Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Arte e teatro únense nunha

PODE VISITARSE NO ANDAR -1 NO HORARIO HABITUAL

Arte e teatro únense nunha "Versión orixinal" do FIOT a través dunha exposición que poderá visitarse até o 1 de novembro

Venres 9 de outubro do 2015

Carballo muda en teatro no mes de outubro e a súa vez o teatro muda en arte a través da exposición "Versión orixinal". Así, no marco do Festival Internacional Outono de Teatro tres artistas carballeses, Eva Facal, Mon Lendoiro e Laura Tova interpretan a través das suas obras o fío condutor desta 24 edición do FIOT. Para iso fixeron súa a sala de exposicións do Auditorio do Pazo da Cultura, transformando por completo este espazo, que mudou de tamaño e ata de cor despois dun traballo intenso de dúas semanas e coa axuda de LEDs, lámpadas e teas negras. Cada un dos artistas reflectiu a través da súa obra o que para eles significa a "versión orixinal" - a liña argumental sobre a que o FIOT xira nesta edición-, é dicir, tres versións diferentes sobre un mesmo concepto e idea. As obras reclaman o protagonismo da súa propia voz, onde converten ao espectador en cómplice da súa verxión orixinal. Mon Lendoiro optou por unha pintura misturada con collage, Laura Tova expuxo unha obra pictórica fusionada con outros elementos e Eva Facal montou unha instalación. O resultado: tres obras fusionadas nunha soa, pero cada unha con entidade propia. No acto de inauguración, ademais dos artistas e da veciñanza, estiveron presentes o Presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Abriu o acto un recital poético a conta de Paco Souto. A mostra permanecerá aberta no andar -1 do Pazo da Cultura até o domingo 1 de novembro en horario de 18.00 a 21.00 horas. As imaxes da inauguración, no Facebook, aquí.

Volve

A ACTIVIDADE COMPLEMÉNTASE CON ANIMACIÓN TEATRAL NOS LOCAIS

Volve

Venres 9 de outubro do 2015

O FIOT muda en arte, en risos, en imaxes, en cafés, en público e agora, un ano máis, tamén en comida cunha nova edición de "Dálle un bocado ao FIOT". Catorce locais hostaleiros da capital municipal participan nesta ruta gastronómica que se inaugura o venres 9 de outubro coincidindo co primeiro espectáculo de sala do Festival Internacional Outono de Teatro, a cargo de Chirigóticas e titulado "Juanita calamidad". Catorce bares, tascas e cafetarías propoñen tapas ou almorzos a 2 e 3 euros, respectivamente, os días 9, 11, 16, 17, 18, 23, 24, 30 e 31 de outubro, coincidindo con todas as funcións de sala. Con nomes tan suxerentes como "Otelo", "Calderón de la Barca", "Fiotiño de mar", "Sonata de otoño" ou "Milhojas para Julieta", os locais participantes crean unha proposta gastronómica para o festival, co obxectivo, sinala o Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, de que a celebración do festival teña unha repercusión clara nos locais de hostalería de Carballo. Como o ano pasado, todos os clientes que se animen a probar os "bocados" recibirán unha rifa e participarán no sorteo dun premio que consiste en dúas entradas para un espectáculo da próxima edición do FIOT, con aloxamento na vila a noite do espectáculo. Regueira aproveitou para facer público o nome do gañador da edición do ano pasado, Manuel Rial Santos, a quen lle transmitiu os seus parabéns. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que esta iniciativa converte a Carballo de novo "nun punto de encontro e de atracción para moitas persoas".

O VI Ciclo OTNI do FIOT convértese en referencia en Galicia ao acoller a estrea de tres obras durante o festival

A APERTURA DO CICLO É O LUNS 12 CON PAULA QUINTANA

O VI Ciclo OTNI do FIOT convértese en referencia en Galicia ao acoller a estrea de tres obras durante o festival

Venres 9 de outubro do 2015

A sexta edición do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) regresa este ano ao Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) convertido nunha referencia consolidada no panorama das artes escénicas non convencionais, o que se reflicte no feito de que acolla a estrea en Galicia de tres obras de Canarias, País Vasco e Cataluña, así como a primeira peza dunha nova compañía galega, Cinema Sticado. Na programación do FIOT, o ciclo OTNI ten cada vez un maior protagonismo, sendo un oco na limitada programación neste tipo de representacións que existe na nosa comunidade e no que se combinan procesos de creación colectiva, o teatro-danza, a performance, o cinema ao vivo, as novas dramaturxias ou o microteatro. Nesta nova edición, a oferta inclúe catro obras con referentes creativos, técnicos e estéticos moi dispares que amosan unha perspectiva ampla das técnicas escénicas máis actuais. A través destas ferramentas, conseguen diluír os límites entre a ficción e a realidade, rompendo coa idea de personaxe, interpelando ao espectador, buscando a conexión emocional e convidando ao público a reconstruír a obra. A apertura deste ciclo corre a conta da canaria Paula Quintana, quen o luns 12 ás 21.00h estreará en Galicia a súa obra "Latente" (na imaxe), coa que está obtendo éxito e recoñecemento nos escenarios nacionais e internacionais. A través de teatro, danza contemporánea, flamenco, reflexión e humor, conta unha historia de soños que anhela achegar o ser humano ao ser humano. Con esa fusión de elementos sobre o escenario a intérprete canaria acada un orixinal universo.

A Biblioteca Rego da Balsa programa actividades para nenos e adultos con faladoiros, contacontos ou presentacións de libros

ENTRE OUTUBRO E DECEMBRO NAS INSTALACIÓNS DA RÚA BOS AIRES

A Biblioteca Rego da Balsa programa actividades para nenos e adultos con faladoiros, contacontos ou presentacións de libros

Xoves 8 de outubro do 2015

Co outono e co comezo do curso volven as actividades á Biblioteca Rego da Balsa, para cativos e cativas e tamén para adultos nun intenso programa entre outubro e decembro. O obxectivo e seguir contribuíndo a que o espazo da Biblioteca sirva "para o encontro de familias e de xente nova co libro e con distintas maneiras de expresarse", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. Tamén coa arela de "divulgar os libros" e de "facer lectores e lectoras críticos", engade. Así o expresou na presentación deste programa que desta volta tamén inclúe un total de 16 visitas e contacontos teatrais para centros de ensino entre o 5 e o 16 de outubro ás 10.30 e ás 12.00 horas. Desta forma o espazo debe mudar nun lugar "atractivo, dinámico e divertido para pasar o tempo de lecer", segundo explica o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, cunha programación na que tamén hai obradoiros e contacontos para os máis cativos e cativas, continuando coa proposta "Pais e nais contan" que implica a toda a familia, pero tamén con compañías como Trinke Trinke os mércores ás 18.00 horas; presentacións de libros con autoras e autores da contorna, como Miriam Beizana, os xoves pola tarde; e interesantes faladoiros con persoeiros como Suso Lista, ou abordando temáticas como o a adopción de cans ou a horta ecolóxica os martes pola tarde. A programación complétase co programa "Os ratos do Rego da Balsa", os mércores ás 18.00 horas entre outubro de 2015 e abril de 2016 cunha programación continuada e especial para nenos e nenas.

O FIOT de Carballo abre as funcións de sala coa estrea en Galicia da comedia musical

VENRES 9 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

O FIOT de Carballo abre as funcións de sala coa estrea en Galicia da comedia musical "Juanita Calamidad"

Xoves 8 de outubro do 2015

O Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT) de Carballo inicia o venres 9 de outubro ás 21.00 horas a súa programación de sala no Pazo da Cultura da man da compañía andaluza Chirigóticas, que elixiu a capital de Bergantiños para estrear en Galicia (e case en España xa que hai uns días representou a súa primeira función) a súa comedia musical "Juanita Calamidad (todo el mundo tiene un pasado)", a obra coa que celebra o seu décimo aniversario sobre os escenarios. Baixo a dirección de Antonio Álamo, un dos máis firmes valores do teatro en España e representado internacionalmente, o equipo consegue crear unha forma teatral a partir da tradición satírica do carnaval gaditano, con grandes doses de crítica social, mordacidade e espírito popular. O argumento da obra aporta unha visión persoal sobre o instinto de ser nai dunha muller que pon en cuestión a noción de xénero, co particular estilo e a linguaxe sarcástica, musical e humorística que lle imprime a compañía Chirigóticas. A protagonista, Juanita Calamidad -que toma o seu nome da famosa exploradora americana inmortalizada no cine-, é unha "anti-Yerma" remisa á maternidade e a calquera compromiso. Sen embargo, Juanita escoita unha voz que lle aconsella un pouco de sensatez, dado que xa vai tendo uns aniños. Esa mesma noite pecha todos os bares que visita, é arrestada por escándalo público e remata no calabozo, onde a súa sorte cambiará para sempre. Será a hora de cambiar para Juanita Calamidad? O prezo da entrada, que pode mercarse en é de 7 euros. A duración prevista do espectáculo é de 90 minutos.

O FIOT desenvolve por segundo ano consecutivo a novidosa Escola do Espectador baixo a batuta do crítico teatral Camilo Franco

OS MARTES DO FESTIVAL ÁS 20.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA

O FIOT desenvolve por segundo ano consecutivo a novidosa Escola do Espectador baixo a batuta do crítico teatral Camilo Franco

Martes 6 de outubro do 2015

Por segundo ano consecutivo, e tras o éxito acadado na pasada edición, a organización do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) apostou por continuar coa novidosa Escola do Espectador. Este espazo de aprendizaxe, que volve estar dirixido por Camilo Franco, un dos críticos teatrais máis relevantes de Galicia, é unha actividade aberta á que poden acudir os amantes do teatro que queiran aprender ou ampliar a súa mirada e visión sobre as artes escénicas da man dun experto. Utilizando como referente as nove obras de sala que van pasar polo FIOT, así como as catro do ciclo OTNI, Franco guiará os encontros para facilitarlle aos asistentes as claves para a comprensión e a análise dos espectáculos previa á súa representación no Pazo da Cultura de Carballo. Nestas aulas abertas irá reparando nos distintos discursos que teñen unha función no teatro: o textual, o xestual, o lumínico, a dirección ou a interpretación a partir de xéneros como a comedia, a política ou os clásicos. As sesións desenvolveranse os martes de outubro: 6, 20 e 27, quedando pendente unha cuarta que se fixará en función da dispoñibilidade dos asistentes. Serán todas no Pazo da Cultura de Carballo ás 20.30 horas. A Escola do Espectador enmárcase na filosofía de achegar ao público ao festival e complementa outros espazos informais como o "Café con..." nos que, antes de cada obra, parte do elenco da compañía se reúne cos espectadores para explicarlles a concepción do espectáculo, entre outros aspectos.

O mestre do humor Joan Estrader impartirá un Taller de Humor para Torpes do FIOT o sábado 10 de outubro

DE 10.30 A 13.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA

O mestre do humor Joan Estrader impartirá un Taller de Humor para Torpes do FIOT o sábado 10 de outubro

Martes 6 de outubro do 2015

No marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo celebrarase o Taller de Humor para Torpes, que impartirá o mestre do humor absurdo Joan Estrader (na imaxe) e que ten como obxectivo potenciar as cualidades cómicas de cada un dos participantes, atopando o placer ríndose dun mesmo. Na mañá do sábado 10 (de 10.30 a 13.30h) no Pazo da Cultura, as persoas inscritas (que non teñen por que ter experiencia escénica) poderán desenvolver a súa comicidade utilizando como ferramentas a improvisación, o xogo e a complicidade co compañeiro e co público. Trátase dun curso moi práctico e pouco teórico, no que os participantes poderán gozar sen medo ao ridículo. Este obradoiro ten todos os alicerces para a diversión dos seus participantes, non só polo seu contido, senón tamén pola personalidade e traxectoria de Joan Estrader. Membro fundador da compañía Pez en Raya, xunto con Cristina Medina, é todo un referente do humor extravagante que percorreu os escenarios de medio mundo e que se formou como clown na École Philippe Gaulier de Londres e con outros mestre como Théâtre de Complicité, Monika Pagneaux e Marcello Magni. Os interesados en participar deberán inscribirse no Pazo da Cultura ou no enderezo electrónico antes do venres 9 de outubro, xa que está limitado a 15 prazas e ten un custe de 20 euros. Joan Estrader tamén se transformará en Mr. Kebab na obra "Juancállate" da súa compañía Pez en Raya, que a mesma noite do sábado (21.00 horas) se representará no Mercado Municipal no marco das sesións dobres da Rúa dos Contos.

Asinado o contrato para a dotación dos servizos de Telefonía fixa e móbil e rede de datos do Concello por 360.000 euros

FORMALIZÁRONSE TAMÉN OS DE DÚAS REDES DE SANEAMENTO EN BÉRTOA

Asinado o contrato para a dotación dos servizos de Telefonía fixa e móbil e rede de datos do Concello por 360.000 euros

Luns 5 de outubro do 2015

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato de servizos de "Telefonía fixa e móbil e rede de datos do Concello de Carballo". A empresa adxudicataria é R Cable Telecomunicaciones Galicia SA por un importe de 362.699,99 euros. A duración do contrato será de catro anos a contar dende o día seguinte ao da formalización do mesmo, cun prazo de implantación de tres meses dende a súa sinatura. O obxectivo do contrato é o de reestruturar as comunicacións do Concello de Carballo de maneira que se facilite tanto a comunicación interna dos servizos como de estes á cidadanía, ademais de conseguir un aforro de custos considerable para as arcas municipais, xa que non só o importe anual é substancialmente inferior ao que se estaba pagando até o de agora, senón que o prezo base de licitación para o contrato era de 600.000 euros. Entre as melloras ofrecidas polo contratista, está a de establecer un prazo máximo de resolución de incidencias de dúas horas dende a súa notificación. Asinaron o contrato o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representante da empresa que asegurou que comezarán a traballar de forma inmediata. Tamén o Alcalde e Diego Vázquez, de Construcciones Ramón Vázquez y Reino, veñen de asinar dous contratos para a creación de dúas redes de saneamento en Bértoa: a "Rede de saneamento no Añon" e a "Rede de saneamento en Portolago". A primeira por un importe de 54.692 euros e un prazo de execución de cinco meses; e a segunda en Portolago por 92.565 euros cun prazo de execución tamén de cinco meses, sumando o custo dámbolos dous traballos un importe total de 147.257 euros.

Pontevedra interésase por

REPRESENTANTES DESE CONCELLO VISITARON ESTA SEMANA OS MURAIS

Pontevedra interésase por

Luns 5 de outubro do 2015

Representantes do Concello de Pontevedra visitaron o luns 5 de outubro o Concello de Carballo para coñecer o proxecto "Derrubando muros con pintura" de intervención nos espazos urbanos que puxo en marcha a administración local para mellorar as medianeiras e os espazos públicos do casco urbano de Carballo. Os concelleiros de Pontevedra Luís Bará, Carmen Fouces e Alberto Oubiña percorreron o casco urbano de Carballo acompañados pola Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes; e polo de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, que lles foron amosando os logros e explicando os procedementos para conseguir o resultado acadado en Carballo. Os representantes de Pontevedra interesáronse pola actividade desenvolvida na vila como exemplo dunha intervención realizada con éxito coñecida en todo o Estado, e mesmo internacionalmente. Derrubando muros con pintura naceu hai máis de dous anos para curar con creatividade as feridas urbanísticas que, ao igual que en tantas vilas galegas, deixou o crecemento urbano de partir dos anos 60. A través da arte urbana está a converter a capital bergantiñá nun auténtico museo ao aire libre. A primeiros de xuño de 2015 a iniciativa culminou na celebración do Rexenera Fest, un festival de arte urbana que uniu a un coidado elenco formado por 5 artistas de distintas nacións, que interviron en cinco paredes de grande formato esparexidas polo casco urbano. Rexeneráronse espazos deteriorados, achegando valor engadido á paisaxe urbanística, dinamizando o tránsito peonil e expandindo os espazos de lecer nas zonas dos murais.

Arrincan o luns 5 de outubro os traballos de reurbanización da zona do Chorís coa dotación dos servizos na rúa Vila de Noia

AÍNDA NON HABERÁ CORTES DE TRÁFICO NAS RÚAS DA CONTORNA

Arrincan o luns 5 de outubro os traballos de reurbanización da zona do Chorís coa dotación dos servizos na rúa Vila de Noia

Sábado 3 de outubro do 2015

O luns 5 de outubro arrincan os traballos para a "Reurbanización na contorna do complexo Vila de Noia, CEIP Fogar e IES Alfredo Brañas", un proxecto que rehabilitará a Zona escolar e deportiva do Chorís con novos servizos, beirarrúas e unha nova pista deportiva. Está previsto que a empresa adxudicataria, OVIGA (Obras y Viales de Galicia) SL comece o luns coa dotación dos servizos na rúa Vila de Noia, que consisten na implantación da rede de pluviais. Segundo explica a dirección de obra, polo de agora non está previsto realizar ningún corte de tráfico na contorna, xa que para o desenvolvemento dos primeiros traballos habilitarase a marxe esquerda da vía, onde na actualidade están situados os estacionamentos de vehículos en batería, e empregarase como carril para a circulación dos automóbiles, mentres que será na marxe dereita onde teñan lugar as obras. Segundo se vaian desenvolvendo os traballos no futuro, o Concello irá informando das posibles variacións na circulación de vehículos e nas zonas de estacionamento na contorna do Chorís. O motivo polo que os traballos comezan na rúa Vila de Noia é porque o obxectivo é habilitar o antes posible o acceso dos escolares ao CEIP Fogar, que contará cun novo portalón a través desta vía. Hai que lembrar que dende que se anunciou o comezo das obras xa se teñen realizado variacións no sentido da circulación nas rúas situadas na contorna do Chorís, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria dos peóns, nomeadamente dos nenos e nenas que de cotío acoden aos centros de ensino e instalacións deportivas situadas no barrio.

A nova Concelleira de Festas convida ás entidades carballesas e á veciñanza a integrarse na Comisión do San Xoán 2016

MAR EIRÍS TOMA O RELEVO DE BELÉN LENDOIRO

A nova Concelleira de Festas convida ás entidades carballesas e á veciñanza a integrarse na Comisión do San Xoán 2016

Sábado 3 de outubro do 2015

A nova Concelleira de Festas de Carballo, Mar Eirís Villar, realiza un convite expreso aos veciños e veciñas e ás entidades de todo tipo para que se integren na comisión que organizará as festas do 2016. Mar Eirís, que estivo acompañada pola súa antecesora no cargo, Belén Lendoiro Esmorís, e pola presidenta da Asociación Cultural San Xoán, María José Souto Cristóbal, destacou a importancia de contar cun equipo amplo e variado para que o programa responda ás expectativas dos diferentes públicos. As persoas interesadas só teñen que chamar ao Pazo da Cultura (981 704 300) e deixar os seus datos para poder ser convocadas para a primeira reunión, que se celebrará este mes e na que participarán as concelleiras saínte e entrante. Belén Lendoiro e María José Souto destacaron o éxito das celebracións do 2015, tanto en participación de público coma na calidade e a acollida do programa, e apuntaron que a posibilidade de incrementar o orzamento grazas á colaboración de varios departamentos do Concello de Carballo permitiu ofrecer dous grandes concertos coma os de Auryn e Brothers in Band, pero tamén ampliar o cartel do Rockin', deseñar un fantástico programa de orquestras e complementar as verbenas, os concursos tradicionais, a multitudinaria Festa do Bosque e o amplísimo abano de atraccións, entre outras actividades, con propostas novidosas e tan exitosas coma a batukada. Tamén destacaron a presenza da noria, que foi outro dos atractivos das festas e mesmo foi protagonista do concurso convocado por primeira vez en Instagram. A foto gañadora, de Almu Rey, será publicada na revista do San Xoán 2016.

Compartir: