Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O FIOT celebra o domingo 8 de novembro a final do XV Concurso Escolar de Teatro Lido

SEIS GRUPOS DE NENOS LERÁN AS SÚAS PEZAS NO PAZO DA CULTURA

O FIOT celebra o domingo 8 de novembro a final do XV Concurso Escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís"

Venres 6 de novembro do 2015

O Concello de Carballo e a Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadores do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), celebran o domingo 8 de novembro a final do XV Concurso Escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís". O evento terá lugar no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 18.00 horas. Os seis grupos finalistas foron seleccionados entre as gravacións de 23 grupos, en total 155 nenos e nenas, dos centros educativos dos concellos de Carballo, Coristanco e Laxe e de asociacións culturais do municipio. O xurado do certame está composto por afeccionados e profesionais do teatro, representantes do ensino e da emisora local Radio Voz, que estivo emitindo as gravacións. Durante a final, os grupos seleccionados volverán interpretar os seus fragmentos teatrais. Tras unha nova deliberación do xurado, realizarase a entrega de premios aos gañadores. Os clasificados recibirán premios patrocinados pola Libraría Brañas, valorados en 850€ e canxeables por libros e material didáctico. Ademais contarase coa colaboración de Sogama que repartirá material entre todos os participantes neste concurso. Tanto Libraría Brañas como Sogama, xunto con Radio Voz Bergantiños, son os patrocinadores deste certame. O acto estará presentado pola compañía galega O Circo Chosco que, ademais de ser os mestres de cerimonias, amenizarán a final cun espectáculo destinado ao público familiar. A continuación, terá lugar unha "chocolatada" para todos os participantes, que recibirán un diploma e un obsequio ao rematar o acto.

O importe íntegro do POS 2016 destinarase a mellorar a rede viaria nas 18 parroquias por máis de 800.000 euros

O OBXECTIVO É ARRANXAR 85 KM CON DOUS MILLÓNS EN 3 ANUALIDADES

O importe íntegro do POS 2016 destinarase a mellorar a rede viaria nas 18 parroquias por máis de 800.000 euros

Xoves 5 de novembro do 2015

O goberno municipal levará o antes posible ao pleno da corporación a proposta de investimentos para o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, POS 2016, que destinará máis de 800.000 euros á mellora da rede viaria das 18 parroquias do municipio. O obxectivo da actuación é o de emprender un acondicionamento que permita que as vías estean en condicións óptimas durante moito tempo. Os proxectos do POS 2016 foron redactados polo persoal da Oficina Técnica Municipal en función dun estudo previo elaborado pola Concellería de Obras e Servizos sobre o estado da rede viaria secundaria. Segundo este minucioso estudo, dos 613 quilómetros de pistas asfaltadas de titularidade municipal que existen no Concello, o informe conclúe que hai 85 quilómetros -repartidos entre as 18 parroquias- en mal estado. O investimento para arranxar todas as vías sería dun total de 2.000.000 de euros, pero, segundo explica o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, "como estamos a falar dunha cifra inasumible nun só ano, faremos unha actuación plurianual". Deste xeito, os 800.000 euros do POS 2016 constituirían unha primeira fase. Dado que os fondos do POS permitirán afrontar a mellora de toda a rede viaria nun prazo máximo de tres anos, dende o goberno municipal optouse, a proposta do Concelleiro, por dividir o territorio en tres grandes zonas e intervir cada ano nunha delas. Luís Lamas xa lle ten transmitido a decisión aos grupos da oposición, aos que, ademais, lles pediu que realizasen as súas achegas con urxencia dados os curtos prazos establecidos pola Deputación para presentar os proxectos.

Arrincou un ano máis a Escola Ambiental Senda Nova, na que nenos e nenas aprenden a coñecer o patrimonio e a natureza

DURANTE OITO MESES DE NOVEMBRO A XUÑO

Arrincou un ano máis a Escola Ambiental Senda Nova, na que nenos e nenas aprenden a coñecer o patrimonio e a natureza

Martes 3 de novembro do 2015

O Pazo da Cultura acolleu o sábado 31 de outubro a primeira sesión da Escola Ambiental Senda Nova, unha iniciativa que conta coa colaboración do Concello de Carballo e que durante oito meses, de novembro a xuño, ensina a un total de 25 nenos e nenas de Primaria a coñecer a contorna natural e paisaxística de Carballo e da comarca, así como o seu patrimonio. Durante o desenvolvemento da Escola, os cativos e cativas asisten a unha actividade semanal de aprendizaxe, que poderá consistir nunha sesión de aula ou nunha actividade no medio natural, como roteiros de sendeirismo, dinámicas na natureza, e outras citas moi diversas. A xornada de presentación contou coa presenza de Xose Manuel Menéndez, presidente da Asociación Ambiental Senda Nova, Eva Cameán, coordinadora da Escola, e de Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, que gabou esta iniciativa na que os nenos e nenas poden estar en contacto coa natureza dunha forma lúdica. O número máximo de prazas da Escola é de 25, aínda que dende Senda Nova informan de que, ao tratarse dunha actividade de longa duración, durante o curso poden producirse baixas, polo que o prazo de anotacións está aberto durante os oito meses do obradoiro. A inscrición e participación na Escola é gratuíta. Durante a primeira xornada, ademais de expoñerse a mecánica de funcionamento da iniciativa, tamén houbo tempo para coñecer mellor aos novos compañeiros e compañeiras e aos monitores, voluntarios e voluntarias que realizan este labor desinteresadamente, e de paso romper un pouco o xeo, cunhas dinámicas e uns xogos de presentación.

O Concello, a SD Sofán e Cruz Vermella unen esforzos nunha cea baile benéfica en Punta del Este a prol dos refuxiados sirios

O SÁBADO 14 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS EN PUNTA DEL ESTE

O Concello, a SD Sofán e Cruz Vermella unen esforzos nunha cea baile benéfica en Punta del Este a prol dos refuxiados sirios

Venres 30 de outubro do 2015

A SD Sofán organiza coa colaboración do Concello de Carballo e Cruz Vermella unha cea baile benéfica e solidaria a prol dos refuxiados sirios. A cita terá lugar o sábado 14 de novembro no Restaurante Punta del Este a partir das 21.00 horas e o prezo da entrada é de 25 euros para adultos e de 12 euros para nenos e nenas de ata 12 anos. Ricardo Serrano, Presidente da SD Sofán, explica que a iniciativa xurdiu para "axudar aos refuxiados, que escapan nada máis e nada menos que dunha guerra". A entidade espera que os socios e socias, así como os colaboradores habituais da entidade, se sumen a esta cita e participen coas súas achegas. Así, durante a cea haberá unha urna situada no restaurante destinada a recoller as doazóns dos e das asistentes e todo o diñeiro recadado irá destinado integramente para o labor de axuda aos refuxiados de Cruz Vermella. Tamén é posible realizar achegas antes do día da cea na sede de Cruz Vermella, na sede da SD Sofán e mesmo nos puntos de venda de entradas, que son os seguintes: Taberna O'Patacón, Bar O Mexillón, Tasca A Cova, Bar Canducho de Sofán, Farmacia de Sofán e Restaurante Punta del Este. Matilde Anido, presidenta da Asemblea Local de Cruz Vermella, afirma que tamén se rifarán alguns agasallos o día da cea entre os asistentes, xa que cada entrada levará impreso un número para a rifa. Anido espera que a xente responda á convocatoria, xa que "todos somos humanos e é doloroso ver a esta xente pasándoo tan mal". O Alcalde, Evencio Ferrero, asegura que "o conxunto da sociedade temos que poñerlle freo a este tipo de situacións sendo solidarios".

O Fiotiño pecha cunha cita na que os cativos poderán entrevistar pola radio ao Alcalde e a representantes do FIOT

SÁBADO 31 DE OUTUBRO ÁS 12.00 HORAS NA BIBLIOTECA REGO DA BALSA

O Fiotiño pecha cunha cita na que os cativos poderán entrevistar pola radio ao Alcalde e a representantes do FIOT

Venres 30 de outubro do 2015

Os máis cativos e cativas participan o sábado 31 de outubro entre as 11.00 e as 13.00 horas na derradeira xornada do obradoiro "Locutores de radio", na que entrevistarán ao Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; ao Presidente da Asociación Telón e Aparte e director do FIOT, Alberto Sueiro, e á actriz Alba Bermúdez, fundadora da compañía teatral carballesa Galeatro. Este progama especial gravarase a partir das 12.00 horas na Biblioteca Rego da Balsa e contará coa colaboración especial de Radio Voz e a atención do persoal deste centro. O programa emitirase nos vindeiros días, nunha data que aínda está por concretar. Este espazo radiofónico estará protagonizado por nenos a partir de 10 anos, ademais dos propios entrevistados. O taller, enmarcado no Fiotiño, trátase dunha experiencia única para fomentar a creatividade, a expresividade e o traballo en equipo a través dun divertido xogo de radio para dramatizar e crear historias que leva celebrándose en tres citas os sábados de outubro dende o día 17. Con esta actividade, o público infantil tamén aprenderá a escribir un guión para a radio vinculado ao mundo do teatro. Debido á gran demanda, todas as prazas para este obradoiro gratuíto xa están esgotadas. En paralelo ás actividades pensadas para os máis pequenos, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo acolle na súa recta final a estrea da obra "Othelo" de Gabriel Chamé e "Ojos de agua", protagonizada pola actriz Charo López, pezas que constitúen dous dos pratos fortes desta 24 edición e nas que o humor e a música se imporán para ofrecer unha orixinal versión.

A Xunta Local de Seguridade analizou a situación no Concello, que mantén uns parámetros similares aos de exercicios anteriores

AS AUTORIDADES SUBLIÑARON O ALTO NIVEL DE EFICIENCIA POLICIAL

A Xunta Local de Seguridade analizou a situación no Concello, que mantén uns parámetros similares aos de exercicios anteriores

Xoves 29 de outubro do 2015

O Concello de Carballo vén de acoller a celebración dunha sesión da Xunta Local de Seguridade na que se puxo de manifesto que se manteñen uns parámetros similares aos reflectidos nas análises de anos anteriores, transmitindo as autoridades unha mensaxe de tranquilidade, xa que, máis aló de certas situacións puntuais e pouco habituais, non se ten detectado un incremento nas infraccións en materia de seguridade rexistradas nos últimos meses. Así mesmo, tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Subdelegado do Goberno, Jorge Atán, que presidiron a reunión, quixeron resaltar o elevado nivel de eficiencia das forzas de seguridade. Unha proba disto é o incremento no nivel das detencións realizadas pola Policía Local, que son un total de 10 no que vai de ano 2015, fronte ás 6 rexistradas en todo o ano 2014. Esta eficiencia vén como consecuencia do estreito traballo de colaboración da Garda Civil e a Policía Local, que realizan xuntanzas periódicas para coordinar o seu labor. No que respecta á vixilancia, tamén hai que salientar o traballo continuado de prevención nos centros educativos municipais, que contan cun elevado número de alumnos e alumnas, chegándose aos 4.265, 198 máis que no curso anterior. O labor centrouse na prevención, no control de consumo de drogas e tamén na organización e control do tráfico. A Xunta Local de Seguridade tamén serviu para marcar as próximas actuacións que se realizarán en materia de prevención. Con motivo do Nadal, porase en marcha un programa especial de seguridade no sector comercial da vila, para facilitar que a tempada de vendas transcorra sen incidencias.

Asinados os contratos para a realización de melloras viarias nas parroquias de Ardaña, Artes, Sofán, Rus e Entrecruces

O IMPORTE CONXUNTO DAS ACTUACIÓNS ASCENDE A 232.199 EUROS

Asinados os contratos para a realización de melloras viarias nas parroquias de Ardaña, Artes, Sofán, Rus e Entrecruces

Xoves 29 de outubro do 2015

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura de dous contratos para a realización de melloras en vías e camiños nas parroquias de Ardaña, Artes, Sofán, Rus e Entrecruces. Trátase do contrato para a realización de "Sobreanchos e reparacións en varios camiños das parroquias de Ardaña, Artes, Sofán e Rus no Concello de Carballo", proxecto incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, POS 2015. O prezo de adxudicación foi de 196.383 euros (IVE incluído) e o prazo de execución é de tres meses. As pistas obxecto de mellora están situadas nos traxectos entre Noví e As Pallas (parroquias de Artes e Ardaña); entre A Ponte Nova e Vilardefrancos (parroquia de Artes); e no traxecto entre Ramil e Calvos (parroquias de Sofán e Rus). As obras consistirán na reparación e pavimentación das vías locais, cun rebacheo previo, ademais da limpeza e perfilado das cunetas. Así mesmo, modificaranse as arquetas e crearanse sumidoiros que queden debaixo da nova capa de rodadura. O segundo contrato asinado refírese aos traballos de "Reparación dos viais secundarios na parroquia de Entrecruces" por 35.816 euros (IVE incluído). O prazo de execución da obra é de tres meses. As melloras realizaranse nos viais que transcorren entre os seguintes lugares: Cotaro, San Paio-Sabadín, Pereiro da Baixa-O Ribeiro, Pereiro Vello, Lebosende-Meixonfrio 1, Piñeiro Da Alta-O Campo, Pazos-Casais, Piñeiro da Baixa-A Igrexa, Souto Grande-Outeiriños, A Redonda-A Ferveda, Sabadín-Vilela e Piñeiro da Alta-Ponte de Ouxas.

O FIOT aborda a súa recta final coa estrea de

TAMÉN REMATA O CICLO OTNI CUNHA COMPAÑÍA GALEGA O XOVES 29

O FIOT aborda a súa recta final coa estrea de "Othelo" de Gabriel Chamé e con Charo López en "Ojos de agua"

Mércores 28 de outubro do 2015

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) finaliza co mes de outubro e acolle na súa recta final a estrea da obra "Othelo" de Gabriel Chamé e "Ojos de agua", protagonizada pola actriz Charo López, pezas que constitúen dous dos pratos fortes desta 24 edición e nas que o humor e a música se impoñen para ofrecer unha orixinal versión. O venres 30 ás 21.00 horas, o director e clown de importante traxectoria, Gabriel Chamé, pon o acento internacional con"Othelo" (7€), unha nova forma de achegarse ao texto universal de Shakespeare. Este clásico estará reinterpretado por catro actores especialistas en clown e teatro físico que, con doses de humor, dan vida a todas as personaxes desta historia sobre celos, amor, lealdade, violencia, cobiza e vinganza. En definitiva, o tráxico convertirase en cómico. Gabriel Chamé combina o texto co xogo corporal e coa gravación cinematográfica, revelándonos os enganos e medos das personaxes e converténdonos nos seus cómplices. A programación de sala tamén ten como protagonista a obra "Ojos de agua" (15€), na que a popular e recoñecida actriz Charo López dá vida á Celestina. Creada a partir de diversos fragmentos da peza de Fernando de Rojas, esta representación reescribe o pasado e o futuro do mito e os grandes temas da obra orixinal. O sábado 31 ás 21.00 horas, os espectadores poderán comprobar como a historia enlaza directamente co noso tempo, explorando unha personaxe tan fascinante como contraditoria, que confesa os seus segredos máis profundos.

Unanimidade do pleno para subir o gasto social e para dúas declaracións contra a violencia machista e a prol dos refuxiados

MOCIÓN POLA SUPRESION DAS BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS

Unanimidade do pleno para subir o gasto social e para dúas declaracións contra a violencia machista e a prol dos refuxiados

Martes 27 de outubro do 2015

A corporación carballesa celebrou o luns 26 de outubro unha sesión plenaria ordinaria que comezou con un minuto de silencio para condenar as agresións por violencia machista. Máis adiante, durante a sesión, recibiu a unanimidade de todos os grupos a Declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. Así mesmo, todos os concelleiros presentes, 20 xa que aínda non tomou posesión o novo concelleiro ou concelleira do PP, apoiaron outra Declaración institucional, neste caso q favor das persoas refuxiadas a causa da crise migratoria que se vive nestes momentos en Europa. Este último punto quedara sobre da mesa na sesión ordinaria de setembro á espera de chegar a un texto de consenso. No apartado económico, tamén recibiron luz verde por unanimidade unha modificación de crédito e unha transferencia de crédito. No primeiro caso, a operación está destinada a incrementar a partida para o servizo de axuda no fogar para cubrir as baixas, as vacacións, os días de asuntos propios, etc. do persoal a través dun servizo externo por un importe de 43.000 euros. Esta modificación tamén supón unha achega de 15.000 euros máis para as subvencións de acción social a particulares. A partida para estas axudas pasará de 80.000 a 95.000 euros destinados a vales de alimentos, facturas eléctricas, alugueres, etc. para persoas necesitadas. No que respecta á transferencia de crédito, de 66.349,81 euros, servirá para abonar o 26 por cento da paga extra dos traballadores municipais -a parte que permite a lei- para compensar a supresión da paga extraordinaria de Nadal do ano 2012.

O PXOM xa está na Casa do Concello despois de dar cumprimento á Orde da Xunta sobre a aprobación definitiva do planeamento

XUNTANZA DA COMISIÓN DE URBANISMO A PRÓXIMA SEMANA

O PXOM xa está na Casa do Concello despois de dar cumprimento á Orde da Xunta sobre a aprobación definitiva do planeamento

Luns 26 de outubro do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes e o Arquitecto Municipal, Alfredo Garrote, recibiron hoxe de mans do equipo redactor, de Fernández Carballada e Asociados, a documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) despois de dárselle cumprimento á Orde emitida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o pasado 2 de xullo sobre a aprobación definitiva do planeamento. Nas últimas semanas tanto os técnicos municipais como o equipo redactor estiveron traballando para incorporar todo o sinalado na citada Orde, mantendo o contacto tamén con técnicos da Xunta en dúas xuntanzas celebradas o pasado verán, e agora vén de culminar este labor. Está previsto que o goberno municipal lle remita esta semana copia do documento a todos os grupos políticos da corporación e convocarase unha xuntanza da Comisión informativa de Urbanismo que está previsto que se celebre a próxima semana. Ademais, o PXOM deberá contar cos informes preceptivos do secretario do Concello, a interventora, o asesor xurídico municipal e o arquitecto municipal antes de remitilo para a aprobación do pleno. Tanto os técnicos, como o equipo redactor, como o goberno municipal esperan que este sexa por fin o paso definitivo e que xa non quede ningún outro aspecto que requira corrección ou modificación. Unha vez que o PXOM reciba no pleno unha nova aprobación provisional, será a Xunta a que teña a última palabra para a esperada e consensuada aprobación definitiva.

Adxudicadas na Xunta de Goberno Local obras de mellora en rúas, vías e instalacións municipais por máis de 600.000 euros

APROBADAS AXUDAS PARA ENTIDADES DE SERVIZOS SOCIAIS POR 24.000 €

Adxudicadas na Xunta de Goberno Local obras de mellora en rúas, vías e instalacións municipais por máis de 600.000 euros

Luns 26 de outubro do 2015

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar varios contratos administrativos para a execución de obras por un importe total de 636.345,41 euros. O de máis contía refírese á "Substitución da cuberta no Pavillón Polideportivo Municipal Vila de Noia", por un prezo de adxudicación de 261.657,66 euros (IVE incluído). A empresa encargada de realizar as melloras será Ediserpo SL, que se comprometeu, sen custo adicional do contrato, a reformar o sistema de ventilación do pavillón, a pintar as fachadas do edificio e a substituír as luminarias existentes por lámpadas LED para a mellora enerxética. O prazo de execución das obras é de 33 días naturais. Dentro do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, POS 2015, a sesión supuxo luz verde para a adxudicación dos traballos para a realización de "Sobreanchos e reparacións en varios camiños das parroquias de Ardaña, Artes, Sofán e Rus no Concello de Carballo". O prezo de adxudicación foi de 196.383 euros (IVE incluído), a empresa encargada dos traballos será Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e o prazo de execución é de tres meses. As pistas obxecto de mellora están situadas nos traxectos entre Noví e As Pallas (parroquias de Artes e Ardaña); entre A Ponte Nova e Vilardefrancos (parroquia de Artes); e no traxecto entre Ramil e Calvos (parroquias de Sofán e Rus). As obras consistirán na reparación e pavimentación das vías locais, cun rebacheo previo, ademais da limpeza e perfilado das cunetas. Así mesmo, modificaranse as arquetas e crearanse sumidoiros que queden debaixo da nova capa de rodadura.

A UCGAL levará a cabo no Pazo da Cultura un taller formativo gratuíto sobre a factura eléctrica e o aforro na electricidade

MÉRCORES 28 DE OUTUBRO ÁS 20.00 HORAS

A UCGAL levará a cabo no Pazo da Cultura un taller formativo gratuíto sobre a factura eléctrica e o aforro na electricidade

Luns 26 de outubro do 2015

A UCGAL (Unión de Consumidores de Galicia) vén de comezar unha serie de actividades formativas sobre consumo e aforro da electricidade que levará aos técnicos desta organización a visitar distintas localidades galegas durante os meses de outubro e novembro. O mércores 28 de outubro Carballo acollerá un destes talleres formativos sobre a subministración eléctrica. A actividade, na que colabora o Concello, celebrarase no Telecentro situado no primeiro andar do Pazo da Cultura, ás 20.00 horas. A UCGAL, consciente da complicación que representa coñecer os mecanismos de funcionamento do sector eléctrico e en vista do progresivo aumento das reclamacións dos consumidores nesta materia, pretende formar á cidadanía no eido da subministración eléctrica para garantir os seus dereitos como consumidores e axudarlles a entender e aforrar na factura da electricidade. Nestes talleres, os asistentes poderán resolver as súas dúbidas sobre as distintas modalidades de contratación de electricidade, a substitución dos contadores analóxicos polos contadores dixitais, a potencia contratada e a nova tarifa da luz por horas que tanta confusión xera. Estas actividades formativas, impartidas por técnicos da UCGAL e realizadas co patrocinio do Instituto Galego de Consumo (IGC); facilitaranlles aos consumidores e usuarios galegos unha mellor comprensión en materia de subministración eléctrica. O único requisito para participar é o de levar unha factura o día da actividade.

Compartir: