Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Tres mocións sobre a lei mordaza, o sector lácteo e a información da Xunta de Goberno centran o pleno ordinario de agosto

MARCADOS OS FESTIVOS LOCAIS PARA 2016

Tres mocións sobre a lei mordaza, o sector lácteo e a información da Xunta de Goberno centran o pleno ordinario de agosto

Venres 4 de setembro do 2015

O luns 7 de setembro celébrase a sesión plenaria ordinaria do mes de agosto, xa que está estipulado por acordo da corporación que teña lugar o primeiro luns de setembro. Desta volta, o pleno está marcado polo descanso estival, xa que a maioría dos puntos da orde do día son mocións presentadas por distintos grupos da corporación. Aínda así, a sesión inclúe a dación de conta da renuncia de Xosé Regueira Varela á súa retribución por dedicación exclusiva, xa que percibirá o salario como deputado provincial. E tamén a sinalización dos dous festivos locais para 2016. Dado que o 24 de xuño, día de San Xoán, está recollido no almanaque como festivo en Galicia, Carballo contará co Martes de Entroido e o 25 de xuño como días de festa de carácter retribuído e non recuperable en 2016. No que respecta ás mocións, a primeira foi presentada polo grupo municipal do PSOE e nela proponse que se inste ao Goberno de España a retirar a Lei Orgánica 4/2015 de 30 de marzo, de Protección de Seguridade Cidadá (popularmente coñecida como Lei Mordaza) porque, segundo o texto da proposta do PSOE "restrinxe indebidamente o exercicio dos dereitos e das liberdades da nosa cidadanía e representa un ataque frontal ao noso Estado de Dereito". O grupo socialista presenta para o debate plenario unha segunda moción, desta volta referida á Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea. Nela esixe medidas "urxentes" para "evitar o peche de miles de explotacións de leite".

Os sete nenos e nenas saharauís acollidos en Carballo regresan aos seus fogares despois de ser recibidos no Concello

ESTIVERON CONVIVINDO CON FAMILIAS DA VILA DENDE O 7 DE XULLO

Os sete nenos e nenas saharauís acollidos en Carballo regresan aos seus fogares despois de ser recibidos no Concello

Venres 4 de setembro do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, así como doutros membros da corporación, vén de recibir na Alcaldía a un grupo de sete nenas e nenos do Sáhara Occidental que veñen de pasar o verán con familias de acollida en Carballo dentro do programa "Vacacións en paz" e a través dun convenio coa ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SGPS). Dende o 7 de xullo están na vila, gozando especialmente da praia e das boas temperaturas, xa que nos seus lugares de orixe os meses de xullo e agosto as temperaturas poden acadar os 50º. O responsable de SGPS quixo agradecerlle tanto ao Concello como ás familias a súa colaboración desinteresada, que fixo posible a estadía dos cativos e cativas. Tanto Ferrero como Ures tamén quixeron amosar o seu agradecemento, nomeadamente ás persoas das casas de acollemento, e o Alcalde tamén quixo lembrar a situación de ocupación que vive o Sáhara Occidental, que fai que o programa "Vacacións en paz" sexa aínda máis importante. Desexou, así mesmo, que imaxes como as dos refuxiados e refuxiadas recollidas estes días nos medios de comunicación con motivo da situación de Siria deixen de repetirse e se tomen as medidas necesarias para conseguilo. Antes da foto de familia, os nenos e nenas recibiron un pequeno agasallo por parte do Concello, consistente en material escolar, coa arela, expresou o Alcalde, "de que cando esteades nos vosos fogares vos lembredes algo de nós".

O Concello reordena o tráfico na contorna do Chorís para mellorar a seguridade dos peóns e con motivo das obras de reurbanización

CAMBIOS DE SENTIDO OPERATIVOS DENDE O VENRES 4 DE SETEMBRO

O Concello reordena o tráfico na contorna do Chorís para mellorar a seguridade dos peóns e con motivo das obras de reurbanización

Xoves 3 de setembro do 2015

Varias rúas situadas na contorna do barrio do Chorís cambiarán o sentido da circulación a partir do venres 4 de setembro con motivo do proxecto de "Reurbanización na contorna do complexo Vila de Noia, CEIP Fogar e IES Alfredo Brañas", pero tamén coa vontade de mellorar a seguridade viaria dos peóns, nomeadamente dos nenos e nenas que de cotío acoden aos centros de ensino e instalacións deportivas situadas no barrio. Así, mentres que se mantén o dobre sentido na Avenida de Bergantiños, as rúas Vila de Ordes, Vila de Noia e Vila de Cee varían. A Vila de Ordes terá un único sentido de circulación dende a Avenida de Bergantiños en dirección Vila de Noia; e esta última cambiará de sentido, podéndose circular só dende a Vila de Ordes en dirección Vila de Corcubión; a rúa Vila de Cee, até o de agora de dobre sentido, será de sentido único, de tal xeito que se baixará por ela cara a Vila de Negreira. Por último, a rúa Vila de Corcubión terá sentido único de subida entre a Vila de Negreira e o cruce coa Vila de Noia, mentres que manterá o dobre sentido da circulación no resto do seu trazado. Ademais, a parada de autobuses para transporte escolar do alumnado do CEIP Fogar trasládase dende a Avenida de Bergantiños, onde estaba até o de agora, ata a Vila de Noia, co obxectivo de que os nenos e nenas accedan ao centro pola entrada situada nesta rúa, na que tamén haberá un novo portalón de acceso ao colexio. Deste xeito, afástase aos nenos e nenas do tráfico pesado de camións e de vehículos que circula de cotío pola Avenida de Bergantiños en dirección a Santiago e Ordes.

Os técnicos municipais avanzan que o PXOM está visto para sentenza despois da segunda reunión con técnicos da Xunta

O SEGUINTE PASO É LEVAR O DOCUMENTO AO PLENO DA CORPORACIÓN

Os técnicos municipais avanzan que o PXOM está visto para sentenza despois da segunda reunión con técnicos da Xunta

Mércores 2 de setembro do 2015

Arredor de cinco horas ininterrompidas durou a xuntanza que responsables da Oficina Técnica do Concello co Arquitecto municipal, Alfredo Garrote, á cabeza, veñen de manter na Secretaría Xeral de Urbanismo para realizar os cambios necesarios que permitan adaptar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ás directrices da Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitida o 2 de xullo sobre a aprobación definitiva do planeamento. O propio Garrote afirma que, despois desta segunda xuntanza cos técnicos da Xunta, o PXOM está "visto para sentenza" á espera da incorporación das especificacións da citada Orde e despois de dúas xuntanzas nas que se concretaron todas as modificacións esixidas pola Consellería. Esta segunda reunión, celebrada despois dunha que tivo lugar no mes de agosto, centrouse nun exame "exhaustivo", segundo explica Garrote, da situación dos núcleos rurais que foron revisados un por un e parcela por parcela, con especial atención á zona litoral. A maioría das modificacións afectaron a parcelas incluídas en zona de fluxo preferente ou afectadas pola Rede Natura e que foran incluídas no período de revisión de alegacións. Os técnicos do Concello subliñan que foi unha xuntanza "intensiva" e "exitosa dende o punto de vista técnico" en verbas de Garrote, que asegura que houbo un bo entendemento no que respecta aos aspectos técnicos revisados. Agora o seguinte paso é convocar unha Comisión informativa de urbanismo que terá lugar o martes 8 de setembro e na que se dará conta a todos os grupos da corporación dos pormenores da xuntanza celebrada hoxe.

Luz verde para as bases das axudas de estudos para alumnado de Infantil e do Convervatorio por un importe de 51.000 euros

ADXUDICADOS OS SERVIZOS DE TELEFONÍA FIXA E MÓBIL DO CONCELLO

Luz verde para as bases das axudas de estudos para alumnado de Infantil e do Convervatorio por un importe de 51.000 euros

Luns 31 de agosto do 2015

A Xunta de Goberno Local, nun asunto incluído fóra da orde do día, vén de aprobar as bases da convocatoria de axudas de estudos para o alumnado de 2º Ciclo de Educación Infantil e do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo para o curso 2015-2016. O obxectivo da convocatoria é o de axudar ás familias cunhas condicións socio económicas máis desfavorables a afrontar os gastos de escolarización dos seus fillos e fillas. Para ser beneficiario/a das axudas, o requisito indispensable é o de estar empadroado e ser fillo/a de nais e pais empadroados no termo municipal de Carballo, con veciñanza no municipio e convivir co beneficiario/a, ou emancipados/as con domicilio no municipio. Para a valoración das solicitudes teranse en conta criterios económicos de renda familiar. O crédito total destinado á concesión destas axudas é de 51.000 euros, concedéndose un total de 300 axudas de 150 euros cada unha para alumnado de Educación Infantil por un importe de 45.000 euros; e axudas por un importe de 6.000 euros para alumnado do Conservatorio que ascenderá ao 50 por cento do custe da matrícula dunha única especialidade para o curso completo. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello (preferentemente no Rexistro do Pazo da Cultura situado na rúa do Pan s/n) no prazo de quince días hábiles ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de anuncios do Concello. Tamén se ofrecerá cumprida información a través da páxina web municipal dos prazos de solicitude en próximos días.

