Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo e Senda Nova colaboran un ano máis coa Limpeza Simultánea de Ríos o domingo 27 de setembro

A SAÍDA SERÁ ÁS 10.30 HORAS DENDE O PARQUE REGO DA BALSA

Carballo e Senda Nova colaboran un ano máis coa Limpeza Simultánea de Ríos o domingo 27 de setembro

Mércores 23 de setembro do 2015

O Concello de Carballo e a Asociación Ambiental Senda Nova colaboran un ano máis coa Limpeza Simultánea de Ríos que organiza o Proxecto Ríos, un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas e fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. A VIII Limpeza Simultánea "Móllate polos ríos" celebrarase este ano en 42 concellos de toda Galiza, e participarán un total de 52 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións da asociación ecoloxista Adega, centros de ensino, etc.). A limpeza será o domingo 27 de setembro e mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 42 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. No caso de Carballo, o Concello e a Asociación Ambiental Senda Nova son os encargados de organizar a actividade. A cita será no Parque de Rego da Balsa (na contorna da glorieta do CCB-Gadis) ás 10.30 horas e despois os voluntarios e voluntarias irán remontando a canle do río cara ao instituto para efectuar a limpeza. Os interesados e interesadas en participar, tan só teñen que achegarse pouco antes das 10.30 horas e unirse á iniciativa, aínda que poden obter máis información no teléfono 639 549 361 (Manuel).

Costas emprenderá a recuperación do sistema dunar de Baldaio que está danado como consecuencia dos temporais

INCLUIRÁ NO PROXECTO MEDIDAS PARA FAVORECER O MARISQUEO

Costas emprenderá a recuperación do sistema dunar de Baldaio que está danado como consecuencia dos temporais

Mércores 23 de setembro do 2015

O Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, vén de visitar a lagoa de Baldaio e avanza que o seu departamento elaborará un proxecto para emprender a recuperación do sistema dunar situado na entrada da marisma que resultou danado como consecuencia dos temporais. Acompañado do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, tamén mantivo un encontro coas mariscadoras da Agrupación Fonte Santa Elena, que demandaron medidas que faciliten o seu labor, xa que a acumulación de area na boca da ría dificulta o intercambio mareal que permite a cría dos bivalvos. Neste sentido, Eimil explica que, aínda que a "prioridade" é a recuperación do espazo natural, "se ademais a actuación pode beneficiar ás mariscadoras" intentarase compatibilizar os intereses de todas as partes, tamén coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente -a través da Dirección Xeral de Protección da Natureza- e da Consellería de Medio Rural e do Mar, coordinando a todas as administracións con competencia no espazo natural. Así, estudarase a posibilidade de retirar unhas pedras situadas na contorna da ponte grande que foran colocadas no seu momento para paliar as consecuencias do afundimento do "Prestige" e evitar a invasión de chapapote. Porén, cumprido o seu labor, agora as pedras dificultan o fluxo das mareas e favorecen a acumulación de area. Eimil sinala que podería ser posible incluir esta retirada no proxecto, xa que a limpeza do dominio público entra dentro das competencias do seu departamento.

O Concello e a Deputación chegan a acordo para facer posible o proxecto de mellora da travesía de Sísamo, a DP-1901

A ADMINISTRACIÓN LOCAL REITEROU A NECESIDADE DE ABORDAR AS OBRAS

O Concello e a Deputación chegan a acordo para facer posible o proxecto de mellora da travesía de Sísamo, a DP-1901

Martes 22 de setembro do 2015

O Concello e a Deputación da Coruña achegan posturas para facer posible a mellora da travesía de Sísamo da capital municipal, a DP-1901. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e o Deputado provincial de lnfraestruturas Viarias, Vías e Obras e Medio Ambiente, José Manuel Pequeño, veñen de manter unha xuntanza na Casa do Concello, cunha posterior visita á contorna da rúa, na que se abordou o proxecto de mellora, nomeadamente no treito da Avenida das Flores. Esta actuación leva paralizada dende o ano 2010, cando fora adxudicada e o contrato formalizado coa empresa que gañou o concurso. Non obstante, o proxecto non cumpría con todos os requisitos recollidos na normativa municipal e tiveron que realizarse varias modificacións que a empresa adxudicataria non aceptou. A consecuencia do desacordo, formalizouse a rescisión do contrato sen que os traballos tivesen sequera comezado. A administración local elaborou a posteriori un proxecto realizado pola Oficina Técnica Municipal no que sen mantén o mesmo orzamento orixinal por un importe de 418.420 euros e que se presentou en 2014 ante o anterior presidente da Deputación, Diego Calvo, sen conseguir que se emprendesen as obras. Esta primeira fase suporía a mellora do firme e a dotación de servizos no treito da Avenida das Flores que transcorre entre a Rúa Fábrica (á altura do mural do "mergullador") e a rúa Papoulas da capital municipal. Unha vez rematadas as obras, e segundo se fose avanzando no acondicionamento da vía, os treitos pasarían a ser de titularidade municipal. Nesta ocasión, parece que o acordo entre ambas administracións permitirá a realización das obras.

Carballo intégrase na rede de concellos acolledores de persoas refuxiadas pola guerra de Siria e prepara un dispositivo especial

O CONCELLO SOLICITA A COLABORACIÓN CIDADÁ PARA OS ACOLLEMENTOS

Carballo intégrase na rede de concellos acolledores de persoas refuxiadas pola guerra de Siria e prepara un dispositivo especial

Sábado 19 de setembro do 2015

O Concello de Carballo vén de formalizar a súa adhesión á rede de concellos acolledores de refuxiados e refuxiadas sirios. Dentro do acordo marco a tres bandas acadado polo Goberno do Estado, a Xunta de Galicia e a Fegamp, a Concellaría de Igualdade e Benestar de Carballo pon á súa disposición todo tipo de recursos encamiñados a facilitar a integración dos refuxiados e refuxiadas coma galegos de pleno dereito. Neste sentido están previstos programas de emerxencia social e educación familiar, un dispositivo especial no Centro de Información á Muller (CIM), un servizo de busca de emprego a través da Bolsa de Traballo municipal, clases de español e de galego, un servizo telemático de tradución e un programa de información, orientación e valoración que suporía o primeiro contacto cos/as posibles usuarios/as. Segundo informou a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, o programa de información, orientación e valoración conta con tres traballadoras sociais para realizar a acollida e as tarefas básicas para facilitar o seu proceso de adaptación, o que inclúe aspectos sanitarios e escolares, vivenda e relación e coordinación co resto de administracións ás que se considere pertinente derivalos. O mesmo equipo de profesionais encargarase da coordinación das oenegués do municipio que tamén participarán no proceso de acollida, coma a Cruz Vermella e Cáritas. Esta última pon a disposición do Concello todas as prazas de vivenda das que dispón, que se sumarán ás rexistradas no banco de aluguer social municipal.

O Fiotiño estende a maxia das artes escénicas a cinco días de actividades para case 60 nenos

O PROGRAMA INFANTIL TRIPLÍCASE NESTA XXIV EDICIÓN DO FIOT

O Fiotiño estende a maxia das artes escénicas a cinco días de actividades para case 60 nenos

Venres 18 de setembro do 2015

Seguindo o camiño iniciado hai dous anos coa novidosa aposta de achegar o teatro ao público máis miúdo no mesmo espazo que se se crea e goza todo o mes de outubro, a terceira edición da programación infantil do "Fiotiño" preséntase con novidades por triplicado. Ademais da habitual Noite Branca durante a que os nenos pasan a tarde no teatro e dormen no mesmo escenario do Pazo da Cultura, nesta 24 edición do Festival Internacional Outono de Teatro unha trintena máis de cativos aprendera a crear un guión para converterse en locutores de teatro radiofónico e a contar contos coma os grandes profesionais da Rúa dos Contos. Por terceiro ano consecutivo, o campamento de farándula (que leva por título Noite Branca) co que Fiotiño enche de maxia infantil o Pazo da Cultura, daralle a oportunidade a 25 rapaces de 6 a 12 anos de coñecer os segredos do teatro in situ e nun horario moi especial: durante a noite. Será desde as 19.00h do venres 2 ás 11.00h do sábado 3 de outubro. Na inscrición, cun custe de 20€, teñen preferencia os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte, coorganizadora do FIOT xunto con Concello de Carballo. O grupo protagonizará divertidos obradoiros que os achegarán emocionalmente ao teatro, conectándoos co mundo do FIOT e converténdoos en protagonistas do "momento de contar un conto" para os espectadores da platea. A cea, a noite nos sacos de durmir e o almorzo da mañá seguinte forman parte da escenografía e da aventura lúdica chea de sorpresas e moito teatro.

As exposicións volven ao Pazo da Cultura co

VISITAS ATÉ O 28 DE SETEMBRO DE 17.00 A 20.00 HORAS

As exposicións volven ao Pazo da Cultura co "X Certame de Artesanía Antonio Fraguas" da Deputación da Coruña

Mércores 16 de setembro do 2015

O Pazo da Cultura de Carballo acolle até o luns 28 de setembro a exposición "X Certame de Artesanía Antonio Fraguas", unha mostra organizada pola Deputación da Coruña que recolle unha escolma con 42 das obras presentadas a este certame. O galardón ten como fin dar a coñecer o traballo dos artesáns e artesás galegos e consta de dúas modalidades: artesanía tradicional e contemporánea. Ademais, tamén ten a vontade de ter en consideración a gran importancia que para o desenvolvemento da cultura dun pobo ten a atención a aquelas manifestacións artísticas que forman parte da súa propia esencia. Na exposición poden verse pezas de xoiería, cerámica, téxtil e madeira, entre elas, as gañadoras. Nesta edición, na categoría de Artesanía Tradicional, o premio foi para o artesán Xoán Manuel Tubio Fernández coa obra "Zafoña Carneifona", que recibiu 4.500 euros; e na categoría de artesanía contemporánea o recoñecemento foi para Francisco José Rodríguez Tarrón coa obra "Rocket Ride", con outros 4.500 euros de premio. O xurado desta edición do premio estivo composto por María Padín Fernández, Leopoldo Enríquez Sáenz de Santamaría, Mª del Pilar Castiñeira Pérez, Elena Fabeiro Castro, Susana González Amado, Gonzalo Porral Mato, Santiago Riande Torres e Miguel Rodríguez Bertojo. A mostra permanecerá no andar -1 do Pazo da Cultura ata o 28 de setembro, e pode visitarse de luns a domingo de 17.00 a 20.00 horas.

O FIOT muda Carballo nun gran teatro con catorce estreas e os nomes propios de Charo López e Blanca Portillo

SERÁN 34 ESPECTÁCULOS ENTRE O 25 DE SETEMBRO E O 31 DE OUTUBRO

O FIOT muda Carballo nun gran teatro con catorce estreas e os nomes propios de Charo López e Blanca Portillo

Mércores 16 de setembro do 2015

"O mundo enteiro é un teatro", di o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, "e Carballo será un teatro durante o mes de outubro". Con estas verbas pode resumirse o espírito da XXIV edición do FIOT, que transforma Carballo na capital das artes escénicas de Galicia. Desde o 25 de setembro ata o 31 de outubro serán 37 días de intensa actividade polos que discorrerán 34 espectáculos, catro estreas absolutas, unha delas dunha compañía de fóra de Galicia (Producciones Meridional, a segunda vez na historia que unha compañía de fóra escolle ao FIOT para a súa estrea, subliña Sueiro), dez estreas de espectáculos en Galicia, compañías de sete comunidades autónomas e dous países (Portugal e Arxentina), tanto consolidadas como emerxentes; e referentes como as actrices Blanca Portillo ou Charo López, premios nacionais de teatro, premios Max e María Casares. Haberá grandes directores e directoras, creacións colectivas, fiestras para novas tendencias, algunha novidade como a apertura do festival na rúa, proxectos que se amplían como a Rúa dos Contos coas Sesións Dobres no Mercado, ou o Fiotiño, as actividades formativas e de intermediación para espectadores/as activos/as e o rico programa expansivo do FIOT. Sempre coa mesma arela de ofrecer calidade. Segundo Sueiro, o FIOT está concibido como unha matrioska, unha boneca rusa da que van saíndo constantemente máis e máis bonecas, xa que "o festival xa é un conxunto de festivais". Espera que un ano máis, e grazas ao traballo do departamento de Cultura e do voluntariado, "este FIOT sexa o mellor da historia".

O 4º Autocross Carballo espera aos mellores pilotos galegos no Circuíto de Motor de Bértoa o sábado 19 de setembro

A PROBA É PUNTUABLE PARA O CAMPIONATO GALEGO E A COPA DE GALICIA

O 4º Autocross Carballo espera aos mellores pilotos galegos no Circuíto de Motor de Bértoa o sábado 19 de setembro

Martes 15 de setembro do 2015

Aínda que o prazo de inscrición non pecha até o mércores 16 de setembro ás 20.00 horas, xa está todo practicamente listo para a celebración o sábado 19 do 4º Autocross Carballo, a antepenúltima cita do Campionato Galego de Autocross. A proba tamén puntúa para a Copa de Galicia e está organizada pola Escudaría Máis Motor coa colaboración do Concello con Carballo Deporte, e a Federación Galega de Automobilismo. Estaba previsto que a cita fose a penúltima do Campionato Galego, pero finalmente o traslado do Autocross Xacobeo de Santiago, que non chegou a celebrarse en agosto polo mal tempo, fai que aínda resten outras dúas probas, ademais da carballesa, para decidir a clasificación final. De todos os xeitos, como todo está por decidir en todas as categorías, prevense carreiras divertidas e espectaculares no Circuíto de Motor de Bértoa. Ademais, espérase unha elevada presenza de público, nomeadamente despois de que se superaran as 1.300 persoas na proba celebrada en xuño, na que, segundo explica o presidente de Máis Motor, Juan Puga, bateron todos os récords de participación nas probas que Máis Motor ten celebrado até o de agora. Puga espera que a inscrición se peche con arredor de 80 pilotos, mantendo a media, e espera tamén que se cumpran as predicións meteorolóxicas e o tempo mellore para a fin de semana. A listaxe de inscritos publicarase o mércores 16 a partir das 23.00 horas, mentres que o sábado 19, día da proba, os adestramentos comezan ás 12.00, as mangas a partir das 15.30 horas coas semifinais, e as finais serán a partir das 17.30 horas.

O programa de Compostaxe caseira de Carballo Limpo reduce en 39 toneladas ao ano os residuos orgánicos do colector verde

UN TOTAL DE 85 VIVENDAS COLABORAN CO PROXECTO

O programa de Compostaxe caseira de Carballo Limpo reduce en 39 toneladas ao ano os residuos orgánicos do colector verde

Martes 15 de setembro do 2015

Un total de 55 vivendas de Carballo xa están a producir compost, e outras 30 están en fase de conseguilo nos vindeiros meses. Son os resultados do programa de Compostaxe caseira que o Concello puxo en marcha en 2014 a través de Carballo Limpo co obxectivo de reducir os residuos orgánicos do colector verde. Dende Carballo Limpo lévanse realizado máis de 1000 visitas (1060 ata o día de hoxe) ás 85 vivendas que están a colaborar co proxecto. Este seguimento, xunto coa gran disposición a colaborar dos propietarios e propietarias das vivendas, foi fundamental para conseguir este satisfactorio resultado. As incidencias foron practicamente nulas, estando a día de hoxe o cen por cen dos composteiros sen mosquitos nin olores. En canto ao reparto xeográfico, existen zonas ben definidas de concentración de composteiros, como son Carballo (18), Entrecruces (15), Sísamo (12); e o resto repártense entre todas as parroquias do municipio. O compost está sendo usado principalmente para as hortas, nos xardíns e incluso nas froiteiras. Este proxecto remata no mes de outubro deste ano, seguindo os propios usuarios e usuarias xestionando os composteiros por si mesmos a partir de entón, cunha formación adecuada e unha implicación e satisfacción no uso dos mesmos moi elevado. Para o Concello de Carballo foi un proxecto de éxito co que se conseguiu demostrar que hai modelos alternativos que funcionan. De feito, tense feito o cálculo do que supón en canto a redución do número de toneladas que non irán a parar ao colector verde e supera as 39 toneladas ao ano, só nestas 85 vivendas.

A familia Calvo recolleu a Medalla de Ouro para a empresa nun acto sinxelo, emotivo e que ateigou o Pazo da Cultura

CARBALLO RECOÑECEU O LABOR DA PRIMEIRA CONSERVEIRA DE ESPAÑA

A familia Calvo recolleu a Medalla de Ouro para a empresa nun acto sinxelo, emotivo e que ateigou o Pazo da Cultura

Luns 14 de setembro do 2015

Os fillos e fillas de Luis Calvo Sanz, o Presidente do Grupo Calvo, José Luís Calvo Pumpido, o Conselleiro Delegado do Grupo, Luciano Calvo Pumpido, e as Conselleiras do Grupo, María Dolores Calvo Pumpido, María Luisa Calvo Pumpido e María Herminia Calvo Pumpido, foron os encargados de recoller o venres 11 de setembro en representación de toda a familia a Medalla de Ouro que o Concello de Carballo vén de concederlle a esta empresa carballesa nacida en 1940 e que este ano cumpriu 75 anos de vida. Veciños e veciñas da vila ateigaron o auditorio do Pazo da Cultura -moitos deles tiveron que quedar de pé- así como representantes da vida social, política, deportiva e cultural de Carballo, e contribuíron, cos seus aplausos e co seu entusiasmo, a facer do evento un acto sinxelo e emotivo. Especialmente no momento da entrega do distintivo. Primeiro, porque José Luis Calvo Pumpido, que estaba previsto que recollese a Medalla de Ouro, quixo chamar ao seu irmán e ás súas irmás para que a recollesen todos xuntos. Despois, porque no seu discurso tivo que parar nalgún momento por culpa da emoción e arroupado polos aplausos. Quixo agradecer a distinción outorgada por unanimidade da corporación, xa que estimula ao Grupo Calvo a "seguir loitando, mellorando e medrando". Tivo verbas para os seus pais e o seu irmán Manuel Calvo Pumpido, xa falecidos, e tamén para a segunda, terceira e cuarta xeracións da familia Calvo que seguirán loitando pola empresa. Rematou cualificando o acto como algo "inesquecible" para todos eles.

Aberto até o 2 de outubro o prazo para anotarse na XV edición do Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís

MÁIS INFORMACIÓN NO PAZO DA CULTURA E NO 981 704 300

Aberto até o 2 de outubro o prazo para anotarse na XV edición do Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís

Luns 14 de setembro do 2015

Un ano máis, e coa finalidade de promover o teatro entre os rapaces e rapazas e favorecer a súa iniciación á interpretación dramática, a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) e coa colaboración do Grupo Voz, convocan o XV Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. As asociacións e centros escolares da comarca de Bergantiños, tanto de Primaria como de Secundaria, poden participar neste concurso cun pequeno texto teatral que deberán poñer en escena na emisora local de Radio Voz. Deberán presentarse con grupos de entre dous e oito rapaces e rapazas. Con motivo das necesidades técnicas de gravación, a organización só pode garantir a participación dos 30 primeiros grupos que se inscriban. A representación deberá ter unha duración de entre 4 e 6 minutos e os argumentos das obras serán de temática libre. Haberá dúas categorías separadas por idades. Por unha banda, grupos nos que a maioría dos seus integrantes teñan ata 10 anos; e por outra, grupos nos que todos ou a maioría dos seus membros teñan 11 anos ou máis. Os premios para cada categoría consistirán na entrega de libros e material didáctico por un total de 850 euros. A inscrición pode formalizarse até o venres 2 de outubro no Rexistro do Pazo da Cultura, no Rexistro Xeral do Concello ou por fax no 981 704 302. O xurado estará formado por membros da AC Telón e Aparte e do Grupo Voz, ou persoas relacionadas co teatro designadas por estas entidades. As bases poden descargarse máis abaixo nesta mesma nova.

Aprobada a contratación das obras de

LUZ VERDE PARA AS BASES DAS SUBVENCIÓNS PARA ESCOLAS DEPORTIVAS

Aprobada a contratación das obras de

Luns 14 de setembro do 2015

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente do contrato administrativo de obras de "Ensanchamento e rebacheo da estrada do Tarambollo a Calvelo de Arriba do Concello de Carballo", situada na parroquia de Sofán. Os traballos están incluídos no Plan DTC 93 adicional de 2014 da Deputación Provincial da Coruña e ten un prezo base de licitación de 31.948,19 euros (IVE incluído). Entre os criterios de adxudicación do contrato, que se realizará por procedemento negociado, hai que subliñar a oferta económica, valorada nun máximo de 40 puntos. No apartado de subvencións, hai que mencionar a aprobación das bases das axudas para o financiamento de proxectos de escolas deportivas de base nos centros de Educación Infantil e Primaria de Carballo. Adxudicaranse en réxime de concorrencia competitiva e poderán optar a elas as ANPAs, seccións deportivas das ANPAs e agrupacións deportivas escolares de centros educativos sostidas con fondos públicos. O obxectivo destas subvencións é o de realizar políticas de fomento e apoio para o desenvolvemento de actividades deportivas nos centros de ensino entre outubro de 2015 e maio de 2016, durante a duración do curso escolar. O importe total dedicado á concesión destas subvencións é de 30.000 euros. En próximos días daranse a coñecer os prazos para que as entidades interesadas presenten as solicitudes correspondentes.

Compartir: