Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo acolle as xornadas

DO 26 AO 30 DE XANEIRO NA CONTORNA DO ESPAZO NATURAL

Carballo acolle as xornadas "Baldaio, máis cerca" para conmemorar o Día Internacional dos Humidais

Xoves 21 de xaneiro do 2016

A Asociación Ambiental Senda Nova, coa colaboración do Concello de Carballo, organiza as xornadas "Baldaio, máis cerca" (os días 26, 28, 29, 30 e 31 de xaneiro), que inclúen unha serie de actividades de interpretación das parroquias que conflúen no territorio de Baldaio (Lema, Noicela, Rebordelos e Vilela) dentro da programación do III Inverno Ancestral de Senda Nova. Dende hai varios anos, a entidade vén organizando unha serie de xornadas para poñer en valor diferentes humidais da Costa da Morte coincidindo co 2 de febreiro, Día Internacional dos Humidais. Nesta data celébrase o momento no que se adoptou a Convención sobre os Humidais no ano 1971. Segundo explica Senda Nova, o humidal de Baldaio é un espazo vido a menos dende o punto de vista ecolóxico. A pesar diso e das diferentes problemáticas que presenta, este espazo natural carballés é un dos referentes dende o punto de vista ornitolóxico, recibindo migración de aves, sobre todo en época invernal. O mesmo humidal foi e é un territorio aproveitado económicamente dende hai anos dentro da profesión marisqueira. E ademais do factor ecolóxico e lúdico, cada unha das parroquias que integra Baldaio, ofrece importantes vestixios culturais cun importante patrimonio relixioso e castrexo en todo o territorio. Os faladoiros e saídas interpretativas incluidos nas xornadas son de balde e de participación libre, adaptando o xeito de mobilización ao volume de participación. A cita conta tamén coa colaboración da Asociación de Mariscadoras de Baldaio, A Asociación Cultural e Recreativa Baldaio o Grupo Naturalista Hábitat e Argazo Baldaio.

Aberto o prazo para participar no Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís que incrementa a contía dos premios a 2.300 €

PODEN PRESENTARSE OBRAS ATÉ O VENRES 12 DE FEBREIRO

Aberto o prazo para participar no Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís que incrementa a contía dos premios a 2.300 €

Mércores 20 de xaneiro do 2016

O Concello de Carballo informa de que está aberto o prazo para participar nunha nova convocatoria do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís que xa vai pola XVIII edición. Con este certame o Concello quere contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía, ademais de perpetuar o recordo do que foi animador cultural de Carballo a través dunha das súas afeccións, a fotografía. As obras presentaranse en branco e negro ou cor debendo ir montadas sobre cartón pluma ou soporte similar ríxido. Este ano incrementouse o importe total dos premios a 2.300 €, establecéndose un primeiro premio de 1.000 € e diploma, un segundo de 500 € e diploma, e o Premio Especial Carballo dotado con 500€ e diploma á mellor fotografía que faga referencia directa ao municipio de Carballo e en calquera dos seus aspectos e así o indique; ademais o xurado poderá conceder accésits por un importe de 300 €. As obras entregaranse en sobre pechado e estarán asinadas cun pseudónimo, non podendo figurar nelas o nome do autor. O prazo de entrega das obras remata o venres 12 febreiro e poden entregarse no Rexistro do Concello de Carballo ou preferiblemente no Rexistro auxiliar do Pazo da Cultura. Os interesados en solicitar máis información, deben dirixirse ás Oficinas de Cultura no 1º andar do Pazo da Cultura (981 704 300) ou consultar as bases máis abaixo nesta mesma nova, en galego e castelán. A imaxe da nova correspóndese coa imaxe gañadora en 2015.

Aprobación definitiva no pleno para os presupostos xerais do Concello para o exercicio 2016 trala resolución de alegacións

O OBXECTIVO É QUE AS CONTAS ENTREN EN VIGOR CANTO ANTES

Aprobación definitiva no pleno para os presupostos xerais do Concello para o exercicio 2016 trala resolución de alegacións

Luns 18 de xaneiro do 2016

A corporación carballesa vén de celebrar un pleno extraordinario da corporación no que o único punto da orde do día foi a resolución de alegacións e a aprobación definitiva do Presuposto xeral da corporación para o exercicio 2016. Así, un funcionario municipal pertencente ao corpo da Policía Local presentou unha alegación por non figurar nos orzamentos a praza de Inspector principal. Todos os grupos políticos manifestaron durante as súas intervencións o seu acordo en que a alegación debe ser desestimada, xa que, segundo o informe de Secretaría e Intervención non se axusta a ningún dos supostos polos que uns orzamentos poden ser impugnados. Porén, os grupos da oposición reiteraron o seu desacordo co contido dos presupostos, polo que as contas recibiron a súa aprobación definitiva cos once votos a favor do grupo de goberno, a abstención do grupo municipal do PP e os votos en contra de PSOE e TEGA. O Alcalde, Evencio Ferrero, reiterou durante a sesión, de apenas un cuarto de hora de duración, que o obxectivo da celebración deste pleno é o de que o orzamento entre en vigor o antes posible, polo que se decidiuse convocalo á maior celeridade unha vez realizados os informes por parte dos técnicos municipais respecto da alegación presentada. Hai que lembrar que o goberno carballés presenta un presuposto para 2016 que reflicte un importe total que equipara os ingresos e gastos en 24.409.648,78 euros, cuns investimentos reais que supoñen un 22 por cento do total e ascenden a 5.382.716,25 euros. A información detallada sobre as contas pode obterse clicando aquí.

Xa no Museo de Bergantiños o almanaque do Concello para 2016 con novas obras de

OS CALENDARIOS PODEN RECOLLERSE DE BALDE NO HORARIO HABITUAL

Xa no Museo de Bergantiños o almanaque do Concello para 2016 con novas obras de

Luns 18 de xaneiro do 2016

A Concellaría de Promoción Económica e Turismo que dirixe Xosé Regueira informa de que xa está dispoñible de forma gratuíta para todos os veciños e veciñas que o desexen o almanaque promocional do Concello de Carballo para 2016. Desta volta, o calendario recolle imaxes de moitos dos murais da iniciativa "Derrubando muros con pintura", nomeadamente aqueles que non aparecían no do ano pasado, como, por exemplo, as obras do festival Rexenera Fest. Con moitas das obras fixéronse orixinais composicións de imaxes para ilustrar cada mes do ano. A listaxe dos autores que aparecen e as localizacións -por orde de mes, de xaneiro a decembro- son as seguintes: Fórum Carballo, rúa do Xílgaro, Aryz; rúa Fomento, Nómada; Fórum Carballo, rúa Luís Braille, Bordalo II; Rúa Gran Vía, Pixel Pancho; Rúa Xílgaro, Dulk; Piscina Municipal, rúa Carballo Calero, Lola Oviedo; Piscina Municipal, rúa Vila de Noia, Alejandra Martínez; CEIP Fogar, rúa Vila de Noia, Laura Tova; CEIP Bergantiños, rúa Carballo Calero, Rachelle Cavallo; CEIP Xesús San Luís Romero, rúa Fotógrafo Xosé Vidal, Cristina Castro; IES Alfredo Brañas, avenida de Bergantiños, Emi de las Heras; rúa Vila de Negreira, O'Mighelo. As persoas interesadas en ter un exemplar poden recollelo de balde ata fin de existencias no Museo de Bergantiños no seu horario habitual. Máis información no propio Museo situado na rúa Martín Herrera nº 8, no teléfono do Museo, o 981 702 077, ou en .

A corporación celebra un pleno extraordinario para resolver alegacións e aprobar definitivamente os orzamentos de 2016

O OBXECTIVO É QUE AS CONTAS ENTREN EN VIGOR O ANTES POSIBLE

A corporación celebra un pleno extraordinario para resolver alegacións e aprobar definitivamente os orzamentos de 2016

Venres 15 de xaneiro do 2016

A corporación carballesa celebra o luns 18 de xaneiro un pleno extraordinario da corporación no que o único punto da orde do día é a resolución de alegacións e a aprobación definitiva do Presuposto xeral da corporación para o exercicio 2016. Así, un funcionario municipal pertencente ao corpo da Policía Local presentou unha alegación por non figurar nos orzamentos a praza de Inspector principal. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, se ben é certo que a lei estipula que os concellos de máis de 20.000 habitantes deben contar con este posto na RPT, as circunstancias actuais do propio Estado establecen limitacións á contratación, ademais de que na Mesa de negociación de persoal celebrada antes da elaboración das contas ningún dos sindicatos representados fixo referencia a esta demanda, nin este ano nin en anos anteriores. En todo caso, Ferrero tamén explica que a lei recolle tres supostos para impugnar uns presupostos e dado que a alegación non se axusta a ningún destes requirimentos, desestimouse, en verbas do Alcalde, "en base a criterios orzamentarios". Respecto do horario para celebrar o pleno, as 14.00 horas, Ferrero sinala que se fixo para respectar tamén os horarios do personal non político do Concello, que xa ten que traballar o luns 25 pola noite durante a celebración do pleno ordinario. En todo caso, segundo explica a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, "o noso obxectivo e o dos servizos económicos é que o orzamento entre en vigor o antes posible", de aí a celeridade e a convocatoria dunha sesión extraordinaria para aprobar as contas de forma definitiva.

O Concello envía a proposta para participar na estratexia de fondos europeos DUSI con proxectos por valor de seis millóns de euros

FINANCIARANSE ACTUACIÓNS DE DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello envía a proposta para participar na estratexia de fondos europeos DUSI con proxectos por valor de seis millóns de euros

Venres 15 de xaneiro do 2016

O Concello remitiulle á Unión Europea o mércores 13 de xaneiro a estratexia "DUSI: un Carballo sostible para todos" para poder optar ao financiamento de iniciativas de desenvolvemento urbano sostible e integrado no municipio. O marco da convocatoria europea é o de crear unha cidade limpa, sostible e inclusiva de cara ao ano 2022. Para conseguilo, a estratexa xira arredor de retos económicos, ambientais, climáticos, demográficos e sociais, con obxectivos como acadar a igualdade entre homes e mulleres, o desenvolvemento sostible, mellorar a accesibilidade, mudar a demografía e paliar os efectos do cambio climático. A proposta do Concello de Carballo ten un importe total de seis millóns de euros e consta dun expediente de 108 páxinas para defender as propostas e optar aos fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Segundo sinala o Alcalde, Evencio Ferrero, este ano mudaron as condicións da convocatoria, polo que Carballo concorre por primeira vez xunto con todos os concellos galegos de máis de 20.000 habitantes, incluíndo as grandes cidades, o que fai que sexa "moito máis dificíl optar aos fondos". Porén, Ferrero explica que a proposta presentouse incluíndo todas as áreas posibles e atendendo ao maior número de necesidades do Concello co obxectivo de acadar a maior puntuación posible e coa arela de que, se non pode conseguirse financiamento para todas as áreas e polo importe máximo de seis millóns, alomenos sexa posible desenvolver algúns dos proxectos incluídos, xa que, resalta, "todos son necesarios".

Volven os Venres Culturais con vinte citas musicais, teatrais, artísticas e audiovisuais para poñerlle as pilas a Carballo

ENTRE O 29 DE XANEIRO E O 18 DE MARZO

Volven os Venres Culturais con vinte citas musicais, teatrais, artísticas e audiovisuais para poñerlle as pilas a Carballo

Venres 15 de xaneiro do 2016

Un total de 20 citas teatrais, musicais, artísticas e mesmo audiovisuais compoñen os Venres Culturais 2016, un programa, segundo sinala o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, "xa consolidado" na vida cultural de Carballo e que desta volta inclúe 20 citas no Pazo da Cultura e na Biblioteca Rego da Balsa entre o 29 de xaneiro e o 18 de marzo. A parte máis importante do programa a compoñen os doce espectáculos que acolle o auditorio do Pazo da Cultura e que se reparten entre música e teatro, os venres ás 21.00 horas, e o ciclo En Familia para o público familiar os domingos ás 18.00 horas. Variedade de propostas para todos os públicos que, en verbas de Trigo, "fan de Carballo un referente dende o punto de vista cultural". No que respecta á programación teatral, desta volta hai un total de cinco propostas, catro galegas e unha chegada dende Aragón. E de entre as galegas hai que subliñar a estrea o 29 de xaneiro da obra "Os amores de Jacques o fatalista", unha proposta de PT Excéntricas creada e dirixida por Quico Cadaval. A compañía escolleu unha vez máis Carballo para a posta de largo do seu espectáculo baseado nunha novela de Diderot. Excéntricas realizarán, ademais, unha pequena residencia artística no Pazo da Cultura durante a semana da estrea, xa que empregarán o auditorio para ultimar todos os detalles da súa proposta. Tamén galegos son os tres intérpretes da nova compañía "A Panadaría", con moi boas críticas do seu espectáculo "Pan! Pan!", do que poderemos gozar en febreiro.

O Concello solicita varias melloras en centros de ensino do municipio e intermedia pola consecución da xornada única

O ALCALDE REUNIUSE CO XEFE TERRITORIAL DE EDUCACIÓN

O Concello solicita varias melloras en centros de ensino do municipio e intermedia pola consecución da xornada única

Xoves 14 de xaneiro do 2016

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de manter na Coruña unha xuntanza co Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana Leira, acompañado de representantes da comunidade educativa do CEIP Gándara-Sofán, nomeadamente da ANPA, na que se abordaron varios asuntos, incluíndo a reivindicación por parte das nais e pais do centro da implantación da xornada única. Durante preto de hora e media falouse das posibles solucións para satisfacer esta demanda que afecta ao conxunto dos centros de ensino do municipio. Así, segundo explica o Alcalde, a complexidade do deseño do transporte escolar fai que para poder implantar a xornada única nun centro sexa necesario que se busque unha solución conxunta para todos, incluíndo aqueles que aínda non a teñen, como son o CEIP Bergantiños, o CEIP Gándara-Sofán e o CEIP Nétoma-Razo. Ferrero sinalou que as propostas están "ben encamiñadas" pero que, unha vez realizadas, terán que ser ratificadas polas familias, que deberán efectuar unha votación na que exista unha elevada representación, así como unha elevada maioría que apoie a implantación da xornada única nos centros que faltan. En todo caso, o horizonte temporal sería que a nova xornada comece a funcionar no próximo curso 2016-2017, polo que nas próximas semanas as comunidades educativas dos centros afectados darán pasos e realizarán novas mobilizacións de cara á consecución deste obxectivo.

Inundacións e incidencias en distintos puntos do municipio por mor das fortes choivas na noite do mércores 13 de xaneiro

INCIDENCIAS EN ARDAÑA, RUS E ENTRECRUCES

Inundacións e incidencias en distintos puntos do municipio por mor das fortes choivas na noite do mércores 13 de xaneiro

Xoves 14 de xaneiro do 2016

Protección Civil informa de varias incidencias na madrugada do mércores 13 ao xoves 14 de febreiro como consecuencia da forte treboada rexistrada pasadas as 0.00 horas e tamén polas fortes choivas que se produciron durante a noite. Así, no nº 23 da Cesta, en Ardaña, inundouse unha vivenda, aínda que non foi necesario evacuar aos seus habitantes grazas á rápida intervención dos bombeiros, que coa axuda de bombas conseguiron retirar a agua con moita celeridade. Na estrada DP-1914 entre Carballo e Santiago, á altura de Taboada en Entrecruces, houbo un desbordamento dos regos e foi necesario colocar a sinalización correpondente. En Canosa-Rus, en Pontenova e Braña de Erbecedo tamén se cortou a estrada, neste caso a DP-1912, polo desbordamento do río Grande, aínda que nestes momentos xa está aberta ao tráfico. En Pexo, parroquia de Rus, tamén foi necesario cortar a estrada, neste caso a DP-1911; e a DP-1902 está sinalizada con balizas á altura do rego de Seoane en dirección a Razo. Dende Protección Civil tamén informan de numerosas chamadas por parte da veciñanza para denunciar incidencias relacionadas con canalóns e sumidoiros, fundamentalmente debido á tromba de auga rexistrada pasada a medianoite, que supuxo moita choiva nun período moi curto de tempo, o que desbordou a rede de pluviais. En todo caso, a predición de Meteogalicia sinala a chegada dun anticiclón o venres 15 de xaneiro que en principio traerá tempo calmo e seco até o domingo 17. Aínda así, Protección Civil recomenda precaución aos veciños e veciñas.

Escritores como Manuel Rivas, contacontos, faladoiros, documentais ou o Entroido visitan a Biblioteca Rego da Balsa

PROGRAMA COMPLETO PARA O PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO

Escritores como Manuel Rivas, contacontos, faladoiros, documentais ou o Entroido visitan a Biblioteca Rego da Balsa

Mércores 13 de xaneiro do 2016

Xa está listo o programa de actividades da Biblioteca Rego da Balsa para o primeiro trimestre de 2016. Como ao longo de todo o ano 2015, os faladoiros, as proxeccións, os contacontos infantís e os libros serán os protagonistas, aínda que tamén teremos a segunda edición do concurso fotográfico "Biblionamórame", obradoiros de maquillaxe e máscaras polo Entroido, varias actividades de promoción da natureza coa Asociación Ambiental Senda Nova e contaremos coa colaboración dos usuarios e usuarias da Biblioteca co ciclo "Pais e nais contan". Ademais, unha das novidades é que a partir de agora as sesións de contacontos duplican horario para atender a máis nenos e nenas. Analizando as actividades polo miúdo e comezando polos libros, a primeira visita e tamén unha das máis esperadas é a de Manuel Rivas o xoves 28 de xaneiro para presentar o seu último traballo "O último día de Terranova". O autor galego contará as claves desta emocionante historia que fala de persecucións, libros prohibidos e contrabandistas de cultura. Xa a finais de febreiro, outro dos libros protagonistas é "Saudade" de Fernando Fernández Rego, un volume que afonda na vida de Andrés do Barro, músico que levou o pop galego ao máis alto das listas de éxitos en España. Por último, en marzo, agardan outros dous interesantes libros, por un lado, o libro de receitas "Cociña II" de André Arzúa; e por outro, os micro relatos "A Celeste la compré en el rastrillo" e "Sobrevivindo" de Arantxa Portabales Santomé, que tamén representará as súas historias.

Compartir: