Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo aposta polo deporte adaptado acollendo a final da Copa Galicia de baloncesto en cadeira de rodas

SÁBADO 12 DE SETEMBRO ÁS 18.00 HORAS NO PAVILLÓN VILA DE NOIA

Carballo aposta polo deporte adaptado acollendo a final da Copa Galicia de baloncesto en cadeira de rodas

Sábado 12 de setembro do 2015

Carballo aposta polo deporte adaptado xa que o sábado 12 de setembro o Pavillón Vila de Noia (Zona Escolar) acolle a partir das 18.00 horas a final da Copa Galicia de baloncesto en cadeira de rodas. Manuel Cantelar Varela, xogador carballés desta disciplina, explica que tiña a arela de xogar a final do torneo co seu equipo, o Basketmi Ferrol, -que disputará o título co Amfiv de Vigo- na súa vila e competindo por gañar, polo que uniu esforzos co CB Artai para conseguir que a final tivera lugar en Carballo. Cantelar asegura que os de Vigo son os favoritos, pero "queriamos que a xente vise que somos deportistas coma os de baloncesto convencional", pelexando por gañar títulos e mantendo o nivel da competición. Con esta cita continúa o labor que comezou hai un ano coa celebración dunha xornada de portas abertas para dar a coñecer este deporte e que tivo os seus froitos nunha sección para deporte adaptado para nenos e nenas con necesidades especiais que xestiona o CB Artai. Precisamente dende este club Joaquín Moreira manifestou a intención da entidade de seguir traballando, nomeadamente co baloncesto "a estrela deste deporte, con partidos espectaculares". Tanto o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, como o Alcalde, Evencio Ferrero, agradeceron que a cita veña a Carballo, así como o traballo de Cantelar e Moreira por traer á vila aos mellores equipos de Galicia. Convidaron a todos os veciños e veciñas a que se animen a asistir a esta cita, que tamén está organizada pola Federación galega de baloncesto en cadeira de rodas, para coñecer máis de preto un deporte que sorprenderá a moitos e gustará á maioría.

Estrella Galicia colabora cunha clase maxistral co curso de Servizos de Restaurante que se imparte no Fórum

VENRES 11 DE SETEMBRO ÁS 11.00 HORAS NO FÓRUM CARBALLO

Estrella Galicia colabora cunha clase maxistral co curso de Servizos de Restaurante que se imparte no Fórum

Venres 11 de setembro do 2015

O venres 11 de setembro ás 11.00 horas acudirá ao Fórum Carballo o ponente Xabier Cubillo de la Hoz, técnico do departamento de Calidade Exterior de Hijos de Rivera SAU, para impartir unha clase maxistral ao alumnado de Servizos de Restaurante, un curso que se imparte no Fórum Carballo dende o mes de xullo. Cubillo de la Hoz ten máis de doce anos de experiencia no día a día do proceso produtivo en alimentación, e máis concretamente no mundo da cervexa e dos lácteos, nomeadamente no campo da difusión da cultura da cervexa. A exposición desenvolverase de maneira práctica e baseada nos sentidos, a través do xogo coas materias primas (cereais, lúpulo) e a degustación de produtos semielaborados (mosto ou cervexa verde). Nesta masterclass o alumnado terá a oportunidade de coñecer en profundidade a cervexa como artículo de consumo en auxe na nosa hostelería. Algúns dos contidos desta sesión son: o mercado da cervexa en España; a cervexa: materias primas e proceso de fabricación; tipos de cervexa e segmentación; como se cata unha cervexa: parámetros organolépticos; cata de cervexas; tiraxe de cañas e servizo. O Curso de Servizos de Restaurante enmárcase dentro das Accións Formativas para Desempregados (AFD) que se imparten no Fórum Carballo e que inclúen o desenvolvemento de prácticas en empresas da zona, así como un elevado número de sesións teóricas e prácticas nas instalacións do Fórum.

O Concello abre até o 29 de setembro o prazo para solicitar as axudas de Estudos para alumnado de Infantil e do Conservatorio

O IMPORTE ASCENDE A 51.000 EUROS

O Concello abre até o 29 de setembro o prazo para solicitar as axudas de Estudos para alumnado de Infantil e do Conservatorio

Venres 11 de setembro do 2015

O Concello de Carballo a través da Concellaría de Educación que dirixe Mar Eirís informa de que está aberto do 12 ao 29 de setembro o prazo para presentar as solicitudes das Axudas de Estudos para alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e do Conservatorio Profesional de Música de Carballo para o Curso 2015-2016 que convoca a administración local. O crédito total destinado á concesión destas axudas é de 51.000 euros, concedéndose un total de 300 axudas de 150 euros cada unha para alumnado de Educación Infantil por un importe de 45.000 euros; e axudas por un importe de 6.000 euros para alumnado do Conservatorio. O importe individual da axuda ascenderá ao 50 por cento do custe da matrícula dunha única especialidade para o curso completo, non tendo en conta as materias soltas ou pendentes. As solicitudes para concorrer a esta Convocatoria deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, preferentemente no Rexistro do Pazo da Cultura (Rúa do Pan, s/n). O horario de atención ao público, nas oficinas da Concellaría de Cultura, para recoller o impreso e recibir a información que precisen sobre esta convocatoria será de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas. Estes impresos, así como as Bases da Convocatoria, estarán dispoñibles tamén nos centros educativos de Carballo nos próximos días. Os interesados e interesadas tamén poden descargar as bases, así como os impresos de solicitude, máis abaixo nesta mesma nova.

O Horto Infantil Ecolóxico abre o 16 de setembro o prazo para anotarse nos próximos obradoiros do curso 2015-2016

RECOLLERANSE INSCRICIÓNS ATA FINAIS DE MES

O Horto Infantil Ecolóxico abre o 16 de setembro o prazo para anotarse nos próximos obradoiros do curso 2015-2016

Venres 11 de setembro do 2015

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica, abre a partir do mércores 16 de setembro o prazo de inscrición para os obradoiros de inverno no Horto Infantil Ecolóxico Municipal situado na rúa Nardos. Estas actividades desenvolveranse do 1 de outubro ao 17 de xuño (aínda que nos meses de novembro, decembro e xaneiro non haberá actividade por falta de luz) e están dirixidas a nenas e nenos de Educación Primaria e de Segundo Ciclo de Educación Infantil. As inscricións poderán facerse en ; a través do Facebook ou de forma presencial no Fórum Carballo de luns a venres en horario de 17.00 a 19.00 horas. Todas as actividades son gratuítas, aínda que as prazas están limitadas e os cativos e cativas admitiranse por orde de anotacións. Os obradoiros estarán distribuídos en dúas quendas de 16.30 a 18.00 horas e de 18.00 a 19.30 horas (en función das inscricións).O Horto Infantil Ecolóxico de Carballo comezou a súa actividade en maio de 2014 co obxectivo de reflexionar, de forma lúdica, acerca da natureza, o consumo responsable, a alimentación sa ou a reciclaxe e que os cativos e cativas se familiaricen coa contorna natural, así como co mundo do agro e da horta. Entre as súas actividades cotiás está o cultivo de alimentos e flores, a elaboración de produtos fitosanitarios ou o traballo a través da cooperación e a solidariedade.

O Xiria Pop chega á maioría de idade mantendo a súa aposta pola calidade e con The Bevis Frond como cabeza de cartel

VENRES 18 E SÁBADO 19 DE SETEMBRO NA SALA DUBLÍN

O Xiria Pop chega á maioría de idade mantendo a súa aposta pola calidade e con The Bevis Frond como cabeza de cartel

Xoves 10 de setembro do 2015

Dezaoito anos leva o festival Xiria Pop traendo a Carballo o mellor do panorama da que se ten dando en chamar música independente. Na súa maioría de idade, Xabier Graña, organizador da cita, asegura que segue mantendo a aposta pola calidade musical, con grupos como os cabeza de cartel deste ano, The Bevis Frond, que actúan por primeira vez en Galicia e o fan no Xiria Pop. O Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, lembra que o festival é "un dos máis lonxevos", xunto co Felipop, e cre que estamos "ante unha das mellores edicións, non só polo cartel, senón tamén polos novos grupos" que tocarán na sala Dublín o venres 18 e o sábado 19 de setembro. Tanto el como o Alcalde, Evencio Ferrero, transmitíronlle á organización os seus parabéns por ter transformado ao Xiria Pop nun "festival de culto". Graña subliña que non hai case variacións respecto da estrutura do festival de anos anteriores, con dúas xornadas cheas de pop e rock, cun prezo de 15 euros para un día e 25 euros o bono para o sábado e o domingo. Respecto dos grupos, e comezando por The Bevis Frond, son unha banda que leva máis de 30 anos facendo discos de referencia mundial na psicodelia, explica Graña. O seu líder, Nick Saloman, é un músico de culto que xa accedeu a actuar no festival no mes de abril e que arrastra a moitos seguidores. Así, xa hai días que varias persoas se interesaron pola reserva de entradas ao coñecerse a presenza da banda londinense. É a aposta máis forte para o venres.

O Concello convida a toda a veciñanza ao acto de entrega da Medalla de Ouro a Conservas Calvo: o venres 11 de setembro

A PARTIR DAS 20.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

O Concello convida a toda a veciñanza ao acto de entrega da Medalla de Ouro a Conservas Calvo: o venres 11 de setembro

Mércores 9 de setembro do 2015

A corporación de Carballo convida a todos os veciños e veciñas a que asistan ao acto de entrega da Medalla de Ouro do Concello a Conservas Calvo que terá lugar o venres 11 de setembro ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. O acto estará presidido polo Alcalde, Evencio Ferrero, por parte do Concello; e polos fillos de Luis Calvo Sanz, fundador da empresa, José Luís Calvo Pumpido, María Dolores Calvo Pumpido, María Luisa Calvo Pumpido, Herminia Calvo Pumpido e Luciano Calvo Pumpido, que asisten en representación da empresa e da familia. A cita contará tamén coa actuación musical da cantante Uxía, así como coa emisión dun vídeo elaborado pola empresa para conmemorar os seus 75 anos de historia, que se cumpren este 2015. Calvo leva celebrando o seu aniversario dende primeiros de ano con especial atención á veciñanza a través do festival de verán Dando a Lata, e tamén cunha festa celebrada o 1 de agosto no Pazo de Vilardefrancos. É a primeira vez que o Concello concede unha Medalla de Ouro desde que aprobara en abril de 1968 o seu Regulamento de honores e distincións, que recolle a posibilidade de concesión de Medallas de ouro, prata e bronce. No caso de Calvo, acordouse a concesión por unanimidade "pola súa acreditada contribución á prosperidade económica da nosa vila e o seu permanente apoio á vida social, cultural e deportiva". O recoñecemento quedou así mesmo avalado polas numerosas adhesións de colectivos e entidades, preto de 50, que quixeron sumarse de forma explícita a este recoñecemento. O Concello reitera o seu convite para que quen o desexen participen o venres 11 no acto, aberto a toda persoa que queira asistir.

A Concellaría de Mobilidade reordena os accesos ao IES Monte Neme de cara ao comezo do curso para mellorar a circulación

A RÚA NACENTE PASA A SER DE DIRECCIÓN ÚNICA

A Concellaría de Mobilidade reordena os accesos ao IES Monte Neme de cara ao comezo do curso para mellorar a circulación

Mércores 9 de setembro do 2015

A Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana que dirixe Milagros Lantes informa de que vén de reordenarse o tráfico rodado nos accesos ao IES Monte Neme da capital municipal de cara ao comezo do curso escolar. Así, e seguindo as recomendacións da Policía Local, a rúa Nacente, que constitúe o principal acceso ao centro de ensino dende a estrada de Sísamo, será agora de dirección única. Ademais, pintáronse os sinais da parada de autobús, así como as prazas de discapaditados para mellorar tanto a seguridade como a fluidez da circulación ás horas de entrada e saída do alumnado do instituto. Hai que lembrar que non é a única modificación na circulación do tráfico rodado na contorna dos centros de ensino da vila realizada nos últimos días. Así, hai que lembrar que, coa vontade de mellorar a seguridade viaria dos peóns, nomeadamente dos nenos e nenas que de cotío acoden aos centros de ensino e instalacións deportivas do barrio, vén de cambiarse o sentido da circulación en varias das rúas do Chorís. Así, a rúa Vila de Ordes ten un único sentido de circulación dende a Avenida de Bergantiños en dirección Vila de Noia; e esta última cambiou de sentido, podendo circularse só dende a Vila de Ordes en dirección Vila de Corcubión; a rúa Vila de Cee, que tiña dobre sentido, é agora de sentido único, de tal xeito que se baixa por ela cara a Vila de Negreira. Por último, a rúa Vila de Corcubión conta con sentido único da circulación na subida dende a Vila de Negreira ata o cruce coa Vila de Noia. Estes días as modificacións están sinalizadas con valados para que os/as condutores se habitúen aos cambios antes do comezo do curso.

ATÉ O 18 DE SETEMBRO EN 25 ESTABLECEMENTOS

"Ponte en cor" muda os establecementos comerciais e hostaleiros do barrio da Milagrosa nunha galería de arte

Mércores 9 de setembro do 2015

A Asociación de comerciantes, hostaleiros e profesionais da Milagrosa e o colectivo Crea Formas Artísticas veñen de unir esforzos, coa colaboración do Concello de Carballo, para mudar o barrio da Milagrosa nunha auténtica galería de arte. Así, nun total de 25 establecementos comerciais e hostaleiros da contorna a clientela pode mercar os produtos habituais, como pan, froita, roupa ou obxectos de papelería; realizar as súas xestións, como arranxar os zapatos, ir á consulta do podólogo ou entrar na xestoría; ou tomar o seu café ou a súa caña e ao mesmo tempo gozar coa decoración e as creacións de once artistas de Crea Formas. Todas as obras expostas, que van dende cadros (a maioría) ata láminas ou mesmo panos, están á venda, e permanecerán nos locais alomenos até o venres 18 de setembro. Os creadores que participan son Adriana Díaz, Mon Lendoiro, Santi Picos, Cristina Castro, Alexandra Martínez, Lola Oviedo, Tomás Luna, Laura Tova, Rachelle Cavallo, Moda Chiña e Milagros Cotelo. E os establecementos nos que se pode gozar coas súas obras son Muebles Luis, Bar Bastián, Todo Lar, Calzados Arijón, Gestoría Casal, Panadería Milagrosa, Barbería, Bar LB, Vainica, Rodríguez Zapateros, Bar Opaseo, Modas Eva, Frutas Bri, HidroHeccar, Comercial Queijo, Cofecciones Arijón, BR Podoloxía, Ultramarinos Francisco, Amar, Fontanería Arán, Barreiro Zapateiro, Bar Gerardo, Masaxe Luisa e Hosteleber. No Estanco Milagrosa hai unha mostra colectiva.

Carballo contará con catro dedicacións e media despois da dación de conta no pleno da renuncia de Xosé Regueira á súa retribución

FESTIVOS LOCAIS DE 2016: MARTES DE ENTROIDO E 25 DE XUÑO

Carballo contará con catro dedicacións e media despois da dación de conta no pleno da renuncia de Xosé Regueira á súa retribución

Martes 8 de setembro do 2015

A sesión plenaria ordinaria de agosto que tivo lugar o luns 7 de setembro supuxo a oficialización da renuncia do concelleiro Xosé Regueira á súa retribución municipal por dedicación exclusiva, xa que percibirá o seu salario como deputado provincial. Así se ratificou coa dación de conta durante o pleno, polo que Carballo contará neste mandato con catro dedicacións exclusivas e unha dedicación parcial das dez que permite a lei. A sesión comezou cun minuto de silencio en lembranza das vítimas do Rally de Carral, así como da falecida en Vigo por violencia de xénero, e o seguinte asunto despois da renuncia, tamén de trámite, foi a sinalización de dous días de festa de carácter retribuído e non recuperable para o ano 2016. Dado que o 24 de xuño, día de San Xoán, está recollido no almanaque como festivo en Galicia, Carballo contará co Martes de Entroido e o 25 de xuño como festivos locais. O resto da sesión centrouse no debate de catro mocións, unha delas presentada por trámite de urxencia. Dúas delas saíron adiante co texto orixinal e a terceira con modificacións, mentres que a cuarta foi rexeitada. Entre as que recibiron o visto e prace dos corporativos hai que mencionar a presentada polo grupo municipal do PSOE na que se propón que se inste ao Goberno de España a retirar a Lei Orgánica 4/2015 de 30 de marzo, de Protección de Seguridade Cidadá (popularmente coñecida como Lei Mordaza). Apoiaron a proposta PSOE, TEGA e BNG, mentres que obtivo os cinco votos en contra do PP.

Celebrada a primeira Comisión de Urbanismo relativa ao PXOM despois da Orde da Xunta que determina as últimas modificacións

A SEGUINTE XUNTANZA CELEBRARASE ANTES DA APROBACIÓN NO PLENO

Celebrada a primeira Comisión de Urbanismo relativa ao PXOM despois da Orde da Xunta que determina as últimas modificacións

Martes 8 de setembro do 2015

A Casa do Concello vén de acoller esta mañá a primeira xuntanza da Comisión de Urbanismo e Medio Rural dende a emisión dunha Orde por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o pasado 2 de xullo sobre a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Asistiron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; representantes de todos os grupos da corporación, BNG, PP, TEGA e PSOE, xa que para os trámites que restan manterase o sistema de traballo do pasado mandato, no que se colaborou con todos os partidos con representación municipal; e membros do equipo redactor. Precisamente estes últimos, así como os técnicos municipais, informaron de todos os cambios esixidos na citada Orde e que o Concello debe acatar para levar a boa fin a aprobación do planeamento. Tamén se falou do resultado das dúas xuntanzas celebradas este verán con técnicos da Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta, nas que se chegou a acordo na maioría dos aspectos despois dun exame exhaustivo, punto por punto e parcela por parcela -especialmente no ámbito rural- de todos os aspectos recollidos no PXOM que foron obxecto de revisión na Orde. Nos próximos días tanto os técnicos como o equipo redactor seguirán traballando para incorporar todo o sinalado na citada Orde e o falado nas reunións. Cando o proceso estea rematado, será o momento de convocar unha nova Comisión de Urbanismo como paso previo á aprobación por parte do pleno da corporación do documento final.

A tarxeta para beneficiarse dos descontos do Plan de Transporte Metropolitano poderá solicitarse a partir do 8 de setembro

AS BONIFICACIÓNS APLICARANSE A PARTIR DO LUNS 14 DE SETEMBRO

A tarxeta para beneficiarse dos descontos do Plan de Transporte Metropolitano poderá solicitarse a partir do 8 de setembro

Luns 7 de setembro do 2015

A veciñanza poderá solicitar a partir do martes 8 de setembro nas oficinas de Abanca en Carballo a tarxeta para beneficiarse dos descontos do Plan de Transporte Metropolitano de A Coruña. As bonificacións comezarán a aplicarse a partir do luns 14 de setembro, cando o Concello pasará a formar parte de forma efectiva do Plan. Os dispositivos de pago poderán adquirirse sen necesidade de ter unha conta asociada, só presentado o DNI, e funcionan como tarxetas moedeiro que deberán recargarse nas oficinas ou nos caixeiros. Un veciño ou veciña de Carballo que se desprace ata A Coruña aforrará máis dun euro por traxecto, ao ter que pagar 3,13 euros, no canto de 4,53. A Xunta contribúe co 80 por cento da bonificación no traxecto principal e o Concello co 20 por cento restante. O Concello ten reservados dende primeiros de ano nos Orzamentos de 2015 un total de 25.000 euros para asumir a achega que lle corresponde para que os veciños e veciñas poidan beneficiarse dos descontos. A Xunta tamén asume a bonificación dos transbordos e os descontos adicionais aos usuarios habituais (15 por cento) e ás familias numerosas (20 ou 50 por cento segundo se teña tres fillos ou máis). A área de Transporte Metropolitano da Coruña está constituída por 14 concellos: A Coruña, Oleiros, Arteixo, Culleredo, Sada, Betanzos, Bergondo, Abegondo, Carral, Cambre, Laracha, Oza- Cesuras, Cerceda e Miño; aos que se suman agora Carballo, Ordes e Curtis.

A Biblioteca Municipal do Museo abrirá de forma ininterrompida de 9.30 a 20.00 horas a partir do 8 de setembro

CULTURA TRABALLA NA APERTURA DO PRIMEIRO ANDAR DA REGO DA BALSA

A Biblioteca Municipal do Museo abrirá de forma ininterrompida de 9.30 a 20.00 horas a partir do 8 de setembro

Sábado 5 de setembro do 2015

As Bibliotecas municipais de Carballo comezan o curso con novidades encamiñadas a ofrecer un servizo cada vez más amplo aos seus usuarios e usuarias. Segundo informa o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, a partir do 8 de setembro a Biblioteca situada no antigo cárcere, a carón do Museo de Bergantiños, funcionará de forma ininterrompida en horario de 9.30 a 20.00 horas de luns a venres, algo que sen dúbida agradecerán moitos dos mozos e mozas que utilizan as súas instalacións para o estudo. Cóbrese así un servizo que estaba sendo demandando polos veciños e veciñas. A partir do día 8, ademais, a Biblioteca do Museo pechará os sábados. Porén, ese día o servizo estará cuberto pola Biblioteca Rego da Balsa. Ademais, Cultura informa, así mesmo, de que este mes entrou en vigor o horario de inverno da Biblioteca Rego da Balsa, que volverá a estar aberta de luns a venres de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 20.30 horas, e os sábados de 10.00 a 13.00 horas. No caso da Ludoteca, que estivo aberta polas mañás durante o verán, tamén recuperará o seu horario habitual de 17.30 a 19.30 horas. Por último, hai que mencionar que a Concellaría de Cultura está a traballar na apertura do primeiro andar da Biblioteca Rego da Balsa, non só para actividades esporádicas, como se vén facendo até o de agora, senón tamén como zona de lectura e estudo, creando deste xeito un novo espazo que complementará a ampla oferta existente na planta inferior. Máis info das Bibliotecas de Carballo en Facebook, Twitter e no blog .

Compartir: