Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas por 92.358,17 euros as obras da...

Adxudicadas por 92.358,17 euros as obras da segunda fase das beirarrúas de Ardaña

Luns 24 de febreiro do 2025

O alcalde, nun percorrido pola primeira fase das beirarrúas de Ardaña

O alcalde, nun percorrido pola primeira fase das beirarrúas de Ardaña

A Xunta de Goberno Local adxudicou á empresa Mantido, SL, por 92.358,17 euros, as obras de construción de beirarrúas en Ardaña (fase II).

Nesta segunda fase, que se estenderá entre os puntos quilométricos 4+025 e 4+405, aproveitarase a actuación para instalar unha rede de augas pluviais separada da de saneamento, xunto con 13 sumidoiros. A nova zona peonil daralle continuidade ao treito executado no 2023 e terá un ancho medio de 2,20 metros, cumprindo a normativa de accesibilidade. O proxecto inclúe tamén sinalización horizontal e vertical e a creación de pequenas zonas verdes dotadas de arborado.

Con esta actuación, que trata de fomentar a mobilidade peonil creando itinerios seguros, complementarase o proxecto desenvolvido no 2023 entre os quilómetros 3+450 e 4+0,25, que supuxo un investimento de 175.000 euros e permitiu tamén crear un acceso peonil ao centro social.

A Xunta de Goberno Local adoptou outros acordos relacionados con diferentes contratos:

  • Urbanización da parcela de equipamento destinada á ampliación do centro de saúde. O goberno municipal aceptou a solicitude de suspensión temporal do prazo de execución presentada pola empresa, que argumenta que o groso dos traballos consiste no recheo da rúa para acadar as cotas e a rasante prevista, e que para levar a cabo ese tipo de obras “é preciso que non haxa precipitacións ou que as mesmas sexan de pouca contía”. Á vista dos informes técnicos correspondentes, o prazo queda en suspenso ata o 20 de abril.
  • Melloras de camiños municipais 2024: Oza. Tamén se optou pola suspensión temporal do prazo de execución dos traballos, que xa están en marcha, por mor das persistentes chuvias. A suspensión rematará o 30 de marzo.
  • Mellora na estrada DP-1901 Carballo-Sísamo (fase III). Nese caso amplíase o prazo de execución en catro meses dados o atraso acumulado por causas meteorolóxicas.
  • Ampliación do cemiterio municipal (fase II). Declarado deserto o procedemento por non concorrer ningunha empresa.
  • Subministración e instalación de oficinas e vestiarios no polígono de Carballo. Declarada deserta a adxudicación tras a exclusión do único licitador por superar o prezo de licitación.
  • Subministración de combustible para os vehículos, maquinaria e edificios do Concello de Carballo. Lote 1: subministración de combustible a vehículos do parque móbil municipal e maquinaria. Lote 2: transporte e subministración de combustible a edificios municipais. Aprobado o expediente de contratación, cun orzamento de licitación de 215.370,51 euros para o lote 1, e 10.697,61 euros para o lote 2.
  • Subministración dunha aplicación informática para a preinscrición dixitalizada de exercicio físico aos usuarios dos servizos deportivos de prestación directa polo Concello de Carballo. Aprobada a prórroga do contrato.
  • Servizo profesional de responsable de seguridade segundo Esquema Nacional de Seguridade. Adxudicado a Norquality Consultores SL por 8.772,50 euros.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou facturas de gasto por importe de 39.745,88 euros, a programación de Entroido e a solicitude á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes dunha subvención de 40.000 euros (importe máximo permitido) para cubrir os custos do servizo de salvamento e socorrismo, que ascenden a 139.964,58 euros.

Compartir: