Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A BDT de Carballo mantén abertas neste momento un total de cinco ofertas de emprego en distintos sectores

CONTACTO NO FÓRUM CARBALLO E NO 981 709 011

A BDT de Carballo mantén abertas neste momento un total de cinco ofertas de emprego en distintos sectores

Mércores 9 de decembro do 2015

A Bolsa de Traballo (BDT) Municipal do Concello de Carballo mantén abertas nestes momentos cinco ofertas de emprego en distintos sectores de actividade. As persoas interesadas poden informarse persoalmente na BDT, que ten a súa sede no Fórum Carballo, ou chamando ao número de teléfono 981 709 011. O horario de atención ao público é de 8.30 a 14.30, de luns a venres, tanto a través do teléfono como de forma presencial. As ofertas abertas, e que urxe cubrir, son as seguintes:

  • Mecánico-reparador de maquinaria de construción para Carballo. Imprescindible experiencia de 2 anos, como mínimo, no posto de traballo
  • Licenciado/a en filoloxía inglesa, tradución ou interpretación para impartir clases de lingua galega, lingua castelá e inglés en academia; xornada de tarde
  • Fisioterapeuta para clínica en Carballo
  • Empregada doméstica para Carballo; imprescindible experiencia no coidado de nenos
  • Torneiro-fresador para Carballo de 18 a 29 anos de idade. Imprescindible Formación Profesional de Mecanizado

Continúan o mércores os traballos de asfaltado de aparcadoiros na capital municipal cos situados na contorna da rúa Pontevedra

ESTA SEMANA TAMÉN ESTÁ PREVISTO REMATAR O DA HORTA DO CASINO

Continúan o mércores os traballos de asfaltado de aparcadoiros na capital municipal cos situados na contorna da rúa Pontevedra

Martes 8 de decembro do 2015

Segundo indica o plan de obras, está previsto que o mércores 9 de decembro continúen os traballos de asfaltado nas dúas zonas de aparcadoiros gratuítos situadas entre a rúa Pontevedra e a Roberto Vidal Bolaño e entre a rúa Pontevedra e a rúa Ourense dentro do proxecto de "Pavimentación na rúa Lugo e varios espazos urbanos" que ten un importe de 142.488,75 euros. Despois de realizarse o aplanado da superficie en días pasados, comezarase co asfaltado propiamente dito. Así mesmo, tamén o mércores principiará o traballo para acondicionar o espazo de estacionamento gratuíto situado na Horta do Casino, e está previsto comezar co asfaltado o xoves 10 de tal forma que estas tres zonas estean listas antes de que remate a semana, coa creación de máis de 250 novas prazas de estacionamento sumando a capacidade dos tres espazos. Porén, o espazo da Horta do Casino permanecerá pechado a partir do mércores e non será posible estacionar mentres duren os traballos, polo que pedimos desculpas polas posibles molestias ocasionadas. A actuación rematarase máis adiante co acondicionamento do aparcadoiro do Pazo da Cultura, na rúa Gardenias. Serán, en total, 406 novas prazas de aparcadoiros asfaltados no centro da capital municipal e en zonas de elevado tráfico de vehículos. Na actualidade, e descontando os aparcadoiros en liña situados nas diferentes rúas do casco urbano, Carballo conta con 1.700 prazas de estacionamento de libre uso en distintos solares do centro, das que arredor de mil, incluíndo as 400 que se incorporan con estes traballos, están asfaltadas.

O Concello solicítalle á Deputación oito subvencións por 177.000 euros para actividades culturais, deportivas e de acción social

EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN PARA O ALUGUER DUNHA PA E UN CAMIÓN

O Concello solicítalle á Deputación oito subvencións por 177.000 euros para actividades culturais, deportivas e de acción social

Luns 7 de decembro do 2015

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar nunha sesión ordinaria a tramitación de oito solicitudes de subvencións dirixidas á Deputación provincial da Coruña para o desenvolvemento de actividades culturais, deportivas ou de actividades no eido dos servizos sociais por un importe total de 177.354,92 euros. A primeira delas serviría para financiar o Programa de exercicio físico para maiores (na imaxe) durante o ano 2016 con 3.000 euros; a segunda, para a contratación de persoal técnico deportivo en 2016 por 10.000 euros; en terceiro lugar, para a realización de actividades deportivas solicítanse 37.354,92 euros; para o mantemento do Servizo de Normalización Lingüística do Concello solicítanse até 12.000 euros; para o mantemento dun programa de valoración, orientación e información no departamento de Servizos Sociais, solicítase unha axuda de 45.000 euros; e para o desenvolvemento de políticas de igualdade entre mulleres e homes e de loita contra a violencia de xénero en 2016, solicítanse 40.000 euros para o programa Concilia. Fóra da orde do día, incluíronse outras dúas solicitudes, a primeira de 20.000 euros para o financiamento do Conservatorio Profesional de Música de Carballo; e a segunda de 10.000 euros para a dotación de animadores culturais durante o ano 2016. No apartado de subvencións, pero neste caso, das que concede o Concello, aprobouse a resolución das destinadas ao financiamento de proxectos de escolas deportivas en centros de ensino. Concedéronse 26.208 euros repartidos entre seis Anpas (Asociacións de Nais e Pais de alumnos).

Xa están asfaltados e abertos para o uso da veciñanza dous dos aparcadoiros da contorna de Rego da Balsa con 116 prazas

CARBALLO CONTA CON 1.700 PRAZAS DE ESTACIONAMENTO EN SOLARES

Xa están asfaltados e abertos para o uso da veciñanza dous dos aparcadoiros da contorna de Rego da Balsa con 116 prazas

Venres 4 de decembro do 2015

Xa están abertos para o uso de todos os veciños e veciñas dous dos espazos de aparcadoiros gratuítos situados na contorna do Rego da Balsa que estaban en obras e que supoñen a creacion de 116 novas prazas de estacionamento asfaltadas na capital municipal. Ao longo desta semana e dende o luns 30 de novembro as máquinas de Lancer Proyectos y Obras SA, empresa adxudicataria dos traballos, estiveron colocando o aglomerado en substitución da zahorra compactada orixinaria, que requiría altos custos de mantemento. En próximos días procederase á colocación da sinalización horizontal e vertical que acabará por ordenar os aparcadorios. Ademais, en breve a empresa continuará coas melloras realizando o acondicionamento de outras dúas áreas de aparcamento na contorna das rúa Pontevedra e Roberto Vidal Bolaño que supoñen outras 120 novas prazas asfaltadas. Seguirase coa área de aparcamento situada na contorna da rúa Lugo, na coñecida como Horta do Casino; e rematarase no aparcadoiro do Pazo da Cultura, na rúa Gardenias. Serán, en total, 406 novas prazas de aparcadoiros asfaltados no centro da capital municipal e en zonas de elevado tráfico de vehículos por un importe total de 142.488,75 euros (IVE incluído). Na actualidade, e descontando os aparcadoiros en liña situados nas diferentes rúas do casco urbano, Carballo conta con 1.700 prazas de estacionamento gratuítas en distintos solares do centro, das que arredor de mil, incluíndo as 400 que se incorporan con estes traballos, están asfaltadas.

Carballo amplía tanto o número de socorristas como o tempo de implantación do servizo de cara a tempada de praias 2016

O AREAL DE ARNELA CONTARÁ CON EQUIPO DE SALVAMENTO

Carballo amplía tanto o número de socorristas como o tempo de implantación do servizo de cara a tempada de praias 2016

Venres 4 de decembro do 2015

O Concello de Carballo amplía o número de socorristas que formarán parte do equipo de salvamento nos areais do municipio de cara a tempada 2016. Así vén de anuncialo o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, que subliña que haberá un total de 35 efectivos -en lugar de 32-, tal como se reflicte nos orzamentos da corporación para 2016 no Capítulo de persoal. Así, ademais de ofrecerse o servizo habitual nas praias de Razo e As Saíñas-Pedra do Sal, haberá tamén un posto de socorrismo na praia da Arnela. Segundo sinala o responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto Facal, trátase dun areal que ten experimentado un notable incremento na afluencia nos últimos anos e no que se rexistran incidencias debido a unha forte corrente existente na zona. Ademais de aumentarse o número de vixiantes, tamén se incrementará o tempo de implantación do servizo. Así, se na actualidade estaba distribuído en 20 persoas durante 3 meses dende mediados de xuño a mediados de setembro e 12 persoas durante dous meses en xullo e agosto; agora os 35 integrantes do servizo de salvamento e socorrismo estarán traballando tres meses durante todo o verán. O obxectivo, explica Vales, é o de intensificar a vixilancia, para o que, ademais, tamén se mellorarán as instalacións, coa renovación do posto sanitario móbil situado na Cabreira, de máis de 15 anos de antigüidade; e a dotación doutro para poder ofrecer o servizo na praia da Arnela.

Carballo forma parte da rede de Cidades que Camiñan coa representación de Milagros Lantes como vogal da Xunta Directiva

O OBXECTIVO É TRABALLAR A PROL DUNHA MOBILIDADE SOSTIBLE

Carballo forma parte da rede de Cidades que Camiñan coa representación de Milagros Lantes como vogal da Xunta Directiva

Venres 4 de decembro do 2015

Carballo xa forma parte da rede Cidades que Camiñan, que ten como obxectivo mellorar a situación dos viandantes a través da posta en marcha e intercambio de iniciativas que se dirixan a mellorar a accesibilidade universal, a seguridade viaria e o propio medio ambiente. A entidade considera de vital importancia a cultura do camiñar nos novos modelos de mobilidade sustentable de carácter urbano, sendo clave á hora de planificar configuracións urbanas amables co conxunto dos seus habitantes nas que se fomente a mobilidade peonil. Esta semana, a Concelleira de Mobilidade de Carballo, Milagros Lantes, a través duha vídeo conferencia conxunta, vén de integrarse na primeira Xunta directiva desta asociación de alcance internacional como vogal, xunto con outros seis representantes doutros tantos municipios: por Córdoba María José Mouros Molina; por Ponferrada Ricardo Miranda González; por Puerto Real María do Doce Nome Merello Arvilla; por Mahón Dores Antonio Florit; por Torrelodones Santiago Fernández Muñoz; e por Arahal Luís López Minguet. A Secretaría e a Tesouraría da rede será ocupada por Pablo Barco Ballesteros, actual coordinador técnico da organización. A nova dirección estará en vigor durante catro anos e será presidida de forma compartida por Pontevedra, a través do seu Alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e por Torres Vedras (Portugal) a través do seu presidente Carlos Manuel Antunes Bernardes.

As obras de saneamento impulsadas este ano permiten que o servizo se amplíe para chegar a 400 novos veciños e veciñas

EN 2015 INVESTÍRONSE 700.000 EUROS NA AMPLIACIÓN E MELLORA DA REDE

As obras de saneamento impulsadas este ano permiten que o servizo se amplíe para chegar a 400 novos veciños e veciñas

Xoves 3 de decembro do 2015

As obras de saneamento impulsadas ao longo do ano 2015 polo Concello de Carballo permitirán mellorar o servizo e estendelo a máis de 400 habitantes de dez lugares das parroquias de Cances, Berdillo, Sofán, Bértoa, Rus e Oza. As actuacións non só consisten na ampliación da rede de sumidoiros, senón que nalgúns casos tamén contribúen á eliminación de puntos de vertido e fosas anticuadas mediante a instalación de bombeos que conducirán as augas residuais a unha estación depuradora, na que recibirán o tratamento axeitado. Ao longo deste ano resolveuse a xestión das augas residuais en Cances da Vila e nos lugares de As Pozas, A Costa e O Esmorís, na parroquia de Berdillo. O bombeo do Zarrallo (Sofán) e a rede de O Rodo (Oza) xa están tamén operativos, e nestes momentos están en execución outros tres proxectos en Outeiros (Rus) en O Añón e en Portolago (Bértoa), onde as obras están moi avanzadas e quedarán listas este mesmo ano. O investimento total do Concello de Carballo en saneamentos ao longo do 2015 supera os 700.000 euros. O servizo de saneamento, que é de recepción obrigatoria para as vivendas situadas a menos de 50 metros da rede (así o establece o regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia), chega xa no municipio de Carballo a un 90 por cento da poboación, que deste xeito non ten que depender de pozos negros ou de custosos sistemas alternativos.

Os voceiros municipais estudan nunha xuntanza os detalles do novo Contrato de xestión integral do servizo de augas

O SEGUINTE PASO SERÁ CONVOCAR A COMISIÓN INFORMATIVA

Os voceiros municipais estudan nunha xuntanza os detalles do novo Contrato de xestión integral do servizo de augas

Xoves 3 de decembro do 2015

Representantes de todos os grupos políticos municipais veñen de abordar nunha Xunta de voceiros os detalles do novo Contrato de xestión do ciclo integral da auga do Concello de Carballo. Así, a actual empresa concesionaria, Gestión y Técnicas del Agua SL (Gestagua), encargarase da xestión até finais de xuño de 2016, xa que o contrato vixente, polo prazo dun ano, foi asinado o 29 de xuño de 2015. Por ese motivo, o goberno ten previsto principiar o antes posible as xestións necesarias para licitar de novo o servizo, mais nesta ocasión por un prazo de 20 anos. Segundo sinala a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, durante a xuntanza os técnicos aclararon algunhas das dúbidas formuladas polos representantes de PP, TEGA e PSOE, Miguel Ferreiro, Estefanía Canosa e María del Carmen Vila, e expuxéronse algúns dos detalles da nova proposta. Despois desta xunta de voceiros, está previsto convocar o antes posible unha comisión informativa para poder levar ante o pleno da corporación a aprobación do contrato. Lantes explica que se manteñen na proposta actual a maioría das condicións recollidas no contrato que se presentou para a súa aprobación no pleno de xaneiro de 2015, pero que finalmente non recibira o visto e prace necesario ao non conseguir a maioría absoluta na votación, un requisito indispensable para sacalo adiante debido á elevada contía dun contrato que naquel entón superaba os 58,6 millóns de euros. Ao non poder licitarse por 20 anos, o goberno local decidira licitar o servizo por un ano para que a corporación saínte dos comicios do 24 de maio tivese a oportunidade de sacar de novo a concurso a xestión polo prazo e coas condicións que o novo goberno considerase axeitadas.

O Novembro con Música remata co concerto da Banda Municipal baixo a dirección de Vicente Pérez Planells

SÁBADO 5 DE DECEMBRO A PARTIR DAS 21.00 HORAS

O Novembro con Música remata co concerto da Banda Municipal baixo a dirección de Vicente Pérez Planells

Mércores 2 de decembro do 2015

O programa do Novembro con Música 2015 remata o sábado 5 de decembro cun final inmellorable para todo un mes dedicado á musica. Faino co concerto da Banda Municipal de Carballo, que ofrece o seu tradicional concerto de Santa Cecilia a partir das 21.00 horas. Esta formación, dirixida por Vicente Pérez Planells, amosaranos un repertorio integrado por temas típicos para banda como pasodobres, pero tamén con temas tradicionais galegos arranxados para banda, canción española e outras composicións de estilo máis clásico. O acceso para este concerto é de balde ata completar aforo. Ao longo de todo este mes dedicado á música teñen actuado en Carballo máis de 25 agrupacións distribuídas en distintas formacións, nun total de oito concertos. A oferta sonora programouse para que chegara a todo tipo de públicos, idades e gustos musicais e as entradas, para todos os eventos, foron gratuítas. Tivemos rock no Live in Cances, música medieval con Pres de Cambrai, música coral coas principais agrupacións de Carballo, etc. Ademais, o Novembro con Música completouse con outras ofertas culturais como exposicións, obradorios, con especial mención aos cantos de berce de "Arrolos de salitre", etc. O programa está organizado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo en colaboración coas Agrupacións Musicais de Carballo e coa Deputación da Coruña e está destinado, principalmente, á promoción das actividades musicais que se desenvolven no municipio a través do Convenio Musical coas principais formacións de Carballo.

Dúas nenas de cinco e seis anos gañan un Concurso de Cartel e Postal de Nadal no que participaron máis de 1.400 nenos

A IMAXE GAÑADORA ESTARÁ NA TARXETA DE FELICITACIÓN DO CONCELLO

Dúas nenas de cinco e seis anos gañan un Concurso de Cartel e Postal de Nadal no que participaron máis de 1.400 nenos

Mércores 2 de decembro do 2015

O Pazo da Cultura vén de acoller a reunión do xurado que fallou o Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2015, convocado pola Concellaría de Cultura. O xurado estivo constituído por alumnado dos centros de ensino CEIP Bergantiños e CEIP Gándara-Sofán, un representante da asociación cultural Arume de Berdillo, María Fuentes, unha artista local, Laura Tova, e en nome do Concello de Carballo, o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo e a Animadora Cultural, Carmen Castro. Nesta edición participaron os seguintes centros educativos: CEIP Bergantiños, CEIP Fogar, CEIP Xesús San Luís Romero, CEIP Nétoma-Razo, CEIP Gándara-Sofán, CRA Ponte da Pedra, CEIP A Cristina, EI As Landras, Colexio Artai, EEI Gontade, EI As Estreliñas e EI A ledicia, cun total de 1409 nenos e nenas participantes. Logo das oportunas deliberacións, resultou elixida como postal gañadora do 1º Premio cun regalo valorado en 175€ aproximadamente, o debuxo presentado por Elisa Marina Garda Rosende de 5 anos do CEIP Bergantiños. Tal e como se recolle nas bases, ao centro educativo ao que pertence o gañador ou gañadora deste premio, outorgaráselle un premio por valor de 150€ en material didáctico e que este ano recae no CEIP BERGANTIÑOS. En segundo lugar, resulta elixido como 2º premio valorado en 100€ o debuxo presentado por Lola Castro Varela de 6 anos do CEIP A Cristina e que servirá como cartel anunciador das festas.

Compartir: