Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Obra Social

AS ASOCIACIÓNS SON CÁRITAS, AFABER, ASPABER, VIEIRO E UN PASO MÁIS

A Obra Social

Venres 18 de decembro do 2015

A Obra Social "la Caixa" achega un total de 27.600 euros para colaborar con seis proxectos sociais para beneficiar a veciños e veciñas de Carballo e a súa contorna. Afaber, Vieiro, Un paso máis, Aspaber, Cáritas e os Servizos Sociais do Concello de Carballo repartiranse esta cantidade para realizar "un traballo non sempre visible, pero fundamental", en verbas do Director de área de negocio de "la Caixa" na Coruña, José Manuel Caamaño. Afaber destinará 4.800 euros ao desenvolvemento do programa "Paraugas alzheimer"; Vieiro outros 4.800 ao desenvolvemento de programas de prevención e de loita contra a drogadicción; Un paso máis 3.000 euros para realizar actividades a prol da integración e do deporte adaptado; Aspaber 5.000 euros para realizar reformas nas cociñas das instalacións; Cáritas 3.000 euros para axudar ás persoas máis necesitadas; e os Servizos Sociais do Concello 7.000 euros para axudar a colectivos en risco de exclusión social. Caamaño manifestou, como veciño de Cee, sentirse "orgulloso" de poder facer entrega oficial destas axudas e quixo agradecer no seu nome, e no de todos os seus compañeiros e compañeiras o traballo das entidades confiando en que estas achegas "vos fagan máis levadeiro o día a día". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, agradeceu que por segundo ano consecutivo la Caixa colabore en Carballo con "entidades que traballan por facer unha sociedade máis xusta" e, nomeadamente, "cos Servizos Sociais do Concello para seguir atendendo tantísimas necesidades".

O Concello e Cruz Vermella animan á veciñanza a doar xoguetes para as familias necesitadas e a reciclar os que xa non serven

INSTAN A RECICLAR NO PUNTO LIMPO E A CEDER OS NOVOS E SEMINOVOS

O Concello e Cruz Vermella animan á veciñanza a doar xoguetes para as familias necesitadas e a reciclar os que xa non serven

Xoves 17 de decembro do 2015

O Concello -a través de Carballo Limpo- e a Asemblea Local de Cruz Vermella unen esforzos este Nadal para mellorar os índices de reciclaxe e recollida de residuos e tamén para conseguir que ningún neno quede sen xoguetes estas festas. Así, a administración local anima a que a veciñanza ceda xoguetes novos -e non bélicos- para que sexan repartidos entre as familias máis necesitadas a través de Cruz Vermella Carballo. Os interesados en realizar doazóns só teñen que achegarse á sede da entidade, situada na rúa Vázquez de Parga, nº 119, nas antigas vivendas dos mestres, de luns a xoves en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas antes do martes 22 de decembro. Por outro lado, ademais de animar a participar nesta campaña solidaria, o Concello tamén insta aos veciños e veciñas a que deixen os xoguetes vellos ou rotos -que xa non serven para ser cedidos e non teñen máis vida útil- no Punto Limpo situado no Parque Empresarial de Bértoa, xa que, ao non ser lixo, non deben ser depositados nos colectores de rúa. As instalacións están abertas os xoves e sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas. No que respecta ás doazóns, dende Cruz Vermella queren subliñar que non se cedan xoguetes vellos ou sucios, xa que un dos obxectivos da campaña é cumprir co artigo 31 dos dereitos das crianzas no que se di que "todos os nenos e nenas teñen dereito a gozar do seu tempo libre para descansar, xogar, divertirse e xogar co medio". Tanto o Concello como Cruz Vermella agradecen a colaboración de toda a veciñanza para traballar a prol da solidariedade e da reciclaxe.

Un Concerto de Nadal, un Concurso de dóces ou un baile para maiores, citas do Nadal Cultural para esta fin de semana

VENRES 18 E O SÁBADO 19 DE DECEMBRO

Un Concerto de Nadal, un Concurso de dóces ou un baile para maiores, citas do Nadal Cultural para esta fin de semana

Xoves 17 de decembro do 2015

O Nadal Cultural deixa esta fin de semana varias actividades para todos os públicos que terán lugar no Pazo da Cultura. O venres 18 de decembro o alumnado de Grao Elemental e Profesional de Carballo levará a cabo un Concerto de Nadal, como realiza habitualmente nestas festas. Preto de sesenta rapaces e rapazas interpretarán obras de distintos compositores (clásicos e contemporáneos) que foron estudando ao longo deste primeiro trimeste do ano académico. As intervencións realizaranse ben como solistas ben como pequenas formacións que abranguen desde os dúos ata os cuartetos con diferentes instrumentos. Así mesmo tamén intervirán neste concerto o Grupo de 1º e 2º de Música de Cámara e a agrupación coral do alumnado de Grao Elemental. Con estes concertos o profesorado do Conservatorio pretende introducir ao alumnado nun novo espacio escénico, o auditorio, para afrontar en moitos casos, ao seu primeiro concerto e familiarizarse coa interpretación para todos os asistentes, saíndo así das aulas de ensaio. Por outra banda, tamén se tenta achegar ao público en xeral o traballo que están a realizar e dese xeito, compartir e intentar fomentar a música clásica entre todos aqueles que se acheguen a escoitar a estas novas promesas do Conservatorio de Carballo. A cita terá lugar no Pazo da Cultura a partir das 20.30 horas e a entrada é libre ata completar o aforo do auditorio.

A hostalería acapara boa parte das ofertas de emprego que xestiona a BDT Carballo, especialmente para camareiros/as

PARA CONSULTAR AS OFERTAS, CHAMAR AO 981 709 011

A hostalería acapara boa parte das ofertas de emprego que xestiona a BDT Carballo, especialmente para camareiros/as

Mércores 16 de decembro do 2015

A hostalería acapara unha ampla porcentaxe das ofertas de emprego da Bolsa de Traballo (BDT) Municipal. Cociñeiros/as e camareiros/as son dúas das ocupacións con máis saída laboral, un dato que non só se reflicte na BDT, senón tamén no informe Servizo Público de Emprego sobre as ocupacións máis contratadas en Bergantiños. Neste momento a BDT ten abertas varias ofertas para camareiras/os e aprendices de camareira/o. Convidamos a todas as persoas interesadas en traballar neste sector a inscribirse na bolsa, xa que as contratacións para hostalería son frecuentes ao longo do ano. Así mesmo, continúan abertas ofertas de emprego noutros sectores que urxe cubrir:

  • Mecánico-reparador de maquinaria de construción para Carballo. Imprescindible experiencia de 2 anos, como mínimo, no posto de traballo
  • Licenciado/a en filoloxía inglesa, tradución ou interpretación para impartir clases de lingua galega, lingua castelá e inglés en academia; xornada de tarde
  • Fisioterapeuta para clínica en Carballo
  • Empregada doméstica para Carballo; imprescindible experiencia no coidado de nenos
  • Torneiro-fresador para Carballo de 18 a 29 anos de idade. Imprescindible Formación Profesional de Mecanizado

Unanimidade de todos os presentes no pleno a investimentos na capital municipal por un importe superior aos 1,7 millóns de euros

APROBADO O CONTRATO DE XESTIÓN INTEGRAL DA AUGA

Unanimidade de todos os presentes no pleno a investimentos na capital municipal por un importe superior aos 1,7 millóns de euros

Martes 15 de decembro do 2015

A corporación de Carballo vén de celebrar unha sesión plenaria extraordinaria na que saíron adiante por unanimidade de todos os presentes proxectos para a realización de investimentos na capital municipal por máis de 1,7 millóns de euros. Nunha sesión de máis de hora e media e que tivo lugar a partir das 14.00 horas, o pleno comezou co debate para a aprobación do Contrato de xestión do servizo público, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o Ciclo Integral da Auga do Concello de Carballo, por un importe de 49.146.070,87 euros (IVE incluído) e un prazo de 20 anos. Despois de pouco máis dunha hora de intervencións, o asunto saíu adiante cos once votos a favor do grupo de goberno, seis en contra de PP (que contaba coa ausencia de Belén Ínsua) e PSOE; e a abstención de TEGA, cuxos tres integrantes abandonaron a sesión xusto despois de efectuarse a votación deste asunto. Porén, o resto dos puntos incluídos na orde do día contaron co apoio de todos os concelleiros presentes, un total de 17, e foron aprobados por unanimidade. Trátase da adxudicación dun posto do Mercado Municipal de Carballo destinado a peixería até o ano 2020; da aprobación da primeira fase do proxecto para a mellora da travesía de Sísamo; do Plan de Aforro e Investimentos (PAI) e do Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña. Todas as actuacións teñen un importe conxunto de 1.729.727,98 euros (incluído o Plan Complementario do PAS) para realizar melloras en numerosos puntos da capital municipal.

Alumnado do CEIP Bergantiños saíu á rúa para concienciar sobre seguridade viaria a través das

O MÉRCORES 16 É A QUENDA DO CEIP FOGAR

Alumnado do CEIP Bergantiños saíu á rúa para concienciar sobre seguridade viaria a través das

Luns 14 de decembro do 2015

Pouco antes do comezo da xornada lectiva, un grupo de nenos e nenas do CEIP Bergantiños saíron hoxe luns 14 e decembro ás rúas da contorna do centro para concienciar aos condutores e condutoras sobre seguridade viaria a través das "multas da vergoña", unhas sancións simbólicas, carentes de contía económica pero coa mensaxe "Multa da vergoña. Vostede está obstruíndo un dos poucos espazos destinados aos peóns. Non nos obrigue a pasar por lugares de risco". Con moitos azos e entusiasmo e asesorados pola Policía Local, que os acompañou en todo momento, os rapaces e rapazas percorreron as zonas de estacionamento para comprobar que os vehículos non estaban en dobre fila, invadindo vaos ou espazos reservados para discapacitados, ou mesmo invadindo pasos de peóns e beirarrúas. Afortunadamente, non atoparon moitos infractores, aínda que algún acabou con todas as multas que levaba. Así, os momentos de entrada e saída dos colexios poden ser bastante caóticos, nomeadamente nos días de choiva, ao xuntarse os nenos e nenas que van andando, cos vehículos das nais e pais dos cativos e cativas que van en coche e co transporte público, sendo cotiás os estacionamentos indebidos e a invasión dos espazos reservados para os peóns a pesar da vixilancia da Policía Local. O obxectivo final desta campaña é que tanto nenos e nenas, como os adultos que de cotío os levan aos centros de ensino, comprendan a necesidade de traballar a prol dunha mobilidade sostible e de respectar as normas de circulación. O mércores 16 a mesma campaña terá lugar na contorna do CEIP Fogar. As imaxes de hoxe, no Facebook do Concello, aquí.

Os nenos e nenas do CEIP Bergantiños e do CEIP Fogar concienciarán sobre seguridade vial coas

O LUNS 14 E O MÉRCORES 16 DE DECEMBRO

Os nenos e nenas do CEIP Bergantiños e do CEIP Fogar concienciarán sobre seguridade vial coas

Sábado 12 de decembro do 2015

Cativos e cativas do CEIP Bergantiños e do CEIP Fogar da capital municipal emprenderán o luns 14 e o mércores 16 de decembro, respectivamente, unha campaña para concienciar sobre seguridade vial a través das que se coñecen como "multas da vergoña". Así, asesorados e acompañados por axentes da Policía Local, quedarán uns minutos antes da hora de acceso aos seus colexios para advertir aos condutores e condutoras de vehículos que cometan infraccións e obstaculicen os espazos reservados para os peóns, e amonestalos con estas sancións, que, se ben non teñen ningunha contía económica, pretenden concienciar sobre a necesidade de respectar os espazos reservados para os viandantes, nomeadamente se se trata de nenos e nenas que se dirixen ao colexio. Estacionamentos en dobre fila ou enriba das beirarrúas, non levar posto o cinto de seguridade, non levar aos nenos e nenas colocados debidamente na cadeira homologada ou non respectar os pasos reservados para os peóns, son algunhas das infraccións máis comúns que se observan a diario nos momentos de acceso e saída dos colexios. Quen o fagan na contorna do CEIP Bergantiños o luns 14 ou na do CEIP Fogar o mércores 16, levarán unha tarxeta que pon "Multa da vergoña. Vostede está obstruíndo un dos poucos espazos destinados aos peóns. Non nos obrigue a pasar por lugares de risco". O obxectivo final é que tanto nenos e nenas, como os adultos que de cotío os levan aos centros de ensino, comprendan a necesidade de traballar a prol dunha mobilidade sostible e de respectar as normas de circulación. A campaña suspenderase en caso de condicións meteorolóxicas moi adversas.

A pleno extraordinario o contrato do ciclo da auga, de 49,1 millóns, e investimentos na vila por máis de 1,7 millóns de euros

A SESIÓN INCLÚE A TRAVESÍA DE SÍSAMO, O PAS E O PAI

A pleno extraordinario o contrato do ciclo da auga, de 49,1 millóns, e investimentos na vila por máis de 1,7 millóns de euros

Venres 11 de decembro do 2015

A corporación carballesa celebra o martes 15 de decembro unha sesión plenaria extraordinaria a partir das 14.00 horas na que os principais puntos da orde do día son a aprobación do Contrato de xestión do servizo público, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o Ciclo Integral da Auga do Concello de Carballo, por un importe de 49.146.070,87 euros (IVE incluído) e un prazo de 20 anos; e a aprobación do proxecto para a travesía de Sísamo, o Plan de Aforro e Investimentos (PAI) e o Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña por un importe de 1.729.727,98 euros (incluído o Plan Complementario) para realizar melloras en numerosos puntos da capital municipal. Así o avanzaron o Alcalde, Evencio Ferrero, e a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, que xustificaron a celebración dunha sesión a unha hora tan pouco habitual pola complexidade para cadrar as axendas de todos os concelleiros nunhas datas marcadas pola axenda electoral e laboral -nomeadamente coa celebración de claustros nos centros de ensino- e polo feito de que os plans da Deputación deben presentarse no organismo provincial antes do 18 de decembro. Respecto do contrato de xestión do ciclo da auga, presenta poucas modificacións respecto do presentado hai pouco máis dun ano polo goberno municipal, excepto no que respecta a tres aspectos. En primeiro lugar, acordouse que a empresa adxudicataria abone o canon que lle corresponde en dúas anualidades, en lugar de en dez anos. Ferrero explicou que "canto antes se materialice, antes poderán cubrirse as necesidades dos veciños e veciñas".

O mellor do premio Luis Ksado, nunha mostra retrospectiva que recolle as imaxes gañadoras nas dez primeiras edicións

NO ANDAR -1 E NO 3º ANDAR DO PAZO DA CULTURA ATÉ O 7 DE XANEIRO

O mellor do premio Luis Ksado, nunha mostra retrospectiva que recolle as imaxes gañadoras nas dez primeiras edicións

Venres 11 de decembro do 2015

As dúas salas de exposicións do Pazo da Cultura, a situada no andar -1 e a Alberto Gente, localizada na baixocuberta do terceiro andar, acollen até o 7 de xaneiro a mostra "Retrospectiva. 10 premios Luis Ksado", que recolle as composicións fotográficas que resultaron gañadoras nas dez primeiras edicións do certame. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo e o comisario da exposición, o recoñecido fotógrafo Xurxo Lobato, foron os encargados de inaugurar este conxunto de imaxes que, en verbas de Lobato, constitúen ás veces verdadeira "narración cinematográfica", xa que este premio pretende recoñecer o traballo do autor máis aló da calidade e valor dunha única fotografía, que puido xurdir froito do azar. Así, o obxectivo é ter en conta a capacidade da persoa situada detrás da cámara para narrar unha historia en imaxes. Entre os nomes que figuran entre os premiados hai que mencionar a Peter Marlow, Xulio Villarino, Vari Carames ou Fernando Fernández Paz, cuxas instantáneas poden verse no Pazo da Cultura con temáticas variadas que van dende a lacra dos lumes forestais ata o reflexo da idiosincrasia galega ou algo tan noso como estampas da Catedral de Santiago. Son dez olladas sobre temas moi diversos e o conxunto dá unha idea moi fidedigna do que se pretendía dende o inicio, entender a fotografía como unha linguaxe visual que expresa sentimentos, formas de pensar e de entender o mundo. O horario de visita para gozar con elas, de 18.00 a 21.00 horas.

En Nadal participa na campaña

ENTRE O 18 DE DECEMBRO E O 5 DE XANEIRO EN 42 ESTABLECEMENTOS

En Nadal participa na campaña

Xoves 10 de decembro do 2015

Se queredes gañar agasallos coas vosas compras ou descontos que van do 10 ao 15 por cento en ata 42 establecementos do centro carballés só tendes que participar este Nadal na campaña "SemechachaDEScóntovos". É ben fácil. Se facedes compras superiores aos 30€ nunha das tendas que participan na promoción, recibides unha tarxeta ilustrada por Laura Tova que no reverso ten un rasca con premios e que no anverso ten unha imaxe dun ratiño en distintos momentos do día. Estas tarxetas son por si mesmas un agasallo, xa que se trata dunha postal cunha ilustración da que se poden coleccionar as setes imaxes para facer unha secuencia/conto (de ahí o título da campaña "se me cachades cóntovos"). Ademais, os clientes poden acadar outros premios como vales desconto dun 15 por cento e dun 10 por cento, ademais de outros agasallos ilustrados por Laura Tova: chapas, cadernos, bolsas e camisetas. A campaña desenvolverase entre o 18 de decembro e o 5 de xaneiro, (ou ata fin de existencias) e tamén ten unha filosofía definida da que se encargou o sociólogo Santi Pazos, que asegura que "a cultura tamén forma parte da economía produtiva". Así, o responsable da campaña, Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica, asegura que "SemechachaDEScóntovos" une cultura, arte, e tecido produtivo "para promocionar as compras no comercio de proximidade" aproveitando a raigame cultural dunha vila como Carballo. Aos descontos sumaranse diversas accións de dinamización comercial durante todo a campaña de Nadal.

Carballo participa en Madrid nas II Xornadas sobre Mobilidade Urbana e Seguridade Vial para buscar vilas seguras e sostibles

MÉRCORES 9 E XOVES 10 DE DECEMBRO

Carballo participa en Madrid nas II Xornadas sobre Mobilidade Urbana e Seguridade Vial para buscar vilas seguras e sostibles

Mércores 9 de decembro do 2015

A Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, acompañada do Arquitecto municipal, Alfredo Garrote, participa o mércores 9 e o xoves 10 de decembro nas II Xornadas sobre Mobilidade Urbana e Seguridade Vial que se celebran na Casa do Concello de Madrid á que asisten representantes de vilas e cidades de toda España, incluídos varios dos integrantes da rede Cidades que Camiñan da que Carballo xa forma parte. Entre os ponentes, hai que subliñar a presenza de expertos de cidades que teñen mudado o seu concepto de mobilidade, como Pontevedra ou Sevilla; da Dirección Xeral de Tráfico; ou de persoas que teñen posto en marcha distintas solucións para avanzar na mellora da seguridade viaria e na sostenibilidade do transporte, mesmo a través do uso de aplicacións informáticas e co apoio das novas tecnoloxías. Así, entre os temas que se abordarán, falarase sobre a protección dos elementos considerados máis vulnerables nas rúas, como peóns, ciclistas ou motoristas; sobre a accesibilidade universal; sobre a necesidade de marcar límites de velocidade para compatibilizar todos os medios de transporte, nomeadamete tendo en conta o límite de 30 quilómetros por hora; sobre a implementación de desprazamentos sostibles para colexios e centros de ensino, con exemplos como os camiños escolares; sobre sistemas de prevención de colisións; sobre sistemas integrais de transporte público urbano; ou sobre a necesidade de frear o consumo de combustibles contaminantes no transporte.

O Nadal Cultural reserva danza, maxia, teatro, monicreques, panxoliñas e moita diversión para pequenos e maiores

ACTIVIDADES ENTRE O 9 DE DECEMBRO E O 10 DE XANEIRO

O Nadal Cultural reserva danza, maxia, teatro, monicreques, panxoliñas e moita diversión para pequenos e maiores

Mércores 9 de decembro do 2015

Cantos de Nadal, cabalgatas de Reis, obradoiros, contacontos, arte, bailes para maiores, o Apalpador, iniciativas solidarias e o sempre agardado Nadal Pequespectacular enchen un ano máis a programación dun Nadal Cultural que ofrece citas para todos os públicos, pero nomeadamente para os máis cativos e cativas, entre o 9 de decembro e o 10 de xaneiro. Teatro, danza, música ou monicreques están presentes este ano no Nadal Pequespectacular, comezando cunha cita moi especial na Praza do Concello o sábado 26 de decembro. O Mago Antón realiza un espectáculo de rúa con sete sesións ás 12.00, 13.00, 16.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas nun espazo con capacidade para arredor de 40 nenos e nenas. Neste caso, a cita é de balde, aínda que quen non queira quedar sen sitio, debe reservar convite. O mesmo día, antes de cada función, tamén poderán recollerse na Casa do Concello. O resto das propostas do Nadal Pequespectacular, serán ás 18.00 horas no Pazo da Cultura e precisan, como en anos anteriores, da compra de entradas a un prezo de 4 € e de 3 € con desconto. O luns 28 os Monicreques de Kukas ofrecen "A frauta máxica do maxín", unha adaptación da ópera "A frauta máxica" de Mozart cun dos Xograres de Outono do FIOT. O martes 29 será a quenda da Compañía Engruna Teatre con "Código Postal 00" para nenos e nenas a partir de 3 anos; e o mércores 30 Compañía La Coja Dansa ofrece o espectáculo "Escondite".

Compartir: