Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O río Anllóns está desbordado ao seu paso pola capital municipal e Protección Civil pecha o acceso ao Bosque e ao San Martiño

TAMÉN HAI CORTES PUNTUAIS EN ESTRADAS EN RUS E ARDAÑA

O río Anllóns está desbordado ao seu paso pola capital municipal e Protección Civil pecha o acceso ao Bosque e ao San Martiño

Venres 8 de xaneiro do 2016

A alerta laranxa por choiva e vento nas últimas horas ten provocado varios asolagamentos en todo o territorio municipal que implican cortes de estradas nas parroquias de Rus e Ardaña e tamén o precintado para pechar tanto o Bosque do Añón como o San Martiño da capital municipal por parte de Protección Civil. Así, as forzas de seguridade prohiben aos veciños e veciñas que se acheguen a estes dous puntos da vila xa que o río está desbordado ao seu paso por Carballo dende Bértoa por toda a canle da corrente. Respecto dos cortes de estradas en Ardaña e Rus, no primeiro caso está pechada a DP-1912 (entre Coristanco e Rus) dende Canosa a Ardaña de Erbecedo polo desbordamento do río Grande. Inundacións xeradas por este mesmo río tamén provocaron que estea cortado o acceso aos lugares de Noví e A Cesta. En Rus, está cortado o acceso en dirección a Soutullo dende a DP-1914 (estrada de Carballo a Santiago) e tamén o acceso dende a DP-1911. Tanto o Concello como as forzas de seguridade recomendan precaución aos veciños e veciñas, con medidas básicas recollidas por Protección Civil como, en caso de circular por estrada, afastarse de pontes, torrentes ou zonas con perigo de asolagamento así como evitar estacionar os vehículos preto das ribeiras dos ríos. Nas vivendas, recoméndase non baixar aos sotos nin permanecer moito tempo en zonas de baixo nivel. Aínda que a situación remite o venres 8 pola tarde, a alerta por choiva volve a estar en nivel amarelo o sábado a partir das 12.00h, con alerta laranxa por ventos na costa e ondas de ata sete metros no mar.

O Concello realiza labores de limpeza no río Anllóns ao seu paso por Carballo para evitar problemas na súa canle

OS TRABALLOS REQUIRIRON AUTORIZACIÓN DE AUGAS DE GALICIA

O Concello realiza labores de limpeza no río Anllóns ao seu paso por Carballo para evitar problemas na súa canle

Xoves 7 de xaneiro do 2016

O Concello de Carballo vén de efectuar en días pasados labores de limpeza no río Anllóns ao seu paso por Carballo para retirar, segundo explica o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, certos "tapóns" que obstruían a canle e que podían presentar algún problema ao dificultar o desaugadoiro e o normal transcurso do río. Os traballos desenvolvéronse dende a entrada da corrente na capital municipal polo Bosque do Añón até o Muíño do Quinto e requiriron da autorización expresa de Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, para poder levarse a cabo. En todo caso, hai que mencionar que a administración local realiza de cotío labores de limpeza nos ríos do municipio para evitar problemas, nomeadamente en épocas coma esta, de abundantes choivas. Ademais, o Concello tamén participa habitualmente en iniciativas domo o Proxecto Ríos, organizado pola Asociación ecoloxista Adega e que en Carballo conta tamén coa colaboración da Asociación ambiental Senda Nova. En 2015 a limpeza, na que participaron simultaneamente 45 concellos de toda Galicia, tivo lugar no Rego da Balsa, contou coa axuda de un total de 13 voluntarios e voluntarias, incluíndo nenos e nenas, e supuxo a retirada dun total de 50 quilos da canle, con refugallos de todo tipo nos que abondaron, como case sempre, os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos, etc.). O Concello solicita a colaboración de toda a cidadanía, a través de Carballo Limpo, para manter os nosos ríos nas mellores condicións e agradece a colaboración prestada.

Aberto até o luns 8 de febreiro ás 14.00 horas o prazo para presentar ofertas para optar á xestión do Ciclo Integral da Auga

O PERÍODO DE DURACIÓN DO CONTRATO É DE 20 ANOS

Aberto até o luns 8 de febreiro ás 14.00 horas o prazo para presentar ofertas para optar á xestión do Ciclo Integral da Auga

Luns 4 de xaneiro do 2016

O Concello de Carballo mantén aberto até o luns 8 de febreiro ás 14.00 horas -hora límite tanto para as propostas recollidas no Rexistro Xeral do Concello como para as consignadas a través do servizo de correos- o prazo de presentación de ofertas para optar ao "Contrato de xestión do servizo público, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o Ciclo Integral da Auga do Concello de Carballo". O anuncio saíu publicado por última vez no Boletín Oficial do Estado (BOE) do 29 de decembro de 2015 e o prazo para optar á contratación é de 40 días naturais. O importe do contrato ascende a 49.146.070,87 euros (IVE incluído) por un prazo de 20 anos (recolléndonse cinco de prórroga previo acordo das partes). O prego de condicións establece un canon base de dous millóns de euros, e as empresas terán a oportunidade de incrementalo, de tal forma que, a maior importe da oferta, máis puntos sumarán. Entre os servizos que asumirá a empresa adxudicataria está o de mantemento, inspección, limpeza e xestión das redes de sumidoiros, o de saneamento e de medio ambiente, o de recollida e utilización de augas residuais e desperdicios, o de retirada e tratamento de augas residuais, os relacionados con fosas sépticas, o de baleirado de pozos negros e fosas sépticas, servizos hidrográficos e de estudos hidrográficos, de distribución de auga e auga potable, de explotación dunha planta depuradora de auga, de explotación e subministro de auga ou o servizo de lectura de contadores. Máis información sobre o prego de condicións, no Perfil de Contratante do Concello, clicando aquí.

 Os Reis Magos de Oriente chegan a Carballo na tradicional Cabalgata que remata cunha recepción na Praza do Concello

VISITAN TAMÉN DEZ PARROQUIAS DO MUNICIPIO

Os Reis Magos de Oriente chegan a Carballo na tradicional Cabalgata que remata cunha recepción na Praza do Concello

Luns 4 de xaneiro do 2016

O Concello de Carballo e a Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude organizan a tradicional Cabalgata de Reis que percorre o martes 5 de xaneiro as principais rúas da capital municipal. O itinerario inclúe a chegada dos Reis Magos ás 17.00 horas ao Centro Comercial Bergantiños-Gadis, de onde está previsto que as súas Maxestades saian ás 17.30 horas. Despois do percorrido, os Reis Magos dirixiranse á carpa situada na Praza do Concello, onde recibirán persoalmente aos cativos e cativas. A chegada á Praza do Concello está prevista para as 19.30 ou 20.00 horas, aproximadamente, aínda que dependendo das condicións meteorolóxicas podería ser antes ao axilizarse o percorrido. Mentres esperan aos Reis Magos, os nenos e nenas que o desexen poderán gozar de animación de rúa na Praza do Concello a partir das 18.30 horas con actividades de globoflexia e xogos ata a chegada da cabalgata debaixo da carpa habilitada diante da Casa do Concello. A cita conta co patrocinio do Concello de Carballo e a colaboración do CCB-Gadis e La Caixa, que achegan os 500 quilos de caramelos que se repartirán durante o percorrido. Así mesmo, está prevista a colaboración de Protección Civil de Carballo, a Policía Local, a Brigada de Obras, Automóbiles Caeiro -que cede os vehículos que levan as carrozas- e Alquileres Reneymar -que achega un camión para a cabalgata e instalará calefactores baixo a carpa onde terá lugar a recepción dos Reis.

O sábado 2 de xaneiro podedes facer as vosas compras en Carballo até as 23.00 horas con SemecachaDEScóntovos

MERCARTE CONTINÚA TAMÉN OS DÍAS 2 E 3 DE XANEIRO

O sábado 2 de xaneiro podedes facer as vosas compras en Carballo até as 23.00 horas con SemecachaDEScóntovos

Mércores 30 de decembro do 2015

O sábado 2 de xaneiro os establecementos comerciais que participan na campaña "SemecachaDEScóntovos" abren até as 23.00 horas para facilitar que os veciños e veciñas realicen as súas compras de Reis. Así mesmo, o segundo andar do Mercado Municipal contará con obradoiros, contacontos e actividades infantís para nenos e nenas de 17.00 a 21.00 horas para facilitar as compras das nais e pais, e ademais, haberá animación de rúa con maxia ou teatro nas tendas, que ofrecerán tamén un ágape aos clientes e clientas. Os encargados da animación de rúa serán Fol de veneno, mentres que nas tendas a clientela poderá atopar ao Mago Álex ou á compañía de teatro carballesa Galeatro. Por último, xunto cos obradoiros no Mercado, Mercarte, a feira de arte e artesanía que acolle o traballo dos creadores e creadoras de Carballo e a contorna, volve o sábado 2 e o domingo 3 de xaneiro prolongando a súa andaina outros dous días. En Mercarte participan 21 artistas que ofrecen nos seus postos dende pezas de xoiería ata obxectos para nenos e nenas ou bebés, pezas de barro ou, por suposto, cadros e pinturas. O horario de mañá será de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas pola tarde. E non esquezades que segue aberto o prazo para participar no concurso de Facebook #semecachaDEScóntovos. Buscade ao noso rato, subide as vosas fotos feitas nas tendas da campaña e gañade un desconto do 50% nas vosas compras! Poderedes canxealo até finais de marzo. Toda a info e a ligazón para participar, aquí.

O Nadal Pequespectacular continúa esta semana con monicreques, teatro e danza no Pazo da Cultura

LUNS 28, MARTES 29 E MÉRCORES 30 DE DECEMBRO ÁS 18.00 HORAS

O Nadal Pequespectacular continúa esta semana con monicreques, teatro e danza no Pazo da Cultura

Luns 28 de decembro do 2015

A programación do Nadal Cultural 2015 do Concello de Carballo céntrase esta semana con varias actividades destinadas ao público familiar no marco do Nadal Pequespectacular, con tres citas moi diversas pero tamén moi divertidas nas que atopamos teatro, música, títeres e danza. O luns 28 a compañía Monicreques de Kukas presenta "A frauta máxica no maxín". O mestre Mozart soña e crea a música para o libreto dunha ópera. Comeza así unha versión da famosa "A frauta máxica", que cunha coidada posta en escena, grazas a marionetas de fíos e títeres, con música en directo a cargo do grupo Zoar Ensemble, é toda unha sorpresa para os máis cativos. O martes 29, a compañía catalá Engruna Teatre presenta "Código Postal 00", espectáculo que se desenvolve nunha oficina de correos, onde tres carteiras irán abrindo as cartas e os paquetes que van chegando, e, pouco a pouco, descubrirán unha infinidade de historias de amor, de viaxes, de segredos, etc. A través da música e de títeres os espectadores viaxarán por mundos distintos cheos de maxia e de soños incribles. E a programacion infantil remata o mércores 30 coa compañía valencia La Coja Dansa que presenta "Escondite". A aventura de dous pais que buscan á súa filla, que desapareceu voando nun globo acompañada polo seu amigo imaxinario. Pouco a pouco, van visitando os seus espazos segredos, lugares fantásticos onde se refuxian da vida cotiá. Excelentes coreografías, animacións en vídeo e un repertorio musical creado exclusivamente para este espectáculo de danza.

O Concello pon en marcha

A CAPITAL MUNICIPAL TEN PRETO DE 1.900 APARCADOIROS GRATUÍTOS

O Concello pon en marcha

Mércores 23 de decembro do 2015

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Mobilidade que dirixe Milagros Lantes, pon en marcha a campaña "Apárcate en Carballo", unha iniciativa que pretende favorecer que os veciños e veciñas do municipio, pero tamén os visitantes habituais e ocasionais da vila, tanto de poboacións limítrofes, como da Costa da Morte, coñezan as vantaxes que teñen á hora de achegarse á vila tanto para realizar as súas xestións como as súas compras. Para iso repartiranse 10.000 exemplares dun díptico despregable no que aparecen todas as áreas de estacionamento gratuítas de Carballo, que ofrecen un total de 1.897 prazas en bolsas de aparcadoiros a menos de 10 minutos a pé do centro da vila, ademais de 431 prazas de Zona Azul nas principais vías comerciais e 78 prazas para persoas discapacitadas en 50 rúas do casco urbano. Así mesmo, inclúese un plano do Metrominuto, un mapa que indica a distancia que hai entre dous puntos da capital municipal e o tempo que se tarda en percorrelas a pé. Ademais, en distintos puntos da vila hai indicadores para poder orientarse co metrominuto. Por último, o díptico recolle dez motivos polos que a xente debe "aparcarse" en Carballo para realizar tanto xestións administrativas ou de negocios como actividades de ocio, culturais, deportivas, para participar das feiras ou mesmo para relaxarse ou probar o famoso pan de Carballo. O díptico será distribuído nos principais edificios públicos e zonas comerciais da capital municipal e estará a disposición de todos os veciños e veciñas e visitantes.

O Concello prepara o

RECOLLERANSE IDEAS ATÉ O LUNS 28 DE DECEMBRO

O Concello prepara o

Mércores 23 de decembro do 2015

Os voceiros de todos os grupos políticos municipais veñen de manter unha xuntanza na que se abordou a participación de Carballo na Estratexia de fondos europeos "DUSI (Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) - Carballo Sostible e para todos". Trátase dunha proposta para crear unha cidade limpa, sustentable e inclusiva, na que todos os seus habitantes poidan gozar dela tendo como data límite o ano 2022. Para iso, articularanse actuacións ao redor de retos económicos, ambientais, climáticos, demográficos e sociais. Así, entre outras, buscaranse medidas para o fomento do emprego e o impulso dos emprendedores e emprendedoras, mellorarase o acceso ás novas tecnoloxías da información e da comunicación, implantarase un Plan de Mobilidade Urbana sustentable, buscarase a mellora da eficiencia enerxética e promoverase unha rede comercial e de empresas baixa en carbono, crearase un programa de protección do medio ambiente e do patrimonio, crearanse plans para mellorar a calidade do aire e reducir o ruído urbano ou favorecer a inclusión dos colectivos menos favorecidos. Como parte da EDUSI, o Concello de Carballo tamén pide a colaboración de toda a veciñanza a través dunha campaña para recoller as súas opinións. Baixo o lema "Opina e constrúe o Carballo do futuro" anima aos veciños e veciñas a que participen até o luns 28 de decembro a través do correo , en Facebook clicando aquí ou no Twitter co hashtag #carballodofuturo.

Luz verde ao contrato de subministro dun furgón para o Centro de Formación e para un convenio de mantemento da UAD

CONCESIÓN DAS AXUDAS DE ESTUDOS PARA O CURSO 2015/16

Luz verde ao contrato de subministro dun furgón para o Centro de Formación e para un convenio de mantemento da UAD

Luns 21 de decembro do 2015

A Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo reunida en sesión ordinaria vén de dar luz verde á adxudicación do contrato de "Subministro dun vehículo furgón destinado ao Centro Municipal de Formación do Concello de Carballo", con sede no edificio do Fórum Carballo. A mellor oferta foi a presentada pola empresa Automóviles y recambios de La Grela SA por 24.913,90 euros (IVE engadido) sobre un prezo de licitación de 26.000 euros. O prazo de entrega do vehículo será de 20 días naturais a partir do día seguinte ao da sinatura do contrato. O prazo de garantía será dun ano e o adxudicatario comprométese a achegar as seguintes melloras sen prezo adicional: motorización de 2.000 cm3 e de 130 CV; emisións CO2 de 183 gr/Km; carga útil de 824 quilos; unha roda de reposto de tamaño normal; control de velocidade e autorradio mp3. No apartado de convenios, a sesión supuxo a adhesión a un acordo de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a realización de programas de atención e protección da saúde, que neste caso irán destinados ao mantemento da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Carballo. A UAD realizará labores de prevención, prescrición, diagnóstico, rehabilitación e de educación para a saúde en coordinación co sistema de servizos sociais.

O Nadal Pequespectacular arrinca co espectáculo

SÁBADO 26 DE DECEMBRO NA PRAZA DO CONCELLO: DE BALDE

O Nadal Pequespectacular arrinca co espectáculo "Onde está o Mago Antón?" con aparicións, mentalismo ou cartomaxia

Luns 21 de decembro do 2015

O sábado 26 de decembro terá lugar a primeira das actividades do Nadal Pequespectacular, neste caso na Praza do Concello, co Mago Antón. Logo de máis dunha ducia de anos producindo espectáculos e eventos de maxia de grande formato e facendo só puntuais intervencións en escenarios, o Mago Antón volta á primeira liña da escena para presentar o seu novo espectáculo "Onde está o Mago Antón?" Esta nova produción supon un retorno ás orixes das artes escénicas deste gran mago galego, cun espectáculo caracterizado pola recuperación e renovación dalgún dos seus primeiros números da súa carreira -entre outros a ventriloquía coa presenza do boneco Facundo- e a incorporación das súas últimas e novidosas creacións nas distintas especialidades máxicas: aparicións, transformacións, mentalismo, manipulacións, cartomaxia, etc. Corenta e cinco minutos de espectáculo para todos os públicos, especialmente indicado para as familias completas dende cativos a avós, e no que se sucederán a un ritmo trepidante ducias de xogos de maxia, creados polo Mago Antón dentro do Magomóbil, un vehículo moi especial cargado de ilusión e diversión. O sistema de acceso é de balde. Todas aquelas persoas que queiran asistir a calquera das sete funcións que se desenvolverán ao longo da xornada do sábado (ás 12.00, 13.00, 16.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas) deberán achegarse ao 1º andar do Pazo da Cultura e reservalas.

A Policía Local habilita un dispositivo especial de seguridade durante o Nadal entre o 19 de decembro e o 6 de xaneiro

CENTRARASE NAS ZONAS DE MAIOR TRÁNSITO COMERCIAL E DE VEHÍCULOS

A Policía Local habilita un dispositivo especial de seguridade durante o Nadal entre o 19 de decembro e o 6 de xaneiro

Sábado 19 de decembro do 2015

A Policía Local de Carballo pon en marcha un dispositivo especial de vixilancia durante as festas de Nadal no que estarán implicadas todas as patrullas que comezará a desenvolverse o sábado 19 de decembro e que durará até o mércores 6 de xaneiro. A Concelleira de Policía e Seguridade, Milagros Lantes, en colaboración co Xefe da Policía Local e o Comandante da Garda Civil de Carballo, deseñou un plan para estas datas que se centra no control dos barrios e rúas nos que se desenvolve unha maior actividade comercial, e onde de cotío se concentran grandes grupos de persoas e de vehículos. Entre os obxectivos da iniciativa está o de favorecer a mobilidade, axilizar o tráfico e informar das mellores alternativas, tanto para circular como para atopar estacionamento. Desplegaranse controis de seguridade cidadá e haberá patrullas polas zonas de maior afluencia, nas que se procurará garantir a seguridade en convivencia pacífica ante actos delictivos ou posibles altercados como pelexas, pequenos roubos ou comisión de actos vandálicos. O obxectivo será sempre conseguir que se produzan o menor número de incidencias posibles e que, as que sexan inevitables, se solucionen canto antes. Segundo informa a Policía Local, prestarase especial atención aos controis de alcolemia, polo que se realizarán controis en distintas zonas do municipio, nomeadamente pola noite e nas zonas de ocio. Estes controis tamén servirán para verificar a documentación dos condutores e vehículos. Está previsto, así mesmo, efectuar controis de velocidade, outro dos factores que máis incide nos accidentes de tráfico.

Compartir: