Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Rematan no Fórum Carballo os cursos AFD para desempregados dos que se beneficiaron 45 veciños e veciñas

ESTA SEMANA CLAUSUROUSE O DE SERVIZOS DE RESTAURANTE

Rematan no Fórum Carballo os cursos AFD para desempregados dos que se beneficiaron 45 veciños e veciñas

Martes 1 de decembro do 2015

Vén de rematar esta semana no Fórum Carballo o Curso de Servizos de Restaurante, a última das tres Accións Formativas para Desempregados (AFD) impartidas este ano nas instalacións da Milagrosa e nas que participaron un total de 45 persoas. A titora dos novos profesionais da hostalería, Isabel Calvo, destacou o altísimo nivel do alumnado. De feito, hai 13 aprobados e xa se produciron as primeiras contratacións. Para despedir o curso, demostraron ese nivel servindo un aperitivo aos seus compañeiros e compañeiras dos obradoiros de soldadura oxigás e MIG/MAG e operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións, ao persoal administrativo do Fórum Carballo e a representantes do goberno municipal. O Alcalde, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que acompañaron aos alumnos e alumnas na súa despedida, expresaron o seu desexo de que a formación adquirida ao longo dos últimos cinco meses contribúa a mellorar a súa empregabilidade nun sector tan dinámico coma a hostalería, tanto en Carballo coma no resto da Costa da Morte. Os cursos AFD, subvencionados pola Consellería de Traballo e Benestar, inclúen formación teórica e práctica, estancias en empresas, módulos transversais sobre formación para a igualdade, inserción laboral, sensibilización medioambiental, creación de empresas e prevención de riscos laborais. Todas estas accións formativas levan aparellada a obtención dun certificado oficial de profesionalidade.

Luz verde para os presupostos xerais de 2016 nunha sesión na que o POS recibiu o apoio unánime dos concelleiros

CRISTIAN PUENTE DOCAMPO TOMOU POSESIÓN COMO NOVO EDIL DO PP

Luz verde para os presupostos xerais de 2016 nunha sesión na que o POS recibiu o apoio unánime dos concelleiros

Martes 1 de decembro do 2015

Nunha sesión plenaria de máis de tres horas de duración celebrada o luns 30 de novembro, o goberno municipal sacou adiante os Presupostos Xerais da corporación para 2016, que ascenden a 24.409.648,78 euros nos apartados de ingresos e gastos. Despois de unha hora e media de debate centrado nos orzamentos e tras o rexeitamento da inclusión dunha emenda a petición da oposición respecto do canon pola concesión do Ciclo Intregral da Auga, que finalmente achegará ás arcas municipais 1.750.000 euros no exercicio 2016, finalmente as contas saíron adiante cos once votos a favor do grupo de goberno. A Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, describiu os orzamentos como "de avance, inversores e de carácter social" e subliñou que non se suben nin os impostos nin as taxas. Para coñecer todos os detalles sobre as contas, clicar aquí. Por unanimidade, en cambio, saíu adiante outro dos puntos máis relevantes da orde do día, a aprobación do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2016) e Plan Complementario da Deputación da Coruña, por un importe de 819.896,73 euros e que o goberno destinará integramente a mellorar os viais secundarios -aqueles con maior intensidade de uso que comunican parroquias e lugares- do medio rural do Concello. O POS recolle un investimento de 211.718,31 euros para a reparación de viais secundarios nas parroquias de Noicela e Vilela; 245.588,37 euros para a parroquia de Bértoa; e un total de 208.686,92 euros para as parroquias de Razo e Oza. O Plan Complementario resérvase para viais en Lema e Rebordelos por 153.902,63 euros.

Carballo rexeitou un ano máis a violencia de xénero coa Feira das Asociacións, que vestiu de morado o Mercado Municipal

O ALCALDE LEU A DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA CORPORACIÓN

Carballo rexeitou un ano máis a violencia de xénero coa Feira das Asociacións, que vestiu de morado o Mercado Municipal

Luns 30 de novembro do 2015

O segundo andar do Mercado Municipal vestiuse de morado o domingo 29 de novembro para manifestar o rexeitamento de toda a corporación contra a violencia de xénero, así como o labor de trece entidades asociativas do municipio para amosar o traballo que desenvolven a prol dos servizos sociais e da defensa dos dereitos das mulleres. Representantes de todos os grupos políticos e asociacións como Cruz Vermella, Apem, Cáritas ou Íntregro, entre outras, non quixeron faltar á Feira das Asociacións que foi inaugurada pola Concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures. Foi a encargada de agradecer o labor impagable de todas as entidades que día a día contribúen a mellorar a vida de moitos dos colectivos menos favorecidos, nomeadamente, e no caso do mes contra a violencia machista, das mulleres que sofren o maltrato. O Alcalde, Evencio Ferrero, foi o encargado de ler a Declaración institucional do Concello, apoiada por todos os membros da corporación, con motivo do 25 de novembro, un texto que sinala que "a violencia machista é un dos problemas máis graves que ten que enfrontar a nosa sociedade", que "o Concello estará sempre a carón de quen defenda o dereito á vida e a integridade física e moral das mulleres" e apelando "a todas as institucións, axentes públicos e sociais para que se impliquen e demostren o seu compromiso profundo que se traduza en medidas lexislativas e executivas, de protección e de prevención ata erradicar a lacra da violencia de xénero". A declaración completa, aquí. Todas as imaxes do acto, no Facebook do Concello aquí.

O luns 30 de novembro comezan as melloras nos aparcadoiros do casco cos situados na contorna do Parque Rego da Balsa

AS OBRAS TEÑEN UN IMPORTE QUE SUPERA OS 140.000 EUROS

O luns 30 de novembro comezan as melloras nos aparcadoiros do casco cos situados na contorna do Parque Rego da Balsa

Sábado 28 de novembro do 2015

Está previsto que o luns 30 de novembro principien as obras de mellora nos espazos de estacionamento gratuítos e de libre acceso situados en distintos puntos da capital municipal carballesa e que están incluídas no proxecto de "Pavimentación na rúa Lugo e varios espazos urbanos" por un importe de 142.488,75 euros (IVE incluído). Os traballos comezarán nas dúas áreas de estacionamento situadas na contorna do Parque Rego da Balsa, nos espazos situados a carón das rúas Enrique Sánchez e Avilés de Taramancos co asfaltado do pavimento. Dende a Concellaría de Obras e Servizos informan de que estará prohibido aparcar nestas zonas mentres dure o desenvolvemento dos traballos, polo que pedimos desculpas polas posibles molestias ocasionadas. Unha vez rematadas as melloras nestas dúas zonas, continuarase cos aparcadoiros situados na contorna das rúas Pontevedra e Roberto Vidal Bolaño, situadas entre a Biblioteca, na rúa Bos Aires, e o Parque Rego da Balsa; seguirase coa área de aparcamento situada na contorna da rúa Lugo, na coñecida como Horta do Casino; e rematarase no aparcadoiro do Pazo da Cultura, na rúa Gardenias. As obras consistirán na pavimentación das parcelas con aglomerado, xa que na actualidade contan con pavimento de zahorra artificial compactada que require de altos custos de mantemento e que se deteriora con rapidez. Ademais, procederase ao pintado das prazas de estacionamento e á colocación da sinalización viaria vertical e horizontal correspondente. O prazo de execución previsto é de dous meses.

Notable alto dos espectadores para un FIOT que supera récords de asistencia e con Blanca Portillo como Premio do Público

MÁIS DE 10.300 PERSOAS PARTICIPARON DIRECTAMENTE NO FESTIVAL

Notable alto dos espectadores para un FIOT que supera récords de asistencia e con Blanca Portillo como Premio do Público

Sábado 28 de novembro do 2015

"Prometemos o FIOT máis grande da historia e conseguimos un gran festival". Así resumiu o Presidente da Asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro, a pasada 24 edición do Festival Internacional Outono de Teatro, que acadou una media de puntuación de 3,9 puntos sobre 5 nos 13 espectáculos programados, cunha valoración de notable alto (7,9 sobre 10). Sueiro e o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, veñen de realizar unha valoración dun festival no que o espectáculo más apreciado polos espectadores foi "El testamento de María", protagonizado pola actriz Blanca Portillo e coproducido polo Centro Dramático Nacional, Festival Grec e Avance Producciones Artísticas, ao obter unha puntuación de 4,65 puntos sobre 5, é dicir, un 9,3 sobre 10. A compañía gañadora será invitada a participar nunha vindeira edición cun novo espectáculo. As seguintes obras en puntuación foron "Othelo", da compañá Gabriel Chamé, e "Los esclavos de mis esclavos", de Producciones Meridional, que ademais foi unha das estreas absolutas da mostra carballesa. Entre o pasado 25 de setembro e o 31 de outubro, a 24ª edición do FIOT converteuse na capital das artes escénicas de Galicia, ao desenvolver unha intensa actividade cun total de 99 citas con 34 espectáculos programados. Ademais, en total participaron directamente no FIOT un total de 10.361 persoas (dos que 3.201 fixérono na programación de sala e no Ciclo OTNI, e 1.853 na Rúa dos Contos). Así mesmo, acudiron a Carballo arredor de 100 artistas (intérpretes, directores e ténicos).

O DOG publica hoxe o cambio de titularidade que permitirá emprender a reurbanización da rúa Martín Herrera

A ENTREGA DOS BENS FORMALIZARASE EN DOUS MESES DENDE ESTE ANUNCIO

O DOG publica hoxe o cambio de titularidade que permitirá emprender a reurbanización da rúa Martín Herrera

Venres 27 de novembro do 2015

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, venres 27 de novembro, o traspaso ao Concello de Carballo dun tramo urbano da estrada provincial DP-1905, un traspaso que permitirá emprender os traballos de reurbanización da rúa Martín Herrera da capital municipal. Trátase dun cambio de titularidade dun resto da estrada provincial DP-1905 situado dende o centro do casco urbano ata o Campo da Feira de Verdillo, concretamente, o tramo que transcorre entre o punto quilométrico 0+000 (Praza de Galicia) e o 0+540 (á altura da glorieta do Campo da Feira). Con este procedemento, o municipio poderá actuar sobre esta vía, que pasa a ser de titularidade municipal, de modo acorde coas súas características urbanas, e xa non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas, como por exemplo as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou os accesos, e reducirá as cargas administrativas sobre os cidadáns dos núcleos polos cales discorre. Cómpre lembrar que a teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia. A proposta foi efectuada polo departamento competente en materia de estradas, neste caso, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, logo do acordo entre as administracións afectadas. A entrega dos bens formalizarase no prazo de dous meses seguintes á publicación do decreto no DOG mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

O Concello achega 6.000 euros para o mantemento do Albergue

ESTÁ DIRIXIDO ESPECIALMENTE A PERSOAS SEN FOGAR

O Concello achega 6.000 euros para o mantemento do Albergue

Venres 27 de novembro do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrro, e o sacerdote da Parroquia de San Xoán Bautista, don José García Gondar, veñen de asinar na Casa do Concello un Convenio de colaboración entre o Concello e Cáritas para o financiamento do Albergue "San Xoan", situado na capital municipal. O acto tamén contou coa presenza da Concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures. A finalidade do acordo é a concesión dunha subvención por parte da administración local por un importe de 6.000 euros a Cáritas Parroquial para o sostemento do Albergue "San Xoan". Isto permitirá a dotación ao Concello dun recurso de aloxamento nun centro de servizos sociais nos que se atenden as necesidades de persoas afectadas por situacións de exclusión social e, se é o caso, se posibilitan e impulsan actuacións programadas que favorezan a súa inclusión sociolaboral. As persoas destinatarias deben ser maiores de 18 anos en situación de emerxencia social que, debido a sinistros na súa vivenda, carencias socioeconómicas, problemas de saúde ou graves conflitos convivenciais ou persoais, pasan por unha situación carencial aguda que inclúe a non disposición efectiva de fogar ou núcleo substitutivo. Excepcionalmente, e por razóns de emerxencia, poderase dar acollida a menores sen acompañar, para o que será preceptivo comunicar esta circunstancia de maneira inmediata á unidade de menores. Os servizos que se ofrecen son os de acollida, valoración e asesoramento; aloxamento, manutención, hixiene, lavandaría, roupeiro, consigna e enderezo postal, ademais de outros programas de inserción social, actividades ocupacionais e atención psicosocial.

O pleno debate a aprobación dos Presupostos para 2016, que superan os 24,4 millóns, e do POS 2016, de 800.000 euros

A SESIÓN INCLÚE CATRO MOCIÓNS PRESENTADAS POR BNG, TEGA E PSOE

O pleno debate a aprobación dos Presupostos para 2016, que superan os 24,4 millóns, e do POS 2016, de 800.000 euros

Venres 27 de novembro do 2015

A corporación carballesa celebra o luns 30 de novembro unha sesión plenaria ordinaria na que dous dos principais puntos da orde do día son a aprobación dos Presupostos Xerais da Corporación para 2016 -que ascenden a 24.409.648,78 euros e dedican 5.382.716,25 euros a investimentos reais- e do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2016) e Plan Complementario da Deputación da Coruña, que teñen un importe total de 819.896,73 euros. No primeiro caso, poden consultarse con detalle as cifras do orzamento clicando aquí. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo reiterar na presentación dos asuntos do pleno, que o orzamento destina máis do 50 por cento dos seus investimentos ao medio rural, e tamén subliñou a vontade inversora das contas no conxunto do territorio municipal. Así, precisamente no caso do POS, o goberno destinará a totalidade dos seus fondos a mellorar os viais secundarios estruturantes -aqueles con maior intensidade de uso que comunican parroquias e lugares- do medio rural do Concello. A través dun estudo previo elaborado pola Concellería de Obras e Servizos sobre o estado da rede viaria secundaria, decidiuse destinar dous millóns de euros para a mellora das estradas e pistas nas 18 parroquias de Carballo, comezando en 2016 pola zona norte do municipio. Así, o POS recolle un investimento de 211.718,31 euros para a reparación de viais secundarios nas parroquias de Noicela e Vilela; 245.588,37 euros para a parroquia de Bértoa; e un total de 208.686,92 euros para as parroquias de Razo e Oza. O Plan Complementario resérvase para viais en Lema e Rebordelos por 153.902,63 euros.

A Bolsa de Traballo Municipal xestionou a inserción laboral de 187 persoas en só tres anos de funcionamento dende 2012

DOUS MIL USUARIOS/AS BENEFICIÁRONSE DALGUNHA DAS ACCIÓNS DA BDT

A Bolsa de Traballo Municipal xestionou a inserción laboral de 187 persoas en só tres anos de funcionamento dende 2012

Xoves 26 de novembro do 2015

En só tres anos de funcionamento, a Bolsa de Traballo Municial (BDT) ten xestionado a inserción laboral dun total de 187 persoas. O obxectivo deste servizo municipal é o de mellorar a empregabilidade dos seus usuarios e usuarias e, para conseguilo, ten establecido un estudado protocolo que abrangue dende a inscrición dos demandantes de emprego ata a intermediación coas empresas e mesmo o seguimento unha vez acadada a inserción. O Alcalde, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Promoción Económica, Formación e Emprego, Xosé Regueira, e a Técnica de Emprego responsable da BDT, Milagros Antelo, veñen de facer público no Fórum, sede da bolsa, a Memoria da BDT dende que botou a andar, o 19 de novembro do 2012. Xosé Regueira salientou a iniciativa posta en marcha polo seu antecesor, Marcos Trigo, e o "esforzo e dedicación" da técnica, que consideran claves para que a Bolsa de Traballo "xa sexa unha referencia na comarca". "Podemos facer fachenda -engadiu- de que Carballo está facendo un traballo positivo coas persoas e coas empresas que temos inscritas na BDT". Nestes momentos hai 2.211 usuarios e usuarias, preto dun 22 por cento dos cales xa están traballando pero recorren á BDT para intentar mellorar a súa situación laboral. Un dos factores clave que revela o informe é que canto maior é a formación, maiores son as posibilidades de inserción. Milagros Antelo destacou, entre outros aspectos, o carácter supramunicipal da bolsa, á que acoden tanto persoas coma empresas de toda Galicia e mesmo, de forma puntual, doutras comunidades autónomas.

Aberto o prazo até o xoves 10 de decembro para participar no Concurso de Escaparatismo de Nadal 2015

REPARTIRANSE 2.000 EUROS EN PREMIOS

Aberto o prazo até o xoves 10 de decembro para participar no Concurso de Escaparatismo de Nadal 2015

Xoves 26 de novembro do 2015

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, informa da convocatoria dun Concurso de Escaparatismo de Nadal que ten como principal obxectivo promover actuacións que dinamicen o comercio local e premiar o esforzo dos participantes no coidado da imaxe comercial dos seus establecementos. O prazo para anotarse estará aberto entre o 26 de novembro e o 10 de decembro e o impreso de solicitude pode descargarse, xunto coas bases, clicando aquí. Os escaparates deberán estar preparados ás 19.00 horas do luns 14 de decembro de 2015, momento a partir do cal o xurado poderá visitar os locais. A decoración non poderá desmontarse antes do 25 de decembro, para que a xente poda gozar dos escaparates durante as festas de Nadal, e os comercios deben comprometerse a manter o escaparate iluminado alomenos até as 22.00 horas entre os días 14 e 25 de decembro. Os comerciantes deberán inspirarse nun tema alegórico ao ambiente propio das festas de Nadal, e valoraranse as candidaturas tendo en conta os seguintes criterios: calidade artística, composición, iluminación, utilización de elementos tradicionais do Nadal nos escaparates, orixinalidade e esforzo e dedicación. Respecto dos premios, está previsto que o Concurso que reparta dous mil euros, con 1.000 euros para o establecemento gañador, 500 para o segundo clasificado, e un terceiro e cuarto premios por 250 euros cada un.

Máis de cen nenos e nenas do CRA Ponte da Pedra aprenden sobre igualdade no 25 de novembro co contacontos

O DOMINGO 29 TERÁ LUGAR A TRADICIONAL FEIRA DAS ASOCIACIÓNS

Máis de cen nenos e nenas do CRA Ponte da Pedra aprenden sobre igualdade no 25 de novembro co contacontos

Mércores 25 de novembro do 2015

Máis de cen nenos e nenas do Colexio Rural Agrupado (CRA) Ponte da Pedra de Carballo asistiron hoxe, 25 de novembro, Día pola da eliminación da Violencia contra as Mulleres, a un contacontos no que aprender sobre igualdade e sobre comportamentos que eduquen en contra da violencia machista. Eduvia representou "Querémonos ben", unha historia adaptada para os máis cativos e cativas para facerlles reflexionar e entender que homes e mulleres poden facer as mesmas cousas e teñen os mesmos dereitos. O Centro Social de Berdillo acolleu esta cita que tamén contou coa presenza da Concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, ademais da directora do CIM (Centro de Información á Muller) de Carballo, Nieves Castañón. Este contacontos é só un dos actos que se levan desenvolvendo na vila e que seguirán celebrándose ata final de mes para concienciar contra a violencia machista, e que estiveron especialmente dirixidos a escolares para concienciar en épocas temperás e educar na igualdade a nenos e nenas dende Primaria ata Bacharelato. Ademais, xa para os adultos, este ano Carballo celebra un ano máis a Feira das Asociacións, unha cita que xa supera os dez anos de vida e que acolle stands cunha representación das principais entidades asociativas do municipio para amosar o traballo que desenvolven a prol dos servizos sociais e da defensa dos dereitos das mulleres. Este ano terá lugar no segundo andar do Mercado Municipal na mañá do domingo 29 de novembro e, como en anteriores edicións, o Alcalde, Evencio Ferrero, dará lectura á Declaración Institucional do pleno con motivo do 25 de novembro.

O Novembro con Música entra na súa recta final con ópera para nenos e o tradicional Concerto de Santa Cecilia

CITAS O SÁBADO 28 E O DOMINGO 29 DE NOVEMBRO

O Novembro con Música entra na súa recta final con ópera para nenos e o tradicional Concerto de Santa Cecilia

Mércores 25 de novembro do 2015

O Novembro con Música 2015 continúa o sábado 28 e o domingo 29 de novembro con dúas propostas ben diferenciadas. Por unha banda, co tradicional concerto de Santa Cecilia e, por outra, cun espectáculo para toda a familia, "Érase unha vez… a ópera". O sábado está previsto que teña lugar a primeira das citas coa Coral Polifónica de Bergantiños que se encarga de festexar o día dos músicos e da música co tradicional concerto en honra a Santa Cecilia. A este concerto, que terá lugar no Pazo da Cultura, están convidadas, ademais da propia coral anfitriona, a Sociedad Coral Polifónica El Eco da Coruña -unha das formacións vocais máis veteranas de Galicia que ven de celebrar o seu 130 aniversario- e o Coro de Voces Brancas de Carballo, que completa o programa. A cita con este concerto vocal será a partir das 21.00 horas. Xa o domingo 29, será a tarde para as familias, para os nenos e nenas, co espectáculo "Érase unha vez… a ópera", que pon en escena a Compañía de Teatro Lírico de Madame Spaguettinni, unha agrupación musical que forma parte da Asociación Lírica de Galicia. "Érase unha vez... a ópera" é un orixinal espectáculo músico teatral dirixido ao público infantil e familiar que persergue, xunto ao lóxico desexo de divertir, o propósito de interesar e instruir aos máis cativos e cativas no marabilloso mundo da ópera. O argumento xira en torno a unha grande diva do bell canto, xa retirada que rememora a súa magnífica carreira artística como excusa para facer unha viaxe a través da ópera de forma sinxela e moi divertida.

Compartir: