Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Milagrosa contará con sete colectores para recoller unicamente restos de comida e poñer en marcha o proxecto

AS 21 FAMILIAS COLABORADORAS XA RECIBIRON AS CHAVES E AS BOLSAS

A Milagrosa contará con sete colectores para recoller unicamente restos de comida e poñer en marcha o proxecto

Xoves 28 de xaneiro do 2016

Durante seis meses 21 familias do barrio da Milagrosa depositarán en colectores marróns e pechados con chave unicamente restos de comida co obxectivo de analizar a calidade dos residuos depositados para poder acometer proxectos posteriores de valorización dese residuo; analizar a posibilidade de ampliar este proxecto a outros barrios; analizar a posibilidade de que as persoas que mellor reciclen teñan no futuro algún tipo de incentivo e, en última instancia "baixar o custo do lixo", segundo explica o Concelleiro de Servizos, Luís Lamas. Así o sinalou durante unha xuntanza no Fórum Carballo celebrada o mércores 27 de xaneiro ás 20.30 horas á que asistiron representantes das familias voluntarias, a quen o Concello lles agradece a súa colaboración. Todos eles e elas puideron recoller a chave que abre o seu colector -serán un total de sete repartidos por todo o barrio dende a rúa Anllóns ata a entrada da Vila de Negreira-, así como un pack de 40 bolsas biodegradables e compatibles coa elaboración de compost. En caso de que usen todas as bolsas poderán recoller máis nas tendas do barrio grazas á colaboración da Asociación de comerciantes, hostaleiros e profesionais do barrio da Milagrosa, que se comprometeu a repartir os packs. A veciñanza tamén recibiu un manual de uso no que se indican os teléfonos de contacto para dúbidas o suxestións, indicacións de que se debe depositar nos colectores e como, o funcionamento e obxectivos do proxecto, así como un plano para localizar os colectores.

Conversa co escritor Manuel Rivas na Biblioteca Rego da Balsa na presentación do seu libro

XOVES 28 DE XANEIRO A PARTIR DAS 20.00 HORAS

Conversa co escritor Manuel Rivas na Biblioteca Rego da Balsa na presentación do seu libro "O último día de Terranova"

Mércores 27 de xaneiro do 2016

Continúa a intensa programación de actividades da Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Neste caso, coa presentación do último libro dun dos autores máis coñecidos e relevantes da literatura galega, Manuel Rivas, que conversará con todas as persoas asistentes e tamén asinará exemplares da novela "O último día de Terranova" o xoves 28 de xaneiro a partir das 20.00 horas. Manuel Rivas, que é, ademais, padriño da Biblioteca, pois foi o escritor participante na súa inauguración e unha das primeiras persoas en coñecer o espazo, incluso antes da súa apertura, estará acompañado polo director da editorial Xerais, Manuel Bragado, e tamén polo alcalde carballés, Evencio Ferrero. A última obra de Rivas fala da libraría Terranova é un lugar diferente no planeta Terra, habitada por libros e almas, un escenario de amores e resistencia, un refuxio de náufragos da vida, un santuario de animais, un lugar de memoria e emoción, onde de súpeto aparece no escaparate o letreiro da Liquidación total de existencias por peche inminente. Cando chega o ultimato e se pon en marcha o proceso de desafiuzamento, Vicenzo, o libreiro, que arrastra as secuelas dunha doenza na infancia («O meu corpo é un manifesto!»), revive a propia historia e a da libraría, mentres tenta facer fronte á especulación e ao que el chama o Imperio do Baleiro.Terranova é un lugar de emoción e memoria. Porto de desembarco de libros descoñecidos ou prohibidos, unha Ítaca entre Europa e América.

O Concello solicitará a apertura en Carballo dunha oficina da Policía Nacional que permita tramitar a renovación do DNI

O ALCALDE MANTIVO UNHA XUNTANZA CO XEFE SUPERIOR DE POLICÍA

O Concello solicitará a apertura en Carballo dunha oficina da Policía Nacional que permita tramitar a renovación do DNI

Mércores 27 de xaneiro do 2016

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mantivo unha entrevista o martes 26 de xaneiro na Casa do Concello co Xefe Superior de Policía de Galicia da que transcendeu que o próximo pleno da corporación debaterá unha proposta para solicitar a apertura dunha oficina de Documentación e Estranxeiría da Policía Nacional na Casa do Concello. A través deste servizo, os veciños e veciñas poderían tramitar a renovación do DNI ou a expedición do pasaporte directamente en Carballo, sen necesidade de esperar a ter que pedir cita na unidade móbil que se despraza á vila entre tres e catro veces ao ano ou de desprazarse á Coruña ao cuartel de Lonzas ou á xefatura da Avenida Alférez Provisional. O Alcalde carballés xa notificara durante a celebración da sesión ordinaria do luns 25 de febreiro -e a raíz dunha pregunta do grupo municipal do PSOE- que ía manter unha entrevista co Xefe de Policía e que o obxectivo era o de avanzar nos trámites para conseguir este servizo para Carballo. Así, as visitas periódicas para a renovación do DNI duran tan só dez días, aproximadamente, e as citas poden solicitarse durante unha semana previamente ao desprazamento da unidade móbil. A próxima visita está prevista para o 1 de febreiro. Respecto da posible localización das novas oficinas, aínda non se coñece cal sería, aínda que poderían instalarse no espazo que antes ocupaban os Servizos Sociais ou mesmo nunha sala situada no segundo andar, próxima á sala de xuntas da casa consistorial. En todo caso, a proposta debe esperar a recibir o apoio do pleno na próxima sesión.

Está previsto realizar o repintado dos novos aparcadoiros gratuítos da capital municipal entre o luns 1 e o mércores 3 de febreiro

SUBSTITUIRANSE OS COXÍNS BERLINESES DA VILA DE NEGREIRA

Está previsto realizar o repintado dos novos aparcadoiros gratuítos da capital municipal entre o luns 1 e o mércores 3 de febreiro

Mércores 27 de xaneiro do 2016

A Policía Local vén de informar de que entre o luns 1 e o mércores 3 de febreiro terán lugar os traballos de repintado nas novas prazas de estacionamento gratuítas situadas en varios puntos da capital municipal, polo que durante eses días, e de maneira escalonada, non se poderá aparcar nalgunhas delas. O Concello pide desculpas polas posibles molestias ocasionadas e espera que os labores causen as menores molestias posibles. Hai que lembrar que a finais de 2015 procedeuse ao asfaltado de seis das bolsas de aparcadoiros gratuítos presentes na capital municipal situadas na contorna do Rego da Balsa (2) na contorna das rúas Pontevedra e Roberto Vidal Bolaño (outras 2), na Horta do Casino (1) e no aparcadoiro do Pazo da Cultura (1). Foron, en total, 406 novas prazas de aparcadoiros asfaltados no centro da vila e en zonas de elevado tráfico de vehículos por un importe total de 142.488,75 euros (IVE incluído). En conxunto, Carballo conta con 1.897 prazas en bolsas de aparcadoiros na capital municipal a menos de 10 minutos a pé do centro, ademais de 431 prazas de Zona Azul nas principais vías comerciais -ás que hai que sumar as 69 da sétima fase- e 78 prazas para persoas discapacitadas en 50 rúas do casco urbano. A Policía Local tamén informa de que o xoves 28 de xaneiro procederase á substitución dos coxíns berlineses situados na rúa Vila de Negreira e próximos aos accesos á Zona Escolar do CEIP Fogar debido ao seu elevado estado de deterioro. Uns semáforos provisionais regularán o tráfico rodado mentres duren os traballos.

ACTIVIDADES ENTRE O 3 E O 23 DE FEBREIRO

"A guerra das galaxias" e David Bowie van da man no cartel do Entroido para animar á veciñanza a vivir os disfraces

Mércores 27 de xaneiro do 2016

Carballo prepara o Entroido 2016 cunha serie de actividades nas rúas e nas parroquias do municipio pensadas "para todas as idades" e con citas "variadas", segundo explica o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo. O programa conta coa colaboración das entidades culturais e asociativas do municipio, así como da Concellaría de Terceira Idade e da Concellaría de Seguridade e Tráfico para garantir que todo transcorra sen incidencias. Este ano, o cartel homenaxea á famosísima saga de "A guerra das galaxias" e ao recentemente desaparecido David Bowie que están agochados nun smartphone, un dos aparellos que máis funciona durante o Entroido para inmortalizar os disfraces a base de "selfies". O programa repite citas xa tradicionais, como son o Concurso e Desfile de disfraces, comparsas e carrozas do domingo 7 de febreiro; e o tradicional Enterro da Sardiña, o Martes de Entroido (día 9), con actividades dirixidas aos máis cativos e cativas, como obradoiros de maquillaxe e de máscaras na Biblioteca e na Ludoteca ou cun contacontos especial de Entroido. Ademais, este ano, o presentador do Concurso será Oswalgo Digón, humorista que xa visitou Carballo na Rúa dos Contos da pasada edición do FIOT sementando gargalladas entre o público do Patacón. Por quinto ano, a Aula de Teatro Municipal será a encargada de animar o Enterro da Sardiña xunto coa Cruz Vermella e Vagalume Animación.

Luz verde no pleno para a ampliación do estacionamento regulado por Zona Azul coa creación de 69 novas prazas

APROBADO UN RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE 64.000 EUROS

Luz verde no pleno para a ampliación do estacionamento regulado por Zona Azul coa creación de 69 novas prazas

Martes 26 de xaneiro do 2016

A corporación carballesa celebrou o luns 25 de xaneiro unha sesión plenaria ordinaria na que saíu adiante, co apoio do goberno, de PP e PSOE e a abstención de TEGA a aprobación inicial da ampliación do aparcamento regulado con Zona Azul no centro carballés, o que suporá a implantación dunha sétima fase con 69 novas prazas. Estarían distribuídas da seguinte forma: cinco novas prazas na marxe dereita da rúa Concepción Arenal; tres prazas na marxe dereita da rúa Gran Vía, entre os números 4 e 8; seis prazas na marxe dereita da rúa Vitoria; trece novas prazas na marxe esquerda da rúa Gravador Manuel Facal; catorce prazas na marxe dereira da rúa Carballo Calero entre a piscina municipal e o CEIP Bergantiños; 20 novas prazas na rúa Eduardo Pondal, tamén na contorna da piscina e do colexio Bergantiños; e por último, oito novas prazas entre os números 16 e 18 da rúa Perú, fronte ao bar Mai Tai. O principal motivo que a Policía Local sinala para ampliar a Zona Azul é a presenza de "vehículos ventosa" que están dende primeira hora da mañá ocupando os estacionamentos, o que prexudica a comercios, veciñanza e visitantes. Así mesmo, dende a Policía Local tamén se subliña a necesidade de implantar a Zona Azul na contorna do colexio Bergantiños para favorecer o Plan de Mobilidade do Concello, xa que as prazas estarán situadas nunha zona na que hai unha piscina, un pavillón deportivo e un centro de ensino, con constante tráfico de vehículos e peóns.

Máis de 20 familias do barrio da Milagrosa participan na campaña de

XUNTANZA DE POSTA EN MARCHA: MÉRCORES ÁS 20.30 HORAS NO FÓRUM

Máis de 20 familias do barrio da Milagrosa participan na campaña de

Luns 25 de xaneiro do 2016

Un total de 21 familias de Carballo tomarán parte este ano no proxecto "Ti tes a chave", unha iniciativa pioneira en Galicia na que se busca que un grupo de voluntariado verde se comprometa a depositar só residuos sólidos urbanos nuns colectores específicos que se colocarán na rúa e que estarán pechados con chave. A estes voluntarios/as entregaráselle unha chave coa que poderá abrir os colectores e depositar unicamente restos de comida (só materia orgánica) dentro de bolsas biodegradables que tamén lles serán entregadas. O Fórum Carballo acolle o mércores 27 de xaneiro ás 20.30 horas unha xuntanza para poñer en marcha o proxecto. Neste acto faráselles entrega aos implicados da chave para poder acceder a depositar a chamada fracción húmida ou quinta fracción nos colectores de cor marrón que se situarán o máis preto posible das vivendas destas familias. Ademais, entregaránselles as bolsas biodegradables e un manual de uso no que se indicarán os teléfonos de contacto para dúbidas o suxestións, indicacións de que se debe depositar e como, o funcionamento e obxectivos do proxecto, así como un plano no que poderán localizarse os colectores. Os obxectivos principais deste proxecto piloto son: analizar a porcentaxe de poboación que está disposta a participar nun proxecto coma este; analizar a calidade dos residuos depositados para poder acometer proxectos posteriores de valorización dese residuo; analizar a posibilidade de ampliar este proxecto a outros barrios; analizar a posibilidade de que as persoas que mellor reciclen teñan no futuro algún tipo de incentivo.

O pleno debate a ampliación do estacionamento regulado con Zona Azul coa implantación de 69 novas prazas no centro carballés

INCLÚESE UN RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO DE 64.000 €

O pleno debate a ampliación do estacionamento regulado con Zona Azul coa implantación de 69 novas prazas no centro carballés

Venres 22 de xaneiro do 2016

A sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro inclúe entre os puntos da orde do día a aprobación inicial da ampliación do aparcamento regulado con Zona Azul no centro carballés, o que suporía a implantación dunha sétima fase con 69 novas prazas. Segundo consta na proposta do Xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, pintaríanse cinco novas prazas na marxe dereita da rúa Concepción Arenal; tres prazas na marxe dereita da rúa Gran Vía, entre os números 4 e 8; seis prazas na marxe dereita da rúa Vitoria; trece novas prazas na marxe esquerda da rúa Gravador Manuel Facal; catorce prazas na marxe dereira da rúa Carballo Calero entre a piscina municipal e o CEIP Bergantiños; 20 novas prazas na rúa Eduardo Pondal, tamén na contorna da piscina e do colexio Bergantiños; e por último, oito novas prazas entre os números 16 e 18 da rúa Perú, fronte ao bar Mai Tai. O principal motivo que a Policía Local sinala para ampliar a Zona Azul é a presenza de "vehículos ventosa" que están dende primeira hora da mañá ocupando os estacionamentos, o que "provoca un grande prexuízo aos comercios, veciños e visitantes, debido a que non poden estacionar nin facer paradas diante dos seus comercios ou domicilios para levar mercadorías ou obxectos". Así mesmo, Mosquera tamén subliña a necesidade de implantar a Zona Azul na contorna do colexio Bergantiños para favorecer o Plan de Mobilidade do Concello, xa que se implantarían as prazas nunha zona na que hai unha piscina, un pavillón deportivo e un centro de ensino, "polo que o movemento de turismos é constante".

Concello e Deputación asinan un convenio para desenvolver a terceira edición do festival de webseries Carballo InterPlay

ESTÁ PREVISTO QUE A CITA TEÑA LUGAR NO MES DE MAIO

Concello e Deputación asinan un convenio para desenvolver a terceira edición do festival de webseries Carballo InterPlay

Venres 22 de xaneiro do 2016

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, veñen de asinar na Coruña un convenio de colaboración para celebrar no mes de maio a terceira edición do festival internacional de contidos dixitais Carballo InterPlay (CIP). Audaz e novedoso, o CIP toma novos pulos coa sinatura deste acordo que axuda a construir, en verbas de Sanmartín "unha cita pioneira que converteu a Carballo en referente do audiovisual, non só en Galiza senón máis alá das nosas fronteiras. Orgúllanos participar nunha iniciativa ousada, que abre novos camiños e que é un encontro obrigado para moitas persoas do audiovisual que están a traballar en novas formas narrativas e con novos soportes". Á súa vez, Ferrero quizo destacar a relevancia do Carballo InterPlay como unha aposta pola nova creatividade que se converteu en foco de atención para o sector. Ademais de recoñecer o apoio da Deputación ao festival, o Alcalde carballés fixo fincapé na existencia de tres festivais internacionais no Concello que fan de Carballo un espazo de referencia en eventos singulares do ámbito cultural, en especial, con iniciativas innovadoras como este festival de webseries e novos formatos narrativos do audiovisual. Defendeu o Alcalde unha estratexia a través de iniciativas culturais e turísticas encamiñadas tamén á dinamización económica de sectores de grande relevancia na economía local como o comercio e a hostalería. A Deputación da Coruña financia, mediante o convenio, o Carballo Interplay cunha achega de 31.706 euros, un 36 por cento destinado ao desenvolvemento da actividade.

 O Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Entroido reparte máis de 7.000 euros entre premios e subvencións

INSCRICIÓNS DE COMPARSAS E CARROZAS ATÉ O 5 DE FEBREIRO

O Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Entroido reparte máis de 7.000 euros entre premios e subvencións

Venres 22 de xaneiro do 2016

Co obxecto de promocionar unha das festas tradicionais máis importantes no noso Concello, a Concellaría de Cultura de Carballo convoca un ano máis o Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Entroido, que terá lugar o domingo 7 de febreiro ás 18.00 horas e que transcorrerá polas rúas próximas á Praza do Concello. Como en anos anteriores, o concurso está dirixido tanto a adultos como a nenos e contempla diferentes modalidades de participación, individual, grupos, comparsas e carrozas, así como un premio especial ao Choqueiro de Bergantiños (participante que pode estar inscrito en calquera das categorías). Este ano, incrementouse a contía dos premios do concurso ata máis dos 7.000 € dos cales, case 4.000 € están destinados a gratificacións de 150 € ou 250 € por participar (aos 20 primeiros inscritos nas modalidades de carrozas ou comparsas), xa que un dos obxectivos principais do concurso é incentivar a participación; e máis de 3.000 euros aos 14 premios previstos. A inscrición poderá realizarse nas Oficinas do Pazo da Cultura, no caso de comparsas e carrozas do 25 de xaneiro ata o 5 de febreiro e a no do resto das categorías ata 1 hora antes do mesmo día do desfile (nese caso na Praza do Concello). Co obxecto de velar pola seguridade de participantes e espectadores, o Concello quere facer fincapé na importancia de respectar as medidas de seguridade, en especial, na construcción de carrozas.

Compartir: