Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Unhas animadísimas drag-queens de Asturias gañaron o Concurso de disfraces, comparsas e carrozas de Entroido

O MARTES 9: ENTERRO DA SARDIÑA A PARTIR DAS 21.00 HORAS

Unhas animadísimas drag-queens de Asturias gañaron o Concurso de disfraces, comparsas e carrozas de Entroido

Luns 8 de febreiro do 2016

Un ano máis, a pesar do cedo que caíu este ano o Entroido e de que o frío botou atrás a máis de un, o Concurso de disfraces, comparsas e carrozas de Entroido de Carballo amosou o seu poder de convocatoria. Máis de 600 persoas repartidas en nove carrozas e 18 comparsas (8 na categoría de adultos e 10 na de infantís), ademais dos grupos e os disfraces individuais animaron unha tarde na que choviu bastante menos do que parecía e na que moita xente quixo ver a desbordante imaxinación dos participantes. Os gañadores: en categoría infantil, en comparsas: 1º premio para "Os científicos tolos" (250 euros); 2º premio (110€) para "Fotógrafos Vintage"; 3º premio (60€) para "Un bosque encantado"; accésit (60€) para "Piratas limpos". En grupos: 1º premio (100 euros) para "Fofuchas". En individual: 1º premio (90 euros) para "Sen límites de velocidade"; 2º premio (70€) para "Arcángel Tyrael"; 3º premio (50€) para "Non me deas a chapa"; accésit (30€) para "A fada das estacións". En categoría adultos, carrozas: 1º premio (700 euros) para "Os mismos con Priscilla", que viñeron desde Asturias (na imaxe); 2º premio (295€) para "El ingenioso hidalgo de la arma-dura". O 1º accésit (200€) foi para a carroza "Apeiros.com"; e o 2º accésit (150€) para "Lañas western". Comparsas: 1º premio (500 euros) para "Música maestro / Música movemento"; 2º premio (200€), para "Imos contar un conto", de A Laracha. Tamén houbo un accésit (100€) para "Os mimos de sempre". En grupos: 1º premio (125 euros) foi para "Dracotaurus e os pastores de dragóns"; e o houbo un accésit (60€), para "ET". En adultos individual houbo un único premio de 60 euros para "Maceira busca leira".

A ollada en

DE LUNS A DOMINGO DE 18.00 A 21.00 HORAS

A ollada en "Vermello" de catorce fotógrafos do Colectivo Aula K pode visitarse até o 28 de febreiro no Pazo da Cultura

Sábado 6 de febreiro do 2016

O andar -1 do Pazo da Cultura acolle até o 28 de febreiro"Vermello", unha mostra fotográfica do Colectivo Aula K, asociación con sede na Coruña cunha traxectoria de máis de 20 anos a prol da divulgación e da ensinanza da fotografía e o audiovisual que, con esta exposición, pretende mostrar unha serie de instantáneas que nacen na procura da cor que lle dá nome. Esta mostra presenta a percepción e reflexións persoais de cada un dos autores participantes, como non, a través desta cor. Eles mesmos aseguran que se xuntaron un día e xurdiu a idea do vermello, que finalmente plasmaron nun xogo no que o espectador segue un camiño marcado de antemán e vai descubrindo unha historia. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que arroupou a inauguración xunto co Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, manifestou que para o Concello "é un pracer seguir colaborando co mundo da fotografía", unha faciana artística "que engancha e que en Carballo ten especial relevancia e atención polo departamento de Cultura". Ferrero cualificou a mostra como "suxerente" e espera que as imaxes "sexan capaces de abrir interrogantes" e de continuar creando un espazo para a fotografía no Pazo da Cultura. Os autores que participan na exposición son Alfredo Varela, Ángel Cordero, Antón Varela, Basti Soto, Brais Quintero, Carlos Rodríguez, Carolina Lorenzo, Lupe Vázquez, Manuel Vicente, Paola Velo, Pablo Santiago, Pedro Carrete, Rodrigo Moreiras e Rubén Fabeiro. A mostra, que está enmarcada na programación de Venres Culturais 2016, poderá visitarse ata o 28 de febreiro de 18.00 a 21.00 horas de luns a domingo.

Un total de 18 comparsas e 9 carrozas participan no Concurso e Desfile de Entroido do domingo 7 de febreiro

ABERTO AÍNDA O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA GRUPOS E INDIVIDUAIS

Un total de 18 comparsas e 9 carrozas participan no Concurso e Desfile de Entroido do domingo 7 de febreiro

Sábado 6 de febreiro do 2016

O domingo 7 de febreiro a partir das 18.00 horas as principais rúas do centro de Carballo acollen unha das actividades máis importantes do Entroido no municipio, o tradicional Concurso e Desfile de Comparsas, Disfraces e Carrozas. Como en anos anteriores, o concurso está dirixido tanto a adultos como a nenos e inclúe diferentes modalidades de participación: individual, grupos, comparsas e carrozas, así como un premio especial ao Choqueiro de Bergantiños (participante que pode estar inscrito en calquera das categorías). Unha vez rematado o primeiro prazo de incrición, o venres 5 de febreiro, o total de anotados para participar na edición deste ano ascende a 9 carrozas, 18 comparsas (8 na categoría de adultos e 10 na de infantís), 3 grupos (1 infantil e 2 adultos) e 2 disfraces individuais (2 concursantes individuais na categoría de adultos). Estes datos todavía non son os definitivos xa que para as modalidades de grupos e individuais o prazo remata o mesmo día do desfile. Os máis preguiceiros destas categorías poden facer a súa inscrición o domingo entre as 16.00 e as 17.00 horas na entrada da Casa do Concello. O concurso ten unha dotación económica de 6.910 €. Dado que un dos obxectivos principais do concurso é incentivar a participación, 4.200 € destínanse a gratificacións por participar de 150 ou 250 € (aos 20 primeiros inscritos nas modalidades de carrozas ou comparsas que cumpran cos requisitos de participación e reúnan unha calidade mínima). Os 17 premios previstos están dotados con 2.710 €.

Ratificada a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo coa sinatura da Orde da Xunta

O ACTO CONTOU COA PRESENZA DA CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE

Ratificada a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo coa sinatura da Orde da Xunta

Xoves 4 de febreiro do 2016

Carballo ten por fin un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A Conselleira de Medio Ambiente e Infraestruturas, Beatriz Mato, asinou hoxe, xoves 4 de febreiro, no salón de plenos da Casa do Concello, a Orde da Xunta de Galicia que supón a aprobación definitiva do planeamento, pendente agora da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como a propia Mato coincidiron en sinalar durante o acto de sinatura que a xornada de hoxe é "un día espléndido para Carballo", "un día grande" que ve como por fin o municipio poderá contar cun documento que, en verbas de Mato "garante o futuro", aposta por un "medio ambiente sostible" e "por manter o noso rural vivo". Despois de case unha década de traballo -que comezou xa en 2007 despois de coñecerse a sentenza anulatoria do PXOM de 2003- e de numerosos trámites que comezaron en 2009 co informe previo da Xunta para a aprobación inicial da primeira versión do novo planeamento, poderá comezar o desenvolvemento de moitos proxectos que até o momento estaban pendentes desta resolución. O Alcalde quixo lembrar a todas as persoas que de algún xeito traballaron neste PXOM para conseguir que fose "un documento de todos e para todos". Quixo resaltar tamén as "miles de horas de traballo", todo o "esforzo" investido e os "moitísimos kilos de papel" que este documento leva detrás e que permitirán "o desenvolvemento responsable do urbanismo de Carballo", sempre tendo en conta que hoxe "é un día de mirar para adiante".

Dúas novas ofertas de emprego na Bolsa de Traballo (BDT) de Carballo para desempeñar labores de axente comercial

CONTACTO NO FÓRUM CARBALLO E NO 981 709 011

Dúas novas ofertas de emprego na Bolsa de Traballo (BDT) de Carballo para desempeñar labores de axente comercial

Mércores 3 de febreiro do 2016

A Bolsa de Traballo (BDT) Municipal do Concello de Carballo mantén abertas nestes momentos dúas ofertas de emprego neste caso para o mesmo sector. As persoas interesadas poden informarse persoalmente na BDT, que ten a súa sede no Fórum Carballo, ou chamando ao número de teléfono 981 709 011. O horario de atención ao público é de 8.30 a 14.30, de luns a venres, tanto a través do teléfono como de forma presencial. As ofertas abertas, e que urxe cubrir, son as seguintes:

  • De comercial de 25 a 55 anos con inglés medio-alto, coche e dispoñibilidade para viaxar por toda España
  • De vendedor/axente comercial. Solicitan unha persoa con dotes comerciais e habilidades comunicativas para traballar para unha empresa do sector da seguridade e contraincendios.
Dende a súa posta en marcha, o 19 de novembro do 2012 e até finais de 2015, a Bolsa de Traballo do Concello de Carballo ten tramitado 274 ofertas para un total de 373 postos de traballo. Para realizar a selección foron convocadas 2.878 persoas, un 62,54 por cento das cales responderon satisfactoriamente. Así mesmo, dende a BDT enviáronse 1.611 currículos ás empresas, e nun 71,86 por cento dos casos as ofertas pecháronse coa colocación dalgunha persoa inscrita na BDT como demandante de emprego. En total acadáronse 187 insercións laborais.

O equipo de Carballo do Club de Debate, pertencente ao IES Isidro Parga Pondal, comeza a súa formación na Coruña

XOVES 4 DE FEBREIRO DE 16.30 A 20.30 HORAS

O equipo de Carballo do Club de Debate, pertencente ao IES Isidro Parga Pondal, comeza a súa formación na Coruña

Mércores 3 de febreiro do 2016

O xoves, día 4 de febreiro, o equipo de mozas e mozos de Carballo que participan no Club de Debate comeza a súa fase de formación. Será nunha xornada que terá lugar de 16.30 a 20.30 horas no Centro Ágora da Coruña, e conxuntamente con outros equipos desa cidade. O equipo de Carballo está formado por rapaces e rapazas do IES Isidro Parga Pondal, e están coordinados polas profesoras Beatriz Cuesta e Basi Pacoret. Posteriormente a esta xornada de formación, participarán na fase de zona que terá lugar o sábado 5 de marzo en Narón, onde debaterán con equipos de Narón e Ferrol sobre se no noso país debemos acoller persoas refuxiadas. Os concellos que organizan esta quinta edición conxunta son once: Ames, O Carballiño, Carballo, A Coruña, Ferrol, Narón, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. A participación confirmada é de 38 equipos mixtos e máis de 350 rapaces e rapazas de entre 3º da ESO e 1º de Bacharelato ou ciclos formativos de vinte e dous centros de ensino. Despois de pasar nas edicións anteriores a final galega por Pontevedra, Santiago, Ferrol e Carballo, nesta quinta edición será de novo Pontevedra o concello encargado de acollela, seguindo o espírito de que o programa vaia rotando pola xeografía galega. O tema escollido para esa final galega é "En galego hai un mundo de cousas boas" e terá lugar o sábado 30 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra. A esa final chegarán oito equipos: os dous primeiros de cada unha das catro zonas en que se divide a competición.

Luz verde para a licitación do contrato de limpeza de inmobles do Concello por un importe superior aos dous millóns de euros

O PRAZO SERÍA DE CATRO ANOS CON DÚAS PRÓRROGAS ANUAIS

Luz verde para a licitación do contrato de limpeza de inmobles do Concello por un importe superior aos dous millóns de euros

Luns 1 de febreiro do 2016

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación para licitar o servizo de "Limpeza dos bens inmobles do Concello de Carballo" mediante procedemento aberto e con varios criterios de adxudicación cun orzamento de contrata de 2.086.946, 90 euros (IVE engadido). Este importe incluiría os catro lotes de contratación e todo o período de duración do contrato que sería de catro anos con dúas posibles prórrogas dun ano de duración e sen que o período máximo do contrato, incluídas as prórrogas, poda exceder de seis anos. O obxecto do contrato é o da prestación do servizo de limpeza de edificios, incluído a achega dos utensilios e produtos de limpeza necesarios, así como a retirada e depósito dos residuos orixinados pola prestación do servizo nos inmobles do Concello de Carballo que incluirían as instalacións deportivas (lote 1) os edificios de cultura (lote 2) os edificios municipais (lote 3) e os edificios dedicados á formación e emprego (lote 4). O custo anual estimado do contrato sería de 347.824,48 euros (IVE incluído) e entre os criterios de adxudicación valorarase a memoria técnica e de xestión, así como o prezo e o prezo por hora para servizos extraordinarios e especiais. No apartado de subvencións, a sesión tamén supuxo a solicitude dunha axuda para a contratación de traballadores desempregados e desempregadas para o servizo de Protección Civil, Emerxencias e Seguridade do Concello de Carballo. Sería para 8 traballadores por un período de 3 meses e un importe total da subvención de 36.000 euros.

Carballo, A Laracha e Malpica únense para solicitar á Xunta a organización dun Plan Integral de Emprego para 60 persoas

OS TRES CONCELLOS COLABORARÁN PARA DESENVOLVER O PROGRAMA

Carballo, A Laracha e Malpica únense para solicitar á Xunta a organización dun Plan Integral de Emprego para 60 persoas

Sábado 30 de xaneiro do 2016

Co obxectivo de cooperar unindo infraestruturas, recursos humanos e ideas dirixidas á loita contra o desemprego, os Concellos de Carballo, A Laracha e Malpica de Bergantiños veñen de consensuar o deseño dun Programa Integrado de Emprego que se presentará ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para o seu cofinanciamento ao abeiro da convocatoria de subvencións para esta finalidade publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 30 de decembro. No caso de concederse a axuda económica que se vai solicitar, poríase en marcha un ambicioso programa cuxa proposta inicial é para unha duración de doce meses e a participación dun máximo de sesenta persoas que se atopen en situación de desemprego, dando preferencia a determinados colectivos con maiores dificultades de inserción laboral (mulleres, menores de trinta anos e desempregados de longa duración). O proxecto propón combinar accións de diferente natureza para formar e reorientar aos participantes nos sectores máis favorables para a súa inserción laboral. Todas elas desenvolveríanse en cooperación cos diferentes axentes económicos, como as asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, asociacións económicas e os profesionais de cada ramo. Este Plan Integrado de Emprego sustentaríase sobre as bases da información, orientación, asesoramento, formación específica e transversal, práctica laboral, percepción empresarial, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade de emprendemento e intermediación laboral.

As

HORARIO DE VISITA: DE 18.00 A 21.00 HORAS

As "Miradas 4" de 31 artistas de Muxía e de Carballo: na sala da baixocuberta do Pazo da Cultura até o 18 de febreiro

Venres 29 de xaneiro do 2016

Xa podedes ver no Pazo da Cultura unha escolma do mellor dos creadores que realizan o seu traballo en Carballo e en Muxía a través da mostra "Miradas 4", a cuarta edición desta exposición colectiva de artistas vinculados a estes dous municipios coa que se pretende dar a coñecer os traballos que están a desenvolver. Este grupo aglutina autores e autoras de traxectorias moi distintas e de modalidades artísticas que abarcan a pintura, escultura, fotografía ou o gravado. Na mostra participan 31 artistas: Adriana Díaz, a. m. a., Anónimo, Antonio Reino, Antonio Taracido, Antonk, Chérie Trillo, Chiña, Emi de las Heras, Eva Facal, Flor Taracido, Isa Fernández, Javier Rodríguez, Laura Tova, Lois Búa, Lola Oviedo, Manuel Eirín, María Marticorena, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, O´Mighelo, Rakele Cavallo, Raúl Herrera, Risé, Santi Picos, Teresa Búa, Teresa Candal, Tomás Luna, Xesús Búa, Yano Yoro e Zizi. O acto de inauguración contou coa presenza da Concelleira de Educación, Mar Eirís, e dos autores e autoras. Ademais, Laura Tova, a nova presidenta da Asociación Crea Formas Artísticas, unha entidade creada no 2008 para realizar actividades culturais, participou, xunto co violinista Pablo Rodríguez Vila, nun pequeno acto para abrir a exposición. O creador Mon Lendoiro, tamén de Crea Formas, aproveitou para agradecer a colaboración do Concello e desexou que a xente goce coas obras presentadas. A mostra, incluída nos Venres Culturais 2016, pode visitarse a diario até o 18 de febreiro de 18.00 a 21.00 horas na sala Alberto Gende situada na baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura.

Compartir: