Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Fiotiño arrinca co campamento

DAS 19.00H DO VENRES 2 ÁS 11.30H DO SÁBADO 3 DE OUTUBRO

O Fiotiño arrinca co campamento

Venres 2 de outubro do 2015

O campamento nocturno que o Fiotiño celebra desde hai tres anos volve con folgos renovados ao Pazo da Cultura baixo o nome de "Noite branca no teatro". Nesta nova edición, 25 nenos e nenas de 6 a 12 anos coñecerán os segredos do teatro in situ nun horario moi especial: na noite o venres 2 de outubro ao sábado 3. Este ano era moi alta a expectativa sobre a programación do Fiotiño, que a día de hoxe xa ten esgotadas as prazas non só para a "Noite branca", senón tamén para o resto dos catro obradoiros. Os participantes protagonizarán divertidos obradoiros que os achegarán emocionalmente ao teatro, conectándoos co mundo do FIOT e converténdoos en protagonistas do "momento de contar un conto" para os espectadores da platea. A cea, a noite nos sacos de durmir e o almorzo da mañá seguinte forman parte da escenografía e da aventura lúdica chea de sorpresas e moito teatro. En canto á dinámica da "Noite Branca", tras unha presentación grupal na tarde do venres ás 19.00h, os nenos participarán en exercicios teatrais básicos para perder o medo escénico e así prepararse para os posteriores obradoiros de creatividade escénica, nos que eles mesmos decidirán que contidos abordar e como facelo. A partir de aí, durante as seguintes 8 horas -mailas dedicadas ao sono- crearán un tecido de historias que se representará ante os pais na mañá do día seguinte e que se converterá no punto álxido da "Noite branca". O obxectivo é que sexan os propios rapaces os que conten a través da súa experiencia o que sucederá no FIOT, desenvolvendo actividades nas que non só sexan espectadores, senón os protagonistas.

A Rúa dos Contos anima as noites do FIOT cunha vintena de espectáculos e as novidosas sesións dobres no Mercado

ESTREA DE ANTÓN COUCHEIRO O VENRES 2 NA CABAÑA

A Rúa dos Contos anima as noites do FIOT cunha vintena de espectáculos e as novidosas sesións dobres no Mercado

Xoves 1 de outubro do 2015

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) encherá a partir deste venres 2 de outubro os locais de hostalería de Carballo co inicio da XVII edición da Rúa dos Contos, que este ano ten programados 18 espectáculos aderezados con contos, monólogos, música, maxia, improvisación, clown e variedades e que se celebrarán nas dúas primeiras fins de semana de outubro, converténdose no aperitivo da programación de sala e do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado). O arranque desta nova edición correrá a cargo de Antón Coucheiro, quen elixiu o mesón A Cabaña (21.00 h) para facer o venres 2 de outubro a estrea en España da súa obra "Múltiple". Este espectáculo cómico e participativo irá esfiando historias improvisadas sobre os alter ego do protagonista e estará acompañado pola música en directo de Túlio Rosendo. Tras a representación de Coucheiro, os espectadores poderán seguir en bares e pubs unha ampla programación que inclúe seis estreas de obras, tres delas absolutas e outras tres en Galicia, que se suman aos grandes referentes que fan da Rúa dos Contos un emblema da narración oral na nosa comunidade. A primeira fin de semana da Rúa dos Contos revolucionará a noite carballesa cunha programación para todos os gustos. Así, o venres 2 de outubro na cafetería Colón (22.30 h) a narradora Paula Carballeira dará vida a varias historias que teñen como eixo vertebrador a memoria. Xusto á medianoite, a cervexaría A Boa Estrela vibrará co "Humor Salvaxe" do contador ferrolán Pepo Suevos, avalado por máis de mil actuacións que non deixan indiferente a ninguén.

O Concello e a Asociación Mar de Fábula convidan á veciñanza a realizar unha limpeza de lixos e plásticos na praia de Baldaio

DOMINGO 4 DE OUTUBRO A PARTIR DAS 10.00 HORAS

O Concello e a Asociación Mar de Fábula convidan á veciñanza a realizar unha limpeza de lixos e plásticos na praia de Baldaio

Xoves 1 de outubro do 2015

O Concello de Carballo e a Asociación Mar de Fábula convidan a todos os veciños e veciñas a colaborar o domingo 4 de outubro pola mañá na recollida e retirada do lixo e dos plásticos espallados todo ao longo da liña de marea do fermoso miradoiro ao Atlántico que é a praia de Baldaio. Os interesados e interesadas en asistir poden poñerse en contacto coa entidade no teléfono 608 609 042 e estar dispostos a realizar un percorrido de entre dúas e tres horas pola beira do mar axudando a retirar os refugallos mentres gozan coa vista da praia. Mar de Fábula é unha organización sen ánimo de lucro que ten efectuado limpezas nos concellos de Camariñas, Muxía e Arteixo, tendo como principal eido de traballo a Costa da Morte. O día 4 realizan a primeira limpeza nos areais carballeses e avanzan que, aínda que non atoparon moitos residuos na inspección previa realizada en días pasados, esperan que, despois das mareas vivas provocadas polo eclipse luar dos últimos días o mar deixase bastantes refugallos na liña costeira que deben ser retirados. En expedicións pasadas atoparon unha estacha no mes de xuño procedente dalgún barco ou remolque. Ou cinco bidóns de plástico no mes de marzo (na imaxe), recollidos entre os areais de Baldaio e Razo. Estaban baleiros pero no seu día contiñan material tóxico e inflamable e a entidade deduce que este material contaminante procede da borda dalgún barco do corredor marítimo de Fisterra. A cita do domingo é a partir das 10.00 horas con saída na Pedra do Sal e o Concello convida a toda a veciñanza a animarse a participar.

Empresarios e representantes do sector coñeceron de primeira man as instalacións da Aula de Hostalería do Fórum

O ALUMNADO DOS CURSOS PRACTICOU CUNHA DEGUSTACIÓN

Empresarios e representantes do sector coñeceron de primeira man as instalacións da Aula de Hostalería do Fórum

Mércores 30 de setembro do 2015

O Fórum Carballo vén de vivir unha Xornada de Portas Abertas na que empresarios de hostalería e da distribución de alimentación e bebidas, así como da nutrición tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións do Fórum Carballo, en concreto a Aula de Hostalería que na actualidade acolle o curso de Servizos de restaurante de 598 horas de duración e do que se benefician 15 alumnos e alumnas. Precisamente a profesora desta acción formativa para desempregados (AFD), Maribel Calvo, foi a encargada de dirixir esta exhibición na que os asistentes puideron observar unha demostración de corta á vista de xamón ibérico, así como catar aperitivos de salmón, queixo e anchoas, tomate, etc. que foron elaborados polo alumnado como parte da súa formación práctica dentro do curso. As bebidas correron a cargo dos tres distribuidores que traballan en Carballo. Durante a acción formativa, o alumnado aprende a maneira de organizar e servir eventos de este tipo, mesmo para hoteis de catro estrelas, e poden tamén adquirir coñecementos, como no caso desta xornada, a través de formación complementaria como a cata de xamón. Maribel Calvo subliñou con satisfacción que de entre o alumnado do curso celebrado o ano pasado, seis persoas están traballando, e que a estes cursos poden optar desempregados e desempregadas de toda a Costa da Morte. O acto tamén serviu para poñer a disposición dos profesionais as instalacións, para que as aproveiten para celebrar actos formativos e de promoción, xa que as portas da Aula están abertas sempre que sexa para actos abertos ao público. Na cita tamén estiveron presentes membros da corporación, como o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; ou a representante de TEGA, Estefanía Canosa.

A Delegación do Goberno tramitará diante do Ministerio do Interior a solicitude para que regrese á vila a Policía Nacional

XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE A FINAIS DO MES DE OUTUBRO

A Delegación do Goberno tramitará diante do Ministerio do Interior a solicitude para que regrese á vila a Policía Nacional

Mércores 30 de setembro do 2015

O Delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o Subdelegado do Goberno, Jorge Atán, veñen de comprometerse -despois de manter unha xuntanza co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e coa 2ª Tenente de Alcalde, Milagros Lantes- a tramitar diante do Ministerio do Interior o acordo unánime do pleno da corporación no que se solicita o regreso da Policía Nacional a Carballo, así como a creación dunha Comisaría na vila. Todos os grupos subscribiron na sesión do luns 28 de setembro unha moción na que se subliña a necesidade de que o municipio conte con este servizo, que xa estivo en Carballo a finais dos anos 70 e primeiros dos 80 e que se ten convertido nunha reivindicación reiterada, tanto por parte da veciñanza como por parte dos distintos grupos políticos da corporación en épocas sucesivas. Aínda que Villanueva e Atán manifestaron que nestes momentos non é posible a creación da Comisaría, si que remitirán o acordo á Secretaría do Ministerio para volver a iniciar as conversas e as xestións para conseguir que o regreso da Policía Nacional sexa unha realidade. Ferrero apunta que Carballo cumpre con todos os requisitos precisos para contar co servizo, non só porque conta con máis de 20.000 habitantes, superando o Concello amplamente os 30.000; senón tamén porque a existencia dun cuartel da Garda Civil non é ningún impedimento para a implantación da Comisaría, sendo a presenza de ambos corpos de seguridade perfectamente compatible. En todo caso, a administración local, seguindo o acordo plenario, seguirá realizando os trámites oportunos para continuar reivindicando a dotación deste servizo.

Unanimidade do pleno para solicitar o regreso da Policía Nacional e para favorecer a implantación de Gallega de Mallas en Bértoa

APROBADA A LICITACIÓN DE DOCE POSTOS DO MERCADO

Unanimidade do pleno para solicitar o regreso da Policía Nacional e para favorecer a implantación de Gallega de Mallas en Bértoa

Martes 29 de setembro do 2015

Todos os grupos da corporación apoiaron o luns 28 na sesión plenaria ordinaria do mes de setembro o regreso da Policía Nacional a Carballo a través dunha moción presentada polo grupo socialista. Aprobaron por unanimidade un acordo que recolle que o Concello solicite a creación dunha Comisaría Local da Policía Nacional en Carballo diante da Subdelegación do Goberno para que este organismo eleve a proposta diante do Ministerio do Interior. Así mesmo, en caso de que a solicitude teña éxito, o Concello comprométese a facilitar unha situación e unhas dependencias para a creación da futura Comisaría. Precisamente o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, ten previsto manter o mércores 30 de setembro unha entrevista na Coruña co Delegado do Goberno, Santiago Villanueva, para abordar este e outros asuntos e seguir solicitando a dotación deste servizo demandando pola veciñanza dende hai anos. Outro dos asuntos que recibiu o apoio de todos os concelleiros foi a concesión da bonificación dun 95 por cento no ICIO (Imposto sobre construcións, instalacións e obras) á empresa Gallega de Mallas, que nos próximos meses ten previsto construír unha nave no Parque Empresarial de Bértoa carballés. Este tipo de rebaixa está recollida dentro das medidas adoptadas pola administración local para favorecer o emprego e o desenvolvemento económico, polo que se aplica a todas as empresas que teñan proxectos para implantarse en solo carballés e que cumpran os requisitos para a concesión da bonificación. No caso de Gallega de Mallas, sobre unha actuación de 3.181.448,49 euros corresponderíalle un ICIO de 79.536,21 euros. Coa bonificación do 95 por cento achegará 3.976,81 euros.

O Fórum celebra unha Xornada de portas abertas na Aula de Hostalería para profesionais do sector e público en xeral

MÉRCORES 30 DE SETEMBRO A PARTIR DAS 11.30 HORAS

O Fórum celebra unha Xornada de portas abertas na Aula de Hostalería para profesionais do sector e público en xeral

Luns 28 de setembro do 2015

A Aula de Hostalería do Fórum Carballo acolle o mércores 30 de setembro unha Xornada de portas abertas especialmente dirixida a empresarios do sector, da distribución de alimentación e bebidas e da nutrición, a asociacións de todo tipo e tamén a todos aqueles veciños e veciñas que se queiran achegar a ver as instalacións e a coñecer de primeira man o labor que se desenvolve no Fórum. Está previsto que a xornada comece ás 11.30 horas cunha breve presentación da escola, dos cursos que se levan a cabo nela e do propio Fórum Carballo. As persoas que se acheguen ata a Milagrosa poderán asistir a unha visita guiada, así como a unha corta á vista de xamón ibérico e degustación de viño. Precisamente o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que tamén estará presente na Xornada, vén de visitar o Fórum para comprobar a marcha das tres Accións Formativas para Desempregados (AFD) que se están desenvolvendo dende o 20 de xullo, nas que participan un total de 45 persoas e que rematarán a finais de novembro. O percorrido comezou no curso de soldadura oxigás e MIG/MAG, unha especialidade na que o centro carballés xa é unha referencia pola excelente dotación das instalacións e pola calidade da formación que reciben os/as asistentes ao longo das 618 horas que abrangue esta acción formativa. Ferrero interesouse especialmente polo funcionamento do avanzado simulador de soldadura adquirido o ano pasado e que axuda a mellorar a formación.

Adxudicadas na Xunta de Goberno obras de saneamento na parroquia de Bértoa por preto de 150.000 euros

LUZ VERDE PARA A LICENZA DE OBRA DE ROMAY CASTRO NO POLÍGONO

Adxudicadas na Xunta de Goberno obras de saneamento na parroquia de Bértoa por preto de 150.000 euros

Luns 28 de setembro do 2015

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar, fóra da orde do día, a adxudicación de dous proxectos para a realización de saneamentos na parroquia de Bértoa. Un deles refírese ao contrato administrativo de obras "Rede de saneamento no Añon", e outro ao contrato para a "Rede de saneamento en Portolago". No caso das dúas actuacións a empresa adxudicataria resultou ser Construcciones Ramón Vázquez y Reino por un importe de 92.565 euros no caso de Portolago, e de 54.692 euros no caso de O Añón (na imaxe), sumando o custo dos traballos un total de 147.257 euros. Así mesmo, e tamén fóra da orde do día, recibiu luz verde a licenza de obra para a construción de tres naves de Comercial Romay Castro no Parque Empresarial de Bértoa. Trátase dunha importante empresa metalúrxica con actividade en Lalín. A firma foi adquirindo pouco a pouco varias parcelas, en parte aproveitando a rebaixa ofertada por Xestur do 50% no prezo a finais do ano pasado, para facerse cun total de 8.542 metros no polígono, aínda que segundo o proxecto, o construído serán 5.629. A fronte medirá 72 metros, e serán en conxunto tres naves, con 49 prazas de aparcadoiro industrial e dez de servizo. Ao igual que está ocorrendo con outras empresas que se están implantando no Parque Empresarial carballés, Romay Castro poderá contar cun desconto dun 95 por cento no ICIO (Imposto sobre construcións, instalacións e obras). O obxectivo desta bonificación é o de favorecer o emprego e o desenvolvemento económico, polo que se aplica a todas as empresas que teñan proxectos para implantarse en solo industrial carballés.

O pleno inclúe a bonificación no ICIO para a implantación da empresa Gallega de Mallas no Parque Empresarial de Bértoa

ÁBRESE UN NOVO PROCESO PARA ADXUDICAR DOCE POSTOS DO MERCADO

O pleno inclúe a bonificación no ICIO para a implantación da empresa Gallega de Mallas no Parque Empresarial de Bértoa

Venres 25 de setembro do 2015

O pleno da corporación celebra o luns 28 de setembro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos puntos da orde do día é a concesión da bonificación dun 95 por cento do ICIO (Imposto sobre construcións, instalacións e obras) á empresa Gallega de Mallas, que nos próximos meses ten previsto construír unha nave no Parque Empresarial de Bértoa carballés. Este tipo de rebaixa está recollida dentro das medidas adoptadas pola administración local para favorecer o emprego e o desenvolvemento económico, polo que se aplica a todas as empresas que teñan proxectos para implantarse en solo carballés. No caso de Gallega de Mallas, sobre unha actuación de 3.181.448,49 euros corresponderíalle un ICIO de 79.536,21 euros. Porén, coa bonificación do 95 por cento achegará 3.976,81 euros. Este desconto aplicarase a todas as licenzas construtivas posteriores. Outro dos asuntos obxecto de debate será a aprobación do contrato administrativo especial para a concesión dun total de doce postos do Mercado Municipal de Carballo, así como de seis almacéns con cámara de frío para carnicerías e outros cinco sen cámara. Entre os criterios para a adxudicación, que se realizará a través dun concurso aberto, valorarase a proposta económica, con ata 90 puntos; así como o proxecto de explotación da actividade económica a desenvolver no posto de venda, con ata dez puntos. A apertura do procedemento realizarase a través dun anuncio publicado no BOP (Boletín Oficial da Provincia) e está establecido contar cun prazo de 30 días naturais para a presentación de ofertas.

A creación contemporánea de Vaivén Circo

A CITA É A PARTIR DAS 20.30H E A ENTRADA É DE BALDE

A creación contemporánea de Vaivén Circo "Hábitat" abre o XXIV FIOT na Praza do Concello de Carballo

Xoves 24 de setembro do 2015

Remata a conta atrás para o comezo dos espectáculos da XXIV edición do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro), xa que o o venres 25 e o sábado 26 de setembro arrinca a programación do festival cunha novidosa apertura e o primeiro espectáculo da XVII Rúa dos Contos. O venres 25 (20.30 horas) a cita é na Praza do Concello de Carballo, onde terá lugar a apertura do Outono de Teatro coa compañía andaluza Vaivén Circo que trae á capital de Bergantiños o seu espectáculo de creación contemporánea "Deshábitat". Debido a causas alleas á organización, o inicio previsto para as 21.00h adiántase media hora. En caso de previsión de mal tempo, o evento trasladarase ao 2º andar do Mercado Municipal. En calquera caso, a entrada é gratuíta. Esta historia que abre o FIOT na rúa conta, desde o movemento e coa linguaxe escénica propia e recoñecible de Vaivén Circo, a necesidade do individuo de atopar o propio espazo vital. O público que se achegue á Praza do Concello á tardiña poderá gozar con xesto, coreografías circenses, acrobacias, danza, unha escenografía viva e moito circo. A liña argumental é sinxela e complicada ao mesmo tempo, como a propia existencia humana; é unha "versión orixinal" das moitas que compoñen este 24 FIOT. Catro persoas buscan un lugar onde sentirse na casa. Un lugar que non esperan, no que deixou de haber vida, que non sabe deles, pero onde queren estar. É un sitio que os fai sentir ben e os acolle, e xunto a uns compañeiros descoñecidos cooperan para conseguila.

Compartir: