Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Unha emocionada Susana Dans recolleu o Xograr de Outono do FIOT 2015 dedicándollo ao público e ao festival

ÚNESE AOS DOCE NOMES DE TEATRO QUE XA RECIBIRON O GALARDÓN

Unha emocionada Susana Dans recolleu o Xograr de Outono do FIOT 2015 dedicándollo ao público e ao festival

Sábado 24 de outubro do 2015

A "actriz, cómica e titiriteira e agora Xograresa" Susana Dans, como ela mesma se definiu, recolleu onte nun ateigado Pazo da Cultura o Xograr de Outono 2015, un galardón que concede o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) a persoas ou entidades que desenvolvan un papel activo na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. Moi emocionada e moi aplaudida polo público, Dans quixo dedicarlle o premio especialmente aos espectadores, así como ao propio festival polo seu traballo ano tras ano "para fidelizar clientes", xa que "habendo teatro, todo tempo pode ser calquera tempo". Recolleu o premio de mans do Deputado provincial de Cultura, Xosé Regueira, e do Vicepresidente da Asociación Telón e Aparte, Antón Guitoi, precedida polas verbas doutro Xograr de Outono, Cándido Pazó, que leu a súa muller e presidenta de Escena Galega, a carballesa Belén Pichel. Pazó subliñou o agarimo que lle ten toda a profesión á actriz coruñesa, xa que Dans "enche os personaxes de vida e de sangue", enriquecéndoos "con delicados e pequenos matices", converténdose "nunha actriz que sabe ser grande no pequeno, e pequena no grande". A traxectoria de Susana Dans tamén fala por ela, tendo visitado Carballo en numerosas ocasións, así como o FIOT, formando parte do elenco que representou "Noite de Reis" (2007-2009), do Centro Dramático Galego, proposta que recibiu o Premio do Público do festival. Conta con cinco premios María Casares, a máis alta distinción do teatro galego, o último recibido no ano 2014 por "As do peixe", de Abrapalabra Producións Escénicas, como mellor actriz protagonista. Parabéns!

O pleno inclúe a aprobación de dúas operacións de crédito para subir o gasto social e abonar a paga extra do persoal municipal

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O pleno inclúe a aprobación de dúas operacións de crédito para subir o gasto social e abonar a paga extra do persoal municipal

Venres 23 de outubro do 2015

A corporación carballesa celebra o luns 26 de outubro unha sesión plenaria ordinaria que inclúe na orde do día a aprobación de dous expedientes, un para unha modificación de crédito e outro para realizar unha transferencia de crédito. No caso da modificación de crédito a operación está destinada, en primeiro lugar, a incrementar a partida para o servizo de axuda no fogar. Aínda que en Carballo este servizo está municipalizado, o persoal existente non chega para cubrir as baixas, as vacacións, os días de asuntos propios, etc., polo que se recorre de forma puntual a un servizo externo que neste ano 2015, debido a acumulación de baixas, supuxo un gasto de 43.000 euros que se cobren con esta transferencia, ata chegar a un total de 188.700 euros de gasto. En segundo lugar, a operación supón unha achega de 15.000 euros máis para as subvencións de acción social a particulares. A crise e as dificultades de moitas familias para cubrir os gastos fai que a partida para estas axudas pase de 80.000 a 95.000 euros destinados a vales de alimentos, facturas eléctricas, alugueres, etc. para persoas necesitadas. Dende o ano 2012, en que a cantidade destinada a acción social era de 25.000 euros, o gasto neste tipo de subvencións tense incrementado no Concello nun 280 por cen. Os 58.000 euros necesarios para a modificación de crédito achéganse grazas á rebaixa de 15.000 euros no contrato de adxudicación para a renovación de parques infantís; a unha operación de tesourería de 28.000 euros; e a un aforro de 15.000 euros na adquisición de vehículos municipais.

Asinado o contrato administrativo para adecuar á normativa e renovar un total de 43 parques infantís en todo o municipio

O PREZO DE ADXUDICACIÓN SUPERA OS 95.000 EUROS

Asinado o contrato administrativo para adecuar á normativa e renovar un total de 43 parques infantís en todo o municipio

Venres 23 de outubro do 2015

A Casa do Concello acolleu o acto de sinatura do contrato administrativo mixto de subministración e servizo de "Adecuación dos parques infantís do Concello de Carballo á normativa" e cuxa execución recaeu na empresa Jardinería Arce SL da Coruña. Estiveron presentes na sinatura o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, e un representante da empresa adxudicataria. O prazo de execución recollido é de dous meses dende o día da formalización do contrato, mentres que a garantía será por un prazo dun ano dende a sinatura da acta de recepción do subministro. O prezo de adxudicación é de 95.095 euros (IVE incluído), sobre un prezo de licitación de 133.000 euros. O contrato inclúe o subministro de servizos de mantemento de parques, equipamento para terreos de xogo, bambáns, aparatos para trepar, carruseis, tobogáns, balancíns, túneles e caixóns de area para parques infantís. A empresa deberá facerse cargo da entrega e instalación nos parques que se indiquen en perfecto estado de funcionamento, sendo de conta do adxudicatario os gastos de transporte, entrega, instalación e posta a punto. Así mesmo, a empresa adxudicataria está obrigada á reposición e ampliación de pezas ou de conxuntos durante o prazo de duración do contrato. O contrato implica a actuación nun total de 43 parques distribuídos por todo o territorio municipal, tanto no casco urbano como nas parroquias.

O FIOT acolle a estrea de

O SÁBADO 24 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

O FIOT acolle a estrea de "Los esclavos de mis esclavos", proposta da compañía madrileña Producciones Meridional

Mércores 21 de outubro do 2015

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) acolle o sábado 24 de outubro ás 21.00 horas a estrea mundial da obra "Los esclavos de mis esclavos" (entradas 10 € en ), da compañía madrileña Producciones Meridional, coa que o festival mantén unha longa relación e que foi merecedora do Premio do Público do FIOT en 2003. Trátase dunha obra de gran intensidade, que parte do pequeno microcosmos dun secuestro para falar do macrocosmos humano e xeopolítico no que estamos inmersos. Nesta esperada peza teatral, Meridional mestura o serio co humor e co poético e busca, ao memo tempo, a complicidade do público. O argumento fala de dous homes e unha muller secuestrados nunha cova, nas montañas de Afganistán, xunto coa muller en burka que lles leva a comida. Sobre o escenario, catro vítimas da situación xeopolítica e do seu propio desexo de acción. Como sobrevivirán? Na programación de sala tamén haberá unha ampla representación do teatro galego da man de grandes actores e actrices que actuarán o venres 23 ás 21.00 horas na comedia política "Presidente"(7 €), protagonizada polo Xograr de Outono do FIOT, Celso Parada, que estará acompañado por rostros ben coñecidos da escena teatral da nosa comunidade como César Goldi, Federico Pérez, Iolanda Muíños e Merce Castro. A compañía Teatro do Morcego presenta esta obra recentemente estreada de Xosé L. Prieto, un xoven autor galego que xa ten varios premios Max e María Casares.

Xogos de dedos e cantigas para o apego cos bebés co obradoiro

XOVES 22 DE OUTUBRO EN DÚAS QUENDAS CON INSCRICIÓN PREVIA

Xogos de dedos e cantigas para o apego cos bebés co obradoiro "Prende no colo" na Ludoteca Municipal

Martes 20 de outubro do 2015

"Este é o maimiño, este o seu sobriño, este o maior de todos, este o furabolos e este o matapiollos!"; "Este queixo, queixolán; esta boca pide pan; este naris, pis, pis, / estes ollos, revirollos, / esta testa, testaruda..., / e este peliño de burra!". Cantigas e xogos de dedos coma estes e outros moitos son os que nais e pais, xunto cos seus nenos e nenas, poderán aprender e practicar no obradoiro "Prende no Colo", que terá lugar na Ludoteca de Carballo o xoves 22 de outubro. Son moitos os xogos, recitados, cantigas, etc., que se fan, ou facían, cos nenos pequenos, pero, pouco a pouco, algúns fóronse perdendo e deixaron de transmitirse. Por iso ten lugar este obradoiro, para que as nais e os pais poidan seguir a xogar cos seus fillos e fillas a través da nosa lingua e da nosa tradición, transmitíndolles o mellor que temos a través do apego. E é que esta é unha actividade enmarcada dentro do proxecto que leva ese nome, Apego, que é afección, vínculo, empatía. O apego é necesario para o desenvolvemento social e emocional. E o apego é fundamental para a lingua. Por isto este proxecto Apego, de socialización en galego desde a primeira infancia. O obradoiro "Prende no colo" desenvolverase na Ludoteca de Carballo e, para procurar que poidan participar todas as persoas interesadas, terá lugar en dúas quendas, unha ás 17.30 e outra ás 18.30 horas. As prazas son limitadas, e as persoas que desexen asistir deberán inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística, no Pazo da Cultura, no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico .

Aberto o prazo para anotarse nun seminario gratuíto de Introdución á Eficiencia Enerxética de 30 horas de duración

INSCRICIÓNS NO FÓRUM CARBALLO, +INFO NO 981 709 011

Aberto o prazo para anotarse nun seminario gratuíto de Introdución á Eficiencia Enerxética de 30 horas de duración

Luns 19 de outubro do 2015

O Concello de Carballo a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira organiza o II Seminario de Introdución á Eficiencia Enerxética, unha actividade que terá lugar entre o luns 26 de outubro e o venres 6 de novembro. Esta acción formativa ten unha duración de 30 horas e impartirase integramente no Fórum Carballo en horario de 10.00 a 13.00 horas. A realización desta segunda edición ven motivada polo óptimo resultado acadado na primeira convocatoria no ano 2014, na que participaron máis e 20 persoas de moi diferentes perfís académicos e profesionais. Este curso vai dirixido a demandantes de emprego, desempregados e desempregadas e persoas en activo que desexen explorar no campo da eficiencia enerxética aplicada a múltiples sectores como a edificación, iluminación, climatización, procesos industriais ou como modelos de negociado a través de innovadoras fórmulas de inversión. Preferiblemente deben contar con algún coñecemento técnico mínimo en relación con electricidade, electrónica, fontanería, construción, arquitectura, industria, física, enxeñería, etc. Un total de cinco profesores especializados serán os encargados de impartir as sesións que tratarán sobe o mercado enerxético, a eficiencia enerxética na industria, as enerxías renovables, a iluminación interior e exterior, os modelos das empresas de servizos enerxéticos, a consultaría enerxética, a normativa e regulación, a xestión enerxética integral ou a rehabilitación e eficiencia na edificación. As persoas interesadas poden inscribirse no Fórum ou chamar ao 981 709 011. A selección realizarase por orde de inscrición.

A canceira municipal ten facilitado a adopción de 125 cans e cadelas dende o comezo do servizo a finais de novembro de 2012

NESTES MOMENTOS HAI CATRO ANIMAIS ESPERANDO UN FOGAR

A canceira municipal ten facilitado a adopción de 125 cans e cadelas dende o comezo do servizo a finais de novembro de 2012

Venres 16 de outubro do 2015

O Concello de Carballo, a través de Carballo Limpo e tamén en nome de Servigal, a empresa que xestiona a Canceira Municipal, quere lanzar un chamamento aos veciños e veciñas respecto da responsabilidade que a sociedade debe de ter cos nosos cans e cadelas, nomeadamente con aqueles que son abandonados e están indefensos. Desde a posta en marcha do servizo de adopcións da Canceira en Carballo no mes de novembro de 2012 téñense tramitado un total de 125 adopcións, mais tamén seguen a ser moitos os cans e cadelas que se recollen nas rúas decotío. No verán prodúcense moitos abandonos de animais, moitos deles debidos á chegada de camadas non desexadas, por iso queremos animar aos propietarios de cadelas que non queiran ter crías, que procedan á esterilización das mesmas, para evitar sorpresas e non ter que tomar decisións como as do abandono. A día de hoxe son catro os cans e cadelas que están á espera dun fogar na Canceira: Bones, un galgo marrón de entre 1 e 2 anos; Copito, unha caniche branca de entre 2 e 3 anos; Teo, un beagle mestizo macho de tres meses; e Koli, un fermoso mestizo dun ano marrón e branco. Un dos obxectivos principais do servizo é a consecución de adopcións dos cans e cadelas non identificados e que non son recollidos, estes cans poderán ser adoptados dentro de todas as normas legais e sanitarias establecidas e a concesionaria entregará o animal desparasitado, vacinado, con microchip, e realizará todas as tarefas administrativas, incluíndo o rexistro no REGIAC (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compaña) por tan só 50 euros. Adopta un amigo!

Draft.Inn e Inma Cuevas convidan ao público a participar no

O VENRES 16 E O DOMINGO 18 ÁS 19.00H NA SALA DE TV DO PAZO

Draft.Inn e Inma Cuevas convidan ao público a participar no "Café con..." do FIOT durante esta fin de semana

Venres 16 de outubro do 2015

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) celebra dende este venres novos encontros enmarcados na actividade "Café con...", que antes de cada función -cando as circunstancias o permitan- reúne a espectadores e artistas nun mesmo espazo para intercambiar impresións, inquedanzas e dúbidas sobre a obra que se vai a representar. Os protagonistas do "Café con..." deste venres ás 19.00h no Pazo da Cultura serán os compoñentes de Draft.Inn, que interpretan a obra "Los nadadores nocturnos" (21.00h; 7€), considerada como unha das mellores montaxes do ano e gañadora do Max 2014 ao mellor Espectáculo Revelación, ademais de ser semifinalista en categorías como a autoría e a dirección. No encontro Participarán o autor da obra, José Manuel Mora, e un dos intérpretes. O "Café con..." do domingo 18 á mesma hora e no mesmo lugar será para Inma Cuevas e os seus compañeiros de Kendosan Producciones, encargados de representar sobre o escenario "Constelaciones" (21.00h; 7€), a premiada e orixinal peza do británico Nick Payne. Neste encontro, o público poderá coñecer curiosidades desta obra da man da gañadora do Premio á mellor actriz protagonista 2015 pola Unión de Actores, Inma Cuevas. Precisamente para ver as obras dos protagonistas dos "Café con..." os interesados e interesadas aínda están a tempo de adquirir as súas entradas. No caso de "Los nadadores nocturnos", poderán mercarse o venres dende as 19.30h na billeteira do Pazo da Cultura e para "Constelaciones" aínda se poden reservar en ataquilla.com ou no 902 504 500 (de 9.00 a 22.00 horas).

O FIOT chega ao seu ecuador con referentes como Blanca Portillo e Inma Cuevas con funcións toda a fin de semana

O OTNI TRAE MICRO TEATRO CON PEZ LIMBO E "MAMÁ GALLINA"

O FIOT chega ao seu ecuador con referentes como Blanca Portillo e Inma Cuevas con funcións toda a fin de semana

Xoves 15 de outubro do 2015

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) chega ao seu ecuador da man de actrices referentes como Blanca Portillo e Inma Cuevas, que esta fin de semana subirán ao escenario do Pazo da Cultura para protagonizar dúas das obras que xeran maior expectación nesta 24 edición. Como aperitivo destas citas ineludibles, o venres 16 ás 21.00 horas a compañía madrileña Draft.Inn representa "Los nadadores nocturnos" (7 €), considerada como unha das mellores montaxes do ano e gañadora do Max 2014 ao mellor Espectáculo Revelación, ademais de ser semifinalista en categorías como a autoría e a dirección. Este soberbio e arriscado espectáculo integra nunha linguaxe propia teatro, danza e música a través de historias cruzadas e seres á deriva que se senten vítimas do amor e que explotan ante a mirada cómplice dos espectadores. Aínda hai entradas en . O sábado 17 ás 21.00 horas chega un dos momentos máis esperados do festival. A actriz Blanca Portillo (Premio Nacional de Teatro 2012) protagoniza unha audaz revisión da figura de María, recuperando a cara máis humana da nai de Xesús, unha muller na vellez que revive os fantasmas do pasado, descubríndonos quen é, non o que a memoria histórica quixo facer dela. En "El testamento de María" (15 €), para a que xa non hai entradas, podemos ver a unha muller sinxela cun único fillo, arrebatado por unha decisión divina e un odio humano que lle infrinxe a maior das dores. Por ese labor de descubrir quen está detrás desa icona que é a Virxe, Portillo foi merecedora do recoñecemento á mellor actriz nos Premios Max.

Os estudantes do IES Parga Pondal aprenderán a codificar videoxogos ou apps na III Semana Europea da Programación

A CITA ESTÁ PREVISTA PARA O VENRES 16 DE OUTUBRO

Os estudantes do IES Parga Pondal aprenderán a codificar videoxogos ou apps na III Semana Europea da Programación

Martes 13 de outubro do 2015

Tres institutos de ensino secundario da provincia da Coruña, entre os que se atopa o IES Parga Pondal de Carballo, participan nas actividades da III Semana Europea da Programación, a CodeWeek, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea e que na provincia coruñesa está organizada pola Deputación en colaboración coa Universidade da Coruña. A cita no instituto carballés está programada para o venres 16 de outubro baixo o título "Día do código no teu cole. Educar para innovar". O obxectivo fundamental desta iniciativa é amosar a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos como poden facer realidade as súas ideas a través da programación informática, ao tempo que se divulga esta disciplina entre o alumnado e se motiva aos rapaces a interesarse por un sector profesional en auxe, que xa forma parte dos programas educativos de secundaria de doce países europeos e que xerará 825.000 postos de traballo en 2020, segundo as estimacións da Comisión Europea. Mediante actividades formativas e divertidas, mozos e mozas aprenderán novas competencias e habilidades tecnolóxicas mediante talleres de programación de videoxogos e aplicacións para dispositivos móbiles, ademais de potenciar a súa creatividade e o pensamento lóxico. O ciclo complétase o xoves 15 de outubro ás 17.00 horas cun acto na Facultade de Informática do Campus de Elviña da UDC, que constará dunha conferencia a cargo do programador Pablo Espeso baixo o título "Programar es divertido: Scratch como excusa para enseñar a pensar de forma original" e unha exhibición de robots Nao, que mostrarán os froitos da súa aprendizaxe e de robots da First Lego League de Galicia.

Compartir: