Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Asociación Pro Enfermos Mentais estrea local na Avenida da Cristina con servizo de Centro de Día e Centro de Rehabilitación

O NOVO ESPAZO TEN PRETO DE 800 METROS CADRADOS

A Asociación Pro Enfermos Mentais estrea local na Avenida da Cristina con servizo de Centro de Día e Centro de Rehabilitación

Martes 24 de novembro do 2015

A Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) vén de estrear un novo local en Carballo para atender aos seus usuarios e usuarias. O espazo, situado no número 2 da Avenida da Cristina, ofrecerá servizo como Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral e como Centro de Día e conta con preto de 800 metros cadrados de superficie. No acto de inauguración estiveron a presidenta de APEM, María Antonia Pérez Amieiro, a directora de Desenvolvemento da entidade, Esther Monterroso, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e numerosos representantes de APEM, de todos os grupos da corporación, dos Servizos Sociais Municipais así como doutras entidades do municipio, como Vieiro ou Aspaber, entre outras. O local conta cun espazo destinado especificamente a Centro de Día, servizo dirixido a persoas con enfermidade mental grave e persistente e que presentan un maior grao de dependencia, e como consecuencia, importantes dificultades de integración e maior risco de deterioro, illamento e marxinación. E con outro espazo destinado ao Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, dirixido tamén a persoas con enfermidade mental grave que presentan atrancos no seu funcionamento social autónomo e na súa integración normalizada que precisan dun apoio específico e estruturado para avanzar na súa inserción na comunidade. O local dispón de oficinas para desempeñar o labor administrativo, de varias aulas e de talleres de cociña e informática, co equipamento necesario para poder desenvolver as actividades psicomotrices e psicosociais que se realizan decotío. Máis imaxes do acto, en Facebook.

Luz verde na Xunta de Goberno ás bases para a celebración do Concurso de Escaparatismo de Nadal 2015

CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA A RECOLLIDA DE APARATOS ELÉCTRICOS

Luz verde na Xunta de Goberno ás bases para a celebración do Concurso de Escaparatismo de Nadal 2015

Luns 23 de novembro do 2015

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar as bases para a celebración dunha nova edición do Concurso de Escaparatismo de Nadal, que desta volta está previsto que reparta dous mil euros en premios, con 1.000 euros para o establecemento gañador, 500 para o segundo clasificado, e un terceiro e cuarto premios por 250 euros cada un. O obxectivo desta cita é o de promover actuacións que dinamicen o comercio local e poderán participar os titulares dun establecemento situado no termo municipal. O prazo para anotarse estará aberto entre o 26 de novembro e o 10 de decembro e o impreso de inscrición estará dispoñible no web municipal. Os escaparates deberán estar preparados ás 19.00 horas do luns 14 de decembro de 2015, momento a partir do cal o xurado poderá visitar os locais. A decoración non poderá desmontarse antes do 25 de decembro, para que a xente poda gozar dos escaparates durante as festas de Nadal, e os comercios deben comprometerse a manter o escaparate iluminado alomenos até as 22.00 horas entre os días 14 e 25 de decembro. Os comerciantes deberán inspirarse nun tema alegórico ao ambiente propio das festas de Nadal, e valoraranse as candidaturas tendo en conta os seguintes criterios: calidade artística, composición, iluminación, utilización de elementos tradicionais do Nadal nos escaparates, orixinalidade e esforzo e dedicación. Por último, o Concello de Carballo poderá suspender o concurso no caso de considerar que non hai un número suficiente de establecementos participantes. Na imaxe pode verse o comercio Mar de Encuentros, gañador do Concurso en 2014.

Carballo presenta un orzamento de 24,4 millóns para o ano 2016, incrementando o importe das contas en máis dun nove por cento

OS INVESTIMENTOS SUBEN UN 45,35 POR CEN E SUPERAN OS 5,3 MILLÓNS

Carballo presenta un orzamento de 24,4 millóns para o ano 2016, incrementando o importe das contas en máis dun nove por cento

Venres 20 de novembro do 2015

O goberno carballés propón un presuposto para 2016 que reflicte un importe total que equipara os ingresos e gastos en 24.409.648,78 euros, o que supón un incremento no apartado de gastos respecto do exercicio anterior de 2.082.929,28 euros, cunha suba dun 9,25 por cento en relación con 2015. No apartado de ingresos, os orzamentos tamén experimentan unha suba, neste caso do 7,25 por cen, a pesar de que a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, aclara que "non se tocan nin os impostos nin as taxas". Lendoiro define as contas, as primeiras presentadas polo novo goberno municipal despois dos comicios de maio, como "de avance, inversoras e de carácter social" e salienta que supoñen un aforro neto cifrado en 3.679.764,06 euros. O Alcalde, Evencio Ferrero, tamén quixo subliñar a "moi baixa carga financeira" do Concello, xa que este gasto "non chega ao un por cen" do total dos presupostos, sendo as partidas dedicadas a intereses e amortizacións as máis baixas do apartado de gastos, con un total de 235.683,2 euros. Precisamente no apartado de gastos, o goberno quere subliñar a elevada porcentaxe das contas que está dedicada a investimentos reais, xa que supoñen un 22 por cento do total e ascenden a 5.382.716,25 euros. Así, a pesar de que en 2016 o Concello non contará coa inxección de fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) de exercicios anteriores ao estar xa rematado o proxecto da captación do Anllóns-Bardoso (de máis de catro millóns de euros e xa liquidado) Lendoiro e Ferrero resaltan a capacidade inversora do Concello, cun incremento neste capítulo respecto do exercicio de 2015 do 45,35 por cento.

O Xefe Territorial escoita aos representantes da comunidade educativa para chegar a acordos sobre a xornada lectiva

NA XUNTANZA ESTIVERON O ALCALDE E DA CONCELLEIRA DE EDUCACIÓN

O Xefe Territorial escoita aos representantes da comunidade educativa para chegar a acordos sobre a xornada lectiva

Venres 20 de novembro do 2015

O CEIP Bergantiños vén de acoller unha xuntanza entre representantes da comunidade educativa de Carballo e o Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana Leira, para avanzar nos trámites para poder unificar a xornada lectiva entre os centros de ensino do municipio. Acudiron á cita representantes do equipo directivo e das ANPAs do IES Parga Pondal e do CEIP Bergantiños, así como a inspectora de zona, o inspector xefe e a xefa de comedores e transporte, ademais do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación, Mar Eirís. Cabana Leira amosou a súa vontade de colaborar para facer posible a implantación da xornada única, ademais de coordinar os horarios dos institutos respecto do día estipulado para as clases en xornada de tarde. Mais tamén manifestou a necesidade de escoitar a todas as partes implicadas e tentando chegar a acordo co maior número posible de representantes da comunidade educativa. Así, será necesario manter reunións posteriores con representantes doutros centros para seguir avanzando na consecución deste obxectivo, e atendendo ás casuísticas concretas en busca de consenso, tendo en conta ademais, as circunstancias concretas do transporte escolar. En todo caso, as representantes das ANPAs tamén manifestaron a súa vontade de negociar un horario único que poida satisfacer á maioría dos implicados. Ao remate da reunión o Alcalde e a Concelleira de Educación tamén aproveitaron a visita do Xefe Territorial para solicitar melloras puntuais nalgúns dos centros de ensino do municipio e falar das necesidades da comunidade educativa de Carballo máis aló da situación respecto dos horarios lectivos.

A Feira das Asociacións conmemorará o 29 de novembro o Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres

A CITA TERÁ LUGAR NO SEGUNDO ANDAR DO MERCADO MUNICIPAL

A Feira das Asociacións conmemorará o 29 de novembro o Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres

Venres 20 de novembro do 2015

Carballo continúa co programa de actos con motivo do 25 de novembro Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, e o 29 de novembro, último domingo do mes e coincidindo co feirón, celebrará unha nova Feira das Asociacións, unha cita que xa supera os dez anos de vida e que acolle stands cunha representación das principais entidades asociativas do municipio para amosar o traballo que desenvolven a prol dos servizos sociais e da defensa dos dereitos das mulleres. Este ano a cita terá lugar durante toda a mañá no segundo andar do Mercado Municipal e, como en anteriores edicións, ademais das entidades, tamén está prevista a presenza de representantes da corporación así como das forzas e corpos de seguridade e darase a lectura á Declaración Institucional do Concello. Para completar o programa que se está a desenvolver para concienciar sobre a violencia machista, tamén está previsto celebrar novas citas para os nenos e nenas dos centros de ensino do municipio. Así, o propio mércores 25 de novembro terá lugar o contacontos "Querémonos ben" impartido por Eduvia, dirixido aos/as alumnos/as do CRA Ponte da Pedra e que terá lugar no centro Social de Berdillo. Ademais, o 4 de decembro o segundo andar do Mercado Municipal acolle unha representación teatral dirixida aos/as alumnos/as de 4º de Educación Primaria a cargo da compañía Redrum, que presenta a obra de teatro "Roedores". Por último, está prevista a celebración no Balneario de Carballo do obradoiro "Saúde para o teu corpo", o venres 27 de novembro; e do taller "O deporte tamén é saude" o luns 30 de novembro no centro "Mi club".

A mostra de creadores emerxentes Peter's Room invade o segundo andar do Mercado o 21 e o 22 de novembro

OBRADOIROS, CITAS E CONCERTOS DE 11.00 A 21.00 HORAS

A mostra de creadores emerxentes Peter's Room invade o segundo andar do Mercado o 21 e o 22 de novembro

Venres 20 de novembro do 2015

O segundo andar do Mercado Municipal acolle o sábado 21 e o domingo 22 de decembro Peter’s Room, unha mostra de creadores emerxentes nacida no ano 2013 en Cambados para facer confluír nun mesmo espazo a deseñadores e creadores emerxentes de distintas áreas e sectores nun ambiente distendido e familiar onde non soamente se dan a coñecer produtos, servizos e marcas, senón que se crea unha experiencia única, onde o lecer e o entretemento teñen un papel moi importante. Dende entón, teñen emprendido unha andaina que os ten levado lonxe da comarca do Salnés, que os fai aterrar agora en Carballo, pero que nos próximos días tamén os levará a Santiago de Compostela, e así nun traballo de difusión do que se benefician tanto os profesionais coma a veciñanza de cada lugar que visitan. En Carballo estarán dous días de 11.00 a 21.00 horas con actividades nas que tamén participa a asociación carballesa Crea Formas Artísticas. Con ela, organizan o sábado e o domingo ás 12.30 h. dous obradoiros, un de postais mediante estampación e outro de máscaras. Xa da man da organización, pola tarde, ás 17.30 h., tamén hai un obradoiro cada día, o sábado de "Collage robótico" e o domingo de "Personaxes mediante collage". Todos están dirixidos a nenos e nenas, teñen dispoñibles 10 prazas e duran unha hora. Ademais, os talleres amosan a faciana solidaria da cita, xa que para participar neles, hai que inscribirse no punto de información e logo achegar alimentos non perecedoiros para Amigos de los Perros de Carballo. Ademais, cada día ás 18.30 horas haberá un concerto gratuíto.

Aprobado nun pleno extraordinario o Plan Xeral de Ordenación Municipal con 17 votos a favor dos membros da corporación

A XUNTA DEBE RATIFICAR AGORA A SÚA APROBACIÓN DEFINITIVA

Aprobado nun pleno extraordinario o Plan Xeral de Ordenación Municipal con 17 votos a favor dos membros da corporación

Xoves 19 de novembro do 2015

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vén de recibir a aprobación provisional do pleno da corporación nunha sesión extraordinaria celebrada o mércores 18 de novembro. É a segunda ocasión na que este documento recibe o visto e prace do pleno, xa que en febreiro deste ano, naquel entón por unanimidade, o planeamento xa fora ratificado polos corporativos. Non obstante, unha Orde emitida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o pasado 2 de xullo marcou unhas directrices para realizar varias modificacións técnicas no documento que, despois do traballo de varios meses, foron incluídas no PXOM. Pasadas as 21.40 horas e despois de máis dunha hora de debate o plan recibiu de novo o visto e prace da corporación, mais desta volta -e despois dos cambios na composición do pleno marcados polos comicios municipais- cos votos a favor dos 17 concelleiros de BNG, PP e PSOE e 3 votos en contra de TEGA. Entre o público, arredor de 25 persoas, entre as que estaban o ex voceiro do PP, Alberto Sueiro Pastoriza, e o ex concelleiro do mesmo partido, Juan Carlos Castro, para quen o Alcalde, Evencio Ferrero, tivo verbas de agradecemento polo seu traballo, ao igual que para o ex voceiro de TEGA, Manuel Andrade, para o ex voceiro do PSOE, José Antonio Viña e para a Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes. Tamén lembrou o labor do equipo redactor, dos traballadores da Oficina Técnica Municipal e da Xunta de Galicia, que contribuíron activamente, a Xunta especialmente nos últimos meses, para acadar a aprobación dun documento "moi necesario para o urbanismo carballés".

Aberto o prazo para que os nenos e nenas do municipio participen no Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2015

SOLICITUDES: ATÉ O 30 DE NOVEMBRO NO 1º ANDAR DO PAZO DA CULTURA

Aberto o prazo para que os nenos e nenas do municipio participen no Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2015

Xoves 19 de novembro do 2015

O Concello de Carballo convoca, un ano máis, o tradicional Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2015 que ten por obxecto seleccionar a tarxeta de felicitación do Concello de Carballo e o cartel que anunciará as vindeiras festas de Nadal. Na imaxe podemos ver a postal gañadora do ano pasado, realizada por Ana María Hernández Pardo, de 10 anos, do CEIP Fogar. Poderán participar neste concurso todos os nenos e nenas do municipio de Carballo, alumnado de Educación Infantil e Primaria dos centros de ensino do municipio, coa única limitación de presentar unha soa obra por neno/a. A autoría dos traballos deberá ser individual (dun só alumno/a) e os debuxos non poderán incluír elementos que sobresaian do debuxo, como palillos, algodón, purpurina, papel pegado, etc. Repartiranse un total 575 euros en premios e ademais o colexio ou entidade do traballo gañador do 1º Premio recibirá 150 euros en material didáctico, e todos os colexios ou entidades participantes recibirán un vale para a compra de material didáctico para a súa biblioteca. O xurado estará constituído por tres adultos designados polo Concello de Carballo e alumnado de ensino primario. O prazo de presentación de traballos xa está aberto é remata o luns 30 de novembro, ás 14.00 horas debendo de realizarse a entrega dos traballos nas oficinas do primeiro andar do Pazo da Cultura. Os interesados e interesadas poden consultar as bases ao completo nun documento en pdf nesta nova.

O Fórum Carballo acolle o venres 27 novembro a Axober Work Party! un encontro informativo para pemes e autónomos

ASISTENCIA DE BALDE: INSCRICIÓN PREVIA E MÁIS INFO NO 981 756 313

O Fórum Carballo acolle o venres 27 novembro a Axober Work Party! un encontro informativo para pemes e autónomos

Mércores 18 de novembro do 2015

O Fórum Carballo acolle o venres 27 de novembro a partir das 16.30 horas a "Axober Work Party!", un encontro informativo para pemes e autónomos no que analizar dúas cuestións: "O entorno impositivo actual para os autónomos e as pequenas empresas" e "Novidades en materia laboral". A cita está organizada por Axober (Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños) coa colaboración do Concello, e a súa novidade está en aproveitar o significado da palabra "party", o de festa, para converter esta primeira experiencia nunha celebración previa ás datas navideñas no que se mesturan os impostos e nóminas cos viños e os aperitivos. A Axober Work Party é a primeira dun ciclo de actividades específicas, periódicas e cun formato semellante, para abordar cuestións que sexan de especial interese para o sector nun momento determinado. Trátase dunha experiencia mixta de networking, formación e información, na que cobran especial relevancia o intercambio de experiencias, os contactos personais e o asesoramento directo. Aínda que se trata dun acto aberto, por cuestións de organización prégase ás persoas interesadas que se inscriban a través do 981 756 313, en ou enviando unha mensaxe en Facebook. A cita conta coa colaboración de dous coñecidos empresarios locais, especialistas no tema, para intentar trasladar a información máis precisa posible aos participantes. Trátase de Carlos Puga, da Asesoría Cervantes, e de Borja González Botas, de Asesoría González Botas. O programa completo da cita, clicando aquí.

O Novembro con Música continúa cos aires medievais de Pres de Cambrai e Martín Códax e co tradicional Festival de Corais

VENRES 20 E SÁBADO 21 DE NOVEMBRO NO PAZO DA CULTURA

O Novembro con Música continúa cos aires medievais de Pres de Cambrai e Martín Códax e co tradicional Festival de Corais

Mércores 18 de novembro do 2015

O Novembro con Música 2015 continúa a súa andaina o venres 20 e o sábado 21 de novembro con dúas propostas na que a música cantada é o eixo común, mais en dous xéneros e estilos ben diferenciados. A primeira cita será o venres co grupo compostelán Pres de Cambrai, un conxunto de amplo espectro sonoro que se enfrónta a un variado repertorio de épocas e estilos sen pretensións historicistas nin revisións puristas, lonxe de polémicas estilísticas e fieis ao seu gusto ecléctico propio das persoas do século XXI, para ofrecer recitais en espazos sonoros de acústicas repousadas, para solaz do público bo e xeneroso. O grupo toma o seu nome da cantiga do trovador Xohan Airas, "A per quen perço o dormir, vestida dun pres de Cambrai, Deus, que ben lles esta manto e saia!", chiscadela á tradición literaria e musical do medievo, na que conflúen e atopan inspiración os integrantes desta formación. Fundado por Belén Bermejo e Ariel Ninas, o grupo preséntase nos seus diferentes proxectos acompañado por músicos e artistas procedentes do ámbito da música antiga, tradicional e do mundo da oralidade. Os integrantes desta formación desenvolven individualmente unha intensa traxectoria concertística e colaboran habitualmente con grupos como Música Antiga 1500, o coro E Ultreia, Malandança, Decameron & cía. ou a Orquestra de Música Espontánea de Galicia. No Pazo da Cultura presentarán a partir das 21.00 horas a peza "O segredo do Pergamiño Videl", en conmemoración dos 100 anos de música das Cantigas de Martín Códax.

Asinado o contrato de obras de

O PRAZO DE EXECUCIÓN É DE DOUS MESES

Asinado o contrato de obras de

Martes 17 de novembro do 2015

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato administrativo de obras de "Ensanchamento e rebacheo da estrada de O Tarambollo a Calvelo de Arriba no Concello de Carballo", situada na parroquia de Sofán. Esta actuación forma parte do plan provincial DTC93 adicional da Deputación Provincial da Coruña e foi adxudicada por un importe de 26.136 euros (IVE incluído). Estiveron presentes para asinar o contrato Diego Vázquez, xerente da empresa encargada de realizar os traballos, Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL; e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. O prazo de execución estipulado para as obras é o de dous meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. As melloras consistirán na reparación e repavimentación dos treitos en mal estado en 14 tramos entre O Tarambollo e Calvelo de Arriba. Inclúese o limpado das cunetas, a mellora da drenaxe lonxitudinal das vías, a reparación das fochas, a creación de sumidoiros que queden tapados pola capa de rodadura e o ancheamento das pistas. Empregarase dobre capa de rega asfáltica no firme existente xa pavimentado, e triple capa nos treitos máis deteriorados. O obxectivo destas actuacións é o de mellorar o firme da vía, ao igual que se fixo e se ten proxectado noutros viais estruturantres do Concello, ademais de evitar que as augas de escorrentía sigan a prexudicar o pavimento. A adxudicación dos traballos foi ratificada na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local do pasado 9 de novembro.

A exposición Fotoxornalismo 2014 recolle a actualidade da Coruña a través de 21 imaxes realizadas por profesionais

NO ANDAR -1 DO PAZO DA CULTURA ATÉ O LUNS 30 DE NOVEMBRO

A exposición Fotoxornalismo 2014 recolle a actualidade da Coruña a través de 21 imaxes realizadas por profesionais

Luns 16 de novembro do 2015

O Pazo da Cultura acolle até o luns 30 de novembro a mostra Fotoxornalismo 2014, unha exposición fotográfica que recolle 21 das mellores imaxes de actualidade da cidade e da provincia da Coruña realizadas por outros tantos profesionais do medio durante o ano 2014. A Deputación da Coruña é a encargada de organizar esta mostra anual que achega fotografías con temas moi diferentes que van dende o deporte ata a política, pasando pola paisaxe. Os seus autores son: Amador Lorenzo, Andy Pérez, J. Cabalar, V. Casteleiro, César Delgado, César Quián, Eduardo Pérez, Iago López, Javier Alborés, Jesús Sancho, Marta Capote, Marcos Míguez, Mero Barral, Paco Rodríguez, Carlos Pardellas, Patry Fraga, Pedro Puig, Susy Suárez, Óscar Paris, Torrecilla, Víctor Echave. Dende a súa primeira andaina tense transformado nunha exposición itinerante que ten visitado vilas como Outes, Fisterra, Malpica, Santiago, Ferrol, Ortigueira, Melide, Ribeira ou Ordes. Fotoxornalismo Coruña naceu no ano 2000 como unha mostra fotográfica que pretendía recoller o traballo dos fotoxornalistas da cidade da Coruña. Dende entón e sen interrupcións, a maioría de profesionais que traballan neste ámbito de actuación, tanto en diarios como revistas, gabinetes de comunicación e axencias de noticias seguen a reunirse cada ano ao redor deste evento. Así, conséguese unha extraordinaria mostra dos acontecementos que suceden ao longo do ano. Pode visitarse no andar -1 do Pazo da Cultura de 18.00 a 21.00 horas.

Compartir: