Aprobada co apoio do PSOE e a abstención do PP a proposta do goberno municipal do BNG para tramitar fondos europeos
Os populares tampouco apoiaron o acordo entre o Concello de Carballo e a Demarcación de Costas para frear a erosión na costa
Mércores 26 de febreiro do 2025

A solicitude de fondos FEDER para o Plan de Actuación Integrado (PAI) Carballo a man xa vai camiño de Bruxelas. Hoxe mesmo presentouse toda a documentación, tras a aprobación no pleno do luns do ambicioso proxecto estratéxico, que prevé un investimento de 15 millóns de euros nos próximos catro anos, ata finais do 2029. A proposta presentada polo goberno municipal do BNG contou co apoio do PSOE, mentres que o PP abstívose.
Os populares votaron no mesmo sentido en relación co acordo entre o Concello de Carballo e a Demarcación de Costas para frear a erosión no noso litoralcunha serie de actuacións que abranguenas seguintes actuacións:
- Baldaio: colocación de pilotes con corda para evitar o paso peonil ao sistema de dunas e apertura dun novo sendeiro para evitar danar a cuberta vexetal, peche do resto das sendas para evitar o tránsito peonil polo sistema de dunas, revexetación das zonas máis degradadas plantando especies de dunas e captadores de area e colocación de cartelaría informativa.
- Razo: colocación de dúas pasarelas de madeira, con varandas nos treitos necesarios; demolición da antiga pasarela de madeira, que está en mal estado, así coma das duchas situadas na area; colocación de peches de pilotes con corda para evitar o paso ao sistema de dunas e apertura de novos sendeiros alternativos, retirada do antigo peche de pilotes con corda polo seu deterioro e reparación da pasarela de madeira nas zonas máis danadas. O derrubo do peche do campo de fútbol queda en suspenso tras o acordo entre Costas e Concello para que non se acometa ningunha actuación na instalación deportiva ata que haxa unha nova.
A proposta quedara sobre a mesa no pleno de xaneiro, precisamente polo campo de fútbol, pero unha vez solucionado ese aspecto foi apoiada polo BNG e o PSOE.

No pleno do luns tamén foron aprobadas por unanimidade dúas propostas relacionadas coa entrada en funcionamento do centro de educación especial Lenda Educativa nun edificio cedido e acondicionado polo Concello de Carballo na parroquia de Ardaña. Por unha banda, o nomeamento da concelleira de Educación, Mar Eirís, como representante municipal no consello escolar. Por outra, a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para que todo o ámbito do centro sexa clasificado como solo de equipamento educativo e deportivo.
Así mesmo, foi aprobado cos votos a favor de BNG e PP e a abstención do PSOE un recoñecemento de obrigas de exercicios anteriores por 79.454,40 euros.
En canto ás dúas mocións presentadas polo PP, a relativa ao superávit orzamentario do ano 2024 foi aprobada por maioría simple, despois de que os populares rexeitaran a emenda presentada polo BNG e de que tanto o partido no goberno coma o PSOE se abstivesen. A outra iniciativa, sobre o apoio ao pacto pola lingua, non prosperou, ao votar en contra o BNG por non ser admitida a súa emenda.