O Verán Cultural remata con Guadi Galego, que presenta en Carballo o seu último traballo:

VENRES 28 DE AGOSTO ÁS 22.00 HORAS

O Verán Cultural remata con Guadi Galego, que presenta en Carballo o seu último traballo: "Lúas de outubro e agosto"

Xoves 27 de agosto do 2015

Guadi Galego regresa a Carballo, esta vez, para presentar o seu último proxecto en solitario: "Lúas de outubro e agosto". Un novo traballo discográfico que presenta un son e unha expresión artística máis madura e, ao tempo, máis atrevida, que recolle fermosas cancións cunha serie de nexos en común: a natureza das composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a delicadeza e o risco. Todo un exercicio de inspiración para encontrar vías non exploradas, como o pop, e propoñer unha música chea de sinceridade que sen dúbida sorprende a todo o público. Unha das voces máis celebradas e recoñecidas do panorama musical galego, Guadi Galego, leva toda unha vida enriba dos escenarios, levando o seu talento a diversos proxectos. Cantante, compositora e gaiteira, foi -ate 2008- a vocalista do xa desaparecido Berrogüetto. Tamén formou parte dos proxectos Nordestin@s con Abe Rábade e Ugía Pedreira. Con Guillerme Fernández lanzou o disco Espido e, xunto a Fernández, embarcouse noutra aventura musical, aCadaCanto, á que se sumaron Xabier Díaz e Xosé Lois Romero. Ten publicado un disco en solitario, "Benzón", no que explorou diversos camiños dentro do folk revisando melodías tradicionais. "Lúas de outubro e agosto" conta coa produción musical de Pachi Alis. A banda compóñena unha formación de luxo: Guillerme Fernández, Paco Charlín e Isaac Palacín. A cita, o venres 28 de agosto ás 22.00 horas na Praza do Concello, serve para pechar a programación do Verán Cultural 2015. En caso de choiva, a actuación trasladarase ao Pazo da Cultura, tamén de balde ata completar o aforo.

Berocasión volve ao Rego da Balsa o 29 e 30 de agosto con sete concesionarios e preto de 200 vehículos de ocasión

SÁBADO E DOMINGO EN HORARIO DE 10.00 A 22.00 HORAS

Berocasión volve ao Rego da Balsa o 29 e 30 de agosto con sete concesionarios e preto de 200 vehículos de ocasión

Xoves 27 de agosto do 2015

O parque de Rego da Balsa acolle un ano máis Berocasión, a Feira de Vehículos de Ocasión de Carballo que leva celebrándose na vila dende hai dez anos de forma ininterrompida. Ata sete concesionarios participan nesta nova edición que terá lugar o sábado 29 e o domingo 30 de agosto en horario de 10.00 a 22.00 horas cunha oferta de preto de douscentos vehículos nacionais e de importación semi novos, "quilómetro 0" e de ocasión con prezos que van dos 4.000 aos 30.000 euros e con diferentes formas de financiamento dispoñibles. Esta feira das oportunidades do automóbil, coa que colabora o Concello de Carballo, contará coa presenza de Dimolk, Talleres J. Lema, Motor Carballo, Rebalcar, Caeiro, Miguel Autos e O Largo. Este ano amplíase un pouco a superficie do recinto -incluíndo tamén a rúa Pontevedra, ademais das rúas Anxel Fole, Enrique Sánchez e Avilés de Taramancos- para facilitar que o maior número posible de automóbiles estean expostos no asfalto, máis alcanzables para o público. A predición meteorolóxica para a fin de semana é bastante boa, con nubes e claros e temperaturas en ascenso, polo que a organización espera que a afluencia sexa boa e que se realicen as vendas e tamén se concreten os contactos que son o principal obxectivo deste tipo de citas. Os interesados e interesadas poden seguir a marcha da feira a través do Facebook de Berocasión, aquí.

Asinado o contrato para as obras de

O CUSTE DOS TRABALLOS ROLDA OS 344.000 EUROS

Asinado o contrato para as obras de

Martes 25 de agosto do 2015

A Casa do Concello acolleu a semana pasada o acto de sinatura do contrato de obras para a "Reurbanización na contorna do complexo Vila de Noia, CEIP Fogar e IES Alfredo Brañas", un proxecto que rehabilitará a Zona escolar e deportiva do Chorís con novos servizos, beirarrúas e unha nova pista deportiva. Estiveron no acto a Alcaldesa en funcións, Belén Lendoiro, e un representante da empresa adxudicataria, OVIGA (Obras y Viales de Galicia) SL, que emprenderá as obras por un prezo de adxudicación que ascende a 344.420 euros sobre un orzamento de contrata de 466.605,34 euros. O prazo de execución dos traballos, que están incluídos no Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015 da Deputación da Coruña, é de nove meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. A actuación consistirá no reacondicionamento das beirarrúas e na actualización dos servizos, incluíndo o saneamento e abastecemento de auga, e os servizos de gas e da rede eléctrica. Regularanse os aparcadoiros, coa súa redistribución, xa que pasarán a estar en batería; e co seu acondicionamento. Crearanse novas áreas de estacionamento, co acondicionamento da que xa está en uso no solar municipal dos depósitos de auga; e con outra nova área de aparcadoiros na rúa Vila de Coristanco, preto do CEIP Fogar. Habilitarase unha glorieta para regular a circulación na confluencia das rúas Avenida de Bergantiños e Vila de Corcubión. Plantaranse 34 árbores e crearase unha pista perimetral de 1,5 metros de ancho arredor de toda a mazá para a práctica deportiva. Por último, crearase un novo portalón de acceso ao CEIP Fogar.

Boa participación nas actividades e descenso de vendas nunha Praza dos Libros condicionada pola choiva e o vento

COMPRÁRONSE NAS CASETAS 1.100 LIBROS, O 60 POR CEN EN GALEGO

Boa participación nas actividades e descenso de vendas nunha Praza dos Libros condicionada pola choiva e o vento

Luns 24 de agosto do 2015

A chuvia e o vento condicionaron a asistencia e as vendas da Praza dos Libros, feira da creatividade cultural que tivo lugar desde o xoves 20 ao domingo 23 de agosto en Carballo. Ao longo dos catro días de feira participaron nas arredor de 20 actividades programadas unhas 1.500 persoas, entre presentacións de libros, obradoiros, actividades de animación, contacontos, concertos, etc. Con respecto ao nivel de vendas, houbo uns ingresos por adquisición de libros duns 13.000 euros, cifra un 20 por cento inferior á da media dos anos anteriores. Foron para os fogares das persoas participantes uns 1.100 libros, o 60 por cento dos cales en galego. As obras máis vendidas foron o poemario A boca da terra, de Manuel Rivas, que fixo un recital o sábado; a novela O soño de Xoán, de Farruco Graña, que tamén foi presentada o sábado; o libro de relatos Xeixos, de Suso Lista, presentada o xoves; e Brinca vai!, libro-disco de Paco Nogueiras, que fixo un concerto para nenas e nenos o venres pola tarde. En boa parte dos actos a carpa que os acollía estaba completa ou incluso, nalgúns deles, quedou pequena, debido á alta asistencia de público, tanto nos distintos concertos infantís -como os de Brinca Vai!, A Gramola Gominola ou Chuches Amil; nas presentacións -como as de Manuel Rivas ou Catálago-; ou nos concertos coa sesión vermú dos carballeses Chicharrón ou a despedida con Poetarras o domingo 23.

A literatura enche de vida o Xardín Municipal coa celebración da #PrazadosLibros: do xoves 20 ao domingo 23 de agosto

HORARIO DE APERTURA: DE 11.00 A 14.00 E DE 17.30 A 21.30 HORAS

A literatura enche de vida o Xardín Municipal coa celebración da #PrazadosLibros: do xoves 20 ao domingo 23 de agosto

Xoves 20 de agosto do 2015

"Deámoslle aos libros o protagonismo que merecen. Por iso, miremos, toquemos, ulamos os libros. Os libros dannos vida. Confórtannos nos malos momentos, pero tamén nos fan rir e soñar". Con estas verbas definiu a pregoeira da Praza dos Libros, Milagros Cotelo, aos verdadeiros protagonistas desta nova edición da feira da creatividade cultural de Carballo. A artista e creadora multidisciplinar, "un exemplo de actitude, superación e amor pola creatividade, e tamén pola literatura" segundo o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, referiuse á literatura como "alimento para o espírito", pero tamén como parte dun tecido económico "moi importante", do que forman parte escritores, editores, libreiros, ilustradores, publicistas, almacenistas "e todos cantos forman parte desta perfecta engranaxe que vai dende a mente creativa do autor á compra e ao gozo do lector". E deste último, engadiu, "depende, en boa parte, que a engranaxe siga funcionando. Por iso -rematou- permitídeme que vos pida que merquedes libros". Ese é só un dos obxectivos da Praza dos Libros, que convive o xoves e o domingo de feira coas patacas, a froita, os ovos, e a verdura que tanto abonda nesta época do ano, co mellor alimento para o espírito: a literatura. Trátase dun "lugar de encontro e intercambio, para pasear e mercar, para ver, para falar", como a definiu a alcaldesa en funcións, Belén Lendoiro.

A Bolsa de Traballo mantén abertas tres ofertas de emprego: mecánico/a, xerocultor/a e auxiliar de axuda no fogar

INTERESADOS/AS CONTACTAR COA BDT NO 981 709 010

A Bolsa de Traballo mantén abertas tres ofertas de emprego: mecánico/a, xerocultor/a e auxiliar de axuda no fogar

Xoves 13 de agosto do 2015

A Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira informa de que a Bolsa de Traballo municipal (BDT) mantén abertas nestes momentos tres ofertas de emprego. En primeiro lugar, solicítase un Mecánico/a de motocicletas e bicicletas para Carballo que teña permiso de conducir A e que conte con experiencia laboral no sector. En segundo, hai unha demanda para un Xerocultor/a, tamén para Carballo, que teña un Certificado de profesionalidade en institucións sociais ou un Ciclo formativo de coidados auxiliares de enfermería, auxiliar de clínica ou atención sociosanitaria. Por último, demándase para a comarca de Bergantiños a un/unha Auxiliar de Axuda no Fogar que teña experiencia laboral no sector e que conte cun Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes no fogar. Nos seus case tres anos de vida (a BDT naceu en novembro de 2012) a Bolsa de Traballo Municipal conta xa con preto de 2.000 desempregados e desempregadas inscritos no servizo. Ademais, nos últimos tempos tense rexistrado un aumento progresivo de demanda de empregos nas pequenas e medianas empresas; por outro lado, tamén se ten incrementado o apoio e a confianza do sector empresarial na xestión da Bolsa de Traballo. As persoas interesadas en optar a estas tres ofertas de traballo ou a inscribirse na BDT, poden pedir máis información no Fórum Carballo, no 981 709 011 e a través do enderezo .

A edición máis xuvenil e musical da Praza dos Libros chega ao Xardín Municipal de Carballo do 20 ao 23 de agosto

FANZINADAS E A SESIÓN VERMÚ, ALGUNHAS NOVIDADES DESTA EDICIÓN

A edición máis xuvenil e musical da Praza dos Libros chega ao Xardín Municipal de Carballo do 20 ao 23 de agosto

Xoves 13 de agosto do 2015

O Concello de Carballo organiza un ano máis a Praza dos Libros, a feira da creatividade cultural que terá lugar na capital bergantiñá do xoves 20 ao domingo 23 de agosto, unha feira que procura achegarlle á cidadanía a creatividade galega a pé de rúa. Así, literatura, actividades lúdicas, música, presentacións, actuacións, autoras e autores da comarca e do país, pan, autoedición e moitas outras propostas encherán de vida e imaxinación o Xardín Municipal durante catro días. Suso Lista, Manuel Rivas, Rosalía Fernández Rial, Paco Souto, Xosé M.ª Lema, Verónica Martínez Delgado, Farruco Graña, Icía Varela ou Modesto Fraga son só algúns dos autores presentes na Praza. Ademais, este ano, máis aló da intensa programación de animación, incorpóranse dúas novidades salientables: a mostra de autoedición Fanzinadas; e unha sesión vermú, con música de Chicharrón e vermú galego. E, ademais, destacan tamén os concertos infantís, con Brinca Vai, A Gramola Gominola ou Chuches Amil, ademais doutros espectáculos. A inauguración desta nova edición da Praza dos Libros de Carballo terá lugar o xoves 20 ás 12.30 horas e a pregoeira será a artista carballesa Milagros Cotelo, un exemplo de capacidade que se pode apreciar nas súas obras, na súa actitude vital e na súa participación activa en múltiples actividades e propostas artísticas, formativas, culturais ou sociais dentro e fóra do colectivo Crea Formas. Todo un exemplo de superación e amor pola creatividade, e tamén pola literatura.

Compartir: