21 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DA POESÍA
O Concello de Carballo convoca o I Concurso escolar Poesía do revés
Poderá participar alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos e haberá premios por valor de 2.500 euros
Venres 21 de marzo do 2025 Lingua

Imaxe dun dos obradoiros de poesía realizados en febreiro
Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Poesía, o Concello de Carballo convoca o I Concurso escolar Poesía do revés, unha iniciativa da Concellaría de Normalización Lingüística que, entre outros obxectivos, pretende contribuír ao desenvolvemento e a promoción da poesía en galego no ámbito escolar, aumentar a competencia lingüística da infancia e mocidade a través da poesía, promover a interacción entre os centros escolares e o Concello a prol da normalización da lingua galega, impulsar a imaxinación, o pensamento analítico e o talento creativo e axudar no descubrimento de novos talentos infantís e xuvenís.
O concurso está aberto á participación do alumnado de primaria, secundaria, ciclos formativos e bacharelato do concello. Precisamente, para introducir á rapazada no mundo da poesía, ao longo do mes de febreiro desenvolvéronse unha serie de obradoiros nos que contamos con Antía Otero e Dores Tembrás, do proxecto literario Apiario, e nos que participaron máis de douscentos escolares. Agora terán a oportunidade de amosar o seu talento.
Os centros escolares que desexen participar neste concurso deberán presentar as súas solicitudes de participación xunto coas composicións poéticas dos alumnos e alumnas, preferentemente por vía electrónica. O prazo comezará ao día seguinte da publicación da convocatoria deste concurso no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a través da BDNS e rematará o 11 de abril.
As poesías deben cumprir as seguintes condicións: estar escritas no idioma galego, ser orixinais, ter unha extensión máxima de 30 versos e incluír un título, ademais do nome do/a autor/a e o curso no que estea matriculado/a. Haberá tres categorías (primaria, secundaria e ciclos formativos e bacharelato) e tres premios por categoría, consistentes en vales de 350, 250 e 200 euros para gastar nunha libraría de Carballo. Tamén poderá outorgarse un accésit dun vale de 100 euros para a obra que mellor reflicta algún aspecto propio de Carballo.
As bases completas, no documento anexo.
