Inicio Carballo ao día Novas Gran acollida do xogo de mesa “Cicl-Ando...

Gran acollida do xogo de mesa “Cicl-Ando Carballo” entre o alumnado de primaria

A actividade “Á feira en bici” e a presentación do xogo no colexio Xesús San Luís Romero poñen fin á Semana Europea da Mobilidade

Xoves 22 de setembro do 2022

Raquel González, a

Raquel González, a "ideóloga" do xogo, encárgase tamén da formación

O 22 de setembro remata oficialmente a Semana Europea da Mobilidade. No noso concello aínda se prolongará un día máis, porque mañá venres realizarase a presentación do xogo de mesa Cicl-Ando Carballo no CEIP Xesús San Luís Romero. Será a última das máis de dez sesións realizadas nos centros de primaria do noso concello e tamén no Canosa-Rus, porque, aínda que está radicado no veciño concello de Coristanco, o seu alumnado e maioritariamente carballés.

Todos os colexios públicos quixeron sumarse á iniciativa, que tivo unha gran acollida tanto entre o alumnado coma entre o profesorado. De feito, nalgún centro xa pediron algún xogo máis para poder utilizalos simultaneamente en varios grupos. Pero a aceptación foi tamén moi boa na sesión de presentación que se realizou este mércores pola tarde na Praza do Concello, onde incluso houbo persoas que amosaron o seu interese por mercalo. O xogo non está á venda, pero estará a disposición da rapazada en todos os centros públicos de primaria e tamén nas bibliotecas.

Dúas das participantes na iniciativa

Dúas das participantes na iniciativa "Á feira en bici"

Hoxe, coincidindo co mercado semanal, repetimos a actividade Á feira en bici, na que se premiou a utilización da bicicleta para os desprazamentos urbanos cunha mochila chea de cousas chulas, e tamén se repartiron entre todas as persoas interesadas discos de aparcamento na zona azul e revistas de pasatempos A píllara das dunas.

Con esta e outras iniciativas, Carballo participou un ano máis na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Comisión Europea para promover o cambio de comportamento en favor dunha mobilidade activa e de solucións de transporte limpas e intelixentes. Dende o día 16 desenvolvéronse tres rutas a pé, dúas rutas en bicicleta, xogos infantís ocupando varias rúas en distintos barrios, circuíto de seguridade viaria, actividades nos coles e ademais seguimos chequeando a accesibilidade urbana, todo coa colaboración do movemento asociativo: Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, Asociación Española contra o Cancro en Carballo, Asociación de veciños Santiago Apóstol de Sísamo, asociación Íntegro, Asociación ambiental Senda Nova. A todas, grazas pola implicación! O ano que vén repetimos!

Compartir: