Inicio Carballo ao día Novas A rapazada carballesa de 0 a 6 anos...

A rapazada carballesa de 0 a 6 anos seguirá “Medrando con Apego” coas actividades previstas para este trimestre

A primeira proposta, que coincidirá coa Semana da Mobilidade, serán os obradoiros de seguridade viaria previstos para o día 18

Mércores 11 de setembro do 2024 Lingua

A semana que vén celebrarase a 2ª edición dos obradoiros de seguridade viaria

A semana que vén celebrarase a 2ª edición dos obradoiros de seguridade viaria

Carballo foi o berce do programa Apego e segue sendo un dos concellos locomotora deste proxecto, que, tal como explica Ángeles Pacoret, concelleira de Normalización Lingüística, trata de facilitar a socialización en galego dos nenos e nenas de cero a seis anos, achegando ás familias tanto materiais físicos e virtuais como actividades formativas e informativas, sempre lúdicas.

En coordinación con outras áreas municipais, de aquí a fin de ano temos preparadas unha morea de actividades coas que queremos que os nenos e nenas poidan seguir Medrando con Apego. A primeira será xa a semana que vén. Para o mércores 18 temos preparados, no marco da Semana da Mobilidade, obradoiros de seguridade viaria para toda a cativada. Haberá cinco en total, cada media hora desde as 17.00 ata as 19.00 horas. Grazas á colaboración da Policía Local e o Club Ciclista Carballo converteremos a planta alta do mercado municipal nun gran circuíto para triciclos, patinetes, bicicletas... no que os/as peques aprenderán a moverse con seguridade polas nosas rúas. Hoxe abriu o prazo de inscrición, que debe realizarse a través do enderezo electrónico snl@carballo.gal.

O programa ten a súa sede nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, nas que se celebrarán os espectáculos Umu!, de María Move, o 2 de outubro, ou Corochas, de Xarope Tulú, o 18 de decembro, ámbolos dous para bebés de 0 a 3 anos. Pero as actividades de Apego serán tan variadas coma os escenarios nos que se desenvolverán. Deste xeito, para o 16 de outubro está prevista a segunda edición de Chapuzando en familia (nenos/as de 1 a 4 anos) na piscina municipal, en colaboración con Carballo Deporte, e o 6 de novembro sairemos de ruta en familia polas ribeiras do Anllóns para coñecer a riqueza natural do noso río (nenos/as ata 6 anos).

Ademais dos obradoiros de seguridade viaria, a planta alta do mercado municipal acollerá o 20 de novembro o espectáculo Onda mini, de Mamá Cabra; o obradoiro Pinta burbullas de cores, con Laura Doldán, o 4 de decembro, e a gran Foliada de Apego coa que despediremos o ano, o 20 de decembro, e na que participarán as asociacións Nemeth, Arume de Verdillo, San Campio de Cances, Escola do Alprende de Oza e Ría de Lema.

Inscricións

As inscricións para cada actividade poderán realizarse desde unha semana antes a través do enderezo electrónico snl@carballo.gal.

O proxecto Apego, que empezou a camiñar no ano 2015, conta nestes momentos con máis de 350 familias do noso concello. E todas as que queiran sumarse non teñen máis que achegarse ata a casa do concello e poñerse en contacto coa técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Carme Pereiro.

Descargas

Compartir: