Inicio Carballo ao día Novas 160 familias que participan nos programas...

160 familias que participan nos programas municipais de compostaxe recolleron plantas de temporada retiradas dos xardíns

Durante a primeira xornada de reparto contabilizáronse 24 altas no programa “Ti tes a chave” e 10 solicitudes de composteiros individuais

Venres 25 de novembro do 2022

A iniciativa do Concello de Carballo para poñer a disposición da veciñanza as plantas de temporada que se retiran dos xardíns resultou todo un éxito, e ao longo da mañá mesmo houbo momentos de aglomeración arredor do posto instalado na rúa Coruña. En só tres horas repartíronse 160 macetas con begonias e alegrías, que tiveron moi boa aceptación.

Este primeiro reparto dirixiuse en exclusiva ás persoas que participan nos programas de compostaxe do Concello de Carballo, tanto na zona urbana, coa chave que abre os contedores marróns, coma na rural, cos composteiros individuais. Nestes momentos hai 1.472 familias comprometidas co proxecto medioambiental “Ti tes a chave”, e a elas sumáronse hoxe outras 24. En canto á compostaxe doméstica, aos 716 que temos repartidos por todo o territorio municipal haberá que engadir outros 10 solicitados hoxe.

Os veciños e as veciñas que non puideron achegarse hoxe a recoller as plantas terán unha nova oportunidade este domingo. Ademais, o posto informativo seguirá aberto tamén para tramitar novas solicitudes de participación ou para que as persoas que utilizan os colectores marróns poidan recoller bolsas compostables. Todo o material que se facilita nos programas é de balde.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén se achegou ata a rúa Coruña para seguir en primeira persoa o desenvolvemento desta nova acción de sensibilización medioambiental, que se suma á recente campaña de decoración dos xardíns con cabazas decoradas e a outras iniciativas que vimos desenvolvendo ao longo do ano co obxectivo de que o noso concello sexa cada vez máis sostible.

Compartir: