Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O pleno da corporación abordará a aprobación provisional do PXOM nunha sesión extraordinaria o mércores 18 de novembro

O GOBERNO ESPERA O VISTO E PRACE DEFINITIVO ANTES DE FINAL DE ANO

O pleno da corporación abordará a aprobación provisional do PXOM nunha sesión extraordinaria o mércores 18 de novembro

Venres 13 de novembro do 2015

A aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Carballo será abordada nun pleno extraordinario previsto para o mércores 18 de novembro despois de que o documento teña sido adaptado aos requirimentos da Orde emitida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o pasado 2 de xullo. Así o anunciou o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, despois da celebración dunha comisión informativa de urbanismo de hora e media de duración na que se dou conta de todos os pasos dados polos técnicos e polo equipo redactor do plan para dar cumprimento ás esixencias da Xunta. Ferrero subliña que o Concello afronta nestes momentos o "proceso ultimísimo para a aprobación do PXOM", que a estas alturas está "o suficientemente matizado como para ser aprobado definitivamente neste exercicio de 2015". Así, o Alcalde vén de falar coa Secretaria Xeral de Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas, para darlle conta do ditame da comisión informativa, na que o PXOM recibiu o apoio dos representantes do BNG e a abstención de todos os grupos da oposición. Ferrero expresou, non obstante, o seu desexo de que finalmente na sesión plenaria do mércores o plan reciba o apoio unánime da corporación, xa que "non é un documento do goberno, senón do Concello e seguindo as directrices da Xunta, que tamén tivo moito que ver". O rexedor manifestou a imposibilidade que "nun territorio tan amplo como o de Carballo o plan satisfaga a todos, pero hai que ser capaz de superar as circunstancias particulares para pensar en xeral".

A Xunta estudará os proxectos para mellorar as avenidas de Bértoa e de Fisterra e que pasen a ser de titularidade municipal

A CONSTRUCIÓN DA CIRCUNVALACIÓN NON SE ABORDARÁ NUN FUTURO PRÓXIMO

A Xunta estudará os proxectos para mellorar as avenidas de Bértoa e de Fisterra e que pasen a ser de titularidade municipal

Venres 13 de novembro do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, mantiveron o xoves 12 de novembro pola tarde unha xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, para formularlle varias demandas respecto das necesidades, nomeadamente en materia viaria, do Concello de Carballo. En concreto, centráronse en tres puntos: a Avenida de Bértoa (na imaxe), a Avenida de Fisterra e a circunvalación de Carballo. O Concello propón a subscrición dun convenio coa Xunta de Galicia polo que se realicen os traballos de mellora necesarios para esas vías coa achega por parte do Concello dun 30 por cento do importe das obras. Unha vez rematadas, sería a administración local a que asumiría a titularidade das travesías -nestes momentos de titularidade autonómica a partir da ponte da Casilla ou da glorieta do Día-, como así se ten feito noutras ocasións en tramos da Vázquez de Parga ou da rúa Fomento, por exemplo, que agora son de titularidade municipal, ou na rúa Fábrica. Vázquez amosou a dispoñibilidade da Xunta de traballar para elaborar proxectos de actuación que permitan emprender as melloras e tamén manifestou o seu acordo coa fórmula que propón o Concello de Carballo. Tanto os técnicos da Xunta como os municipais estudarán propostas que resulten viables. O outro gran tema da xuntanza foi o interese do goberno local polo estado do proxecto da circunvalación de Carballo. Neste caso, a Conselleira explicou que non é un proxecto prioritario, xa que, en primeiro lugar, o obxectivo da Xunta é rematar a autovía da Costa da Morte. O elevado importe dos traballos, máis 28 millóns de euros, incluíndo as obras e as expropiacións, é outro dos motivos polo que non se abordará a súa construción nun futuro próximo.

Luz verde no Consello da Xunta ao cambio de titularidade que permitirá emprender a reurbanización da rúa Martín Herrera

A ENTREGA DOS BENS FORMALIZARASE EN ARREDOR DE DOUS MESES

Luz verde no Consello da Xunta ao cambio de titularidade que permitirá emprender a reurbanización da rúa Martín Herrera

Venres 13 de novembro do 2015

O Consello da Xunta vén de aprobar o cambio de titularidade que permitirá emprender os traballos de reurbanización da rúa Martín Herrera da capital municipal. A resolución afecta a un treito da estrada provincial DP-1905 no tramo que transcorre ata o Campo da Feira de Verdillo, concretamente, desde o punto quilométrico 0+000 (Praza de Galicia) e 0+540 (á altura da glorieta do Campo da Feira). Con este procedemento, o Concello poderá emprender actuacións sobre esta vía, que pasa a ser de titularidade municipal, de modo acorde coas súas características urbanas, e xa non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas, como por exemplo as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou os accesos, e reducirá as cargas administrativas sobre os cidadáns e cidadás dos núcleos polos cales discorre. Cómpre lembrar que segundo o previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas incluídos no inventario de travesías da Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia. A proposta foi efectuada polo departamento competente en materia de estradas, neste caso, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, logo do acordo entre as administracións afectadas. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG), mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Máis de 25 agrupacións musicais conforman o programa do Novembro con Música, con citas gratuítas até o 5 de decembro

PRIMEIRO CONCERTO: LIVE IN CANCES O VENRES 13 ÁS 22.00 HORAS

Máis de 25 agrupacións musicais conforman o programa do Novembro con Música, con citas gratuítas até o 5 de decembro

Mércores 11 de novembro do 2015

Aínda cun chisco de resaca do FIOT, a programación cultural de Carballo segue o seu curso co Novembro con música, un mes dedicado a Santa Cecilia que concentra unha oferta "na que están representados diferentes épocas e estilos, principalmente folk e popular, música clásica e pop, pero tamén con outros xéneros, tanto de grupos afeccionados como profesionais", segundo explica o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo. Máis de 25 formacións participan nun programa no que todas as citas son de balde e que, como cada ano, tenta prestar especial atención ás agrupacións musicais de Carballo e ofrécelles unha oportunidade aos amantes da música de coñecer o traballo que estes colectivos veñen realizando nos últimos meses. Así, o Concello apoia de maneira estable a estas formacións subvencionándolles actuacións no municipio a través do Convenio Musical que se asina cada ano, e que os compromete tamén a colaborar coa programación do Concello. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar que o programa serve "de altofalante para a actividade cultural do Concello", "poñendo en valor o que se practica e promove" no eido da música. Ademais, a programación tenta chegar a distintos públicos e de todas as idades. Serán oito concertos, seis organizados polo Concello e dous por outras entidades culturais do municipio. Ademais do Concello e das agrupacións musicais, o programa conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Carballo Limpo emprende unha campaña de voluntariado verde para mellorar a reciclaxe coa implantación do colector marrón

O PROGRAMA PILOTO COMEZARÁ NO BARRIO DA MILAGROSA

Carballo Limpo emprende unha campaña de voluntariado verde para mellorar a reciclaxe coa implantación do colector marrón

Luns 9 de novembro do 2015

O Concello, a través de Carballo Limpo, está a poñer en marcha un proxecto piloto en Galicia, "Ti tes a chave", que ten como obxectivo que un grupo de veciños e veciñas, "voluntariado verde", se comprometa a depositar só residuos sólidos urbanos (restos de alimentos exclusivamente) nuns colectores específicos de cor marrón que se colocarán na rúa e que estarán pechados con chave. Quen se comprometa a participar recibirá unha chave que servirá para abrir estes colectores e deberá depositar só restos de comida nel, dentro de bolsas biodegradables que lles proporcionará Carballo Limpo. Con estes restos elaborarase compost para abono orgánico. O proxecto piloto implantarase en primeiro lugar na Milagrosa, polo que as persoas do barrio que queiran colaborar teñen até o luns 30 de novembro para presentar a solicitude ou pedir información a través de Carballo Limpo no 981 754 917 e no enderezo ; na sede de Urbaser, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, na rúa Desiderio Varela; ou nalgún dos establecementos da Asociación de comerciantes, hostaleiros e profesionais da Milagrosa, xa que a entidade colaborará coa iniciativa, axudando a difundila e mesmo repartindo o material cando bote a andar. A través de "Ti tes a chave" Carballo Limpo obterá unha serie de datos relevantes que servirán, non só para analizar a implicación e a receptividade que a veciñanza ten para separar o lixo desta maneira, senón tamén para analizar a calidade dos residuos depositados e ver os beneficios que pode supoñer.

Alumnado do CEIP Gándara-Sofán pasou unha divertida mañá no Concello coñecendo o funcionamento da administración local

FORON RECIBIDOS POLO ALCALDE NO SALÓN DE PLENOS

Alumnado do CEIP Gándara-Sofán pasou unha divertida mañá no Concello coñecendo o funcionamento da administración local

Luns 9 de novembro do 2015

A Casa do Concello leva un par de días invadida polos sons dos nenos e nenas de Primaria que ven como a administración local abre as súas portas para que coñezan de primeira man o seu funcionamento. Despois da visita o venres 6 de novembro dos cativos e cativas do CEIP Bergantiños, hoxe, luns 9, foi a quenda do alumnado de 3º, 4º e 5º de Primaria do CEIP Gándara-Sofán. Repartidos en dúas quendas, un total de 73 nenos e nenas puideron manter no salón de plenos un encontro co Alcalde, Evencio Ferrero, que respondeu as preguntas que se formularon coa axuda da 2ª Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes e do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas. A imaxinación do alumnado deixa sempre algunhas preguntas sorprendentes e moi atinadas. Entre outras cuestións, interesáronse por se o Alcalde volvería a facer política con outros partidos, se lle gusta ser Alcalde, se o Rei de España estivo en Carballo ou se xa de pequeno quería ser Alcalde. Ferrero explicou que nestes momentos a maioría absoluta fai que non sexa necesario formar goberno con outros grupos políticos; que todos os que se presentan á Alcaldía o fan de forma voluntaria; que o Rei non tivo a oportunidade de visitar Carballo; ou que máis ben foron unha serie de circunstancias da vida as que fixeron que chegase a ser o rexedor. Despois do encontro, o alumnado visitou a Oficina Técnica, Asuntos Económicos -onde a algún lle pareceron poucos 22 millóns de euros para gobernar Carballo- ou a Comisaría da Policía Local. As imaxes no Facebook do Concello de Carballo.

Adxudicado o contrato de obras de

LUZ VERDE PARA UN CONVENIO CON CÁRITAS PARROQUIAL

Adxudicado o contrato de obras de

Luns 9 de novembro do 2015

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de adxudicar, fóra da orde do día, o contrato administrativo de obras de "Ensanchamento e rebacheo da estrada de O Tarambollo a Calvelo de Arriba no Concello de Carballo", situada na parroquia de Sofán (na imaxe). Esta actuación forma parte do plan provincial DTC93 adicional da Deputación Provincial da Coruña e foi adxudicada por un importe de 26.136 euros (IVE incluído). A empresa encargada de realizar os traballos será Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e o prazo de execución estipulado é o de dous meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. Os traballos consistirán na reparación e repavimentación dos treitos en mal estado en 14 tramos entre O Tarambollo e Calvelo de Arriba. Inclúese o limpado das cunetas, a mellora da drenaxe lonxitudinal das vías, a reparación das fochas, a creación de sumidoiros que queden tapados pola capa de rodadura e o ancheamento das pistas. No apartado de convenios, a sesión supuxo luz verde para un acordo con Cáritas Parroquial de Carballo para o financiamento do Albergue "San Xoán", un centro de asistencia social que ofrece aloxamento a atención a persoas afectadas por situacións de exclusión social e que favorece a actuacións programadas para a inclusión sociolaboral destas persoas, que viven unha situación de emerxencia ou de carencia aguda que inclúe a non disposición efectiva dun fogar ou núcleo familiar ou asistencial substitutivo. O Concello contribuirá ao mantemento do servizo cun gasto máximo de 6.000 euros.

Cheo de público para despedir o FIOT na final do XV Concurso Escolar de Teatro Lido

OS SEIS FINALISTAS RECIBIRON 850€ PARA LIBROS E MATERIAL ESCOLAR

Cheo de público para despedir o FIOT na final do XV Concurso Escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís"

Luns 9 de novembro do 2015

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) rematou coa celebración o domingo 8 de novembro da final do XV Concurso Escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís". Un total de 155 nenos e nenas de centros de ensino dos concellos de Carballo, Coristanco e Laxe e de asociacións culturais do municipio, repartidos en 23 grupos, participaron no certame. O xurado seleccionou a seis destes grupos para competir nunha final moi divertida e que espertou a miúdo as gargalladas e os aplausos do público que ateigou o auditorio do Pazo da Cultura. Ademais, a gala contou coa animación de Circo Chosco, que realizaron varios números acrobáticos e que estiveron interactuando continuamente cos nenos e nenas, co público e co xurado. Despois das deliberacións, bastante axustadas, os resultados foron os seguintes. Na categoría de grupos de nenos e nenas de 10 anos ou menos: o 1º Premio foi para Troula do Colexio Artai coa obra "A bolboreta e a tartaruga"; o 2º Premio para Namorados do CEIP Fogar coa peza "Que é o amor?"; o accésit foi paraDerrús do CEIP Canosa-Rus con "Na procura do solpor". Na categoría de grupos de maiores de 11 anos: o 1º Premio foi para Bicadela do CEIP Fogar con "O galo Quicorico"; o 2º Premio para Agarimo do IES Parga Pondal, que participaron con "Ramón"; e accésit para Nós tamén imos do IES Monte Neme que presentaron a peza "Pelexa no Bosque do Añón". Parabéns a todos e todas! Recibiron premios patrocinados pola Libraría Brañas, valorados en 850€ de libros e material didáctico. Ademais, a cita contou coa colaboración de Sogama e de RadioVoz Bergantiños.

Carballo conmemora o 25 de novembro cun mes dedicado a concienciar contra a violencia de xénero

AS CITAS ESTÁN ESPECIALMENTE DIRIXIDAS A MOZOS E MOZAS

Carballo conmemora o 25 de novembro cun mes dedicado a concienciar contra a violencia de xénero

Sábado 7 de novembro do 2015

Co motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desde a Concellería de Igualdade e Benestar que dirixe Maica Ures, e a través do Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo, desenvolveranse unha serie de actividades que terán lugar durante todo o mes de novembro para concienciar contra esta lacra social, nomeadamente aos mozos e mozas. As citas comezan o luns 9 de novembro cos obradoiros "Quérome máis, quérome ben" impartidos por Oikos. Serán un total de catro citas, dúas o luns 9, e dúas o seguinte luns 16 de novembro. Coma cada ano, o programa inclúe unha cita teatral, neste caso con "Pementeiras" (na imaxe o cartel promocional), da compañía Xoré Teatro a través do convenio de colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Así, o venres 20 de novembro o auditorio do Pazo da Cultura acollerá unha representación desta peza teatral dirixida aos alumnos e alumnas de Segundo de Bacharelato de todos os institutos de Educación Secundaria do Concello. Xa cara a final de mes, celebrarase no Balneario de Carballo o obradoiro "Saúde para o teu corpo", o venres 27 de novembro. E pecha as citas do mes contra a violencia de xénero un novo obradoiro, neste caso titulado "O deporte tamén é saude". Terá lugar o luns 30 de novembro no centro "Mi club". Hai que mencionar que con motivo do 25 de novembro a corporación carballesa aprobou na sesión ordinaria do mes de outubro unha declaración institucional que os interesados e interesadas poden ler clicando aquí.

Asinados contratos para a realización de obras de mellora na capital municipal por un importe que supera os 400.000 euros

PARA SUBSTITUÍR A CUBERTA DO PAVILLÓN VILA DE NOIA E APARCADOIROS

Asinados contratos para a realización de obras de mellora na capital municipal por un importe que supera os 400.000 euros

Venres 6 de novembro do 2015

A Casa do Concello vén de acoller os actos de sinatura de dous contratos para o desenvolvemento de obras na capital municipal por un importe total de 404.146,41 euros. En primeiro lugar, o Alcalde, Evencio Ferrero, asinou con representantes da empresa Ediserpo SL (na imaxe) o contrato administrativo dos traballos de "Substitución da cuberta no Pavillón Polideportivo Municipal Vila de Noia", que tivo un prezo de adxudicación de 261.657,66 euros (IVE incluído). A empresa comprometeuse, sen custo adicional, a reformar a maiores o sistema de ventilación do pavillón, a pintar as fachadas do edificio e a substituír as luminarias existentes por lámpadas LED para redundar na mellora enerxética. O prazo de execución das obras é de 33 días naturais, aínda que tamén depende das choivas. Logo, Ferrero asinou coa empresa Lancer Proyectos y Obras SA o contrato para realizar obras de "Pavimentación na rúa Lugo e varios espazos urbanos" por un importe de 142.488,75 euros (IVE incluído) con un prazo de execución de dous meses. As melloras realizaranse en varias parcelas da capital municipal destinadas a aparcadoiros públicos e gratuítos distribuídos en seis zonas: na contorna da rúa Enrique Sánchez; na contorna da rúa Avilés de Taramancos; na contorna das rúas Pontevedra e Roberto Vidal Bolaño; na contorna da rúa Pontevedra; na contorna da Rúa Lugo; e na da rúa Gardenias. As obras consistirán na pavimentación das parcelas con aglomerado, xa que que na actualidade contan con pavimento de zahorra artificial compactada que require de altos custos de mantemento. Ademais, procederase ao pintado das prazas de estacionamento e á colocación da sinalización viaria.

Finaliza o seminario gratuíto de Introdución á Eficiencia Enerxética celebrado no Fórum coa entrega de diplomas

UN TOTAL DE 24 PERSOAS PUDIERON BENEFICIARSE DA ACCIÓN FORMATIVA

Finaliza o seminario gratuíto de Introdución á Eficiencia Enerxética celebrado no Fórum coa entrega de diplomas

Venres 6 de novembro do 2015

O Fórum Carballo vén de acoller o acto de entrega de diplomas do seminario de Introdución á Eficiencia Enerxética promovido pola Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira e que se estivo celebrando entre o 26 de outubro e o 6 de novembro nas instalacións do Fórum Carballo. Un total de 24 persoas de diferentes perfís académicos e profesionais puideron beneficiarse desta acción formativa gratuíta de 30 horas de duración e que supón a segunda edición do curso. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado polo Concelleiro de Obras, Luís Lamas, foi o encargado de presidir o acto e de facer entrega dos certificados, desexándolle aos asistentes que aproveiten ao máximo os novos coñecementos adquiridos, nomeadamente para mellorar a súa situación laboral. Un total de cinco profesores especializados foron os encargados de impartir as sesións que trataron sobe o mercado enerxético, a eficiencia enerxética na industria, as enerxías renovables, a iluminación interior e exterior, os modelos das empresas de servizos enerxéticos, a consultaría enerxética, a normativa e regulación ou a rehabilitación e eficiencia na edificación. Trátase dun curso dirixido tanto a demandantes de emprego como a persoas en activo que desexen explorar no campo da eficiencia enerxética aplicada a múltiples sectores como a edificación, iluminación, climatización, procesos industriais ou como modelos de negociado a través de innovadoras fórmulas de investimento.

O Alcalde recibe a alumnado de Primaria do CEIP Bergantiños que coñeceu de primeira man o funcionamento da administración

REALIZARON UN PERCORRIDO POLAS INSTALACIÓNS DA CASA DO CONCELLO

O Alcalde recibe a alumnado de Primaria do CEIP Bergantiños que coñeceu de primeira man o funcionamento da administración

Venres 6 de novembro do 2015

Un total de 76 alumnos e alumnas de 2º de Primaria do CEIP Bergantiños coñeceron esta mañá de primeira man as instalacións da Casa do Concello e puideron falar cos traballadores e traballadoras municipais, que lles ensinaron como desenvolven o seu traballo. Ademais, foron recibidos polo Alcalde, Evencio Ferrero, que contestou ás súas preguntas acompañado polo Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, no salón de plenos. Sometido a un terceiro grao bastante divertido, boa parte das preguntas xiraron arredor da recente lesión do rexedor, que ten que andar en muletas. Moitos dos nenos e nenas estiveron interesados en contar as súas propias lesións e caídas. Tamén se interesaron por asuntos máis relacionados coa xestión municipal, como por que non poden votar nas eleccións ou por que ten que haber un Alcalde. Así mesmo, falaron sobre cuestións do día a día nunha vila como Carballo, como a presenza dos murais de "Derrubando muros con pintura", que Ferrero aclarou que teñen como obxectivo "facer o pobo máis bonito", e realizaron peticións como a colocación dun portal no patio cuberto do "cole" ou a mellora da contorna da rúa Cristina. No primeiro caso, o Alcalde respondeu que xa comezaron os trámites; no segundo, que está previsto emprender melloras no barrio das Flores no 2016. Logo deste intenso encontro e de facer a foto de familia, os nenos e nenas percorreron o resto das dependencias do concello, incluíndo a Oficina Técnica, Servizos Económicos, o Rexistro, a Sala de Informática e a Comisaría da Policía Local. Todas as imaxes da visita no Facebook do Concello.

Compartir: