais)
  • Buscando o norte (disciplina positiva)
  • Cada barco ten o seu timón (normas e límites)
  • Capeando o temporal (resolución de conflitos)
  • Mar de redes (novas tecnoloxías)
  • Mariñeiros e mariñeiras (coeducación e igualdade de xénero)

Este programa, totalmente gratuíto, poderano solicitar aquelas Anpas ou centros educativos que o desexen, ademais de os pais e nais a nivel persoal. Para a realización destas escolas é imprescindible o compromiso de asistencia ás mesmas, de non ser así o grupo poderá disolverse e/ou reubicar ás/aos asistentes noutras escolas que estean en funcionamento.

Os obradoiros darán comezo no mes de outubro. As sesións terán unha periocidade semanal, quincenal ou mensual segundo preferencia dos participantes, e a súa duración será de hora e media. A inscrición pode facerse na Asociación Vieiro, chamando ao teléfono 981 756 161 ou na ANPA do colexio correspondente.

Compartir: