Trescentos estudantes de secundaria de toda a comarca participaron na I Feira das Universidades de Carballo
Martes 25 de febreiro do 2025

A I Feira das Universidades de Carballo cumpriu as expectativas. Ao peche da intensa xornada de contactos, os centros participantes destacaban a alta participación, o interese da mocidade nas diferentes propostas formativas e a importancia de seguir celebrando este tipo de eventos, que permiten achegar tanto aos estudantes coma ás súas familias a ampla e variada oferta de titulacións existente nestes momentos tanto en Galicia coma noutras comunidades autónomas.

Case 300 estudantes de Bacharelato e 4º da ESO de Carballo e Bergantiños pasaron ao longo da mañá polo Fórum Carballo, escenario da I Feira das Universidades. Ata alí achegáronse tamén o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, que realizaron un percorrido polos postos e interesáronse polas diferentes titulacións ao alcance do alumnado.

O Concello de Carballo, a través das concellarías de Educación e Innovación, Formación e Emprego, colaborou nesta iniciativa, promovida pola U-tad (Universidad dre tecnología y arte digital), que foi un dos centros participantes xunto coa UDC (Universidade da Coruña), USC (Universidade de Santiago de Compostela), Escola de Enxeñería Industrial (EEI) da Universidade de Vigo, Universidad Europea de Madrid, CSHG (Centro Superior de Hostalaría de Galicia), AFN (Escola de pilotos do Noroeste), Escola Superior Marcelo Macías da Coruña, Universidad de Navarra, Universidad intercontinental de la empresa e Forzas Armadas.